Igrexa de San Francisco de Betanzos

construción relixiosa en Betanzos

A igrexa de San Francisco de Betanzos é un templo de estilo gótico construído na segunda metade do século XIV, grazas ó mecenado de Fernán Peres de Andrade, O Boo, que reedificou o mosteiro anteriormente existente, do século XIII. Foi declarada Monumento Nacional en 1919 e, posteriormente, Ben de Interese Cultural.

Igrexa de San Francisco de Betanzos
Fachada da igrexa.
Datos xerais
PaísEspaña
TipoIgrexa parroquial
LocalizaciónBetanzos
Coordenadas43°16′56″N 8°12′41″O / 43.28222222, -8.21138889Coordenadas: 43°16′56″N 8°12′41″O / 43.28222222, -8.21138889
Culto
CultoCatólico
DioceseSantiago de Compostela
Arquitectura
Construciónséculo XIV
EstiloGótica
editar datos en Wikidata ]

Descrición editar

A igrexa é de planta latina cunha soa nave e unha ábsida poligonal con bóveda nervada, franqueada por dúas capelas laterais rectangulares.

A portada principal representa a Adoración dos Reis, e no exterior da igrexa distribúense rosetóns e vidreiras góticas, así como canzorros figurados. No cumio do tellado dun dos brazos da igrexa, unha cruz sostida por un xabaril.

No seu interior, na capela maior, hai un relevo que representa a Deus en maxestade rodeado dos catro evanxelistas. Nos nervios da bóveda, anxos tocando distintos instrumentos, e entre eles un tocando a gaita. Tamén se poden observar diversos capiteis con animais fantásticos pero sobre todo destaca a ampla colección de sartegos de diferentes membros da familia dos Andrade, ata un total de 16, que constitúen o elemento histórico artístico máis interesante do templo.

Sepulcro de Fernán Pérez de Andrade editar

 
Vista esquerda
 
Sepulcro de Fernán Pérez de Andrade

O máis interesante é o do propio Fernán Pérez, considerado como precedente da escultura funeraria medieval. Orixinalmente estivo colocado na capela maior, xunto ó da súa dona Sancha, pero en 1782 foi trasladado ó pé da igrexa, baixo o coro.[1]

O sartego está levantado do chan sobre os animais representativos dos Andrade: un oso e un xabaril, a modo de basas. Á cabeceira e no pé, o escudo de armas dos Andrade, e, nos laterais, diversas escenas de caza do xabaril.

Sobre o sartego, a lauda representa a figura xacente do cabaleiro, vestido de armadura e en posición de repouso. O busto descansa sobre dous coxíns e os pés sobre dous cans de caza que agochan baixo eles outros dous cans; aínda hai outros tres cans, dous no costado dereito da figura e un no esquerdo. Catro anxos axeonllados velan o cadáver, un sostendo un incensario e os tres restantes lendo libros de salmos. A man dereita de Fernán repousa sobre o corazón e a esquerda sostén a empuñadura da espada, que mostra no seu pomo o risco de Salomón, símbolo máxico e protector.

Os catro lados do sartego están percorridos pola seguinte inscrición:

Aquí jaz Fernan Perez Dandrade cavaleiro que fezo este moesteiro anno do nascemento do Noso Sennor Ihesuxristo de mil e CCC et oyteenta et sete anos

Nótese que a data desta inscrición alude á do remate da reconstrución da igrexa, xa que o Señor de Andrade non morreu ata agosto de 1397.

Sobre o peito da figura consta unha segunda inscrición que identifica o cabaleiro: "Fernan Pz Dandrade".

Templo franciscano editar

Anexo á igrexa existía un mosteiro franciscano que chegou a contar con 47 monxes mendicantes. Trala desamortización de 1835, o mosteiro quedou abandonado e boa parte das súas instalacións, como a sala capitular ou o claustro, desapareceron en 1880.

Os monxes volveron ocupar o templo e o que quedaba do mosteiro en 1914, inaugurando a nova residencia en 1919, pero foi queimada en xullo de 1936.

Galería editar

  • Sepulcro de Fernán Pérez de Andrade

Notas editar

  1. O sartego de Sancha estaba na igrexa ata o século XVII pero agora se conserva, incompleto, no Museo das Mariñas de Betanzos.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Gran Enciclopedia Galega, tomo 3.

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar