Humphrey Bogart

actor estadounidense

Humphrey DeForest Bogart, nado en Nova York o 25 de decembro de 1899 e finado nos Ánxeles o 14 de xaneiro de 1957, é seguramente un dos actores cinematográficos máis coñecidos. De feito pasou xa a ser unha icona da cultura do século XX, elixido polo American Film Institute como a máis grande estrela masculina do cine americano de todos os tempos.[1] A súa fotografía de tres cuartos, con sombreiro ou sen el, con ou sen gabardina, forma parte das lembranzas da época dourada do cinema. A súa carreira está ateigada de grandes filmes e de ambiguos personaxes, case sempre perdedores, que contribuíron notablemente á imaxe que temos del.

Infotaula de personaHumphrey Bogart

(1945) Editar o valor em Wikidata
Biografía
Nacemento(en) Humphrey DeForest Bogart Editar o valor em Wikidata
25 de decembro de 1899 Editar o valor em Wikidata
Nova York (Estados Unidos de América) Editar o valor em Wikidata
Morte14 de xaneiro de 1957 Editar o valor em Wikidata (57 anos)
Os Ánxeles (Estados Unidos de América) Editar o valor em Wikidata
Causa da morteMorte natural Editar o valor em Wikidata (Cancro do esófago Editar o valor em Wikidata)
Lugar de sepulturaForest Lawn Memorial Park Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeEstados Unidos de América Editar o valor em Wikidata
EducaciónPhillips Academy Editar o valor em Wikidata
Altura173 cm Editar o valor em Wikidata
Actividade
Lugar de traballo Estados Unidos de América Editar o valor em Wikidata
Ocupaciónactor de xénero , actor , mariño , actor de cinema , guionista , actor de teatro , stage manager (en) Traducir Editar o valor em Wikidata
Período de actividade1921 Editar o valor em Wikidata - 1956 Editar o valor em Wikidata
EmpregadorWarner Bros. Editar o valor em Wikidata
Partido políticoPartido Demócrata Editar o valor em Wikidata
Membro de
Xénero artísticoWestern e Cinema negro Editar o valor em Wikidata
LinguaLingua inglesa Editar o valor em Wikidata
Carreira militar
Rama militarArmada dos Estados Unidos de América Editar o valor em Wikidata
Rango militarSeaman apprentice (en) Traducir Editar o valor em Wikidata
ConflitoPrimeira guerra mundial Editar o valor em Wikidata
Nacionalidade deportivaEstados Unidos de América Editar o valor em Wikidata
Familia
CónxuxeLauren Bacall (1945–1957), morte do cónxuxe
Mayo Methot (pt) Traducir (1938–1945), divorcio
Mary Philips (pt) Traducir (1928–1938), divorcio
Helen Menken (1926–1927), divorcio Editar o valor em Wikidata
FillosStephen Bogart (pt) Traducir
 () Lauren Bacall
Leslie Bogart (en) Traducir
 () Lauren Bacall Editar o valor em Wikidata
PaisBelmont DeForest Bogart (en) Traducir Editar o valor em Wikidata  e Maud Humphrey (en) Traducir Editar o valor em Wikidata
Premios
Sinatura
Editar o valor em Wikidata

Páxina webhumphreybogart.com Editar o valor em Wikidata
IMDB: nm0000007 Allocine: 717 Rottentomatoes: celebrity/humphrey_bogart Allmovie: p7027 TCM: 18290 TV.com: people/humphrey-bogart IBDB: 32377
Spotify: 5EKGXh9zCt0OeppRLMdfoM Musicbrainz: f7724be5-a730-4654-b24c-fd6e6e7c0d5f Discogs: 1146856 WikiTree: Bogart-6 Find a Grave: 108 Editar o valor em Wikidata

Traxectoria editar

Pobre neno rico editar

Humphrey DeForest Bogart era o menor de tres irmáns, e criouse en Nova York. Os seus pais eran Belmont DeForest Bogart, un prestixioso cirurxián, e Maud Humphrey, unha reputada (e cotizadísima, gañaba 50.000 dólares anuais) ilustradora publicitaria. De feito, o primeiro "papel" que Humphrey interpretou na súa vida foi posar para un anuncio de comida para bebés (para Mellins Baby Food, concretamente) que a súa nai estaba a elaborar. Humphrey Bogart criouse no Upper West Side, un barrio da alta burguesía neoiorquina. Porén, as disputas entre os seus pais eran frecuentes e Bogart sempre lle reprochou á súa nai ser unha muller distante. Os seus pais eran, ademais, alcohólicos e morfinómanos. A nai sufría de migrañas que agriaban o seu carácter. Bogart foi, en realidade, criado por unha coidadora irlandesa.

Humphrey Bogart ingresou nos máis prestixiosos colexios de Nova York e de Massachusetts. En 1918, porén, foi expulsado da Phillips Academy, supostamente por fumar. Pero, en verdade, Bogart era un mal estudante e pouco amigo da autoridade.

Os anos de Broadway editar

A Bogart non lle quedou máis remedio que enrolarse na Reserva Naval dos Estados Unidos. Pero o seu eran as táboas dun escenario. En 1921 comezou a súa carreira teatral en Brooklyn. Interpretou un mordomo xaponés. Non foi un gran papel pero permitiulle traballar en 21 producións de Broadway entre 1922 e 1935.

Durante esta etapa da súa vida, Bogart coñeceu a Helen Menken, a súa primeira esposa, coa que casou en 1926. En 1927 divorciáronse amigablemente. En 1928, Bogart recuncou e casou con Mary Philips. Ambas as dúas eran mulleres temperamentais e con certa tendencia ó alcoholismo, enfermidade que tamén afectaba ó propio Humphrey Bogart.

Tamén durante estes anos, el e Spencer Tracy, daquela tamén actor en Broadway, fixéronse grandes amigos. As malas linguas din que grazas ó común alcoholismo de ambos. Sexa como for, Bogart e Tracy foron grandes amigos durante anos e, disque, Tracy foi quen alcumou a Humphrey como "Bogie", alcume que logo se faría popular.

En 1934 o produtor Arthur Hopkins descubriu a Bogart para o gran público. Bogart actuaba nunha obra titulada Invitation to a Murder. Hopkins viuno esa noite e cando empezou a produción de The Petrified Forest, unha obra teatral de Robert Sherwood, contratouno. The Petrified Forest acadou as 197 representacións en Nova York. Bogart interpretaba ó asasino Duke Mantee. Seica, durante a súa primeira conversa con Arthur Hopkins, Bogart insistiu en querer un papel de gángster mentres que Hopkins o vía coma un san xogador de rugby.

Ademais, durante as representacións desta obra, Bogart trabou amizade con Leslie Howard, quen lle prometeu que premería para que Bogart fose Duke Mantee na versión cinematográfica que preparaba a Warner Brothers. Nun primeiro momento, porén, foi contratado Edward G. Robinson pese á insistencia de Leslie Howard. Cando Robinson deixou a produción, a teimosía de Howard deu os seus froitos e Humphrey Bogart acabou conseguindo o seu primeiro papel cinematográfico.

Baixo os focos de Hollywood editar

En 1936 rodouse a versión cinematográfica de The Petrified Forest protagonizada por Humphrey Bogart no seu debut. A partir de aquí, Bogart realizou para a Warner Brothers unha serie de películas de temática criminal nas que encarnou a un bo fato de tipos malos e violentos, case sempre condenados á cadeira eléctrica. Dise que durante esta época do Bogart gangsteril, foi executado 12 veces e sumou unha pena de 800 anos de traballos forzados.

O éxito empezaba a acompañalo na gran pantalla. Non obstante, o seu matrimonio con Mary Philips desfíxose cando a actriz non quixo seguir a Bogart dende Broadway ata Hollywood. Como fose, o 21 de agosto de 1938, Bogart volveu casar con Mayo Methot, unha alcohólica paranoide que en nada contribuíu á tranquilidade de Bogart.

Aínda que Bogart protagonizou ata 28 filmes de serie B entre 1936 e 1940, case todos interpretando a gangsters, Jack Warner non estaba demasiado interesado en convertelo nunha das súas estrelas. Simplemente era unha peza máis da engrenaxe industrial do cinema hollywoodense que debía rodar unha media dunha película cada dous meses. Bogart non estaba feliz cos papeis que recibía mais non podía rexeitalos baixo pena de ser suspendido de soldo. O feito de que non estaba conforme cos criterios do estudio demóstrao que reiteradamente utiliza nas películas a súa propia roupa en troques da que lle subministraba a xastraría da Warner Brothers.

Cara ó Paseo da Fama editar

High Sierra (O último refuxio, 1941) era unha pequena película escrita por John Huston, grande amigo de Bogart e tamén alcohólico, que ía ser dirixida por Raoul Walsh. Bogart interpretaba como sempre a un gangster: Roy Earle, Can Tolo. Pero tratábase dun perdedor, dese personaxe atribulado que interpretaría en películas posteriores, a medio camiño do mal e do ben. Roy Earle acaba de saír do cárcere e xa planea o seu próximo golpe. Pero ó mesmo tempo namórase dunha rapaza á que quere axudar só para comprobar, unha vez que a axuda, que ela lle mentiu. Obrigado por unha persecución implacable por parte da policía, ten que refuxiarse no cumio dunha montaña. Foi o filme co que Bogart empezou unha ascendente traxectoria cara á popularidade.

A película clave nesta traxectoria foi O falcón maltés (The Maltese Falcon, 1941), un filme que a Warner Bros a contragusto accedeu a que a rodase o seu guionista, John Huston, pensado que sería un fiasco e que Huston non volvería insistir. En principio, o papel principal, o famoso detective de novelas negras Sam Spade, ía recaer en George Raft. Acabou por encarnalo o rostro adusto de Humphrey Bogart, a quen ninguén, agás John Huston, vía no papel de heroe positivo. Foi un éxito relativo que lle abriu as portas para películas máis interesantes.

O seu primeiro papel romántico, Rick Blaine, fíxoo para Casablanca (Michael Curtiz, 1942), película á cal estará eternamente ligado na memoria do público. Era un papel ambiguo, a medio camiño entre o ben e o mal, un home que personificaba á perfección os valores de sacrificio, de ideais e de esperanza no futuro que precisaba os escuros anos da segunda guerra mundial. O seu éxito foi impresionante (tendo en conta ademais que o guión foi improvisado durante a rodaxe) e o prestixio do filme non parou de medrar co paso do tempo.

Bogart e Bacall editar

 
Bogart e Bacall.

Humphrey Bogart xa era unha estrela consagrada cando coñeceu a Lauren Bacall durante a rodaxe de Ter ou non ter (To Have and Have Not, Howard Hawks, 1944). Nesta película Bogart encarnaba a un pescador a soldo que se ve envolto na difícil situación política da Martinica e acaba axudando á Resistencia. Pero o que verdadeiramente encheu a pantalla foi o romance entre Bogart e Bacall. A pesar de diferenza de idade, ambos conxeniaron inmediatamente. Este matrimonio, que durou ata o pasamento de Bogart, si foi verdadeiramente feliz. Bacall converteuse na súa compañeira idónea.

En O gran sono (Howard Hawks, 1946), obra mestra do cine negro, Bogart e Bacall volveron compartir elenco. Mesmo a película se promocionou cun cartel no que aparecían ambos e onde a vida real se mesturaba coa dos personaxes que interpretaban. Humphrey Bogart tivo ós 49 anos o seu primeiro fillo, Stephen Bogart. En 1952, naceu a súa segunda filla, á que chamou Leslie en agradecemento pola lealdade do seu amigo Leslie Howard.

Os anos da súa consolidación editar

En 1951, a película A raíña de África (The African Queen, John Huston), coprotagonizada xunta Katharine Hepburn, demostrou que un avellentado Bogart aínda tiña moito que dicir no cine. Foi unha rodaxe dura, en terra africanas, acosado pola calor e polos mosquitos. Ademais Huston e Bogart, segundo contan as testumuñas, adoitaban emborracharse case acotío. Con todo, o papel do túzaro mariñeiro Charlie Alnutt gañou para Bogart o seu primeiro Óscar.

Ademais, seguramente impulsado pola súa esposa Lauren Bacall, Bogart reuniu a un fato de amigos do mundo do cine e presentouse en Washington para opoñerse ó Comité de Actividades Antiamericanas do Congreso dos Estados Unidos presidido polo infausto senador McCarth. Bogart e os seus compañeiros protestaban polas citacións que empezaban a recibir algúns dos homes e mulleres do mundo do cine e as veladas acusacións de pertenceren ó partido comunista formuladas contra moitos. Pero Bogart tivo que recuar. Os estudios premérono e Bogart abandonou a campaña tras unha inicial vitoria. Ademais, parece ser que se desencantou ó saber que algúns dos acusados polo Comité realmente pertencía a organizacións socialistas e comunistas.

O motín da Caine (The Caine Mutiny, Edward Dmytryk, 1954) e Sabrina (Sabrina, Billy Wilder, 1956) foron as últimas grandes películas protagonizadas por Humphrey Bogart. Pero a súa saúde, nestes últimos anos, resentírase. Nunca fora un home vigoroso: a súa afección á bebida non o axudou, xunto con que era un fumador empedernido. Ademais, entre 1954 e 1956 rodou nove películas consecutivas. É certo que estaba afeito a un alto ritmo de traballo, pero Humphrey Bogart xa non era ningún mozo. Finalmente detectóuselle un cancro de esófago incurable.

O seu declive foi rápido. Pouco antes de morrer apenas pesaba 36 quilogramos. Tiña pouco máis de 57 anos.

Notas editar

  1. "AFI's 100 Years...100 Stars" (en inglés). American Film Institute. Consultado o 21/02/2013. 

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar