Guillaume de l'Hôpital

matemático francés

Guillaume François Antoine, marqués de l'Hôpital[1] (|ɡijom fʁɑ̃swa ɑ̃twan maʁki də lopital|), ás veces escrito L'Hospital, nado en París en 1661 e finado na mesma cidade o 2 de febreiro de 1704, tamén coñecido como Guillaume-François-Antoine marqués de l'Hôpital, marqués de Sainte-Mesme, conde d'Entremont e señor d'Ouques-la-Chaise,[2] foi un matemático francés. O seu nome está asociado coa regra de l'Hôpital para calcular límites con indeterminacións do tipo 0/0 e ∞/∞. Aínda que a regra non se orixinou con l'Hôpital, apareceu impresa por primeira vez no seu tratado de 1696 sobre o cálculo infinitesimal titulado Analyse des Infiniment Petits pour l'Intelligence des Lignes Courbes.[3] Este libro foi a primeira exposición sistemática do cálculo diferencial. Publicáronse varias edicións e traducións a outras linguas e converteuse en modelo para tratados de cálculo posteriores.

Infotaula de personaGuillaume de l'Hôpital

Editar o valor em Wikidata
Nome orixinal(fr) Guillaume François Antoine, marquis de L'Hôpital Editar o valor em Wikidata
Biografía
Nacemento1661 Editar o valor em Wikidata
París, Francia Editar o valor em Wikidata
Morte2 de febreiro de 1704 Editar o valor em Wikidata (42/43 anos)
París, Francia Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeReino de Francia Editar o valor em Wikidata
EducaciónAcademia francesa das ciencias Editar o valor em Wikidata
Actividade
Campo de traballoAnálise matemática Editar o valor em Wikidata
Ocupaciónmatemático Editar o valor em Wikidata
EmpregadorAcademia francesa das ciencias Editar o valor em Wikidata
Membro de
ProfesoresJohann Bernoulli (pt) Traducir Editar o valor em Wikidata
Influencias
LinguaLingua francesa Editar o valor em Wikidata
Obra
Obras destacables
Outro
TítuloMarqués Editar o valor em Wikidata
FamiliaQ3065826 Traducir Editar o valor em Wikidata
CónxuxeMarie-Charlotte de Romilley de La Chesnelaye (pt) Traducir (1688–) Editar o valor em Wikidata

Traxectoria editar

L'Hôpital naceu nunha familia de militares. O seu pai foi Anne-Alexandre de l'Hôpital, tenente xeneral do exército do rei, conde de Saint-Mesme e primeiro escudeiro de Gaston, Duque de Orleáns. A súa nai foi Elisabeth Gobelin, filla de Claude Gobelin, intendente do exército do rei e conselleiro do estado.

L'Hôpital abandonou a carreira militar debido á súa mala visión e seguiu o seu interese nas matemáticas,[4] que aparentemente tiña dende a súa infancia. Por un tempo foi membro do círculo de Nicolas Malebranche en París e foi aló onde coñeceu o mozo Johann Bernoulli, que estaba a visitar Francia e acordou complementar as súas charlas en París sobre cálculo infinitesimal con clases privadas para l'Hôpital na súa casa de Oucques.

En 1693, l'Hôpital foi elixido para a Academia Francesa das Ciencias e mesmo serviu dúas veces como vicepresidente.[5] Entre os seus logros estivo a determinación da lonxitude do arco da gráfica logarítmica,[6] unha das solucións ao problema da braquistócrona, e o descubrimento dunha singularidade na involuta dunha curva preto dun punto de inflexión.[7]

L'Hôpital intercambiou ideas con Pierre Varignon e escribiuse con Gottfried Leibniz, Christiaan Huygens e Jacob e Johann Bernoulli. O seu Traité analytique des sections coniques et de leur usage pour la résolution des équations dans les problêmes tant déterminés qu'indéterminés ("Tratado analítico das seccións cónicas") publicouse postumamente en París en 1707.

 
Ilustración de Solutio problematis physico mathematici publicado en Acta Eruditorum, 1695

Obra editar

L'Hôpital escribiu dous libros e algúns artigos curtos.  Non se conservan moitos dos seus manuscritos, xa que debido á súa miopía non os escribiu persoalmente pero ditoullos aos seus secretarios a quen pagaba coa súa fortuna persoal[8]

L'Analyse editar

 
Analyse des Infiniment Petits pour l'Intelligence des Lignes Courbes, 1715
 
Traité analytique, 1720

En 1696 l'Hôpital publicou o seu libro Analyse des Infiniment Petits pour l'Intelligence des Lignes Courbes. Foi o primeiro libro de texto sobre cálculo infinitesimal e presentou as ideas do cálculo diferencial e a súa aplicación á xeometría diferencial das curvas dun xeito lúcido e con numerosas figuras; porén, non considerou a integración.

A historia que levou á publicación do libro foi obxecto dunha longa controversia. Nunha carta do 17 de marzo de 1694, l'Hôpital fixo a seguinte proposición a Johann Bernoulli: a cambio dun pagamento anual de 300 francos, Bernoulli informaría a l'Hôpital das súas últimas descubertas matemáticas, reténdoas da correspondencia con outros, incluído Varignon. Non se conserva a resposta inmediata de Bernoulli, mais debeu aceptar axiña, segundo mostran as cartas seguintes. L'Hôpital puido sentirse xustificado para describir estes resultados no seu libro, tras recoñecer a súa débeda a Leibniz e os irmáns Bernoulli, "especialmente o mozo" (Johann).

Johann Bernoulli viuse cada vez máis infeliz cos premios concedidos á obra de l'Hôpital e queixouse en cartas privadas sobre que foi dado de lado. Trala morte de l'Hôpital, revelou publicamente o seu acordo e reclamou ser acreditado polas súas afirmacións e anacos do texto de Analyse, que foran achegados a l'Hôpital en cartas. Durante un período de moitos anos, Bernoulli fixo alegacións cada vez máis fortes sobre o seu papel na escritura de Analyse, culminando na publicación do seu antigo traballo sobre cálculo integral en 1742: remarcou que este era unha continuación das súas antigas clases sobre cálculo diferencial, que descartou xa que l'Hôpital xa os incluíra no seu célebre libro.

Durante longo tempo, estas afirmacións non foron consideradas cribles por moitos historiadores das matemáticas, porque o talente matemático de l'Hôpital estaba fóra de dúbida, mentres que Bernoulli estivo involucrado noutras disputas. Por exemplo, H. G. Zeuthen e Moritz Cantor, escribindo sobre a cúspide no século XX, desestimaron as afirmacións de Bernoulli neses campos. Non obstante, en 1921 Paul Schafheitlin descubriu un escrito de l'Hôpital, confirmando a explicación de Bernoulli sobre a orixe do libro.

Traité analytique editar

Cando morreu, tiña practicamente rematado seu segundo libro, Traité analytique des sections coniques et de leur usage pour la résolution des équations dans les problèmes tant déterminés qu’indéterminés, que foi publicado no 1707 de xeito póstumo.

Vida persoal editar

L'Hôpital casou con Marie-Charlotte de Romilley de La Chesnelaye, tamén matemática e nobre, herdeira de grandes propiedades na Bretaña. Xuntos tiveron un fillo e tres fillas.[9]

Notas editar

  1. Nos séculos XVII e XVIII, o nome adoitaba ser deletreado como "l'Hospital", e el mesmo escribíao deste xeito. Non obstante, a escrita francesa foi alterada: o "s" mudo foi suprimido e substituído cun circunflexo sobre a vogal precedente. A escrita antiga aínda se usa no inglés.
  2. "Biografía". Arquivado dende o orixinal o 28 de outubro de 2019. Consultado o 21 de xaneiro de 2021. 
  3. Contestando a pregunta de l'Hôpital, nunha carta do 22 de xullo de 1694, Johann Bernoulli describiu a regra para calcular o límite dunha fracción que ten o seu numerador e o seu denominador que tenden a 0 diferenciando o numerador e o denominador. A afirmación común de que l'Hôpital intentou obter o mérito de descubrir a regra é inexacta, xa que no prefacio do seu libro de texto recoñece a Leibniz, Jakob Bernoulli e Johann Bernoulli como as fontes dos resultados recollidos na obra.
  4. Solutio problematis physico mathematici. Acta Eruditorum (Leipzig). 1695. p. 56. Consultado o 18 de xullo de 2018. 
  5. Yushkevich, páx. 270.
  6. Sen ser coñecida por el, xa se obtivera unha solución por parte de James Gregory en cartas a (1670–1671), ibid.
  7. Esta singularidade é unha cúspide de segunda especie, en que ambas as ramas son cóncavas dende o mesmo lado. Foi descrita nunha carta de l'Hôpital's a Johann Bernoulli en maio de 1694, Yushkevich, páx. 275.
  8. Costabel (1965), p. 35.
  9. Bradley, Robert E.; Petrilli, Salvatore J.; Sandifer, C. Edward (20 de xullo de 2015). L'Hôpital's Analyse des infiniments petits: An Annotated Translation with Source Material by Johann Bernoulli. Birkhäuser. p. 301. ISBN 9783319171159. 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Costabel, Pierre (1965). "Une lettre inédite du marquis de L'Hôpital sur la résolution de l'équation du troisième degré". Revue d'histoire des sciences et de leurs applications (en francés) 18 (1): 29–43. ISSN 1969-6582. 
  • G. l'Hôpital, E. Stone, The Method of Fluxions, both direct and inverse; the former being a translation from de l'Hospital's "Analyse des infinements petits," and the latter, supplied by the translator, Edmund Stone, Londres, 1730
  • G. l'Hôpital, Analyse des Infiniment Petits pour l'Intelligence des Lignes Courbes, París, 1696
  • G. l'Hôpital, Analyse des infinement petits, París 1715
  • William Fox, Guillaume-François-Antoine de L'Hôpital, Catholic Encyclopedia, vol 7, Nova York, Robert Appleton Company, 1910
  • C. Truesdell The New Bernoulli Edition Isis, Vol. 49, No. 1. (Mar., 1958), pp. 54–62, discusses the strange agreement between Bernoulli and de l'Hôpital on pages 59–62.
  • A.P. Yushkevich (ed), History of mathematics from the most ancient times to the beginning of the 19th century, vol 2, Mathematics of the 17th century (in Russian). Moscova, Nauka, 1970

Ligazóns externas editar