Jura
Vista da illa
Datos
Capital Craighouse
País Reino Unido
Localización Océano Atlántico
Arquipélago Hébridas
Linguas Inglés, gaélico escocés
Poboación (2001) 188 hab.
Superficie 366,92 km²
Densidade
Coordenadas 56°5′N 5°45′O / 56.083, -5.750
Maior Altura 785 m. Beinn an Òir
Localización
Mapa de Jura na rexión de Argyll

Jura (en gaélico escocés Diùra) é unha illa das Hébridas Interiores, en Escocia, contigua e ao nordés de Islay. A illa está recoñecida como National Scenic Area, que é un estatuto de conservación especial.

Cunha extensión de 366 km², e só arredor de 180 habitantes, ten unha densidade de poboación considerabelmente menor que a veciña Islay. O maior asentamento é a vila de Craighouse na costa leste. Craighouse é sede da única destilaría da illa, onde se fai o Whisky da illa de Jura. Na vila tamén está o único hotel, tenda e igrexa.

É estraño que unha vila do tamaño e a poboación de Jura, tan próxima ao territorio principal de Escocia, non conte cunha conexión directa por transbordador, aínda que en setembro de 2007 se iniciase un servizo de pasaxeiros a xeito de proba entre Craighouse e Tayvallich, no territorio principal. Porén, existe un pequeno transbordador para coches que opera a través do Estreito de Islay entre Port Askaig en Islay e Feolin Ferry en Jura. Desde Feolin Ferry unha estrada de carril único segue a liña costeira do sur e o leste da illa. Na punta sur da illa, a medio camiño entre Feolin e Craighouse, a estrada pasa por Jura House[1], cuxos xardíns, grazas ao seu aspecto sureño e resgardado, fan de fogar para exóticos espécimes de plantas procedentes de Australasia. Os xardíns están abertos ao público. Ao norte de Craighouse a estrada leva a Lagg, Tarbert, Ardlussa e alén. Un sendeiro privado vai desde a estrada até o extremo norte da illa.

A costa oeste de Jura non ten habitantes permanentes, mais acolle varias terrazas costeiras. Entre a punta norte de Jura e a illa de Scarba atópase o Golfo de Corryvreckan onde os remuíños fan que o paso sexa perigoso cando hai certos niveis na marea.

A illa ten unha grande poboación de cervos vermellos e é unha crenza xeneralizada que o nome de Jura provén de hjörtr, a palabra en Escandinavo antigo para "cervo". Os cervos evitan que a illa recupere a súa antiga paisaxe de fraga; de feito, antes dos cortes de árbores e a abundancia de cervos, críase que o nome da illa viña da "grande cantidade de tezos que crecían na illa";[2]

Paps de Jura editar

A illa está dominada por tres montañas de cuarcita cónicas no seu lado oeste (coñecidas como Paps of Jura) que se alzan 762 m. Os tres maiores picos son:

  • Beinn an Òir (gaélico: Montaña de Ouro), o pico máis alto, que acada os 785 m, polo que se trata dun Corbett.
  • Beinn Shiantaidh (gaélico: Montaña Sacra) a súa altura é de 755 m.
  • Beinn a' Chaolais (gaélico: Montaña do kyle) é o máis baixo das Paps, con 734 m.

As paps dominan toda a paisaxe da rexión e poden ser vistas desde Mull of Kintyre e, nun día claro, desde Skye e Irlanda do Norte. A ruta da carreira Isle of Jura Fell Race, celebrada cada ano, inclúe as tres Paps e outros catro outeiros.

Estes outeiros foron o tema da obra mestra de William McTaggart de 1902: The Paps of Jura[3] agora exposta no Kelvingrove Art Gallery and Museum.[4]

Literatura e cinema editar

Cara ao extremo norte de Jura, algunhas millas alén da fin da estrada asfaltada, atópase Barnhill, unha remota casa que foi o lar do novelista George Orwell, e onde rematou a súa novela Nineteen Eighty-Four. Á parte da conexión con Orwell, Jura é se cadra máis coñecida por un acontecemento que tivo lugar o 23 de agosto de 1994, cando Bill Drummond e Jimmy Cauty, coñecidos daquela como o grupo musical KLF, se filmaron a si mesmos queimando 1 millón de libras en billetes, nun varadoiro abandonado da illa.

Notas editar

  1. "Jura House". Arquivado dende o orixinal o 02 de outubro de 2007. Consultado o 02 de outubro de 2007. 
  2. Statistical account of Scotland - Account of 1791-99 vol.12 p.318
  3. Machrihanish Online Arquivado 21 de outubro de 2007 en Wayback Machine. Retrieved 4 April 2007.
  4. Kelvingrove Art Gallery Retrieved 4 April 2007.