O HER2/neu, coñecido tamén como ErbB2 e designado como cúmulo de diferenciación CD340 e p185, é un protooncoxene localizado no brazo grande do cromosoma 17, concretamente na rexión 17q21.1. O seu código é ERBB2 ERBB2. Codifica unha glicoproteína de 185 kDa con actividade tirosina quinasr no seu dominio intracitosólico. Trátase dun receptor para o factor de crecemento de tipo epidérmico humano, aínda que, á data non se lle coñecen ligandos e é considerado un receptor orfo. É clave para o crecemento e a división normal das células, polo que a súa expresión anormal está vinculada a procesos cancerosos. Converteuse nun importante marcador e diana de tratamento oncoxénico, especialmente do cancro de mama. A súa actividade encimática está descrita polo número EC 2.7.10.1 .

Diagrama do trastuzumab (en azul) unido ó dominio extracelular de HER2/neu.
Aviso médico
Aviso médico
Advertencia: A Wikipedia non dá consellos médicos.
Se cre que pode requirir tratamento, por favor, consúltello ao médico.

Sobreexprésase en arredor do 25-30% das pacientes con cancro de mama. Isto está asociado a unha incrementada actividade biolóxica do tumor, é dicir, unha taxa de división acelerada por maior resposta da célula ós niveis normais de factores de crecemento. Xeralmente é indicativo dunha evolución desfavorable do cancro de mama.[1] As pacientes con cancro de mama que presentan amplificación de HER2/neu presentan xeralmente unha forma máis agresiva de cancro, ademais dunha maior resistencia a tratamentos convencionais. Existe por exemplo unha gran probabilidade de resistencia ó tratamento endócrino con tamoxifeno. Porén, son pacientes que responden mellor ó tratamento combinado de quimioterapia con trastuzumab, un anticorpo monoclonal humanizado que se dirixe contra o dominio extracelular do receptor Her2/neu, aumentando a taxa de supervivencia das pacientes.[2]

Mediante a técnica FISH ou hibridación in situ fluorescente pódese determinar o número de copias que posúe o paciente a partir dunha biopsia de tecido, mediante o deseño dunha sonda específica que hibride co locus. Ademais, estudos de hibridación de tipo Southern, Western e Northern indicaron que a amplificación do xene se correlaciona cunha sobreexpresión do mesmo, o cal dá un valor prognóstico desfavorable.

Notas editar

  1. MORALES, Luisa, REIGOSA, Aldo, CALEIRAS, Eduardo et al. Expresión del HER2/neu en pacientes venezolanas con cáncer de mama localmente avanzado (en español). Invest. clín. [online]. mar. 2008, vol.49, no.1 [citado 4 de xuño de 2010], p.69-78. ISSN 0535-5133.
  2. CABRERA MORALES, C. M.. Estudio comparativo de la amplificación de Her2/neu mediante FISH y PCR cuantitativa en tiempo real en tumores de mama (en español). Oncología (Barc.) [online]. 2005, vol.28, n.10 [citado 2010-06-05], pp. 26-30. ISSN 0378-4835. doi: 10.4321/S0378-48352005001000003.