Hermunduros

Tribo xermánica da zona do Elba do século primeiro

Hermunduros (en latín, Hermunduri), Hermanduri (Hermanduri), Hermundulos (Hermunduli), Hermonduros (hermonduri) ou Hermondulos, foron unha antiga tribo xermánica, citada polo historiador romano Tácito e que, segundo o cal, ocuparon a área en torno ao que agora corresponde á Turinxia, Saxonia, Franconia e o Norte da Baviera, no período comprendido entre o século I e III. Eran veciños dos Chatti no oeste, dos Cherusci e dos Anglos polo norte, dos Semnones polo nordeste e dos Marcomanos polo sur.

Mapa de Xermania, contra o ano 50.

Tradicionalmente, afirmouse a relación entre os hermunduros e os turinxios, como sucesores daqueles, pero hoxe está moi cuestionada.

Traxectoria editar

Aínda que non hai moitas informacións sobre eles, varios autores da antigüidade ofrecen noticias parciais. Así, Estrabón cita os Hermunduros como un pobo nómade suevo, que vive ao leste do Elba;[1] Dión Casio relata por primeira vez que o ano 1, un romano chamado Domicio (posibelmente Lucio Domicio Enobarbo) "mentres aínda gobernaba os distritos ao longo do Ister (Danubio), interceptou aos hermunduri, unha tribo que por algunha razón abandonara a súa terra e vagaba na procura doutra, e que se asentaron en parte da terra dos marcománs."[2]

Plinio o Vello, na súa Naturalis Historia, cita aos Hermunduros como un dos pobos dos Hermións, todos descendentes de Mano. Na mesma categoría coloca aos catos, queruscos e suevos. Pola súa banda, Tácito na súa Xermania, describe aos hermunduros entre os pobos suevos, colocándoos preto do Danubio e nas fontes do Elba.

"Máis preto de nós está o estado hermunduro (seguirei o Danubio como fixen antes do Rin), un pobo leal a Roma. En consecuencia, só eles son os únicos xermanos que negocian, non só nas beiras do río, senón no interior e na colonia máis florecente da provincia de Recia. Por todas partes, se lles permite pasar sen garda e, mentres ás outras tribos amosamos só as nosas armas e os nosos campamentos, a eles abrimos as nosas casas e as sedes do noso país, que non codician. Nas súas terras nace o Elba, o famoso río que coñeciamos nos días anteriores".[3]
 
Fibelas hermunduras (Museo de Berlín).

Nos seus Anais, Tácito relata como o hermunduro Vibilius, no 18 a. C., liderou o derrocamento do rei marcomano Catualda[4] en favor de cato Vanio. Contra o 50, aliado aos sobriños de Vanio, Vibilius, liderou a deposición de Vanio tamén.[5] No 58, os hermunduros derrotaron os catos nunha disputa de fronteira por un río de importancia relixiosa.

Os hermunduros tiveron, tamén, moitos conflitos cos quadi nunha fronteira fluvial con salinas e que se especula poderían ser ou o río Werra ou do Saale saxón. Finalmente, os hermunduros venceron neste conflito.[6]

Tamén se coñece a presenza dos hermunduros nas guerras de Marco Aurelio contra os marcomanos, que tiñan como aliados a hermunduros, sármatas e quadi.[7]

Tense escrito que os restos dos Hermunduros convertéronse nos turinxios, argumentando que (-duri) podería ser unha forma corrompida (-thuri) e o sufixo xermánico -ing, suxire un significado de "descendentes de (ou [Herman] duri)". Esa hipótese hoxe está desbotada.[8]

Reis dos Hermunduros editar

  • Vibilius, c. 18 - c. 50[9]

Notas editar

  1. Estrabón (2001), p. 229 (Libro VII, 1, 3)
  2. Dio, Cassius (1917). Roman History (Thayer Lacus Curtius). Vol VI Book LV. 
  3. Tacitus, Cornelius (1942). [c.98 CE]. Alfred John Church; William Jackson Brodribb & Lisa Cerrato. 
  4. Tácito (1979), p. 176 (Libro II, 63, 5)
  5. Tácito (1980), p. 68 (Libro 12, 29)
  6. Tacitus, Cornelius (1942). [c.117 CE]. Alfred John Church; William Jackson Brodribb & Lisa Cerrato. 
  7. Capitolinus, Julius (1921). [c.395 CE]. The Life of Marcus Aurelius Part 2 chapter 27. 
  8. Springer (2009), pp. 135 e ss.
  9. Tac. Ann. 2.63; 12.29. 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Estrabón (2001). Vela Tejada, José; Gracia Artal, Jesús, eds. Geografía. Colección: Biblioteca clásica Gredos, 288 (en castelán). Madrid: Gredos. ISBN 84-249-2297-2. 
  • Neumann, Günter (1989). "Ermunduri". Reallexikon der Germanischen Altertumskunde (RGA) (en alemán) VII. 2ª reimpr. Berlin / Nova York: Walter de Gruyter. pp. 517–518. ISBN 3-11-011445-3. 
  • Springer, Matthias (2009). "Zwischen Thüringern und (H)Ermunduren besteht keinerlei Zusammenhang". En Castritius, Helmut. Die Frühzeit der Thüringer (en alemán). Berlin / Nova York: de Gruyter. ISBN 978-3-11-021454-3. 
  • Tácito, Cornelio (1979). Moralejo, José Luis, ed. Anales (Libros I-VI). Colección: Biblioteca clásica Gredos, nº 19 (en castelán). Madrid: Gredos. ISBN 84-249-3523-3. 
  • Tácito, Cornelio (1980). Moralejo, José Luis, ed. Anales (Libros XI-XVI). Colección: Biblioteca Histórica Clásica, nº 30 (en 30). Madrid: Gredos. ISBN 84-249-3544-6.