Harry Potter e o misterio do príncipe

Este artigo trata sobre o libro; para outros usos véxase a información sobre o filme e mais o videoxogo.

Harry Potter e o misterio do príncipe é a sexta novela da saga Harry Potter escrita por J. K. Rowling e que ten como protagonista a Harry Potter, un mozo meigo. O libro céntrase no sexto ano de Harry na Escola Hogwarts de Maxia e Feiticería, explora o pasado de Lord Voldemort e mostra a preparación de Harry para a batalla final.

Harry Potter e o misterio do príncipe
Título orixinalHarry Potter and the Half-Blood Prince
Autor/aJ. K. Rowling
CubertaGalicia Dolores Avedaño[1]
Jason Cockcroft
OrixeReino Unido
LinguaInglés
ColecciónHarry Potter
Tema(s)Maxia
Xénero(s)Fantasía
EditorialGalicia Galaxia
Bloomsbury
Data de pub.Galicia novembro de 2008
16 de xullo de 2005
FormatoCapa dura
PáxinasGalicia 604
ISBNISBN 978-84-9865-128-7
Precedido porHarry Potter e a Orde do Fénix
Seguido porHarry Potter e as reliquias da morte
TraduciónCarlos Acevedo
editar datos en Wikidata ]

O libro saíu á venda o 16 de xullo de 2005 publicado por Bloomsbury no Reino Unido e no mes de novembro de 2008 en Galicia pola Editorial Galaxia coa tradución de Carlos Acevedo. O libro vendeu nove millóns de copias nas primeiras 24 horas despois da súa publicación, unha marca que sería batida pola súa secuela dous anos despois[2]. A versión cinematográfica do libro estreouse en 2009.

Sinopse editar

Introdución editar

Durante as cinco novelas anteriores, o personaxe principal, Harry Potter, fixo fronte ás dificultades de medrar co reto engadido de ser un meigo famoso. Cando Harry era un bebé, Voldemort, o meigo escuro máis poderoso da historia, matara os pais de Harry pero desapareceu misteriosamente despois de intentar asasinar o cativo. Isto foi o que fixo a Harry gañar a súa fama. O neno púxose ao coidado dos seus tíos muggles, Vernon e Petunia.

Harry entra no mundo máxico con once anos, e ingresa na Escola Hogwarts de Maxia e Feiticería. Fai amizade con Ron Weasley e Hermione Granger e ten unha confrontación con Lord Voldemort, que intenta recuperar o seu poder. Coa volta ao colexio despois das vacacións de verán, algúns estudantes de Hogwarts sofren ataques despois de que a lendaria Cámara dos Segredos sexa aberta. Harry pon fin aos ataques matando ao basilisco agochado nesta gorida e frustrando outro intento de Lord Voldemort de gañar os seus poderes completos. Ao outro ano, Harry oe que é o obxectivo de Sirius Black, un asasino que escapou do cárcere de Azkaban. Malia as rigorosas medidas de seguridade presentes en Hogwarts, Black consegue dar con Harry ao final do ano, e Harry descobre que Black fora incriminado e era seu padriño. No cuarto ano, Harry participa nunha competición máxica chamada Torneo Tres Meigos. Á fin do Torneo, Harry é testemuña do regreso ao poder de Lord Voldemort. O seguinte ano Hogwarts está baixo o mando do Ministerio de Maxia e Harry coñece da existencia dunha profecía na que el e Voldemort están involucrados; a profecía di que un dos dous deberá matar ó outro. Entrementres, o mundo máxico vive momentos de tebras tras o regreso do Señor Escuro.

Resumo editar

Á chegada ao castelo, anúnciase que Severus Snape sería o novo profesor de Defensa contra a Maxia Negra, mentres que Horace Slughorn sería o substituto de Snape como profesor de Apócemas. Harry descobre que o anterior propietario do seu libro de texto de Apócemas, o "Príncipe Mestizo", fixera apuntamentos nas marxes do libro. O mozo segue as instrucións manuscritas que lle permiten destacar sobre os demais e ser un dos favoritos de Slughorn. O profesor está intrigado polo rumor de que Harry é o elixido para derrotar a Lord Voldemort.

Harry recoñece a súa atracción por Ginny Weasley, pero teme que a súa relación poida estragar a súa amizade con Ron, que se mostra moi sobreprotector coa súa irmá. Entrementres, Ron comeza a saír con Lavender Brown, provocando un afastamento entre el e Hermione, que agocha sentimentos cara a el. A rifa soamente cesa cando Ron case morre por beber un hidromel envelenado dirixido ao director de Hogwarts, Albus Dumbledore. Harry sospeita que Draco Malfoy se converteu nun Devorador da Morte e cre que está detrás dos ataques errados contra a vida de Dumbledore. Non obstante, ninguén cre que sexa así.

Harry e Dumbledore celebran reunións privadas ao longo de todo o ano. Nelas, o director emprega o pensadoiro para mostrarlle a Harry recordos do pasado de Voldemort. Un dos recordos, que Harry obtén de Slughorn, confirma as sospeitas de Dumbledore sobre que Voldemort dividira a súa alma en sete fragmentos co fin de acadar case a inmortalidade. Seis destes fragmentos están contidos en obxectos máxicos chamados Horcrux, que cómpre destruír antes de poderen matar a Voldemort. Dous Horcrux xa foran destruídos: o diario de Tom Riddle, ao que Harry lle espetara o cairo do basilisco no segundo ano, e o anel de Marvolo Gaunt, que Dumbledore destruíra durante o verán. Dumbledore sospeita que os Horcrux que quedan son a serpe que Voldemort ten por mascota, Nagini, e obxectos que pertencían aos fundadores de Hogwarts: o medallón de Salazar Slytherin, a copa de Helga Hufflepuff e un obxecto non identificado de Rowena Ravenclaw.

Despois de que Snape vexa a Harry realizar un esconxuro do libro de Príncipe Mestizo intenta confiscarlle o libro; Harry agóchao na Sala do Necesitado. Cando Gryffindor gaña o campionato de quidditch, Harry bica espontaneamente a Ginny e Ron ten que aceptar que saian xuntos.

Dumbledore localiza un Horcrux e pide axuda a Harry para destruílo. Viaxan ata unha cova e obteñen o que cren que é o medallón de Salazar, pero Dumbledore queda debilitado por beber unha apócema máxica que protexía o Horcrux. Volven a Hogwarts e ollan no ceo a Marca Escura sobre a Torre de Astronomía. Nesta torre, Draco enfróntase a Dumbledore; admite que estaba detrás dos ataques contra Dumbledore, segundo Voldemort lle ordenara. Mentres Draco non se decide a matar ao director, aparece de súpero Snape e lanza o maleficio Avada Kedravra contra Dumbledore. Enfurecido, Harry persegue a Snape, que detén todos os ataques do mozo. Snape revela que el é o Príncipe Mestizo pouco antes de desaparecer.

Harry recupera o medallón do corpo de Dumbledore, só para descubir que é falso e que o deixara alguén coas iniciais R. A. B.; alguén que roubara o auténtico Horcrux e deixara unha nota declarando a súa oposición a Voldemort. O ano escolar finaliza co funeral de Dumbledore; el e mais a súa variña son enterrados nunha tumba xunto ao lago nos xardíns de Hogwarts. Tras o funeral, Harry rompe con Ginny, temendo que se convertese en obxectivo de Voldemort se continúan saíndo xuntos. Harry, Ron e Hermione deciden non regresar á escola ao outro ano, para así procurar e destruír os Horcrux restantes.

Filme editar

A versión cinematográfica estaba prevista para o 21 de novembro de 2008, pero finalmente a súa estrea moveuse ata o 15 de xullo de 2009[3][4]. O guión foi obra de Steve Kloves e David Yates dirixiu a película[5]. É a única peza da serie que conseguiu un nomeamento aos Premios Oscar na categoría de mellor fotografía.

Notas editar

  1. Dolores Avedaño foi a encargada de realizar a portada para a versión en castelán, mais os seus debuxos usáronse tamén para as versións galegas e hispanoamericanas.
  2. BBC, ed. (23 de xullo de 2007). "Harry Potter finale sales hit 11 m". Consultado o 20 de agosto de 2008. 
  3. "Coming Sooner: Harry Potter Changes Release Date". TVGuide.com. Arquivado dende o orixinal o 18 de abril de 2009. Consultado o 15 de abril de 2009. 
  4. "Harry Potter and the Half-Blood Prince". 
  5. IMDb (ed.). "Harry Potter and the Half-Blood Prince". 

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar