Hijas de Galicia

Asociación de emigrantes galegas en Cuba

Hijas de Galicia foi unha institución creada en Cuba en 1917 para protexer as mulleres emigrantes galegas dos abusos e discriminacións que sufrían. A asociación xestouse dentro doutra xa existente de emigrados galegos: Solidaridad Pontevedresa. En 1924, Hijas de Galicia abriu o Hospital Concepción Arenal e en 1938 construíu un gran balneario social para lecer e repouso. Hijas de Galicia converteuse na maior agrupación do mundo de emigradas galegas e descendentes, chegando a ter 58.000 asociadas en 1960. Aínda que a asociación xa non existe como tal, continúa o seu hospital, incautado polo réxime de Fidel Castro en 1959.[1][2]

Hijas de Galicia
Entrada do Hospital Hijas de Galicia coas iniciais HG Editar o valor em Wikidata
Tipoasociación
Data de fundación1917
Traballos destacadosHospital Hijas de Galicia
EnA Habana
PaísCuba
editar datos en Wikidata ]

Traxectoria editar

Antecedentes editar

Na primeira grande onda migratoria, entre 1880 e 1930, fóronse a América medio millón de galegos. Ao principio, as mulleres supoñían apenas un 20 % do total pero, a partir da crise mundial do ano 1929, a porcentaxe subiu ata o 40 ou 45% e Cuba era o destino preferente. Un estudo do profesor cubano Julio César González Pagés cifra en 60.000 o número de mulleres galegas acollidas nese país. As galegas chegaban desprotexidas a Cuba. Moitas chegaron soas ou con nenos pequenos. Analfabetas en moitos casos e sen recursos, traballaban sobre todo como serventas e, a miúdo, eran captadas por intermediarios que as obrigaban a prostituírse,[2] o que fixo desta emigración unha das máis estigmatizadas pola poboación cubana.[3]

As galegas sufrían discriminación por xénero, por etnia, por estranxeiras e porque as propias sociedades de emigrantes tíñanas en total abandono: o mesmo Centro Gallego só ofrecía servizos sanitarios aos homes. Ante esa situación, o 16 de xuño de 1912 fundouse Solidariedade Pontevedresa para denunciar a situación das súas paisanas e axudalas.[4] En 1914 decidiron reformar o regulamento desta sociedade para que fose quen establecese un sanatorio para a comunidade galega. Así xurdiu o proxecto que deu orixe á Institución Hijas de Galicia.

Constitución e regulamento editar

Na Xunta Xeral do 18 de xaneiro de 1917, despois de discutir o proxecto de novos Estatutos, a Asociación Solidaridad Pontevedresa constituise na sociedade Hijas de Galicia, sociedad sanitaria y de auxilio mutuo, encamiñándose a traballar para aliviar a inseguridade que tiñan as mulleres galegas.[3]

Ademais de construír un hospital e un balneario social, desde a súa fundación, a asociación realizou unha intensa actividade na solución dos trámites burocráticos que as inmigrantes tiñan ao chegar a Cuba e actuaba nas difíciles circunstancias que poideran afectarlles, efectuando reclamacións para a entrada no país, durante a súa estancia en Cuba e, se era o caso, ante o Consulado español establecendo colaboracións para a eventual repatriación.[5]

Desde os seus inicios o goberno da asociación formábano e dirixían homes. Aínda que estaba formada por mulleres, tiña a obriga legal de que a súa xunta directiva estivese formada maioritariamente por homes.[6] O seu primeiro presidente foi Avelino Pérez Vilanova, a quen substituíu en 1919 Benito Rey Doce, que reformou o regulamento para dar entrada a mulleres nel. Foi a partir do 22 de decembro de 1919 que a asociación tivo por primeira vez na súa Xunta Directiva a mulleres ocupando a segunda vicepresidencia. A primeira elixida para este cargo (foino varias veces), foi a mestra mindoniense Andrea López Chao[1][3]. Tamén o foi a ourensá Jesusa Prado.[7]

O 15 de maio de 1927 foron aprobados uns novos Estatutos que darían unha nova estrutura á Sociedade, aínda que mantendo o espírito fundacional do artigo segundo: "Proporcionar asistencia sanitaria, auxilio e amparo á muller, especialmente ás naturais da Rexión Galega. Concederá os mesmos beneficios ás doutras rexións españolas e aínda de diferente nacionalidade".[3]

Hospital editar

En 1924 a entidade comprou uns terreos e levou a cabo un proxecto de adquisición dunha clínica situada no barrio de Luyanó. A proposta de Andrea López Chao, o Sanatorio levou o nome Concepción Arenal.[3]En setembro de 1927 aprobouse a construción doutros dous pavillóns e o cercado da parcela que ocupaba o sanatorio.[8]

O Hospital Hijas de Galicia tiña 6 pavillóns de dúas plantas, 10 salas de especialidades e unha flotilla de 6 coches para traslados. Facía consultas a domicilio e traballaban nel 19 médicos, 9 enfermeiras, 26 axudantes e administrativos. Atendía a 206 asociadas e menores ao día e entregaba medicamentos gratis. En 1958, un ano antes de que fose confiscado polo castrismo, inaugurouse o pavillón de oito plantas que albergou a Maternidade e o Fogar-Albergue.[1]

En 1959 o Hospital foi confiscado polo castrismo e continuou prestando os seus servizos.

Balneario editar

Outro dos grandes logros da asociación foi o Balneario social. En 1938 autorizouse a construción, que seis anos despois levaría o nome de Concepción Arenal, situado en Marianao,[3][5]con instalacións de repouso, lecer e esparexemento. Alí desenvolveu deportes como kaiak, squash ou voleibol. O equipo de voleibol de Hijas de Galicia foi campión invicto de Cuba de 1956 a 1960.[1][2]O Balneario social converteuse na praia predilecta das familias galegas e na mellor alternativa de recreo para as clases medias brancas, cubanas e estranxeiras, que estando excluídas dos selectos clubs da alta sociedade habanera, rexeitaban mesturarse coa xente de cor nas praias máis populares.[9]

O Balneario Hijas de Galicia foi intervido na primeira metade da década do 60 polo goberno de Fidel Castro e tranformouse no Círculo Social Obreiro “José Luis Tassende".[10][11]

Prensa editar

A prensa feminina en Cuba tivo un desenvolvemento sostido no século XX. Esta foi de tiradas reducidas e a súa distribución fundamental foi na Habana. Para a comunidade galega que chegou a contar con 71 publicacións, este tipo de prensa feminina fíxose de forma excepcional e dentro destas sitúaronse tres pertencentes a Hijas de Galicia[3]:

  • Fragancias foi a primeira en xurdir en 1931 e só saíu o seu primeiro número. Estivo dirixida por Eduardo P. Marzoa e contou con colaboracións de Luís Martín, Amado Nervo, e as escritoras Concha Espina e Elena Fortún. Esta edición informaba das actividades da Sociedade e incluíu diversos traballos dirixidos ás mulleres. Fixo propaganda de diversos tipos pero sobre todo do Sanatorio para a muller Concepción Arenal, calificándoo como: "O mellor situado", "O máis suntuoso", "O mellor atendido" [12]
  • Faro gallego foi un xornal de pequeno formato que sacou catro números en 1940. Foi o voceiro dunha agrupación opositora á directiva da Sociedade Hijas de Galicia, no que se criticou a administración e a súa orientación. Estivo dirixido por José Trillo Escagedo.[13]
  • Cénit foi unha publicación mensual que se mantivo de 1938 a 1960. Estivo dirixida por José Álvarez Núñez e José Antonio Clark. A súa dirección, a diferenza das outras revistas da asociación, tivo mulleres nela: como xefa de redacción a Amada Borges e como administradora a Rosa Artiles.[14]

Recoñecementos editar

  • A asociación Hijas de Galicia aparece na novela Sándalo, de María Xosé Porteiro, editada por Galaxia en 2019.[15]
  • O documental histórico Hijas de Galicia, Macorinas, estreado en 2020 e dirixido por Xosé Lois Santiago “Pello” e Fran Naveira, narra a historia da asociación.[16]

Notas editar

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 "Emigrantes de Viveiro y Ribadeo presidieron Hijas de Galicia en Cuba". La Voz de Galicia (en castelán). 2020-03-08. Consultado o 2021-03-19. 
  2. 2,0 2,1 2,2 "Nuestras mujeres emigrantes, olvidadas, invisibles y luchadoras". La Voz de Galicia (en castelán). 2016-03-08. Consultado o 2021-03-19. 
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 3,6 González Pagés, Julio César (2003). Emigración de mujeres gallegas a Cuba: las Hijas de Galicia (en castelán). Departamento de Cultura, Ayuntamiento de Vigo. 
  4. "Andrea L. Chao, una maestra de Mondoñedo en el I Congreso de Mujeres de Cuba en 1923". La Voz de Galicia (en castelán). 2018-05-06. Consultado o 2021-03-21. 
  5. 5,0 5,1 Borge, Julio Hernández; Lopo, Domingo L. González (2008). Mujer y emigración: una perspectiva plural : actas del Coloquio Internacional, Santiago de Compostela, 23-24 de noviembre de 2006. Servicio de Publicaciones. p. 244. ISBN 978-84-9887-010-7. 
  6. Porteiro, María Xosé. “Para dar cun relato da emigración, hai que loitar contra o esquecemento, contra a amnesia inducida e sen mitificar nada”. Praza Pública. Entrevista con Alberto Ramos. Consultado o 24 de xuño de 2019. 
  7. "Jesusa Prado. Álbum de mulleres. culturagalega.org". culturagalega.gal. Consultado o 2021-04-04. 
  8. "Una institución de salud con casi un siglo de historia". www.tribuna.cu (en castelán). Consultado o 2021-04-01. 
  9. Rodríguez, Juan Andrés Blanco (2008). El asociacionismo en la emigracion española a América. Junta de Castilla y León. p. 315. ISBN 978-84-936871-0-6. 
  10. "Clubes privados cubanos convertidos en Círculos Sociales Obreros pronto serán para extranjeros". Radio y Televisión Martí. RadioTelevisionMarti.com (en castelán). Consultado o 2021-04-05. 
  11. "Caos y Cosas de Cuba: Balnearios de la Playa de Marianao robados por la tirania castrista.". Caos y Cosas de Cuba. 2012. Arquivado dende o orixinal o 19 de xaneiro de 2019. Consultado o 2021-04-05. 
  12. "Fragancias / Hemeroteca / Fondos documentais / Consello da Cultura Galega". consellodacultura.gal. Consultado o 2021-03-26. 
  13. "Faro Gallego / Hemeroteca / Fondos documentais / Consello da Cultura Galega". consellodacultura.gal. Consultado o 2021-03-26. 
  14. "Cénit / Hemeroteca / Fondos documentais / Consello da Cultura Galega". consellodacultura.gal. Consultado o 2021-03-26. 
  15. "«Unha mestra de Mondoñedo promoveu a atención a galegas prostituídas en Cuba»". La Voz de Galicia (en castelán). 2019-05-26. Consultado o 2021-03-21. 
  16. "Estreno de Hijas de Galicia, Macorinas. FIC Vía XIV" (en castelán). Consultado o 2021-03-19. 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • González Pagés, Julio César (2003). Emigración de mujeres gallegas a Cuba: Las hijas de Galicia. Departamento de Cultura, Ayuntamiento de Vigo

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar