Igrexa de Santa María do Azougue

Betanzos

A igrexa de Santa María do Azougue atópase situada na cidade de Betanzos, na provincia da Coruña. Está declarada Monumento Nacional, e Ben de Interese Cultural por Decreto de 1944[1].

Igrexa de Santa María do Azougue
Fachada principal.
Datos xerais
PaísEspaña
RexiónGalicia Galicia
TipoIgrexa parroquial
AdvocaciónSanta María
LocalizaciónBetanzos
Coordenadas43°16′55″N 8°12′40″O / 43.281965415948, -8.2111604982224Coordenadas: 43°16′55″N 8°12′40″O / 43.281965415948, -8.2111604982224
CatalogaciónBen de Interese Cultural (1944)
Culto
CultoIgrexa católica
DioceseSantiago de Compostela
Arquitectura
Construción1350-1450
Estilogótico
Igrexa de Santa María do Azougue en Galicia
Igrexa de Santa María do Azougue
Igrexa de Santa María do Azougue
Localización da igrexa no mapa de Galicia
editar datos en Wikidata ]

Historia editar

Foi construída entre a segunda metade do século XIV e a primeira do XV sobre outro templo máis antigo de época románica. A obra promovérana os condes de Andrade: Fernán Peres de Andrade o Boo e o seu sucesor Fernán Pérez de Andrade o Mozo.

Descrición editar

Igrexa de estilo gótico, presenta unha planta basilical de tres naves con catro tramos, sen abovedar e desembocando todas elas nunha tripla ábsida; a central máis ancha que as laterais. A capela maior debuxa unha traza poligonal, heptagonal, mentres que as capelas absidais teñen planta cadrada. Estas tres dependencias son as únicas que se cobren con bóveda de aresta.

O coro levántase aos pés do templo. Da ornamentación interior destaca o retablo da capela maior. No século XV instalouse nese lugar un retablo hispano-flamengo, que foi substituído na súa armazón por outro novo en 1748, no cal se colocaron as tallas góticas do orixinal, con representación da vida de Cristo en madeira dourada e policromada. No ano 1981 foron roubadas tódalas súas tallas, aínda que posteriormente se foron recuperando. Iluminan o interior do templo catro fiestras con parteluz, xunto a outras máis modernas a capela maior, e unha sinxela, coetánea á igrexa, a capela absidal do Evanxeo[2].

No ano 2022 lévanse a cabo na igrexa de Santa María labores de restauración patrocinados pola Xunta de Galicia. Durante a restauración e co traslado do retablo de San Pedro, queda ao descuberto un arcosolio decorado con volumes en pedra e policromías, e descóbrese que acolle un enterramento decorado cun panel de pintura mural na zona superior. O conxunto ata agora descoñecido na igrexa de Santa María, constitúe o único arcosolio funerario que conserva policromías e pinturas murais na vila de Betanzos.[3]

No seu exterior sobresaen as portadas. Na fachada principal encóntrase o tema da Epifanía, e sobre fornelos preséntanse as imaxes da Anunciación. A portada norte reproduce o tema do Xuízo Final, no que San Miguel pesa nunha balanza a alma dun xusto en actitude orante, mentres un morto recibe dun monstro un chorro de líquido fervente. A porta de entrada está cuberta por un arco de medio punto, decorado con arquiños a xeito de palmeiras invertidas e nas arquivoltas varias ordes de motivos vexetais e xeométricos. No tímpano dúas escenas da Adoración dos Reis e a Anunciación. Enriba loce un amplo rosetón.

Galería de imaxes editar

Notas editar

  1. "Relación de bens de interese cultural en Galicia". Xunta de Galicia. Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Consultado o 30/9/2018. 
  2. "Monumentos". www.betanzos.net. Arquivado dende o orixinal o 13-09-2016. Consultado o 30-8-2016. 
  3. López Brea, Carlota (2022). "Traballos de restauración na igrexa de Santa María do Azougue: O retablo de San Pedro e o arcosolio policromado". Anuario brigantino (45): 81–110. ISSN 1130-7625. 

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar