Hacilar é un antigo asentamento prehistórico neolítico sito no suroeste da actual Turquía, a 25 km ao suroeste da cidade de Burdur, con coordenadas: 37º 36' N e 30º 06' L. O seu nivel máis antigo está datado en 7040 a.C., que lle outorgan precedencia sobre o grande sitio arqueolóxico turco de Çatal Hüyük. As investigacións arqueolóxicas efectuadas indican que o sitio foi abandonado e reocupado máis unha vez ao longo da súa historia.

Hacilar localízase como o punto máis occidental en Anatolia

Historia arqueolóxica editar

Hacilar viviu e morreu dentro da época prehistórica. O que ficaba de Hacilar era un outeiro na Chaira de Konya que así permaneceu até 1956. Foi nese ano cando un profesor local mostroulle o outeiro ao arqueólogo británico James Mellaart. No 1957 comezouse a escavación de Hacilar so a dirección de Mellaart, quen a proseguiu até 1960. Os artefactos recobrados durante esa escavación están expostos na actualidade no Museo das Civilizacións de Anatolia en Ancara, a capital turca.

O sitio editar

 
Figuriña feminina, VI milenio, Museo Archeologico Nazionale, Firenze
 
Cerámica decorada de Hacilar

Hacilar presentou sete fases sucesivas correspondentes a doce niveis de escavación. A fase máis antiga, como se dixo, deu unha datación polo método do carbono-14 tan antiga como -7050. A fase máis recente, nivel I, corresponde a -5700 / -5600. As primeiras fases son precerámicas, con útiles de pedra, madeira, óso e coiro. Coñece a gandería, e indicios de comercio, pois empregan sílex sirio e obsidiana do interior da Anatolia[1].

Arquitectura neolítica editar

Hacilar revelou un poboado cuxas vivendas consistían en unidades dispostas arredor dun patio interior. Cada casa estaba construída sobre uns alicerces de pedra a fin de protexela de danos da auga. Os muros estaban feitos de pedra e adobes (ladrillos cocidos ao sol), que estaban unidos por barro, usado como argamasa simple. Encontráronse postes en cada vivenda que sosterían un tellado plano. Sospéitase que cada unha das casas posuía un sobrado ou andar superior feito de madeira.

Os interiores estarían acondicionados con capas de arxila e rara vez estaban pintados. Co paso do tempo mudaron para levantar casas individuais separadas. Encontrouse no chan das vivendas braseiros e morteiros e as mans correspondentes para machacar alimentos. As paredes estaban provistas de andeis para usar como prateiros. As cociñas estaban separadas dos cuartos, e os andares superiores foron usadas como despensas ou obradoiros.

Cerámica e relixión editar

Os niveis superiores de escavación, os máis modernos, presentan unha cerámica moi elaborada, con recipientes provistos de decoración xeométrica, con bandas medianas en paralelo.

Atópanse nestes niveis estatuíñas con representacións animalísticas diversas. Predominan as representacións de touriños, que insinúan estadios iniciais do "culto ao touro". Aparecen tamén figuracións femininas, coñecidas desde os albores do Neolítico, probábeis soportes do culto á Gran Deusa Mai.

Notas editar

  1. Luís Pericot e Juan Maluquer de Motes, La Humanidad Prehistórica. Salvat-Alianza. Madrid 1969, px. 110.

Bibliografía editar

  • Mellaart, James, «Hacilar: A Neolithic Village Site» — Scientific American, agosto 1961, p. 86.