O hipoderma[1] é a capa máis profunda do sistema tegumentario dos vertebrados, situada debaixo da derme [2]. Ás veces utilízase para referirse a el o termo "tecido subcutáneo", que é anatomicamente máis impreciso e máis inexacto. O hipoderma consiste principalmente en tecido conxuntivo laxo e lóbulos de graxa. As súas fibras coláxenas e elásticas discorren principalmente paralelas á superficie da pel, continúanse coas da derme e conectan coas estrutruras máis profundas; son numerosas na planta dos pés e palmas das mans, onde fixan fortemente a pel ás estruturas inferiores, pero noutras zonas do corpo a cantidade de fibras é menor. Contén vasos sanguíneos máis grandes ca os da derme e nervios. Os tipos de células que se encontran no hipoderma son fibroblastos, adipocitos, e macrófagos.[3] A función do hipoderma é principalmente protectora e de almacenamento de graxa.

Sección da pel que mostra as súas capas. O subcute indica o hipoderma.

O hipoderma deriva do mesoderma embrionario.

Compoñentes editar

Contén:

Graxa subcutánea editar

A graxa subcutánea está xusto debaixo da pel e diferénciase da graxa visceral, que se encontra na cavidade peritoneal. Esta graxa forma unha capa illante que evita as perdas de calor. Nalgúns animais como as baleas, focas e animais hibernantes, ademais do illamento térmico é unha reserva de graxa para a nutrición. A cantidade de células adiposas que contén o tecido subcutáneo depende das rexións do corpo e da nurtrición. No abdome humano pode chegar a ter 3 cm ou máis, pero non existe noutras zonas como as pálpebras ou pene.

Inxección subcutánea editar

É unha inxección administrada no tecido subcutáneo, utilizada, por exemplo, para administrar a insulina.

Noutros seres vivos editar

O termo utilízase tamén noutros seres vivos non vertebrados, pero con outros significados.

Nos artrópodos chámase hipoderma a unha capa epidérmica de células que segrega o seu exoesqueleto quitinoso.

Algunhas plantas teñen unha capa diferenciada de células debaixo da epiderme denominada hipoderme. Por exemplo, nas follas dos piñeiros forma unha capa extra protectora.

Notas editar

  1. Dicionario da Real Academia Galega - Hipoderma Arquivado 22 de xullo de 2013 en Wayback Machine.
  2. Mosby’s Medical, Nursing and Allied Health Dictionary, Fourth Edition, Mosby-Year Book 1994, pp. 998, 774, 1497
  3. D. W. Fawcett. Tratado de Histología. Editorial Interamericana-Mc. Graw Hill. 11ª edición. Páxina 565. ISBN 84-7605-361-4.

Véxase tamén editar

Outros artigos editar