Histoloxía vexetal

A histoloxía vexetal é a disciplina que se ocupa do estudo dos tecidos orgánicos das plantas.

Imaxe do parénquima clorofílico, un tecido vexetal.

Nunha planta vascular os tecidos diferenciados poden clasificarse de acordo con distintos criterios. Se atendemos á continuidade topográfica dos tecidos, seguindo a clasificación clásica de Sachs (1875), divídense en tecidos dérmicos, vascular e fundamental. Se os clasificamos segundo a función que desempeñan distinguiremos os seguintes: tecidos de crecemento (meristemas), protectores (epiderme e periderme), fundamentais (parénquima), de sostén (colénquima e esclerénquima), condutores (floema e xilema).

Ademais, as plantas tamén presentan estruturas secretoras onde acumulan substancias metabólicas que non usan directamente. Non forman tecidos claramente delimitados, senón que se encontran dentro dos tecidos primarios e secundarios.

Nas plantas distínguese entre crecemento primario, que dá lugar aos tecidos do corpo primario da planta, derivados dos meristemas apicais, e crecemento secundario, orixinado máis tarde, a partir de meristemas secundarios como o cámbium vascular e o felóxeno, que orixina os tecidos definitivos. Non todas as plantas teñen crecemento secundario.

Os tecidos do corpo primario dunha planta derivan dos meristemas apicais, formados por células en rápida división e con gran capacidade de diferenciación. Deles orixínanse a protoderme, o procámbium e o meristema fundamental, que darán lugar aos tecidos epidérmico, vascular e fundamental. Nas plantas con crecemento secundario estes tecidos reorganízanse, formando novo tecido condutor e a periderme, dando lugar aos tecidos definitivos.

Tecidos definitivos editar

Nunha planta con crecemento secundario os tecidos definitivos son os seguintes:

Sistema fundamental editar

  • Parénquima: As células deste tecido están vivas e manteñen a capacidade de división. Forman masas continuas e, en función do seu contido desempeñan funcións diferentes, como fotosíntese, almacenamento de reservas ou secreción. Tamén hai cordóns de células parenquimáticas nos tecidos vasculares. Xeralmente presentan só parede primaria e son de forma prismática. Hai varios tipos de parénquima; os dous tipos principais son:
  • Colénquima: Forma parte dos tecidos de sostén da planta. As súas células están vivas, teñen forma alongada e paredes desigualmente engrosadas. Actúan como soporte dos órganos novos en crecemento.
  • Esclerénquima: É outro tecido de sostén. As súas células teñen unha parede lignificada grosa e dura. Xeralmente son células mortas e actúan como reforzo e soporte das partes que xa deixaron de crecer.

Tecidos condutores editar

 
Elemento dos vasos do xilema. Parede secundaria engrosada en espiral dun vaso de Ficus.

Hai dous tipos de tecidos condutores: xilema e floema. Ademais das células que forman os vasos por onde circulan o zume bruto e elaborado da planta, posúen intercalados con eles células parenquimáticas, fibras do esclerénquima e cámbium.

  • Xilema: é o tecido condutor da auga e sales minerais absorbidos nas raíces (o zume bruto), que reparte ao resto da planta. As súas células son alongadas, de paredes lignificadas grosas, que perderon o seu citoplasma ao maduraren. Os vasos do xilema ou traqueas disolven as súas paredes terminais e forman tubos continuos chamados vasos.
  • Floema: é o tecido condutor do zume elaborado, que se transporta desde as follas ao resto da planta. Comprende dous tipos de células: as células cribosas e os elementos dos tubos cribosos. A súa principal característica é a presenza de áreas cribosas, que están provistas de poros a través dos cales se comunican os citoplasmas das células veciñas. Son células vivas.

Tecido epidérmico editar

Son a epiderme e a periderme.

  • A epiderme vexetal é a capa máis externa do vexetal novo. Está formada xeralmente por unha capa de células aplanadas e fortemente unidas. As paredes das células están cubertas por unha cutícula formada por lípidos do tipo das ceras (cutina principalmente), que protexen da perda de auga. Intercaladas entre as células epidérmicas aparecen outros tipos de células: células dos estomas, que forman os estomas, que regulan o intercambio de gases entre o interior e o exterior da planta, e células que forman tricomas ou pelos vexetais.
  • A periderme substitúe á epiderme nos talos e raíces con crecemento secundario. Está formada fundamentalmente por súber, ou cortiza protectora e xeralmente un parénquima chamado feloderme. As células do súber están mortas e impregnadas de suberina.

Bibliografía editar

  • Gola, G., Negri, G. y Cappeletti, C. 1965. Tratado de Botánica. 2da. edición. Editorial Labor S.A., Barcelona, 1110 p.
  • Font Quer, P. 1953. Diccionario de Botánica. Barcelona, Labor.
  • Strassburger, E. 1994. Tratado de Botánica. 8va. edición. Omega, Barcelona, 1088 p.
  • Esau, K. 1976. Anatomía Vegetal. Omega. Páxinas 21-26. ISBN 84-282-0169-2.