Historia de Ámsterdam

Ámsterdam, construíuse no século XIII, foi orixinalmente unha aldea de pescadores. Leva o nome dun encoro (Dam en holandés) sobre o río Amstel.

O oeste dos Países Baixos foi de sempre unha rexión pantanosa azoutada de tempo en tempo por grandes inundacións. Algúns estudosos pensan que xa dende o século IX leváronse alí labores de extracción de turba, da que o terreo era rico, que consistían na cava de gabias para drenar a auga e secar o carbón. De maneira que xurdiron diques de xeito natural que despois foron feitos a posta para protexer do avance do mar e as crecidas dos ríos os campos gañados.

O encoro no Amstel editar

Ese foi o caso da foz do río Amstel no IJ (brazo dun mar interior). Seica xa no século XI unha primeira comunidade campesiña puido estar asentada nas súas beiras. Tras grandes inundacións arredor de 1170 constrúen diques nas beiras do río, e ao mesmo tempo, obsérvase un cambio da actividade agrícola á comercial (artesanía). De feito que cara a 1225 téñense probas de primeiras vivendas de madeira non ligadas a agricultura (para 1250 unhas cen casas), primeiro no dique da beira occidental do Amstel (actual rúa Nieuwendijk), e máis tarde contra o dique da ribeira oriental (actual Warmoesstraat).

 
Ámsterdam imaxinado en 1300
(o Dam (5) tiña que estar máis enriba, a altura da Plaetse (10))

Probablemente entre 1265-75, unha primeira presa (dam) con comportas foi tendida entre as dúas beiras para protexer o interior do país das mareas altas con tormenta. Aquela foi a orixe da praza central (o Dam) e do nome da futura cidade, Ámsterdam.

Así aparece mencionada en 1275 (Aemstelledam) cando o conde Floris V de Holanda libera de pagar impostos aos seus residentes, que xa daquela comerciaban con sitios tan afastados coma o Báltico (Liga Hanseática). Arredor de 1306 ademais recoñécenselle dereitos de cidade. Contaba cuns mil habitantes.

O Dam tiña dous ámbitos: un sobre do Amstel (Middledam), mercado de peixe e con edificacións por riba; e unha verdadeira praza (Plaetse) a poñente, representativa co edificio do concello e igrexa. Ao norte do Dam, o porto marítimo do Amstel (Damrak); ao sur, un porto interior, o Rokin. Nas traseiras das dúas rúas principais (as devanditas Nieuwendijk e Warmoesstraat) cávanse canles de escoamento do Amstel.

Primeiro porto de Holanda editar

 
Ámsterdam en 1544 (o N abaixo).

Os séculos XIV e XV son os dun gran crecemento comercial ata se converter no primeiro porto de Holanda. Ao que axudou, tras un milagre acaecido en 1345, o seren destino de peregrinación (unha chea de mosteiros no leste do Amstel a comezos do XV). Unha primeira igrexa (a vella, Oude Kerk) existía dende 1300 nesa beira do Damrak. Unha nova (Nieuwe Kerk) foi construída en 1408 a carón do Dam. Ambas as dúas definen as dúas partes da cidade. Cidade fundamentalmente de madeira que como consecuencia de lumes devastadores (1452) vai ditar ordenanzas para construír no ladrillo característico ata hoxe. Novas canles (a partir de 1342[1][2] e paralelas ao Damrak, xunto a unha primeira defensa de terra e madeira) delimitan o crecemento e o conxunto péchase en 1481 cunha verdadeira muralla de pedra arrodeada de foxos [3].

Os mesmos que se van converter nun novo anel de canles cando, en 1593, se constrúen por razóns militares unhas murallas de tipo renacentista (acollendo a grande expansión da zona portuaria no leste e derrúbanse as medievais. Foi a época da guerra contra España, durante a cal o bloqueo do porto de Antuerpen (dominante no comercio transoceánico naquel tempo) fixo do de Ámsterdam a mellor alternativa, provocando así un momento crucial na historia da cidade.

A Idade de Ouro editar

 
Ámsterdam en 1640 (o norte abaixo).
 
Ámsterdan cara a 1700 (o norte embaixo).

No século XVII Ámsterdam vaise transformar, dunha próspera vila comercial de 40.000 habitantes, na metrópole colonial (Compañía Holandesa das Indias Orientais) comercial e financeira máis importante da época (200.000 h). O organismo urbano ten que acoller todo ese crecemento.

Para iso elabórase un ambicioso plan (1607) que contempla a cava de tres amplas canles[4][5] concéntricas coa cidade existente. O goberno municipal expropia as terras e despois vende os lotes aos ricos comerciantes burgueses. Os lotes teñen unha fronte moi estreita ás canles (9m [6]) pero moito fondo (50m) con xardín no patio do rueiro [7]. A regulamentación de todo o plan é minuciosa e estrita. Para 1620 a parte occidental estaba completa pero semellaba non haber folgos para continuar.

Por outra banda, era preciso dar aloxamento á inxente clase traballadora. Máis a occidente deseñouse un plan moito menos xeneroso: seguindo as trazas diagonais características dos campos de cultivo da zona e desconectado do devandito plan, entre 1614 e 1640 levantouse o barrio de Jordaan [8].

O impulso para completar o anel de canles veu da man do traslado en 1660 das actividades da Compañía Holandesa das Indias Orientais aos terreos gañados ao mar en tres illas no extremo nordés da cidade.[9] En 1663 apróbase o plan que de novo quedará incompleto no seu lado oriental (Plantage) ata o século XIX .

En todo caso quedou configurada a armazón fundamental da cidade, un dos deseños urbanos máis orixinais e abraiantes, e xunto co de París, modelo suxestivo para a cultura urbanística posterior. Pero mentres o parisiense era resultado da vontade dun soberano absoluto, o de Ámsterdam froito da vitalidade da relación entre poder público e iniciativa privada. Enorme como aquel, non contempla grandes sistematizacións monumentais senón unha aplicación práctica de regras estritas en unidades a medida do cidadán, que na súa suma fan un conxunto igualmente grandioso.

Século XIX editar

 
Plan Kalff-Niftrik 1867-1875.

O século XVIII significou un declinar da prosperidade da metrópole provocado polas guerras coloniais co Reino Unido e con Francia. O golpe definitivo foron as Guerras Napoleónicas de comezos do XIX (durante a ocupación francesa, o edificio do concello no Dam converteuse en Pazo Real [10]).

En 1815, coa proclamación do Reino de Holanda comeza unha lenta recuperación que se converterá nun novo período de expansión coa industrialización a partir de 1870. A apertura dunha nova canle ao Mar do Norte en 1876 (con porto exterior en Ijmuiden) deu un importante novo pulo a súa centralidade comercial.

Ademais a cidade converteuse en centro de servizos financeiros. A explosión demográfica que seguiu, fundamentalmente inmigración, levouna de 180.000 h (1810) a 520.000 (1900). Por primeira vez en dous séculos, Ámsterdam precisaba ampliar o seu espazo urbano.

Un plan ambicioso foi presentado, pero finalmente non houbo capacidade de levalo adiante. Os destinatarios eran clases traballadoras inmigradas e os promotores, privados. O desenvolvemento dos barrios en forma de coroa arredor da muralla do XVII (transformada nun cinto verde) foi especulativo e de escasa calidade[11].

Por outra banda, co obxecto de facelo máis accesible, no centro histórico reenchéronse canles, ampliando rúas e derrubando vellos edificios ademais de pechalo ao IJ co ferrocarril e a estación central (1889). O porto foi estendido cara ao leste (Eastern Docklands 1883-1900).

Século XX editar

O desenvolvemento urbanístico de Ámsterdam nesta centuria volveu ser modélico da man dunha lexislación pioneira (Lei da Vivenda de 1901, coa implicación dos poderes públicos na compra de solo para a promoción de vivenda social). Así de seguido preséntanse varios proxectos (Plano Sur de Berlage (1902-30), Plano Oeste (1922), Betondorp (1923-5) no leste [12]), e no 1935 un Plano Regulador Xeral de Expansión (AUP). Foi a primeira aplicación das investigacións do Movemento Moderno nunha grande cidade.

Previsto no plan e levado a cabo despois da segunda guerra mundial, a extensión oeste do porto, ao longo da canle do Mar do Norte, significou a provisión da zona industrial que completaba aquel. Igualmente, a construción da primeira ponte (1957) e sucesivos túneles (1966-8), posibilitaron a incorporación da beira norte do IJ para a seguinte ampliación da cidade (Amsterdam-Noord).

Foi nesa época cando tamén, ante a falta de espazo para o crecemento futuro, propuxéronse novos proxectos que aproveitaban a histórica experiencia holandesa coa recuperación de terras gañadas ás augas. Así o plan de Bakema e van den Broek de 1965 para un crecemento no leste sobre illas artificiais no IJmeer (un paradigma do mellor do urbanismo contemporáneo). Proxecto no que se inspira o do IJburg, hoxe nas súas primeiras fases de realización.

Notas editar

  1. Nieuwezijds Voorburgwal, Oudezijds Voorburgwal.
  2. Oudezijds Achterburgwal (1367), Nieuwezijds Achterburgwal (actual Spuistraat, 1380).
  3. Kloveniersburgwal e Geldersekade (1425), Singel (1428-52).
  4. Herengracht, Keizersgracht e Prinsengracht.
  5. "Imaxe". Arquivado dende o orixinal o 27 de agosto de 2006. Consultado o 29 de novembro de 2008. 
  6. Imaxe
  7. Imaxe
  8. "Imaxe". Arquivado dende o orixinal o 26 de abril de 2014. Consultado o 29 de novembro de 2008. 
  9. Kattenburg, Wittenburg e Oostenburg.
  10. "Imaxe". Arquivado dende o orixinal o 13 de xaneiro de 2006. Consultado o 01 de decembro de 2008. 
  11. Staatsliedenbuurt, Kinkerbuurt, De Pijp, Dapperbuurt.
  12. Imaxe

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar