Igrexa de Santa María de Mixós

construción relixiosa en Mixós, Estevesiños, Monterrei

A igrexa de Santa María de Mixós é un templo relixioso prerrománico, situado no lugar de Mixós, na parroquia de Estevesiños (Monterrei). O 3 de xuño de 1931 foi declarada Monumento Histórico-Artístico e é Ben de Interese Cultural.

Igrexa de Santa María de Mixós
Vista xeral
PaísEspaña
LocalizaciónMixós (Estevesiños, Monterrei)
Coordenadas41°57′45″N 7°27′16″O / 41.96241, -7.454425Coordenadas: 41°57′45″N 7°27′16″O / 41.96241, -7.454425
Diocesediocese de Ourense
EstiloArte prerrománica
editar datos en Wikidata ]

Historia editar

A súa formación parece bastante temperá, pois todo indica que xurdiu á sombra dun primitivo cenobio fundado por San Martiño de Dumio no século VI. No templo actual, do século IX, empregáronse materiais anteriores[1]. O convento de Mixós logo pasou a depender do mosteiro beneditino de Celanova.

O lugar está atravesado polo camiño de Santiago, na rota da Vía da Prata que desde Verín toma por Laza. Este camiño está identificada coa vía romana que conectaba os itinerarios XVII e XVIII do itinerario de Antonino, no punto no que se cruza con outros que van cara a Vilela e Vilela de Abaixo.

Arquitectura editar

O templo é de planta rectangular, coa porta, de arco oxival, no muro sur. na súa orixe era de planta basilical con tres ábsidas e tres naves separadas por arcos de ferradura, conservándose o inicio do primeiro arco do lado sur da nave central. Suponse que o templo orixinal non estaba abovedado ao non se atoparen restos de contrafortes. O tellado é a dúas augas.

A cabeceira é de cantería, con tres ábsidas co exterior rectangular, sobresaíndo o central. Cada ábsida ten cadansúa ventá, estreita e alongada, acabadas en arco de ferradura. As ábsidas teñen planta en forma de semicírculo prolongado, cubertas por bóvedas de ladrillo. Os altares das ábsidas norte e central están soportados por aras romanas, cunha inscrición adicada a unha deusa precristiá na da ábsida central. A ábsida central ten unha imaxe de Xesús Cristo crucificado, con restos da policromía orixinal na bóveda.

Etnografía editar

Vítor Vaqueiro conta, recollendo información de Taboada Chivite e Xaquín Lorenzo, que en 1960 se descubriron varias bolsiñas cheas de terra tralo altar. Procedían dun vello ritual curativo que consistía no seguinte: as persoas enfermas de febres subían ó monte onde está a igrexa e collían un pouco de terra, esta terra poñíase nunha bolsiña que levaban ó pescozo e, alcanzada a curación, agochaban a bolsa no altar da igrexa

Galería de imaxes editar

Notas editar

  1. Caballero Zoreda, L.; Sánchez Santos, J.C.: Reutilizaciones de material romano en edificios de culto cristiano. Antigüedad y cristianismo: Monografías históricas sobre la Antigüedad tardía, nº 7, 1990, páxs. 431-486

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Outros artigos editar