Historia da tecnoloxía

é a historia da invención de ferramentas e técnicas cun propósito práctico

A historia da tecnoloxía é a historia da invención de ferramentas e técnicas cun propósito práctico. A historia moderna está relacionada intimamente coa historia da ciencia, pois o descubrimento de novos coñecementos permitiu crear novas cousas e, reciprocamente, puidéronse realizar novos descubrimentos científicos grazas ao desenvolvemento de novas tecnoloxías, que estenderon as posibilidades de experimentación e adquisición do coñecemento.

A roda inventouse ao redor do 4000 a.C., e desde entón foi unha das tecnoloxías máis útiles. Esta roda exponse no Museo Nacional de Irán en Teherán.

Os artefactos tecnolóxicos son produtos dunha economía, unha forza do crecemento económico e unha boa parte da vida. As innovacións tecnolóxicas afectan e están afectadas polas tradicións culturais da sociedade. Tamén son un medio de obter poder militar.

Idade de Pedra editar

Véxase tamén: Idade de Pedra.
 
Unha variedade de ferramentas de pedra.

Durante a Idade de Pedra, os humanos eran cazadores colleiteiros, un estilo de vida que comportaba un uso de ferramentas e asentamentos que afectaba moi escasamente aos biótopos. As primeiras tecnoloxías de importancia estaban asociadas á supervivencia, a obtención de alimentos e a súa preparación. O lume, as ferramentas de pedra, as armas e a vestimenta foron desenvolvementos tecnolóxicos de grande importancia deste período. Neste tempo apareceu a música. Algunhas culturas desenvolveron canoas con batangas capaces de aventurarse no océano, aínda que non haxa ningún rexistro escrito da innovación tecnolóxica dalgúns pobos ou culturas, existen probas dos seus emprendementos na exploración: os pobos malaios, por exemplo, espallaronse polo arquipélago da Malaisia, atravesaran o océano Índico até Madagascar e tamén atravesaran o océano Pacífico, o que requiría coñecer as correntes oceánicas, os patróns do clima, navegación e cartas estelares. As cartas estelares non eran feitas de papel, máis si con cordas, varas e cunchas. Os seus barcos eran de clase oceánica, fai miles de anos, antes de que a tecnoloxía marítima de Occidente fose capaz de facer os descubrimentos marítimos.

A fase principal de predominio da economía cazadora-colleiteira chámase Paleolítico e o final denomínase epipaleolítico ou mesolítico; a Idade de Pedra posterior, durante a cal se desenvolverón os rudimentos da tecnoloxía agraria, chámase período Neolítico. Estas foron as bases da tecnoloxía industrial moderna.

Idades do Cobre e Bronce editar

Véxase tamén: Idade do Cobre e Idade de Bronce.

A Idade de Pedra desembocou na Idade dos Metais tras a Revolución neolítica. Esta revolución comportou cambios radicais na tecnoloxía agraria, que levaron ao desenvolvemento da agricultura, a domesticación animal e os asentamentos permanentes. A combinación destes factores posibilitou o desenvolvemento da fundición de cobre e máis tarde do bronce. Esta corrente tecnolóxica empezou no Crecente fértil, desde onde se difundiu. Os descubrimentos non tiñan, e aínda non teñen, carácter universal. O sistema das tres idades non describe con precisión a historia da tecnoloxía dos grupos alleos a Eurasia, e non pode aplicarse nalgunhas poboacións illadas como os sentinelese (océano Índico), os spinifex (Australia) e certas tribos amazónicas, que aínda empregan a tecnoloxía da Idade da Pedra, e non desenvolveron a agricultura ou a tecnoloxía do metal.

Idade de Ferro editar

Véxase tamén: Idade de Ferro.

A Idade de Ferro empezou tras o desenvolvemento da tecnoloxía necesaria para o traballo do ferro, material que substituíu o bronce e posibilitou a creación de ferramentas máis resistentes e baratas. En moitas culturas euroasiáticas a Idade de Ferro foi a última fase anterior ao desenvolvemento da escritura, aínda que de novo non se pode dicir que isto sexa universal.

Civilizacións antigas e as súas invencións editar

Antigo Exipto editar

Artigo principal: Tecnoloxía do Antigo Exipto.
 
Traballo en serie no Antigo Exipto.

Os exipcios inventaron e usaron moitas máquinas simples, como o plano inclinado e a panca, para axudarse nas construcións. O papel exipcio, feito de papiro e a olería foron exportados pola conca Mediterráneo.Con todo a roda non aparecería ata que invasores estranxeiros trouxeron con eles carros. Tamén desempeñaron un importante papel no desenvolvemento da navegación marítima ou tecnoloxía marítima, mediterránea, tanto en barcos como faros.

Houbo avances significativos durante o período dinástico en astronomía, matemáticas, medicina[1] e xeometría, esta última unha consecuencia da necesidade de preservar a propiedade das terras de labranza, que eran alagadas anualmente polo río Nilo, perdéndose as referencias ás lindes. O triángulo rectángulo e outras regras tamén servían para representar estruturas rectilíneas, usadas nos planos de construción. Exipto tamén era un centro de investigación sobre alquimia recoñecido no resto do mundo occidental.

Antiga Grecia editar

 
Imaxe orixinal do mecanismo de Anticitera

Os gregos inventaron moitas tecnoloxías e melloraron outras xa existentes, sobre todo durante o período helenístico. Herón de Alexandría inventou un motor a vapor básico e demostrou que tiña coñecementos de sistemas mecánicos e pneumáticos. Arquimedes inventou moitas máquinas. Os gregos foron únicos na era preindustrial pola súa capacidade de combinar as investigacións científicas co desenvolvemento de novas tecnoloxías. Un exemplo é o parafuso de Arquimedes, que primeiro se concibiu matematicamente e máis tarde construiose. Tamén inventaron a balista e computadoras analóxicas primitivas, como o mecanismo de Anticitera.[2] Os arquitectos gregos foron os responsables das primeiras cúpulas e tamén os primeiros en investigar o número áureo e a súa relación coa xeometría e a arquitectura.

Á parte da eolípila de Herón, os gregos foron os primeiros en inventar os muíños de vento e de auga, o que lles fixo pioneiros en tres dos catro métodos de propulsión non animal anteriores á Revolución industrial (o cuarto é a navegación), aínda que só se usou a enerxía hidráulica.

Europa Tribal editar

Ao redor de 1.000 a.C.-500 a.C., as tribos xermánicas tiñán unha civilización na idade de bronce, mentres os Celtas estaban na idade de ferro na época da cultura de Hallstatt. Posteriormente, as súas culturas entraran en colisión coas prácticas militares e agrícolas dos Romanos, hai dous mil anos, o que levou a Europa a beneficiarse dos progresos sociais e tegnoloxicos romanos.

Roma editar

 
Aixada romana de ferro, de fai 2000 anos. Este artefacto atópase exposto no Museo Field de Chicago.

Os romanos desenvolveron unha agricultura sofisticada, melloraron a tecnoloxía do traballo con ferro e de albanelaría, melloraron a construción de estradas (métodos que non quedaron obsoletos ata o desenvolvemento do macádam no século XIX), a enxeñería militar, a enxeñería civil, o fiado e o tecido con moitas máquinas diferentes como a colleitadora[Cómpre referencia], que axudaron a incrementar a produtividade de moitos sectores da economía romana.

Os enxeñeiros romanos foron os primeiros en construír arcos monumentais, anfiteatros, acuedutos, baños públicos, pontes de pedra e criptas. Algunhas invencións romanas notables foron o códice, o vidro soprado e o formigón. Como Roma está situada nunha península volcánica cuxa area contén grans cristalinos, o formigón romano foi especialmente resistente ao tempo. Algunhas das súas edificacións mantivéronse en pé máis de dous mil anos.

A civilización romana estaba altamente urbanizada para os estándares pre-modernos. Moitas cidades do Imperio tiñan máis de 100 000 habitantes, sendo Roma a máis poboada da antigüidade. Os trazos da vida urbana romana comprendían edificios de varios pisos, rúas pavimentadas, retretes de cisterna públicos, fiestras de vidro e calefacción en chans e paredes. Os romanos entenderon a hidráulica e construíron fontes e obras hidráulicas, especialmente acuedutos. Algunhas termas conserváronse ata a actualidade. Os romanos desenvolveron moitas tecnoloxías que se perderon na Idade Media e non se reinventaron ata o século XIX e o XX.

India editar

A Civilización do val do Indo, situada nunha área rica en recursos é relevante pola súa temperá aplicación das tecnoloxías sanitaria e de planificación civil. As cidades do val teñen uns dos primeiros exemplos de baños públicos, cloacas pechadas e celeiros comunais.

A India antiga foi tamén punteira na tecnoloxía marítima; así, un panel atopado en Mohenjo-daro, mostra unha nave navegando. A construción de barcos descríbese con detalle no Yukti Kalpa Taru, un texto Indio antigo sobre a construción de embarcacións.

A arquitectura e técnicas de construción indias, chamadas 'Vaastu Shastra', suxiren unha comprensión profunda da enxeñería de materiais, a hidroloxía e os servizos sanitarios. A cultura india foi tamén pioneira no uso de tinguiduras vexetais, como o índigo e os procedentes do cinabrio. Moitas destas tinguiduras empregáronse en pinturas e esculturas. O uso de perfumes demostra coñecementos químicos, especialmente dos procesos de destilación e purificación.

China editar

 
Esfera armilar chinesa.

De acordo co investigador Joseph Needham, os chineses realizaron moitos inventos e descubrimentos primeirizos. Algunhas innovacións tecnolóxicas chinesas de importancia foron os primeiros sismógrafos, mistos, o papel, o ferro fundido, o arado de ferro, a sembradora multitubo, o ponte colgante, a carretilla, o emprego do gas natural como combustible, o compás, o mapa de relevo, a hélice, a bésta e a pólvora. Outros descubrimentos e invencións chineses, pero da Idade Media, son o barco de pas, a impresión xilográfica, os tipos móbiles, a pintura fosforescente, a transmisión de cadea, o mecanismo de escape e a roda de fiar.

Incas editar

Os Incas tiñan grandes coñecementos de enxeñería, ata para os estándares actuais. Un exemplo disto é o emprego de pedras de máis dunha tonelada nas súas construcións (por exemplo en Machu Picchu, Perú), postas unha xunto á outra axustando case perfectamente. Os pobos tiñan canles de irrigación e sistemas de drenaxe, o que facía moi eficiente á agricultura. Aínda que algúns afirman que os incas foron os primeiros en inventar a hidroponia[Cómpre referencia], a tecnoloxía agraria, aínda que avanzada, estaba aínda baseada no chan. Esta tecnoloxía, que comprendía o uso de socalcos graduados, permitía obter gran rendemento do chan de terras situadas en fortes pendentes.

Maias editar

Aínda que a Civilización Maia non tiña tecnoloxía metalúrxica nin inventara a roda, desenvolveron complexos sistemas de escritura e astroloxía e crearon traballos esculturales de pedra. Como os incas, tiñan boas tecnoloxías de construción e agrarias, aínda que xa tiñan varios coñecemento de orde astronómica que sabemos hoxe en día

Idades Media e Moderna editar

Véxase tamén: Idade Media e Idade Moderna.

Medievo editar

 
Trabuco medieval

A tecnoloxía da Idade Media pódese describir como unha simbiose entre traditio et innovatio. Aínda que a tecnoloxía medieval considerouse durante moito tempo un paso atrás na evolución da tecnoloxía occidental, nalgúns casos nun intento dalgúns autores de denunciar á igrexa como antagonista do progreso científico (véxase o mito da terra plana), unha xeración de medievalistas dos que Lynn White pode ser a súa cabeza máis visible puxeron énfase desde a década de 1940 no carácter innovador de moitas técnicas medievais. Algunhas contribucións medievais son por exemplo os reloxos mecánicos, as lentes e os muíños de vento. A xente da idade media inventaron tamén algúns obxectos máis discretos, como o botón ou a marca de auga. En navegación, os cimentos daera dos descubrimentos aséntanse na introdución (aínda que non invención) do astrolabio, o compás, a vea latina e o temón de codaste.

Tamén se fixeron avances de importancia na tecnoloxía militar coa invención da armadura de placas, as bésta de aceiro, o trabuco e o canón, aínda que quizais se coñeza máis á Idade Media polo seu legado arquitectónico: mentres a invención do arco apuntado, a bóveda de nervaduras auspiciaron o estilo gótico, as omnipresentes fortificacións medievais deron a este tempo o nome de «Idade dos Castelos».

Principio da Idade Moderna editar

O principio da Idade Moderna esténdese desde a Toma de Constantinopla polo Imperio Otomán en 1453 ata a Revolución francesa en 1789, ou sexa un período de 336 anos. Os turcos no 1300 conquistan Asia Menor baixo o mando do sultán, Osman (de aí o nome otomán). O seu fillo Orjàn logra armar un poderoso exército, como unha especie de lexión estranxeira, e conquista máis territorios na zona dos Balcáns. Moitos católicos deses territorios convértense ao islamismo. En 1389 os turcos vencen aos serbios (católicos) no Campo de Merlos, como vinganza pola morte de sultán en mans dun terrorista serbio. Esa batalla é considerada sacra polos serbios e aínda hoxe recórdana. Tampouco perdoan ás familias que naquel momento convertéronse á relixión musulmá.

En 1453 toman Constantinopla, dando lugar á caída definitiva do Imperio romano de Oriente. Os historiadores consideran este acontecemento como o fin da Historia Antiga. O Imperio Otomán perdurará ata o final da primeira guerra mundial en 1918.

Revolución industrial editar

Véxase tamén: Revolución Industrial.

A Revolución industrial é un período histórico comprendido entre a segunda metade do século XVIII e principios do XIX, no que o Reino Unido en primeiro lugar, e o resto da Europa continental despois, sofren o maior conxunto de transformacións socioeconómicas, tecnolóxicas e culturais da Historia da humanidade, desde o Neolítico.

A economía baseada no traballo manual foi substituída por outra dominada pola industria e a manufactura. A Revolución comezou coa mecanización das industrias téxtiles e o desenvolvemento dos procesos do ferro. A expansión do comercio foi favorecida pola mellora das rutas de transportes e posteriormente polo nacemento do ferrocarril. As innovacións tecnolóxicas máis importantes foron a máquina de vapor e a denominada Spinning Jenny, unha potente máquina relacionada coa industria téxtil. Estas novas máquinas favoreceron enormes incrementos na capacidade de produción.

A produción e desenvolvemento de novos modelos de maquinaria as dúas primeiras décadas do século XIX facilitou a manufactura noutras industrias e incrementou tamén a súa produción.

Século XIX editar

O século XIX produciu grandes avances nas tecnoloxías de transporte, construción e comunicacións. O motor a vapor, que existira na súa forma moderna desde o século XVIII aplicouse ao barco de vapor e ao ferrocarril. O telégrafo tamén se empregou por primeira vez con resultados prácticos no século XIX. Outra tecnoloxía que viu a luz no século XIX foi a lámpada incandescente. No estaleiro de Portsmouth foi onde, ao fabricar poleas para embarcacións completamente mediante máquinas iniciouse a era da produción en masa. As máquinas ferramentas empezáronse a empregar para fabricar novas máquinas na primeira década do século, e os seus principais investigadores foron Richard Roberts e Joseph Whitworth. Os barcos de vapor finalmente fabricáronse completamente de metal e desempañaron un papel de importancia na abertura do comercio entre o Xapón, a China e occidente. Charles Babbage concibiu a computación mecánica, pero logrou que dese froitos. A segunda revolución industrial de finais do século XIX viu o rápido desenvolvemento das tecnoloxías química, eléctrica, petrolífera e do aceiro e a súa conexión coa investigación tecnolóxica altamente vertebrada.

Século XX editar

A tecnoloxía do século XX desenvolveuse rapidamente. As tecnoloxías de comunicacións, transporte, a difusión da educación, o emprego do método científico e os investimentos en investigación contribuíron ao avance da ciencia e a tecnoloxía modernas. Algunhas tecnoloxías como a computación desenvolvéronse tan rápido como o fixeron en parte debido ás guerras ou á ameaza delas, pois houbo moitos avances científicos asociados á investigación e o desenvolvemento militar, como a computación electrónica. A radiocomunicación, o radar e a gravación de son foron tecnoloxías clave que achandaron o camiño á invención do teléfono, o fax e o almacenamento magnético de datos. As melloras nas tecnoloxías enerxética e de motores tamén foron enormes e inclúen o aproveitamento da enerxía nuclear, avance resultado do Proxecto Manhattan. Mediante o uso de computadores e laboratorios avanzados os científicos modernos desentrañarón o código do ADN o que supuxo grandes avances no eido da medicina.

Século XXI editar

Nos poucos anos que transcorreron do século XXI a tecnoloxía avanzou rapidamente, progresando en case todos os campos da ciencia. A taxa de desenvolvemento dos computadores é un exemplo da aceleración do progreso tecnolóxico, o que leva a algúns a prognosticar a aparición dunha singularidade tecnolóxica neste século.

Medida do progreso tecnolóxico editar

Moitos sociólogos e antropólogos crearon teorías sociais concernentes á evolución social e cultural. Algúns, como Lewis H. Morgan, Leslie White e Gerhard Lenski parten dunha aproximación máis moderna e céntranse na información. Canta máis información e coñecemento posúe unha sociedade, máis avanzada é. Identifica catro etapas do desarollo humano, baseadas nos avances na historia da comunicación. Na primeira etapa a información transmítese por xenes. Na segunda, os humanos poden aprender e transmitir información mediante a experiencia. Na terceira empezan a empregar sinales e desenvolver a lóxica. Na cuarta crean sinales, desenvolven a lingua e a escritura. Os avances na tecnoloxía de comunicacións tradúcense en avances no sistema económico, o sistema político, a distribución de bens, a desigualdade social e outros aspectos da vida social.

Notas editar

  1. País de médicos, os máis sabios do mundo. Heródoto
  2. (en inglés)Ancient Greek Science and Technology

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Singer, C., Holmyard, E.J., Hall, A. R e Williams, T. I. (eds.), (1954-59 e 1978) A History of Technology, 7 vols., Oxford, Clarendon Press,. (Vol. 6 e 7, 1978, ed. T. I. Williams)
  • Kranzberg, Melvin e Pursell, Carroll W. Jr., eds. (1967) Technology in Western Civilization: Technology in the Twentieth Century New York: Oxford University Press.
  • Pacey, Arnold, (1974, 2ed 1994),The Maze of Ingenuity The MIT Press, Cambridge, Mass, 1974, 2ªed. 1994
  • Derry, Thomas Kingston e Williams, Trevor I., 1993 A Short History of Technology: From the Earliest Times to A.D. 1900. Nova York: Dover Publications.
  • Brush, S. G. (1988). The History of Modern Science: A Guide to the Second Scientific Revolution 1800-1950. Ames: Iowa State University Press.
  • Bunch, Bryan e Hellemans, Alexander, (1993) The Timetables of Technology, Nova York, Simon e Schuster.
  • Greenwood, Jeremy (1997) The Third Industrial Revolution: Technology, Productivity and Income Inequality AEI Press.
  • Landa, Manuel de, War in the Age of Intelligent Machines, 2001.
  • Olby, R. C. et. al., eds. (1996). Companion to the History of Modern Science. Nova York, Routledge.

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar