Guerras balcánicas

Este artigo trata sobre as guerras ocorridas nos Balcáns a principios do século XX. Para a guerra de finais do mesmo século,[1] véxase Guerras iugoslavas.

As guerras balcánicas ou guerras dos Balcáns foron dúas guerras ocorridas no sueste de Europa de 1912 a 1913. A primeira enfrontou ao Imperio Otomán coa chamada Liga dos Balcáns formada por Bulgaria, Montenegro, Grecia e Serbia.

Antecedentes editar

Despois da súa derrota diplomática na Crise bosníaca de 1908,[2] o Imperio ruso tratou de recuperar a súa influencia nos Balcáns inducindo aos países da península a asociarse baixo a súa supervisión.[3] En 1911, chegaba tamén a un acordo con Italia para cooperar con ela na rexión.[3] O mesmo ano, a derrota do Imperio Otomán ante Italia na guerra italo-turca (que lle permitiu a esta anexionarse Libia) e a continua inestabilidade no Imperio fixeron que os Estados balcánicos visen como inminente a partición de Macedonia.[3]

A pesar da súa rivalidade por controlar Macedonia e erixirse como a potencia principal dos Balcáns, Bulgaria e Serbia lograron alcanzar un acordo o 13 de marzo de 1912 de defensa mutua e contrario á repartición de territorio otomán por outros Estados.[4] Os anexos secretos do acordo trataban sobre a división de Macedonia entre os dous países, deixando a futura fronteira entre ambos extremadamente vaga: Serbia anexionaría os territorios ao norte dos montes Šar, e Bulgaria os situados ao leste do Struma e das montañas Ródope.[4] O resto de Macedonia quedaba sen asignar, aínda que Serbia se comprometía a non exixir os territorios máis alá da liña Kriva Palanka-Veles-Ohrid, sen ocupar ningunha das dúas últimas poboacións.[4] O resto podería dividirse entre Bulgaria e Grecia.[4] Ambos os países comprometíanse a enviar 100.000 soldados á fronte de Macedonia, subministrando Serbia un total de 150.000 e Bulgaria 200.000 soldados.[4]

Máis tarde Bulgaria chegou a un acordo máis limitado con Grecia. Esta negouse a aceptar unha Macedonia autónoma e reclamou, como Bulgaria, o porto de Salónica.[4] Así, o acordo con Grecia foi puramente defensivo, ante as grandes diferenzas entre as dúas nacións.[4]

A continuación, Serbia e Bulgaria comezaron as negociacións con Montenegro, que debía provocar ao Imperio Otomán para lograr o estalido das hostilidades.[4] Rusia, consciente de que a súa alianza para frear o poderío do Imperio Austrohúngaro se convertera nun pacto para atacar ao Imperio Otomán, tratou de frealo mediante diplomacia, logrando o acordo de Austria-Hungría.[5] O 8 de outubro de 1912 estas dúas potencias advertían aos países balcánicos que os posíbeis cambios territoriais na península non serían recoñecidos polas grandes potencias, pero ese mesmo día Montenegro desencadeaba un ataque contra os otománs, apoiado inmediatamente polo resto dos seus aliados.[5]

Primeira guerra editar

Artigo principal: Primeira guerra balcánica.

As operacións contra o Imperio desenvolvéronse sen grandes problemas: os exércitos coligados contaban con 700.000 homes fronte aos 320.000 otománs, e a frota grega bloqueaba a península, estorbando os reforzos otománs.[5]

Mentres que os búlgaros se concentraban en atacar Istambul e sitiaban Edirne con reforzos serbios, os gregos ocupaban Salónica o 8 de novembro de 1912 , a onde os búlgaros chegaban o día seguinte.[6] En Macedonia os serbios ocupaban poboacións máis alá da liña de máxima expansión acordada cos búlgaros, facéndose con Prilep, Bitola e Ohrid.[6] No oeste, Serbia, decidida a lograr un porto no mar Adriático, avanzou cara a Durrës, a pesar de ser o territorio de maioría albanesa, e cercou Shkodër (Escútari) coa axuda de Montenegro.[6] No suroeste Grecia atacou Janina.[6]

A comezos de 1913 as posicións otomás na península limitábanse a catro cidades cercadas: Istambul, Edirne, Shkodër e Janina.[6] As grandes potencias interviron entón para decidir a asignación de territorios mediante a imposición en maio do Tratado de Londres, que asignaba Edirne a Bulgaria, Creta a Grecia e creaba Albania grazas á insistencia de Italia e Austria-Hungría, que non desexaban que Serbia contase con saída ao Adriático.[6] Esta e Grecia, que perderon os territorios albaneses ocupados no conflito, decidiron resarcirse noutro territorio.[6]

Segunda guerra editar

Artigo principal: Segunda guerra balcánica.
 
Mapa cos territorios ocupados pola Liga dos Balcáns tras as dúas guerras balcánicas. A liña vermella sinala a antiga fronteira otomá anterior ás mesmas.      Asignado a Serbia      Asignado a Bulgaria      Asignado a Romanía      Asignado a Montenegro      Asignado a Grecia      Albania independente

Serbia exixiu entón a Bulgaria estenderse máis alá do acordado, alegando que levara o peso dos combates en Macedonia e que perdera a súa saída ao mar, temendo en realidade o poder da nova Bulgaria, que lograra unha saída ao mar Exeo e grandes territorios en Macedonia.[7] Grecia, á súa vez, non desexaba unha Bulgaria poderosa a escasos quilómetros de Salónica.[7] Ante a tensión crecente entre os antigos aliados, Serbia e Grecia chegaron a un pacto secreto polo que se dividían Macedonia ao oeste do río Vardar, quedando o territorio ao leste do río para Bulgaria.[7] Pronto Montenegro e Romanía, que anhelaba tomar o sur da Dobruxa, uniron ao acordo.[7] O Imperio Otomán comezou a tratar tamén cos novos aliados.[7]

Mentres, Bulgaria encontrábase cada vez máis illada: tras o seu rexeitamento á mediación rusa perdeu o apoio desta, que apoiou as pretensións serbias, mentres os austrohúngaros trataban con Grecia e Romanía.[8] Confiando na súa (suposta) superioridade militar, Bulgaria atacou a Serbia e Grecia o 29 de xuño de 1913 .[8] Pronto os aliados destas entraron no conflito e o 31 de xullo de 1913 Bulgaria víase obrigada a asinar o armisticio, recoñecendo a súa derrota.[8]

Este segundo conflito levou consigo grandes perdas territoriais para Bulgaria, que cedeu o sur de Dobruxa, concedido a Romanía, e case toda a Macedonia, a excepción dos territorios que rodeaban Strumica, aínda que mantiña o seu acceso ao Exeo a través dunha franxa de 120 km e o porto de Dedeagatch.[8] Serbia obtiña case todo o norte de Macedonia, o Imperio Otomán recuperaba Edirne e a Tracia oriental, mentres que Grecia ocupaba Epiro, con Janina, e se estendía uns 75 km ao norte e leste de Salónica.[8] Montenegro e Serbia repartíanse o Sandžak e creábase Albania.[8]

Consecuencias editar

Intercambios étnicos e expulsións entre 1912 e 1915
Otománs Gregos Búlgaros
Macedonia grega 100.000 50.000
Macedonia grega e serbia 100.000
Tracia 150.000–160.000
Tracia oriental 51.000
Tracia occidental 40.000–50.000
Fronteira búlgaro-otomá 47.000 49.000
Total 190.000–200.000 150.000–160.000 250.000

As guerras supuxeron a expulsión definitiva do Imperio Otomán da península dos Balcáns salvo no extremo oriental de Tracia, o establecemento de fronteiras case definitivas que perduraron salvo breves intervalos durante as Guerras Mundiais e o nacemento de Albania como Estado independente.[8] Non resolveron, porén, as disputas territoriais entre os países balcánicos, mantendo Bulgaria os seus desexos de alcanzar as fronteiras do Tratado de San Stefano e sendo os territorios de Macedonia, Tracia e Dobruxa obxecto de competencia.

Por iso deixaron un forte descontento entre os seus participantes, que determinaría o partido que tomaría cada Estado na primeira guerra mundial.

Os diversos países envolvidos nos conflitos gastaron: Serbia, 590 millóns de francos-ouro; Montenegro, 100 millóns; Grecia, 467 millóns, e Bulgaria, 1300 millóns. As cifras otomás son imposíbeis de estimar.

O mesmo pode dicirse das vítimas otomás, estimadas en 100.000 entre mortos e feridos.[9]

Perdas humanas [10]
Perdas búlgaras Perdas serbias Perdas
gregas
Perdas
montenegrinas
Primeira guerra balcánica (mortos) 14.000 e
19.000 de enfermidades
36.550 5.169 2.836
Primeira guerra balcánica (feridos) 50.000 55.000 23.502 6.602
Segunda guerra balcánica (mortos) 18.000 e
15.000 de enfermidades
9.000 e
5.000 de cólera
2.563 240
Segunda guerra balcánica (feridos) 60.000 36.000 19.307 961

Notas editar

  1. Que algúns chaman terceira guerra balcánica.
  2. Refírese ao quebrantamento polo Imperio austrohúngaro do Tratado de Berlín de 1818. Polo seu artigo 25, o Imperio austrohúngaro recibira privilexios especiais nas provincias otomás de Bosnia-Herzegovina e o Sanžak de Novi Pazar. Este artigo rezaba: "As provincias de Bosnia e Herzegovina serán ocupadas e administradas por Austria-Hungría.[...] Austria-Hungría resérvase o dereito de manter gornicións e a ter estreadas militares e comerciais en toda a superficie deste territorio" (o Sanžak de Novi Pazar) "do antigo vilaxato de Bosnia". Austria-Hungría exerceu estes dereitos ocupando Bosnia e Hercegovina e mantendo un control compartido cos otománs do Sanžak de Novi Pazar. Esta situación persistiu desde 1878 até o estalido da crise, en 1908. En 1907, o ministro de exteriores austro-húngaro Alois Aehrenthal comezou a formular un plan para consolidar a posición de Austria-Hungría en Bosnia-Herzegovina mediante a anexión do territorio. A súa oportunidade chegou grazas a unha carta do ministro de exteriores ruso Aleksandr Izvolski e a súa famosa reunión con el no castelo de Buchlau, en Moravia (Austria-Hungría). O 5 de outubro de 1908 Bulgaria declarou a súa independencia do Imperio otomán. O 6 de outubro, o emperador Francisco Xosé anunciou ao pobo de Bosnia-Herzegovina a súa intención de darlles un réxime autonómico e constitucional, e as provincias foron anexionadas. O 7 de outubro, o Imperio austrohúngaro anunciou a súa retirada do Sanžak de Novi Pazar. Nin a independencia de Bulgaria nin a anexión de Bosnia estaban contempladas no Tratado de Berlín, polo que desataron una vagada de protestas diplomáticas.
  3. 3,0 3,1 3,2 Jelavich (1986), p. 216
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 4,5 4,6 4,7 Jelavich (1986), p. 217
  5. 5,0 5,1 5,2 Jelavich (1986), p. 218
  6. 6,0 6,1 6,2 6,3 6,4 6,5 6,6 Jelavich (1986), p. 219
  7. 7,0 7,1 7,2 7,3 7,4 Jelavich (1986), p. 220
  8. 8,0 8,1 8,2 8,3 8,4 8,5 8,6 Jelavich (1986), p. 221
  9. R. C. Hall (2000): The Balkan Wars 1912-1913. Prelude to the First World War. Routledge: London / New York. páxs. 135 - 138.
  10. R. C. Hall, Op. cit., páx. 135.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Dalègre, Joëlle (2002): Grecs et Ottomans. 1453-1923, de la chute de Constantinople à la disparition de l'Empire ottoman., Études grecques. París: L'Harmattan. ISBN 2-7475-2162-1 (en francés)
  • Hall, Richard C. (2000): The Balkan Wars 1912-1913. Prelude to the First World War. Routledge: Londres / Nova York. ISBN 0-415-22946-4 (en inglés)
  • Jelavich, Barbara & Jelavich, Charles (1986): The establishment of the Balkan national states, 1804-1920. Washington: University of Washington Press. ISBN 978-0-295-96413-3 (en inglés)

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar