Ilitía, na mitoloxía grega, era a deusa dos partos (e, por conseguinte, das comadroas). Era filla de Zeus e Hera, e irmá de Ares, Hefesto e Hebe. Por veces aparece o nome en plural, Ilitías, que se entenden como unha multitude de xenios femininos. O equivalente romano é Lucina.

O parto de Alcmena. Ó fondo vese a Ilitía castigando a Galantis (gravado para unha Metamorfose de 1581)

Asistiu ó nacemento de Atenea da cabeza de Zeus. Sobre Zeus pesaba unha profecía semellante á que Xea anunciara a Cronos: que sería destronado polo fillo da súa filla. Por iso, cando soubo que a súa esposa Metis estaba embarazada, abreu a boca e comeuna. Pero cando chegou o momento do parto, comezou a sufrir fortes dores de cabeza, e Hefesto (ou Prometeo, segundo outras fontes) abriulle a cabeza cun machado, e así puido nacer Atenea, adulta, armada de lanza, coiraza e casco, e exclamando alaridos de guerra.

Asóciase con Artemisa e con Hera, ata o punto de que ás veces figura como epíteto desta [1].

Pausanias, citando a Olén, un poeta da antiga Grecia que compuxo himnos a Ilitía, Hera e Delos, pero que xa non se conservan, di que Ilitía era máis antiga que Cronos.

Ó servizo de Hera editar

 
Nacemento de Atenea da cabeza de Zeus, ante Ilitía (ánfora 550-525 aC, Louvre)

Ilitía é coñecida por poñerse ó mandado da súa nai, Hera, na persecución das amantes e fillos bastardos de Zeus. Foi o caso do nacemento de Apolo e o de Heracles.

Cando Leto, unha das amantes de Zeus, preñada de Apolo e Artemisa, ía parir, Hera quixo impedilo e pediu a Ilitía que non fose atendela; para algúns, retívoa na terra dos hiperbóreos. Ademais, persiguiu a Leto para que ningunha terra a acollese, aínda que Leto puido refuxiarse na illa flotante de Ortiguia, hoxe Delos, onde estivo de parto durante sete días. Ó final, os deuses, conmovidos, mandaron a Iris, mensaxeira dos deuses, a buscala e, en canto puxo o pé na illa, naceu Artemisa. Artemisa, acabada de nacer, axudou á nai e naceu Apolo [2]

Noutro momento, Zeus uniuse con Alcmena e esta quedou embarazada de Heracles [3]. Simultaneamente, Esténelo (tamén fillo de Perseo e tío de Heracles) e Nícipe esperaban o seu fillo. Durante estes embarazos, Zeus prometeu o trono de Micenas ó primoxénito da estirpe de Perseo, dando por suposto que sería o seu fillo, Heracles [4]. Pero Hera, a celosa esposa de Zeus, atrasou o momento do parto ordenando á súa filla Ilitía que o detivese e adiantara o de Esténelo, e Ilitía obedeceu, sentando no limiar da porta de Alcmena (do pazo ou da súa habitación) coas pernas pechadas e as mans entrelazadas diante dos xeonllos [5]; á vez que aceleraba o parto de Nícipe. A serva de Alcmena, Galantis (ou Galántide), frustrou o intento e díxolle a Ilitía que Alcmena xa parira, polo que a deusa soltou as mans e se levantou, e así puido por fin producirse o parto. Irritada polo engano, Ilitía converteu a Galantis en donicela e condenouna a parir pola boca, por ter unha boca mentireira.

Pero mentres tanto, Euristeo, o fillo que esperaba Esténelo, xa nacera, setemesiño, e puido facerse co trono de Micenas [6].

"A Íole acolleuna Hilo, por orde de Hércules, no seu leito e no seu corazón, e encheulle o seu ventre de nobre semente, cando Alcmena lle dixo así: Que os deuses che axuden e abrevien o transo cando, a piques de parir, invoques a Ilitía, protectora das asustadas parturientes; esta, por compracer a Xuno [Hera] tornouse severa contra min".
(Ovidio: Metamorfosis IX, 273-323)

Notas editar

  1. Julia García Moreno, en nota a Biblioteca Mitológica, px. 106.
  2. Terceiro himno homérico a Apolo.
  3. Alcmena era a esposa de Anfitrión, fillo de Perseo.
  4. Pseudo-Apolodoro: II, 4, 5.
  5. Ovidio: Metamorfoses IX, 296-300.
  6. Pseudo-Apolodoro, II, 4, 5.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • GRIMAL, Pierre: Diccionario de mitología griega y romana. Ed. Paidós, 1981, s. v. Ilitía.
  • OVIDIO: Metamorfosis. Tradución de Antonio Ramírez de Verger. Alianza Editorial 3ª ed. 2015, 2ª reimp. 2017 [a numeración segue a utilizada neste texto].
  • PSEUDO-APOLODORO: Biblioteca mitológica. Tradución e notas de Julia García Moreno. Alianza Editorial 3ª ed. 2016 [a numeración segue a utilizada neste texto].