Ida Vitale

escritora uruguaia

Ida Vitale, nada en Montevideo o 2 de novembro de 1923, é unha poeta, tradutora, ensaísta, profesora e crítica literaria uruguaia. É membro do movemento artístico denominado "Xeración do 45" e representante da poesía "esencial", inscrita na tradición da vangarda histórica americana. A súa poesía indaga na alquimia da linguaxe e establece un encontro entre unha exacerbada percepción sensorial de raíz simbolista, sempre atenta ao mundo natural, e a cristalización conceptual no seu perfil máis preciso.[1] Recibiu diversos premios, entre eles o Premio Octavio Paz (2009), o Premio Alfonso Reyes (2014) o Premio Reina Sofía (2015), o Premio Internacional de Poesía Federico García Lorca (2016), o Premio Max Jacob (2017) e o Premio Cervantes (2018) que valora "a súa linguaxe, unha das máis recoñecidas en español".[2]

Ida Vitale
Nacemento2 de novembro de 1923
Lugar de nacementoMontevideo
NacionalidadeUruguai
Ocupaciónescritora, crítica literaria, mestra, poeta e tradutora
CónxuxeEnrique Fierro e Ángel Rama
FillosClaudio Rama Vitale
PremiosPremio Raíña Sofía de Poesía Iberoamericana, Alfonso Reyes International Prize, Premio Miguel de Cervantes, Premio Internacional de Poesía Federico García Lorca, Premio Max Jacob, 100 Mulleres da BBC, Medalla Delmira Agustini, Alas Award e Premio Bartolomé Hidalgo
editar datos en Wikidata ]

Traxectoria editar

Forma parte da cuarta xeración de emigrantes italianos no Uruguai, formada no seo dunha familia considerada culta e cosmopolita. Na súa infancia -lembra aos 95 anos- á súa casa chegaban todos os días catro diarios coas súas respectivas páxinas culturais, que era "normal" que incluísen poemas.

Estudou Humanidades no Uruguai e exerceu a docencia. Colaborou no semanario Marcha e entre 1962 e 1964 dirixiu a páxina literaria do diario uruguaio Época. Foi codirectora da revista Clinamen e integrou a dirección da revista Maldoror.

Empuxada pola ditadura cívico-militar do Uruguai (1973-1985), exiliouse a México en 1974. Coñeceu a Octavio Paz, quen a introduciu no comité asesor da revista Vuelta.[3] Ademais participou na fundación do periódico Uno Más Uno e impartiu un seminario no Colexio de México. Ampliou a súa obra cultivando o ensaio e a crítica literaria, a cal exerceu en El País, Marcha, Época, Jaque e, entre outras, nas revistas Clinamen, Asir, Maldoror e Crisis (Buenos Aires), Eco (Bogotá), Vuelta e Unomásuno (México) ou El pez y la serpiente (Nicaragua). Traduciu libros para o Fondo de Cultura Económica, impartiu conferencias e lecturas, participou en xurados e colaborou en numerosos diarios.

Regresou ao Uruguai en 1984, onde dirixiu a páxina cultural do semanario Jaque. "Deixamos México (con Fierro) cando acá volvía a democracia e criamos que era nosa obrigación volver", afirmou Vitale. Permaneceu só un par de anos no Uruguai e volveu emigrar, esta vez aos Estados Unidos.

En 1989 instalouse en Austin, Texas, xunto o seu segundo marido, o tamén poeta Enrique Fierro, con viaxes esporádicas a Montevideo. Foi nomeada doutora honoris causa pola Universidade da República en 2010. En Texas permaneceu 30 anos ata que en 2016 enviuvou. Regresou a Montevideo onde reside na actualidade.

Obra literaria editar

 
A Xeración do 45 en ocasión da visita de Juan Ramón Jiménez. De esquerda a dereita, de pé: María Zulema Silva Vila, Manuel Arturo Claps, Carlos Maggi, María Inés Silva Vila, Juan Ramón Jiménez, Idea Vilariño, Emir Rodríguez Monegal, Anxo Rama. Sentados: José Pedro Díaz, Amanda Berenguer, Zenobia Camprubí, Ida Vitale, Elda Lago, Manuel Flores Moura.

Vitale inscríbese na tradición da vangarda histórica latinoamericana. A súa poesía indaga na alquimia da linguaxe e establece un encontro entre unha exacerbada percepción sensorial de raíz simbolista, sempre atenta ao mundo natural, e a cristalización conceptual no seu perfil máis preciso. É representante da poesía esencial. A súa obra está caracterizada por poemas curtos, nunha procura do sentido das palabras e un carácter metaliterario. É considerada integrante da Xeración do 45, con outros escritores uruguaios como Juan Carlos Onetti, Carlos Maggi ou Idea Vilariño, segundo definición do crítico literario Emir Rodríguez Monegal.

Lectora preferente de obras históricas, o seu descubrimento de dúas poetas uruguaias de entre séculos, Delmira Agustini e, en especial, un espírito afín, María Eugenia Vaz Ferreira, así como de Gabriela Mistral inclinouna á poesía lírica. Porén, os seus dous grandes referentes foron José Bergamín, profesor seu en Montevideo, e Juan Ramón Jiménez, a quen coñeceu en persoa.

Traduciu principalmente do francés e do italiano. Entre os autores das súas versións están Simone de Beauvoir, Benjamin Péret, Gaston Bachelard, Jacques Lafaye, Jules Supervielle, Jean Lacouture, Mario Praz e Luigi Pirandello.

Vida persoal editar

En 1950 casou co crítico literario Ángel Rama. Tiveron dous fillos, Amparo (1951), arquitecta, e Claudio (1954), economista. O seu segundo marido foi o tamén poeta Enrique Fierro (1941-2016).

Premios editar

Obra editar

Poesía editar

  • La luz de esta memoria (Montevideo, 1949)
  • Palabra dada (Montevideo, 1953)
  • Cada uno en su noche (Montevideo, 1960)
  • Paso a paso (Montevideo, 1963)
  • Oidor andante (Montevideo, 1972)
  • Fieles, (México, 1976 e 1782, antoloxía)
  • Jardín de sílice (Caracas, 1980)
  • Elegías en otoño (México, 1982)
  • Entresaca (México, 1984)
  • Sueños de la constancia (México, FCE, 1988; reúne cinco libros anteriores e o novo que lle dá título).
  • Procura de lo imposible, 1988.
  • Serie del sinsonte, (Montevideo, 1992)
  • Con Enrique Fierro, Paz por dos (1994)
  • Jardines imaginarios (1996)
  • De varia empresa (Caracas, 1998)
  • Un invierno equivocado (México, 1999)
  • La luz de esta memoria (Montevideo: La Galatea, 1999)
  • Reducción del infinito, (Antología y nuevos poemas, Barcelona: Tusquets, 2002)
  • Trema (Valencia: Editorial Pre-Textos, 2005)
  • Con Sarah Pollack, Reason enough (Austin, 2007), antoloxía traducida ao inglés.
  • Mella y criba (Valencia: Editorial Pre-Textos, 2010).
  • Sobrevida (Antología, Granada: Esdrújula Ediciones, 2016).
  • Mínimas de aguanieve (Taller Ditoria, México, 2016)
  • Poesía reunida. Compilación e edición de Aurelio Major. Barcelona: Tusquets. 2017. ISBN 978-84-9066-417-9. 

Prosa, Crítica e Ensaio editar

Estudos sobre a súa obra editar

Notas editar

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar