Gustavo I de Suecia

político sueco

Gustavo I de Suecia, tamén chamado Gustav Vasa, nado o 12 de maio de 1496 e finado o 29 de setembro de 1560, foi o rei de Suecia desde 1523 até o seu pasamento. No seu tempo foi chamado Gustavo Eriksson (fillo de Erik). Seus pais eran Erik Johansson e Cecilia Månsdotter.

Gustavo Vasa
Rei de Suecia
6 de xuño de 1523
29 de setembro de 1560
PredecesorCristián II
SucesorErik XIV

Nacemento12 de maio de 1496
Rydbo ou Lindholmen
Falecemento29 de setembro de 1560 (64 anos)
Estocolmo
Cónxuxe/sCatarina de Saxonia-Lauemburgo (1531-1535)
Margarida Eriksdotter (1536-1551)
Catarina Stenbock (1551-1560)
DescendenciaErik XIV
Xoán III
Catarina
Cecilia
Magnus
Ana
Sofía
Suecia
Carlos IX
Casa realCasa de Vasa
ProxenitoresErik Johansson
Cecilia Månsdotter

Na rede
WikiTree: Eriksson-1486 Find a Grave: 8161845 Editar o valor em Wikidata
Escudo de armas Vasa: Terzado en bandas de azur, arxén e goles. Brochante sobre o todo, un feixe de ouro.

Introduciu a monarquía en Suecia e independizou Suecia de Dinamarca, evento que se celebra en Suecia como "día nacional", o 6 de xuño.

Traxectoria editar

Primeiros anos editar

O pai de Gustavo Eriksson, Erik Johansson, estivo involucrado no grupo do rexente Sten Sture o Novo e, polo tanto, era opositor á Unión de Kalmar, que reunía Dinamarca, Suecia e Noruega baixo un mesmo soberano.

Cando o rei danés Cristián II, herdeiro da Unión de Kalmar, reclamou o seu dereito ao trono de Suecia, Gustavo Vasa formou parte do partido antiunionista, que rexeitaba as pretensións do rei danés e proclamaba unha Suecia independente. Cristián II decidiu entón invadir Suecia e enfrontouse ao rexente Sten Sture. Gustavo tomou parte na batalla de Brännkyrka, o 2 de outubro de 1518, onde a vitoria foi para os antiunionistas. Mais Cristián acordou un salvoconduto con Sten Sture, no que se establecía que o monarca danés se retiraría de Suecia tras ter recibido cinco dos mellores homes de Sten Sture como reféns, os cales serían liberados tras a saída de Cristián. Entre eses homes atopábase Gustavo Vasa. O rei Cristián non cumpriu con eses compromisos e decidiu levar os reféns a Dinamarca e alí encarceralos.

Gustavo estivo prisioneiro no castelo Kalø, ao nordeste de Århus. Logrou escapar da prisión en setembro de 1519 e chegar á cidade alemá de Lübeck. O 31 de maio de 1520 volveu a Suecia, desembarcando en Kalmar. As condicións do país eran outras, pois o 19 de xaneiro dese mesmo ano, Cristián II, nunha nova contenda, derrotara o exército de Sten Sture na batalla de Åsunden, onde o propio Sture foi ferido de morte. Pouco despois, Cristián negociou cos suecos opositores, concedéndolles unha amnistía, e foi coroado o 4 de novembro de 1520. O 8 e o 9 de novembro, Cristián realizou unha purga de posibles opositores, entre os que se encontraban o cuñado e o propio pai de Gustavo, Erik Johansson. Súa nai, súa avoa e tres das súas irmás foron enviadas a prisión a Copenhague. Estes asasinatos son coñecidos como o Baño de sangue de Estocolmo.

Insurrección contra os daneses editar

Gustavo sobreviviu escondéndose en Räfsnäs, desde onde partiu cara a Dalecarlia, no noroeste do país. Desde alí intentou sublevar os habitantes desa provincia, a primeiras con moi pouca fortuna. Gustavo baseábase probablemente en que un antepasado seu, Kettil Karlsson, botara de Suecia o rei danés Cristián I co apoio de xente de Dalecarlia.

Na cidade de Mora, foi proclamado "gobernador de Dalecarlia e de Suecia", en xaneiro de 1521. Logo comezou o levantamento contra o goberno danés. Tomaron Västerås, enfrontándose ao exército do bispo Gustavo Trolle. A insurrección pronto se estendeu a toda Dalecarlia e ás provincias veciñas de Gästrikland, Västmanland e Närke, das cales Gustavo se proclamou gobernante. A rebelión duraría dous anos, durante os cales o exército danés foi gradualmente derrotado. No verán de 1521, logrou a adhesión de suecos desertores do exército de Cristián.

Na segunda metade de agosto de 1521, Gustavo foi recoñecido na provincia de Östergötland como rexente de Suecia, mais non foi até 1523 cando Gustavo logrou conquistar toda Suecia, pois a falta de materiais de asedio dificultaba a toma de castelos e debía recorrerse ao sitio por fame. Nos portos, contouse co apoio de barcos de Lübeck a partir de 1522.

O 20 de xuño de 1523, Gustavo fixo a súa entrada en Estocolmo. O 7 de xullo do mesmo ano, entrou vitorioso en Kalmar, e en outubro rendeuse a última resistencia en Finlandia.

 
Entrada de Gustavo Vasa en Estocolmo na véspera do solsticio de verán de 1523. Pintura de Carl Larsson, 1908.

Rei de Suecia editar

O 6 de xuño de 1523, Gustavo foi elixido rei polo riksdag (parlamento) en Strängnäs, ao sur de Estocolmo. Esa data celébrase como o día nacional en Suecia. O seu exército sitiou a capital, e puideron, finalmente, entrar en Estocolmo o 24 de xuño.

A cerimonia oficial de coroación realizouse o 12 de xaneiro de 1528, na Catedral de Uppsala. Coa coroación de Gustavo, poñíase fin á presenza danesa en Suecia, e o partido contrario á Unión de Kalmar puido acceder permanentemente ao poder.

Reformas editar

Até o momento de tomar poder Gustavo, o arcebispo en funcións era Gustavo Trolle. Trolle estaba aliado co rei danés e servira como rexente de Suecia baixo as súas ordes. Por iso, cando Gustavo foi elixido rei, Trolle exiliouse en Dinamarca. Gustavo entón solicitoulle ao papa Clemente VII que designara para ese cargo a Johannes Magnus.

Non obstante, e debido ao illada que estaba Suecia no momento, o Papa, crendo que Cristián seguía no poder, ordenou a restitución de Trolle no cargo. O rei informou ao Papa das circunstancias, pero este mantivo a súa posición. Por iso, o Rei nomeou motu proprio a Laurentius Petri arcebispo, logo de escoitar as recomendacións do estudoso luterano Olaus Petri (irmán de Laurentius). Desde ese momento, o Papa perdeu a súa influencia sobre a Igrexa sueca.

A partir de entón, os irmáns lideraron unha campaña para introducir o luteranismo. Gustavo apoiou os predicadores luteranos e a instalación dunha igrexa independente de Roma, incluso utilizou a violencia contra os intentos de quen pretendían manter o catolicismo en Suecia.

Gustavo tomou a decisión de tomar para o rei unha parte dos ingresos monetarios eclesiásticos, medida que máis tarde se estendeu a outros bens da igrexa. O rei proclamouse como novo dirixente da igrexa en Suecia. En 1526 publicouse a primeira tradución do Novo Testamento ao sueco. Entre 1540 e 1541 publicouse a Biblia completa en sueco, chamada a Biblia de Gustavo Vasa, baseada na tradución alemá que en 1534 fixera Martiño Lutero.

A disposición dos bens eclesiásticos foi tomada en parte pola crise económica que reinaba no país despois da guerra. Lübeck, que apoiara o levantamento de Gustavo, recibiu en compensación beneficios no relativo ao comercio en Suecia, que case chegou a monopolizar.

Guerras editar

Para marxinar a Lübeck do control do comercio sueco, Gustavo entrou na chamada Guerra do Conde, apoiando o rei danés Cristián III contra os alemáns. A vitoria sería favorable para ambos monarcas, quen acordaron un pacto militar ante a posible ameaza do emperador Carlos V. Posteriormente, a unión sueco-danesa crebou, e Suecia emprendeu unha nova guerra contra Dinamarca. Por outra parte, Gustavo comezou unha guerra contra Rusia, por disputas na fronteira dese país con Finlandia.

 
Monumento do Rei Gustavo e a primeira das súas raíñas que está enterrada nunha cripta da Catedral de Uppsala.

O rei dedicouse a fortalecer o Estado e os seus representantes. O poder do monarca fíxose firme, e logrou a adhesión da aristocracia, daquelas moi debilitada tras a guerra contra Cristián II. Os labregos, polas súa parte, levantáronse varias veces en armas. En Dalecarlia, sucedéronse tres levantamentos contra o rei (1524-1525, 1527-1528, e 1531-1533). En Småland, levantouse en armas Nils Dacke (1542-1543). Todas as revoltas foron reprimidas con sangue.

O rei Gustavo chegou a ter un gran poder. A fortaleza do seu goberno baseouse nun forte respecto cara á súa persoa e no establecemento dunha monarquía hereditaria en Suecia, até entón electiva. Baseado na súa fortaleza, estabeleceu ducados hereditarios para os seus fillos menores.

Morte editar

Gustavo morreu no castelo de Estocolmo o 29 de setembro de 1560, aos 64 anos, vítima dunha enfermidade intestinal, que quizais fose disentería ou tifo. Xace xunto coas súas tres cónxuxes no Coro Vasa, na Catedral de Uppsala, rodeado de murais que representan escenas da súa vida.

Matrimonios e descendencia editar

En 1526, envioulle a Johannes Magnus un séquito para pedir a man da princesa Jadvyga Jogailaitė, filla do rei Sexismundo I o Vello de Polonia, pero a pesar da súa insistencia previa, o monarca polaco non lle concedeu a man da súa filla pola simpatía que Gustavo tiña polo protestantismo. Casou o 24 de setembro de 1531 coa princesa Catarina de Saxonia-Lauemburgo, o 1 de outubro de 1536 con Margarida Eriksdotter e o 22 de agosto de 1552 con Catarina Stenbock.

Os seus fillos foron:

  1. Erik XIV (1533-1577). Rei de Suecia de 1560 a 1567.
  1. Xoán (1537-1592), Rei de Suecia de 1567 a 1592.
  2. Catarina (1539-1610), casada co Conde Edzard II de Frisia Oriental.
  3. Cecilia (1540-1627), casada co Conde Cristovo de Baden-Rodemachern.
  4. Magnus (1542-1595), Duque de Östergötland
  5. Carlos. (1544 - 1544).
  6. Ana (1545-1610), casada co Conde Xurxo Xoán I do Palatinado-Veldenz
  7. Sten (1546-1547)
  8. Sofía (1547-1611), casada co Duque Magnus II de Saxonia-Lauemburgo
  9. Sabela (1549-1597), casada co Duque Cristovo de Mecklemburgo.
  10. Carlos (1550-1611), Rei de Suecia de 1599 a 1611.


Rei de Suecia

Segue a:
Cristián II
Gustavo I de Suecia
Precede a:
Erik XIV
Casa de Vasa