Historia de Lisboa

Lisboa é unha das cidades máis antigas de Europa, fundada hai máis de tres milenios. É xuntamente con Setúbal, Alcácer do Sal e algunhas cidades do Algarve a máis antiga de Portugal e tamén a segunda capital máis antiga da Unión Europea, logo de Atenas, máis antiga por catro séculos que Roma.

Arco da Rúa Augusta, no Terreiro do Pazo, tamén coñecido por Praza do Comercio, a Praza Maior de Lisboa que se abre para o mar.

A súa historia xira ao redor da súa posición estratéxica na foz do maior río da Península Ibérica, o Texo; ao ser o seu porto natural o mellor para o reabastecemento dos barcos que fan o comercio entre o Mar do Norte e o Mediterráneo; alén da súa proximidade no extremo sur e occidental de Europa, cos novos continentes da África Subsahariana e de América.

Prehistoria editar

Existen vestixios de ocupación humana na área que hoxe é Lisboa de hai moitos millares de anos, atraídos pola proximidade do río Texo. Os primeiros habitantes humanos da rexión terían sido os Neandertais, extintos hai preto de 30 000 anos pola chegada á Península do Home moderno. Durante o período Neolítico, os pobos iberos da rexión contruíran os megálitos de función relixiosa, tal como os restantes pobos da Europa Atlántica: dolmens, menhires e crómlechs terían sido comúns, algúns aínda sobreviven hoxe na zona.

Alis Ubbo: A fundación fenicia editar

 
Situación de Lisboa na marxe norte do calmo Mar da Palla á dereita. O atlántico fica para a esquerda

Di a lenda popular e romántica que a cidade de Lisboa foi fundada polo heroe mítico Ulises. Recentemente foron feitas descubertas arqueolóxicas preto do Castelo de San Xurxo e da Sé de Lisboa que comproban que a cidade tería sido fundada polos fenicios preto do 1200 a.C.. Nesa época os fenicios viaxaban ata as Illas Scilly e Cornualla, na Gran Bretaña, para mercarlles estaño aos nativos. O Mar da palla ou estuario do Texo é o mellor porto natural do percurso e o río unha importante vía para os trocos de alimentos e metais coas tribos do interior. Foi fundada unha colonia, chamada Alis Ubbo, que significa "porto seguro" ou "enseada amena" en fenicio, probabelmente protexida pola gran cidade de Tiro, hoxe no Líbano. Esa colonia estendíase no outeiro onde hoxe están o Castelo e a Sé, ata o río, que chamaban Daghi ou Taghi, significando "boa pesca" en fenicio. Co desenvolvemento de Cartago, tamén ela unha colonia fenicia, o control de Alis Ubbo pasou para esa cidade. Durante séculos, fenicios e cartaxineses terán desenvolvido a cidade de simple almacén comercial para o comercio nos mares do Norte, a importante mercado onde trocaban os seus produtos manufacturados polos metais, peixe salgado e sal da rexión e das tribos contactadas pola vía fluvial do Texo. Os cabalos, antepasados dos actuais cabalos lusitanos, xa eran entón famosos no Mediterráneo pola súa velocidade, tendo Plinio o Vello afirmado que as eguas do Texo deberían ser fecundadas polo vento.

Os primeiros xudeus chegaran sen dúbida cos fenicios, os seus veciños. O hebreo é virtualmente idéntico ao fenicio e era raro o barco fenicio que non levaba mercadores ou socios da Xudea.

Coa chegada dos celtas, estes mesturáronse cos iberos locais, dando orixe ás tribos de lingua celta da rexión, os Conni e os Cempsi.

Os gregos antigos tiveron probabelmente na foz do Texo un posto de comercio durante algún tempo, mais os seus conflitos cos cartaxineses por todo o Mediterráneo levaron sen dúbida ao seu abandono debido ao maior poderio de Cartago na rexión nesa época.

Olissipo: Lisboa romana editar

 
Olissipo situábase na provincia romana da Lusitania.

Olissipo aliouse aos romanos cando estes, liderados por Decimus Junius Brutus, procuraron conquistar os lusitanos e outros pobos do Noroeste Peninsular. Os habitantes da cidade loitaron ao lado das lexións contra estas tribos célticas. A cambio foilles recoñecido o título de cidadáns romanos e á cidade ampla autonomía como municipio romano. Foi incluída na provincia da Lusitania, encabezada por Emerita Augusta.

A cidade situábase entre o outeiro do Castelo e a Baixa, mais as zonas máis ribeiregas estaban nese tempo aínda mergulladas polo Texo. Olissipo no tempo romano foi unha importante praza comercial, estabelecendo a ligazón entre as provincias do Norte e o Mediterráneo. Os seus principais produtos eran o garum -un mollo de peixe de luxo-, o sal e os famosos cabalos lusitanos.

A cidade foi un dos principais centros da introdución e desenvolvemento do cristianismo na Península Ibérica. O primeiro bispo foi San Xes.

As invasións e os xermanos editar

 
Reino dos visigodos antes da Conquista do Reino dos suevos

A dexeneración do Imperio e a feudalización da sociedade romana levaron ás primeiras invasións dos pobos xermanos, hunos e outros. Inicialmente aceptados como colonos nas terras desertificadas polas epidemias terríbeis que mataran gran parte da poboación da época (probabelmente de xarampón e varíola), transformáronse axiña en expedicións militares con obxectivos de saqueo e conquista.

No inicio do século V os vándalos (que despois se retiran para o Norte de África) toman Olissipo, seguidos dos non xermánicos alanos. En 419 Olissipo foi saqueada e queimada polos godos do Rei tribal Walia, e finalmente en 469 integrada no Reino suevo cuxa capital era Braga. Logo da invasión dos visigodos, estes estabelécense en Toledo e despois de varias guerras durante o século VI, conquistan os suevos, unificando a Península Ibérica, incluíndo a cidade que chamaban Ulishbona.

Durante esta época conturbada, Lisboa perde as ligazóns políticas con Constantinopla, mais non as comerciais. Mercadores gregos, sirios, xudeus e outros, vidos do Oriente, forman comunidades que trocan os produtos locais cos do Imperio Bizantino, Asia e a India.

Al-Ushbuna: a Lisboa musulmá editar

Logo de tres séculos de saqueos, pillaxes e perda de dinámica comercial, Ulishbuna sería pouco máis que unha vila no inicio do século VII. É nesta época cando, aproveitando unha guerra civil do Reino Hispánico Visigótico, os árabes liderados por Tariq ibn Ziyad invaden a Península Ibérica coas súas tropas mouras, no 711. Olishbuna foi conquistada polas tropas de Abd al-Aziz ibn Musa, un dos fillos de Táriq, así como o resto do Occidente.

Unha vez máis Lisboa, coñecida polos árabes como al-Ushbuna, tórnase un gran centro administrativo e comercial para as terras xunto ao Texo, recollendo os seus produtos e trocándoos por produtos do Mediterráneo árabe, particularmente Marrocos, Tunisia, Exipto, Siria e o Iraq. Segundo as estimacións actuais a cidade tería no seu apoxeo, no século X, máis de 100 000 habitantes, e con Constantinopla, Salónica, Córdoba e Sevilla, sería unha das maiores cidades de Europa, moitas veces maior que París e Londres, que en plena Idade Media terían apenas 5-10 000 habitantes.

A maioría dos habitantes convértese á lingua árabe e relixión musulmá da minoría invasora que se instala como elite. Unha minoría de cristiáns ou mozárabes, co seu propio bispo, falantes de árabe ou dunha variante do latín vulgar semellante á falada na Galiza e provincias do Norte, é tolerada a cambio de impostos adicionais. Esta comunidade mozárabe que seguía ritos e costumes cristiáns de antes do estabelecemento do absolutismo papal é moitas veces rexeitada e escravizada cando entra en contacto cos católicos. Foron os mozárabes quen levaron para Lisboa os restos de San Vicente, que se tornaría o patrón da cidade.

A comunidade xudaica, xa existente desde a fundación da cidade polos fenicios, é grandemente reforzada polos xudeus que aí se estabelecen como mercadores e financeiros, aproveitando a elevación da cidade a núcleo comercial prominente. Ademais do sal, peixe e cabalos, negociábanse as especias vidas de Oriente, as plantas medicinais, os froitos secos, mel e peles.

Al-Ushbuna é renovada e reconstruída de acordo cos patróns do Medio Oriente: unha gran mesquita, un castelo no cumio do monte (que de forma modificada se transformou no Castelo de San Xurxo), un palacio para o Gobernador, unha almedina ou centro urbano e un alcázar. O barrio de Alfama crece ao lado do núcleo urbano orixinal. A cidadela de al-Madan, a actual Almada é fundada na marxe Sur do río para protexer a cidade.

Os árabes e bérberes introducen nos arredores da cidade a súa agricultura arraigada, que é moito máis produtiva cós métodos de sequeiro anteriores. As augas do Texo e dos seus afluentes son usadas para irrigar a terra no verán, producindo varias colleitas por ano e vexetais como leitugas e froitos como as laranxas.

Politicamente, de inicio, a cidade forma parte do Califato Omeia de Damasco, Siria. Consta nas crónicas unha gran rebelión dos bérberes ou "mouros" fronte á elite dos árabes da Arabia en 740, que precisou de reforzos do califato para ser reprimida. A cidade está despois suxeita ao Califato de Córdoba, no cal os sobreviventes omeias gañan a independencia do novo califato exipcio dos Abbásidas.

Co inicio da Reconquista, a opulenta al-Ushbuna é un albo das incursións dos cristiáns, que saquean a cidade primeiramente no 796 e logo nos anos seguintes, liderados polo rei Afonso II de Galiza, mais a fronteira permanece ao norte do Douro. No 844 varias decenas de barcos dos viquingos xorden no Mar da Palla, e os escandinavos estabelecen o cerco mais acabarían por marchar fronte á resistencia continuada dos habitantes da cidade liderados por Alah ibn Hazme.

No inicio do século X xorden en al-Ushbuna varias seitas islámicas de conversos da poboación hispánica. Estas seitas son formas de organización política con que os autóctonos se revolven contra os obstáculos postos na súa ascensión social por un sistema xerárquico no que primeiro viña a pequena elite de descendentes do profeta Mahoma, despois os arabes de sangue puro, a seguir bérberes ou mouros e só despois os latinos arabizados e musulmáns. Xorden varios líderes latinos, como Ali ibn Ashra e outros, que se declaran Profetas ou descendentes de Ali (xiítas) que con aliados en outras cidades comezan guerras civís coas tropas árabes sunitas. Os mozárabes eran tratados de forma aínda peor, así como os xudeus, sufrindo por veces persecucións que, a pesar de seren lamentábeis aos ollos modernos, eran unha pálida imaxe do que farían os católicos contra non só musulmáns e xudeus, senón incluso contra os propios cristiáns non católicos das terras reconquistadas.

Un novo ataque viquingo prodúcese, sen éxito, no 966. O rei Ordoño I tomaría a cidade novamente a mediados do século IX, así como Afonso VI de León no 1093, que a retivo no seu Reino de León por dous anos, logo de conquistar a cidade de al-Santaryn ou Santander.

Coa fragmentación do Califato de Córdoba por volta do ano 1000 coas loitas intestinas, os notábeis de al-Ushbuna oscilan entre a obediencia á Taifa de Badaxoz ou á de Sevilla, conseguindo manobrar para obter unha autonomía considerábel. No entanto no 1111 un novo Califato pan-hispánico é estabelecido pola invasión a partir dos desertos de Marrocos dos almorávidas liderados por Ali ibn Yusuf, cuxas tropas son combatidas apenas na rexión de Tomar por Gualdim Pais. Este dura pouco tempo ata que regresan os tempos da división das Taifas e da autonomía e prosperidade de al-Ushbuna.

Cruzadas: Portugal conquista Lisboa editar

En canto se fragmentaban os Taifas islámicos do Sur, no Norte cedíase o Condado Portucalense do Reino de Galiza, xa en plena Reconquista da Península Ibérica. A pesar de estar baseado en Guimarães, a forza económica que permitía a autonomía do Condado Portucalense estaba na cidade do Porto (Portucale ou porto da cidade de Cale, a actual Gaia). É interesante pensar como foi o novo reino, centrado no dinamismo comercial da nova cidade de mercadores do Porto, que gozaba dunha posición e importancia semellantes na foz do segundo maior río da Península Ibérica, o río Douro, como Lisboa no río Texo, que acabaría por conquistar esa venerábel cidade. Aínda hoxe ambas as cidades, moi semellantes mais moi diferentes, sitúanse á cabeza de Portugal.

 
Afonso Henriques

Foi a conquista de Lisboa o que permitiu ao xove Duque de Portucale, D. Afonso Henriques declararse rei. Famosa e opulenta, a cidade daría ao condado o prestixio necesario. A primeira tentativa de Afonso de conquistar al-Ushbuna deuse en 1137 e fracasou fronte ás murallas da cidade. En 1140 aproveita os cruzados que pasaban por Portugal para un novo ataque que novamente falla.

Só en xuño e xullo de 1147, coa axuda dunha forza máis numerosa de cruzados, preto de 164 barcos cheos de homes, consegue ter éxito. En canto as súas forzas portuguesas atacaban pola terra, os cruzados -na súa maioría ingleses e normandos- seducidos polas promesas de pillaxe libre, montaron as súas máquinas de cerco, como catapultas e torres, atacaron simultaneamente polo mar e impediron a chegada de reforzos vindos do sur. Nos primeiros encontros os musulmáns vencen aos cristiáns matando moitos, e a moral dos cruzados fica afectada, ocorrendo varios conflitos sanguentos entre os distintos grupos de cristiáns.

 
Cruzados con máquinas de guerra

Logo de moitas tentativas, segundo o mito, unha das portas é botada abaixo e o portugués Martim Moniz consegue mantela aberta aos invasores co propio corpo, morrendo esmagado por ela. Máis probabelmente coa axuda das máquinas de cerco, as murallas son superadas o 23 de outubro de 1147. Seguirán cinco días de saqueo, asasinatos e violacións indiscriminadas de ambos, cruzados e portugueses, contra as poboacións islámicas, xudaicas e mesmo cristiáns da cidade. Segundo o mito o propio bispo de al-Ushbuna foi morto polos invasores interesados en roubar os tesouros da súa igrexa. Trinta mil habitantes segundo as crónicas da época, foron escravizados, e moitos terán sido mortos ou fuxidos. Os restantes musulmáns son delimitados a un barrio propio, a Mouraría.

Don Afonso Henriques toma posesión oficialmente da cidade no día 1 de novembro, cando nunha cerimonia relixiosa, manda transformar a gran mesquita de sete cúpulas, a Aljama, en Sé Catedral. O bispo é Gilbert de Hastings, un cruzado inglés, e a moitos dos cruzados máis prominentes son doadas terras da rexión e títulos. San Antonio nace no 1195 na cidade co nome de Fernando de Bulhões.

 
A Sé Románica de Lisboa

O rei daría o Foral en 1179, e tentaría recuperar as ligazóns comerciais da cidade inaugurando unha gran nova feira ou mercado. O resultado destes esforzos é que os mercadores portugueses cristiáns ou xudeus non só retoman algunhas ligazóns comerciais da antiga al-Ushbuna, como en Andalucía (Sevilla e Cádiz), e no Mediterráneo, ata Constantinopla, senón que tamén se abren novas vías cara aos portos da Europa do norte, que os musulmáns raramente visitaban debido ás diferenzas ideolóxicas. De feito a primeira vocación da Lisboa medieval cristiá é unha vez máis a mediación do comercio entre o Mar do Norte e o Mediterráneo, mais grazas aos avances na navegación oceánica os volumes son cada vez maiores. Casas de mercadores portugueses abren en Sevilla, Southampton, Bruges e nas cidades da Hansa, e os xudeus portugueses continúan a comerciar cos seus primos no Norte de África. Trócanse as especias, sedas e medicinas mediterráneas; ouro, marfil, arroz, alume, améndoas e azucre mercados aos árabes e mouros; xuntamente co aceite, sal, viño, cortiza, mel e cera portuguesas cos téxtiles de la ou liño finos, estaño, ferro, corantes, ámbar, armas, peles e produtos artesanais do Norte. Fúndanse estaleiros para a construción de máis barcos comerciais e militares, cuxa Armada é esencial na protección do comercio contra os piratas sarracenos. Para responder á crecente demanda das poboacións cada vez maiores da Europa no século XII e século XIII, son estimuladas as innovacións na construción dos barcos, que da barca forte mais ruda pasan, nunha síntese de saber cristián, viquingo e árabe, para a carabela (primeira referencia en 1226), o primeiro verdadeiro navío atlántico. Ás profesións ligadas á navegación, como carpinteiros e mariñeiros, sonlles concedidos privilexios e protección, incluíndo a creación en Lisboa dun xuíz propio, o Alcalde do Mar (1242).

Un efecto indirecto de todo este dinamismo de Lisboa é a ruína dos comerciantes xermánicos, que facían o mesmo comercio por ter unha ruta máis cara mais a única posíbel cando os navíos musulmáns e os seus piratas controlaban o sur de España e o estreito de Xilbraltar entre os Países Baixos e a Hansa e a Italia e os seus portos. O Sacro Imperio Romano-Xermánico perde influencia sobre os seus reinos, ducados e cidades-estado constituíntes, e os mercadores alemáns, ata aí señores do comercio europeo, vense forzados a procurar novos mercados a Oriente.

No seguimento desta prosperidade, e co aumento de seguranza en Lisboa coa conquista definitiva dos Algarves no século XIII, en 1256 Afonso III de Portugal constata o obvio e escolle a maior e máis vigorosa cidade do seu reino para capital, movendo para aí a Corte, os Arquivos e a Tesourería (que estaban en Coímbra). Don Dinis, o primeiro rei a presidir todo o seu reinado en Lisboa, crea alí a Universidade en 1290, que transfire para Coímbra en 1308 debido aos conflitos crecentes dos estudantes cos lisboetas. É nesta altura que a zona onde hoxe está o Terreiro do Pazo é recuperada ao mar, a través de drenaxes do terreo xa lamacento (era río libre ata ao tempo da conquista, mais sedimentou debido aos depósitos do río). Novas rúas son deseñadas, como a Rúa Nova, e o Rossio tórnase por primeira vez centro da cidade, roubando esa distinción ao alto do Castelo. Outras construcións de Don Dinis foron unha muralla fronte ao novo Cais da Ribeira contra os piratas, e renovacións do Palacio Árabe (a Alcázova, destruída no Terremoto de 1755) e da .

Véxase tamén editar