Coordenadas: 35°10′43″N 2°26′28″O / 35.17861, -2.44111

A Illa do Congreso é unha das tres illas que forman o pequeno arquipélago das illas Chafarinas, situado ao norte do continente africano e que constitúen unha das prazas de soberanía españolas.

Illa do Congreso
Vista da Illa do Congreso desde o Cabo de Auga
Situación
PaísEspaña España
ArquipélagoIllas Chafarinas
MarMediterráneo
Xeografía
Superficie0,256 km²
Punto máis alto137 m
Distancia a terra4 km (da costa de Marrocos)
Demografía
PoboaciónDeshabitada

Características editar

É a illa máis escarpada e con maior superficie do grupo insular e serviu historicamente de presidio.[1] Malia ser posesión española, o seu espazo marítimo está considerado augas interiores marroquís do mesmo xeito que o espazo das outras prazas de soberanía españolas e o das cidades autónomas de Ceuta e Melilla.[1]

Antigamente estivo unida á veciña illa do Rei mediante un peirao artificial, destruído polos temporais.[2] Actualmente está deshabitada e posúe coellos e unha importante colonia de pombas salvaxes que, alimentándose no continente, nidifican na illa.

O territorio ten moi difícil acceso. A súa costa occidental está formada por acantilados moi verticais, mentres que a oriental, aínda que escarpada, é máis accesible. A súa morfoloxía é rochosa, sendo case inexistente a terra vexetal. Dispón dunha cova no seu extremo meridional que permite a entrada en barca. A illa está formada fundamentalmente por dous tipos de rochas: andesitas piroxénicas con hyperssante na súa base e traquiandesitas nas súas zonas máis altas.[3]

Interese arqueolóxico editar

Ademais do ambiental, o seu maior interese é o arqueolóxico, pois alberga o asentamento ou poboado ao aire libre El Zafrín, de tipo neolítico cardial do V milenio a.C., que está sendo investigado desde o ano 2000 polo Instituto de Cultura Mediterránea.[4] Son destacables as coleccións de cerámica obtidas nas escavacións e que forman parte das coleccións do Museo da Cidade Autónoma de Melilla.

Notas editar

  1. 1,0 1,1 Atmane, Tarik (2007). España y Marruecos frente al derecho del mar. Netbiblio. p. 128. ISBN 978-84-97452588. 
  2. Altamira Ramos, Álvaro. Diario de un general. Visión Libros. pp. 25–28. ISBN 97884-99839868. 
  3. VVAA. Boletín del Instituto Geológico de España. Vol. 42. pp. 233–238. 
  4. Bravo Nieto, Antonio; Bellver Garrido, Juan Antonio (2003). Revista Akros n.º 2. Una estación neolítica al aire libre en las Islas Chafarinas, El Zafrín: Primera datación radiocarbónica. pp. 79–86. ISSN 1579-0959. 

Véxase tamén editar

Outros artigos editar