Illa de California

O termo illa de California fai referencia a un erro cartográfico europeo do século XVI no que a península de California aparece separada do resto de América do Norte, representándoa como unha illa separada do resto do continente por un suposto estreito, que en realidade é o golfo de California.

A mítica illa de California, representada polo cartógrafo Joan Vinckeboons (ca. 1650).

Trátase, polo tanto, dun dos erros cartográficos máis importantes da historia, que foi amplamente difundido en mapas dos séculos XVII e XVIII, pese a que algunhas exploracións xa achegaran probas que contradicían a suposta illa de California (como a temperá expedición de Francisco de Ulloa en 1539-1540).

Inicialmente, a lenda foi difundida coa idea de que California era un paraíso terrestre, como o Xardín do Edén ou a Atlántida.

Este erro está moi ligado é crenza da existencia do estreito de Anián, un suposto estreito que conectaría o Pacífico co golfo de San Lourenzo.

Historia editar

 
A illa de California no mapa de Nicolas Sanson (1650)

A primeira mención coñecida dunha lendaria illa de California encóntrase en Las sergas de Esplandián, unha novela de cabalarías escrita por Garci Rodríguez de Montalvo a cabalo entre os séculos XV e XVI e publicada en Sevilla en 1510. Na dita obra, descríbese aquela illa da seguinte maneira:

Sabede que á destra man das Indias existe unha illa llamada California moi cerca dun costado do Paraíso Terrenal; e estaba poboada por mulleres negras, sen que existira alí un home, pois vivían á maneira das amazonas. Eran de belos e robustos corpos, fogoso valor e gran forza. A súa illa era a máis forte de todo o mundo, cos seus esgrevios farallóns e as súas pétreas costas. As súas armas eran todas de ouro, e do mesmo metal eran os arneses das bestas salvaxes que elas acostumaban domar para montalas, porque en toda a illa non había outro metal que o ouro.
Garci Rodríguez de Montalvo. Las sergas de Esplandián.

Probabelmente esta descrición influíu na identificación da península de California con aquela illa lendaria.

En 1533, Fortún Ximénez, un navegante amotinado nunha expedición exploradora enviada por Hernán Cortés, descubriu a parte sur da Baixa California, nos arredores da actual cidade de La Paz. Foi asasinado por nativos, pero os seus homes regresaron á Nova España e deron conta do seu achado. En 1535, Cortés chegou alí, á baía, e nomeou a zona como Santa Cruz; intentou iniciar unha colonia pero abandonou os seus esforzos despois de varios anos por problemas loxísticos. A pouca información de Cortés sobre a Baixa California Sur levou aparentemente a nomear a rexión a partir da lendaria California e a unha suposición inicial pero de curta duración de que se trataba dunha illa grande.[1][2]

En 1539 Cortés enviou o navegante Francisco de Ulloa cara ao norte polas costas do Pacífico, polo golfo de California. Ulloa chegou á desembocadura do río Colorado no norte do golfo, o que parecía probar que a rexión era unha península máis ca unha illa.[3] Unha expedición baixo o mando de Hernando de Alarcón ascendeu polo curso inferior do río Colorado e confirmou o achado de Ulloa. Os mapas publicados con posterioridade en Europa durante o século XVI, incluídos os de Gerardus Mercator e Abraham Ortelius, mostraron correctamente a Baixa California como unha península.

A pesar desta evidencia, con todo, a representación de California como unha illa reviviu a principios do século XVII. Un dos factores que contribuíu foi a segunda viaxe de Juan de Fuca en 1592. De Fuca afirmou ter explorado a costa occidental de América do Norte e que atopara unha grande abertura que posibelmente conectase co océano Atlántico, a lendaria "Pasaxe do Noroeste". A afirmación de De Fuca segue a ser polémica porque só se atopou un relato escrito sobre o que el achou, relacionado co dun inglés, Michael Locke. Porén, este afirma que Fuca atopou un estreito angosto, cunha grande illa na súa desembocadura, a uns 47° de latitude norte. O estreito de Juan de Fuca está, de feito, arredor dos 48° N, do mesmo xeito que a punta sur da grande illa chamada hoxe illa de Vancouver, mentres que o norte do golfo de California está moito máis ao sur, a uns 31° N. É posíbel que os exploradores e cartógrafos do século XVII puidesen confundir aos dous (se, de feito, soubesen da viaxe de Fuca), e en todo caso a exploración era inevitábel. De feito, o afamado explorador británico James Cook encontrou o estreito de Juan de Fuca en marzo de 1778, case 200 anos despois. Cook chamou cabo Flattery (na punta noroeste do actual estado de Washington), que se acha na desembocadura do estreito, e detívose en Nootka Sound, xusto á beira da costa oeste da illa de Vancouver a uns 49° N. Na súa relación afirma que "non vimos nada como o estreito de Juan de Fuca; tampouco hai a menor probabilidade de que esta cousa existise". Porén, Cook describe algúns tempos malos na súa viaxe, e continuou a cartografar a maior parte do litoral exterior do Pacífico de América do Norte, desde o norte da actual California até o estreito de Bering, en Alasca, na mesma viaxe.[4]

Notas editar

  1. Polk, Dora Beale (1995). The Island of California: A History of the Myth. Spain in the West. University of Nebraska Press. p. 105. ISBN 978-0-8032-8741-9. Cortés Believes Baja California to be an Island (Cortés cre que a Baixa California é unha illa) 
  2. Portillo, Álvaro del (1982) [1944]. Descubrimientos y exploraciones en las costas de California, 1532–1650 (2nd ed.). Madrid: Ediciones Rialp. p. 140. ISBN 978-84-3212-189-0. Arquivado dende o orixinal o 27 de xullo de 2014. Consultado o 07 de maio de 2020. Sin embargo, es indudable que Cortés, el envidiado, habló de una isla de riqueza fantástica".  (A edición de 1944 foi a tese de doutoramento do autor).
  3. Wood, Mark (11- 03-2014). "The Island of California". Pomona College Magazine. Pomona College. Consultado o 7 de maio de 2020. 
  4. Cook, James (1784). A Voyage to the Pacific Ocean: Undertaken by the Command of His Majesty, for Making Discoveries in the Northern Hemisphere, to Determine the Position and Extent of the West Side of North America, its Distance from Asia, and the Practicability of a Northern Passage to Europe, ... 2. London: W. and A. Strahan. p. 263. Consultado o 7 de maio de 2020. 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Laylander, Don (2004): "Geographies of Fact and Fantasy: Oñate on the Lower Colorado River, 1604–1605". Southern California Quarterly 86 :309–324.
  • León-Portilla, Miguel (1989): Cartográfica y crónicas de la antigua California. México, D.F.: Universidade Nacional Autónoma de México.
  • McLaughlin, Glen, with Nancy H. Mayo (1995): The Mapping of California as an Island: An Illustrated Checklist. Saratoga, CA: California Map Society.
  • Tooley, R. V. (1964): California as an Island: A Geographical Misconception Illustrated by 100 Examples from 1625 Garci Rodríguez de Montal–1770. Londres: Map Collectors' Circle.

Outros artigos editar