Ificles

personaxe mitolóxico, irmán de Heracles

Ificles foi, na mitoloxía grega, o fillo de Anfitrión e Alcmena, medio irmán de Heracles. Era completamente humano, pero o seu irmán Heracles era fillo de Zeus e de Alcmena.

Heracles e Ificles, nun stamnos de c. 480–470 aC (Museo do Louvre))

Acompañou a Heracles nalgunha das súas aventuras. Segundo Pausanias, participou na expedición de Heracles contra o rei Auxías, onde resultou ferido. Tamén na guerra contra Troia e contra Lacedemonia que organizara Heracles como vinganza contra os fillos de Hipocoonte, que mataran ó fillo de Licimnio. Heracles resultou vitorioso pero Ificles morreu nesta segunda batalla [1]. A tumba estaba en Fenea (Arcadia), onde fora trasladado cando resultou ferido.

Ificles fora un dos participantes na caza do xabaril de Calidón. Eneo, rei de Calidón, cidade de Etolia, esqueceu nomear a Artemisa durante un sacrificio e a deusa, para vingarse, mandou sobre a cidade un enorme xabaril que devastou o país. Un dos fillos do rei, Meleagro, organizou unha partida de caza para acabar con el, na que participaron diferentes heroes, como Xasón, Teseo, Atalanta e o citado Ificles [2].

Ificles casou con Automedusa, filla de Alcátoo [3], coa quen tivo un fillo, Iolao. Posteriormente, e tras repudiar a Automedusa, casou coa filla máis nova de Creonte, concedida como recompensa polo seu papel na guerra contra Orcómeno, á vez que Heracles casaba coa filla máis vella, Mégara.

Iolao tamén acompañou a Heracles nalgunha ocasión: foi el que o axudou a acabar coa Hidra de Lerna e, mentres Heracles ía cortando as súas cabezas, el cauterizaba o muñón con tizóns acesos que fixera queimando un bosque próximo [4]

En certa ocasión, Hera, celosa das múltiples aventuras do seu marido Zeus, mandou un ramo de loucura contra Heracles, que lanzou ó lume ós seus propios fillos, que tivera con Mégara e mais dous fillos de Ificles [5], que salvou unicamente a Iolao e á propia Mégara. Este asasinato foi a orixe dos doce traballos de Heracles, aínda que Eurípides e outros sitúan este feito moito máis tarde, despois dos traballos.


Notas editar

  1. Pseudo-Apolodoro, II, 7, 3.
  2. Pseudo-Apolodoro, I, 8, 2.
  3. Pseudo-Apolodoro, II, 4, 11.
  4. Pseudo-Apolodoro, II, 5, 2. Precisamente por esta axuda que lle prestara Iolao, este foi un dos traballos que Euristeo non considerou válidos.
  5. Pseudo-Apolodoro, II, 4, 12.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • GRIMAL, Pierre: Diccionario de mitología griega y romana. Ed. Paidós, 1981.
  • PSEUDO-APOLODORO: Biblioteca mitológica. Tradución e notas de Julia García Moreno. Alianza Editorial 3ª ed. 2016 [a numeración segue a utilizada neste texto].