Os termos guerra de Kosovo ou conflito de Kosovo utilízanse frecuentemente para describir dous conflitos que tiveron lugar, un despois do outro e cun certo solapamento (unha guerra civil seguida dunha guerra internacional), no sur da provincia Serbia de Kosovo (oficialmente Kosovo i Metohija), parte da antiga Iugoslavia. Os dous conflitos foron:

  1. 1996-99: Conflito de guerrilla entre os separatistas albaneses e as forzas de seguridade serbias e iugoslavas, no que os albaneses autodenominábanse movemento separatista mentres que as forzas serbias os consideraban terroristas.
  2. 1999: Guerra entre Iugoslavia e as forzas da OTAN, entre o 24 de marzo e o 10 de xuño de 1999, período durante o cal as forzas da OTAN realizaron bombardeos continuos contra obxectivos iugoslavos. Os combatentes albaneses continuaron atacando ás forzas serbias e aos civís serbios de Kosovo, mentres que as forzas serbias e iugoslavas continuaron atacando aos rebeldes e provocando desprazamentos masivos de poboación, con miras a mellorar a súa situación á hora dun cesamento do fogo.

Orixes do conflito editar

Kosovo na Iugoslavia de Tito (1945-1986) editar

Tanto os serbios coma os albaneses consideraron a Kosovo como espazo historicamente propio. Para os serbios, foi o centro cultural, así como o lugar da batalla de Kosovo, perdida contra os invasores otománs en 1389 (recórdase como o tributo serbio á defensa da cristiandade).

 
Slobodan Milošević en 1996, nunha entrevista.

As tensións entre as dúas comunidades estiveron presentes durante todo o século XX e produciron frecuentes feitos de violencia, particularmente durante a primeira guerra balcánica, a primeira e a segunda guerra mundial. O goberno comunista de Josip Broz, Tito respondeu con represión a todas as manifestacións nacionalistas en toda Iugoslavia, co propósito de manter un balance entre as diferentes repúblicas e, máis particularmente, evitar a predominancia de Serbia sobre as outras. En 1945 a poboación de Kosovo era maioritariamente de orixe serbia pero, xa a finais do século, os asentamentos albaneses pasaran a seren maioría na rexión. Contra finais dos anos 1960, o incipiente nacionalismo albanés empezara xa a tomar forma, a pesar do carácter represivo do réxime.

En 1974 estableceuse un novo estatuto para Kosovo, dándolle maior autonomía, un posto no consello da Presidencia e a súa propia Asemblea, forza policial e banca, sempre baixo o control do partido comunista da rexión.

Tras a morte de Tito, en 1980, creceron as demandas dos albaneses para constituírse na sétima república iugoslava, feito inaceptábel para serbios e macedonios. Algúns vían isto como un preludio para a creación dunha gran república dominante dentro da federación. A resposta a estas demandas foi a represión e a purga de simpatizantes co nacionalismo dentro do partido comunista de Kosovo.

Os conflitos entre a poboación aumentaron e con eles o sentimento nas comunidades de que o obxectivo de cada unha delas era o facer desaparecer a presenza da outra comunidade de Kosovo. Mentres que a poboación serbia se mantivo numericamente en Kosovo durante o goberno de Tito, a poboación albanesa medrou a un ritmo acelerado, chegando a ser máis do 80 % en 1991. Outro factor de presión na rexión foi o empeoramento da situación económica e a ausencia de empregos.

O retroceso político ocorrido en Iugoslavia despois do falecemento de Tito tivo diferentes orixes. Ademais dos conflitos étnicos houbo divisións políticas, de orde constitucional e até persoais entre os líderes do país. En Kosovo, porén, todos estes problemas traducíronse en crecentes niveis de tensión entre serbios e albaneses, creando un clima no que calquera incidente era exacerbado.

O Memorando da Academia Serbia de Ciencias e Artes daba conta en 1986 do xenocidio físico, político, legal e cultural sufrido polos serbios en Kosovo, comparando o estatuto de Kosovo á derrota contra o Imperio Otomán ou á ocupación nazi. Na conclusión do informe solicitaba a aplicación de medios para recuperar a presenza serbia en Kosovo. O informe produciu rexeitamento na poboación albanesa de Kosovo e nalgúns medios intelectuais de Serbia.

En abril de 1987, Slobodan Milošević, que xa nese momento presidía o comité central da Liga comunista de Serbia, viaxou a Kosovo e declarou o seu apoio ás reivindicacións da poboación serbia, obtendo instantaneamente a adhesión da poboación serbia de toda Iugoslavia, facilitando o camiño cara a presidencia de Serbia. Pero para acceder á presidencia de Iugoslavia, Milošević necesitaba o apoio da representación de Kosovo, de maneira que, en 1988, os líderes albaneses do partido comunista de Kosovo foron arrestados e lanzouse a chamada revolución antiburocrática, eliminando a pouca autonomía de Kosovo e impoñendo o estado de emerxencia.

Artigo principal: Discurso de Gazimestan.

Os cambios na Constitución xustificáronse como a única solución que permitía protexer a minoría serbia dos abusos da maioría albanesa de Kosovo. Un dos puntos de inflexión do conflito produciuse o 28 de xuño de 1989 cando, no 600º aniversario da Batalla de Kosovo, ante unha multitude de 1 000 000 de serbios chegados de todas partes do país, Milošević pronunciou o famoso discurso de Gazimestan, unha exaltación dos ideais serbios, arengando ás masas en recordo da batalla e apelando á unidade dos serbios para os momentos difíciles que se vivían.

Racak e a Conferencia de Rambouillet (xaneiro-marzo de 1999) editar

Os ataques do UÇK e as respostas serbias continuaron e tiveron o seu punto culminante no ataque conxunto da policía serbia e o exército iugoslavo á vila de Racak, onde morreron 45 albaneses. O incidente considerouse como un masacre en Occidente e polo Consello de Seguridade das Nacións Unidas, converténdose na base dun dos cargos polos crimes de guerra contra Milošević e os seus altos oficiais. Segundo fontes serbias, os albaneses morreron en combate, porén, o Tribunal Penal Internacional para a ex Iugoslavia documentou varios casos de asasinatos en Racak (o xuízo a Milošević non puido concluír debido á morte deste o 11 de marzo de 2006).

El 30 de xaneiro de 1999, a OTAN decidiu enviar a Kosovo unha forza de interposición. No seu anuncio agregou:

  • A OTAN informa estar preparada para lanzar ataques aéreos a obxectivos iugoslavos co fin de forzar un arranxo político do conflito. Claramente se anunciaban bombardeos se o goberno de Milošević non chegaba a un acordo de paz co UÇK, pero tamén estaba a ameaza velada aos albaneses do UÇK de deixalos sós de non chegaren a un acordo.
  • O Grupo de Contacto formado propuxo unha serie de principios non negociábeis, que incluían o regreso ao estatuto de autonomía de Kosovo anterior a 1990 e a introdución de institucións democráticas transparentes con supervisión internacional. Igualmente convocou a unha conferencia de paz que se levou a cabo no Castelo de Rambouillet, nas aforas de París.

A conferencia de Rambouillet tivo lugar entre febreiro e marzo de 1999. No informe final, as partes comprometíanse nos seguintes puntos:

  • Establecer un estatuto de autonomía para Kosovo que incluíra eleccións libres e transparentes, protección aos dereitos humanos e un réxime xudicial independente.
  • As regras para a presenza internacional na rexión serían establecidas nunha conferencia inmediatamente posterior á primeira.
  • O establecemento dun cesamento ao fogo, evitando as partes provocar e responder a provocacións que puideran poñer en perigo o acordo obtido.

Ao final, o acordo non foi asinado por Serbia, cuxa delegación propuxo máis adiante unha versión corrixida que eliminaba principalmente o acceso ás forzas da OTAN ao territorio de Iugoslavia.

Tras o fracaso da Conferencia de paz de Rambouillet retiráronse os observadores internacionais. O 22 de marzo, a asemblea serbia, ante a inminencia dos bombardeos da OTAN, aceptou o principio de autonomía de Kosovo, pero condenou os resultados da conferencia desautorizando á súa delegación por negociar con terroristas. Isto non foi suficiente para frear a intervención militar da OTAN, que se iniciou o 24 de marzo.

Campaña de bombardeos da OTAN editar

Os bombardeos da OTAN duraron desde o 24 de marzo até o 10 de xuño de 1999. Usáronse 1.000 aeronaves operando desde bases situadas en Italia e portaavións no mar Adriático. Os mísiles máis usados foron os tomahawks (mísil de cruceiro), os cales se lanzaban desde aeronaves, barcos e submarinos. Durante as dez semanas que durou o conflito bélico, os avións da OTAN realizaron 38.000 misións de combate.

Aínda que todos os membros da OTAN chegaron a involucrarse en maior ou menor grao, os Estados Unidos foron o membro dominante da coalición contra Serbia. Tamén destacou Grecia, que desempeñou un papel crucial a pesar da súa oposición pública á guerra.

O portavoz da OTAN expresou brevemente o obxectivo desta operación como: "Expulsión dos serbios, permanencia das forzas de paz, retorno de refuxiados". Isto significaba que as tropas serbias terían que marchar de Kosovo para ser substituídas por forzas de paz internacionais e así asegurar que os refuxiados albaneses puideran volver ás súas casas. Porén, este lema tiña un nefasto duplo significado, causando á OTAN un considerábe apuro tras a guerra, cando uns 200.000 serbios e outras minorías non albanesas fuxiron ou foron expulsadas da provincia. Unha razón non oficial para a guerra deuna implicitamente Madeleine Albright (Secretaria de Estado dos Estados Unidos): "Para que nos serve ter o mellor exército se non podemos usalo?"; unha observación que, supostamente, causou que o xefe do Estado Maior do exército dos Estados Unidos cuestionara a súa cordura. Tamén se suxeriu que unha vitoria nunha pequena guerra axudaría a dar á OTAN unha nova función.

 
Bombardeiro F-15 da OTAN engalando na base de Aviano (Italia).
 
Lugares de Kosovo e do sur de Serbia bombardeados pola OTAN.

O comezo da campaña ideose para destruír as defensas aéreas serbias e obxectivos de alto valor militar. Os resultados iniciais non foron bos, o mal tempo obstaculizou algunhas intervencións prematuras. A OTAN subestimara seriamente a vontade de resistir de Milošević: poucos en Bruxelas pensaron que a campaña duraría algo máis que algúns días. Aínda que os bombardeos iniciais foron notábeis, non foron, nin por asomo, como os que se viron en Bagdad en 1991 e, máis adiante, en 2003. Sobre o terreo o combate empeoraba. Despois dunha semana desde que comezara a guerra, ao redor de 300.000 albaneses de Kosovo fuxiran ás veciñas Albania e Macedonia e uns cuantos miles máis se desplazáronse polo interior de Kosovo. En abril, as Nacións Unidas informaron que fuxiran das súas casas 850.000 persoas, a gran maioría albaneses.

O éxodo dos refuxiados, cuxa causa é obxecto dunha gran controversia, forma a base dos cargos por crimes de guerra que as Nacións Unidas imputan a Slobodan Milošević e outros oficiais responsábeis de dirixir o conflito en Kosovo. A parte serbia e os seus apoios occidentais afirman que as migracións foron causadas por un pánico masivo na poboación albanesa de Kosovo, e que o éxodo se xerou principalmente por medo aos bombardeos da OTAN. Tamén se alegou que o éxodo foi alentado poas guerrillas do UÇK, que incluso nalgúns casos deron ordes directas de fuxir aos albaneses. Algúns informes de testemuñas, tanto serbios como albaneses, identificaron como os culpábeis ás forzas de seguridade e grupos paramilitares serbios, responsábeis de baleirar sistematicamente de habitantes albaneses cidades pequenas e vilas. De feito houbo algúns casos ben documentados de expulsións masivas, como sucedeu en Pristina a finais de marzo, cando decenas de miles de persoas foron reunidas a punta de pistola e cargadas en trens para seren abandonadas na fronteira macedonia. Outras cidades, como Pec, foron incendiadas.

 
Milo Djukanović.
 
Zona residencial bombardeada.
 
Edificios destruídos en Kosovo.

O ministro alemán de Asuntos Exteriores Joschka Fischer afirmou que a crise dos refuxiados producírase por un plan serbio denominado "Operación Ferradura". Aínda que a existencia dun plan con ese nome é aínda un asunto de continua discusión, as Nacións Unidas e as organizacións internacionais para a defensa dos dereitos humanos estaban convencidas de que a crise dos refuxiados fora o resultado dunha política deliberada de limpeza étnica. Unha análise estatística posterior á guerra sobre os patróns de desprazamento, dirixido por Patrick Ball da Asociación americana para o avance da ciencia encontrou unha correlación directa entre as operacións das forzas de seguridade serbias e os fluxos cara ao exterior de refuxiados, tendo moi pouco efecto nestes últimos as operacións da OTAN.[1] Houbo outra evidencia de que a crise dos refuxiados fora fabricada artificialmente: algúns refuxiados informaron que os seus documentos de identidade foran confiscados por forzas de seguridade, facendo máis difícil para eles probar de forma indiscutíbel que eran cidadáns iugoslavos. Unha vez rematado o conflito, as fontes serbias informaron de que algúns dos que se uniron no retorno dos refuxiados eran de feito albaneses procedentes de fóra de Kosovo. Unha parte deste grupo poderían ser os indocumentados.

Non está claro o que buscaba Milošević expulsando aos habitantes albaneses de Kosovo. Unha posibilidade é que desexara substituír a poboación albanesa con refuxiados serbios de Bosnia e Croacia, logrando por tanto unha "serbianización" da provincia. O que si está moi claro é que a OTAN, o desexara ou non, logrou unha considerábel vantaxe propagandística da fuxida de Kosovo. Se era o que pretendían, foi un grande éxito, xa que acabou convencendo á poboación dos países membros da OTAN de que tiñan que vencer neste conflito.

Europa xa estaba encontrando problemas para facerlle fronte, tivo ondadas previas de refuxiados e buscadores de asilo político procedentes dos Balcáns, así que outra nova vaga de refuxiados desestabilizaría seriamente o sueste de Europa. Pódense dar argumentos que apoian que a guerra en Kosovo non era, inicialmente, de grande interese para os Estados pertencentes á OTAN, pero a crise dos refuxiados fixo que si o fora.

Produciuse un cambio nas operacións militares da OTAN ao incrementarse o ataque a obxectivos serbios situados sobre o terreo (facendo branco en obxectivos tan pequenos como tanques individuais e unidades de artillaría), á vez que se continuaba co bombardeo estratéxico. Porén, esta actividade estaba moi limitada polos políticos, de modo que cada obxectivo tiña que ser aprobado por cada un dos 19 países membros. Montenegro foi bombardeado en varias ocasións, pero co tempo a OTAN desistiu para apoiar a posición inestábel do seu líder anti-Milošević Milo Djukanović.

Atacáronse os chamados obxectivos de uso dual, usados á vez por civís e militares. Estes incluían pontes sobre o Danubio, fábricas, centrais eléctricas, instalacións de telecomunicacións, e aqueles que resultaron particularmente controvertidos, a sede dos esquerdistas iugoslavos (un partido político dirixido pola esposa de Milošević) e a torre de radiodifusión da televisión estatal serbia. Algúns viron estas accións como violacións das leis internacionais e en particular da convención de Xenebra. A OTAN, porén, argumentou que estas instalacións eran potencialmente útiles para os militares serbios e, por tanto, o seu bombardeo estaba xustificado. A alianza tamén mantivo que se esforzou en evitar vítimas civís durante a campaña de bombardeos.

A comezos de maio unha aeronave da OTAN atacou un convoi de refuxiados albaneses, alegando que se creu que era un convoi militar serbio; morreron ao redor de 50 persoas. A OTAN tardou cinco días en admitir a súa responsabilidade, chamándoo un erro. Porén, os serbios acusaron á OTAN de atacar deliberadamente aos refuxiados. O 7 de maio, bombas da OTAN impactaron na embaixada chinesa de Belgrado, matando a varios diplomáticos chineses e indignando á opinión pública chinesa. Os Estados Unidos e máis tarde a OTAN pediron desculpas polo bombardeo, aclarando que o sucedido fora debido a un mapa obsoleto da rexión proporcionado pola CIA. Este argumento foi contradito conxuntamente polos xornais The Observer (Reino Unido) e Politiken (Dinamarca),[2] os cales informaron que a OTAN bombardeou de forma deliberada a embaixada porque funcionaba como repetidor para os sinais de radio do exército iugoslavo. Tamén se dixo que foi debido a que desde a embaixada analizábanse os voos dos avións invisíbeis estadounidenses. O bombardeo tensou as relacións entre a China e os países da OTAN e provocou que no exterior das embaixadas occidentais en Beijing se deran mostras de enfado e malestar.

A principios de xuño, a solución do conflito parecía próxima e os países da OTAN empezaron a pensar seriamente nunha operación terrestre, unha invasión de Kosovo. Isto debía ser organizado rapidamente, xa que quedaba pouco tempo para que chegara o inverno e había que traballar moito para mellorar as vías desde os portos gregos e albaneses até as rotas planexadas para levar a cabo a invasión, a través de Macedonia e o nordeste de Albania. Porén, ao mesmo tempo, negociadores finlandeses e rusos continuaban intentando persuadir a Milošević de que cedera. Finalmente este recoñeceu que a OTAN estaba resolta a acabar co conflito dun modo ou outro e que Rusia non interviría en apoio de Serbia. Con tan poucas alternativas á vista, Milosešević aceptou as condicións ofrecidas polo equipo mediador de Finlandia-Rusia e permitiu a presenza militar de tropas da OTAN dentro de Kosovo, pero lideradas pola ONU.

Consecuencias da guerra editar

Ao finalizar a guerra, o 10 de xuño, tanto Kosovo como Iugoslavia enfrontáronse a un futuro incerto.

 
Monumento ao UÇK en Djakovica.

O primeiro problema, o dos refuxiados albaneses, foi resolvido en gran parte de forma moi rápida: en tres semanas, cerca de 500.000 refuxiados albaneses regresaron aos seus fogares. Contra finais de novembro de 1999, segundo cifras de ACNUR, máis de 800.000 dos 850.000 desprazados xa regresaran. Porén, gran parte da poboación serbia de Kosovo foi desprazada da provincia debido aos ataques de vinganza, xunto coas poboacións doutras orixes. A Cruz Vermella iugoslava deu cifras de cerca de 250.000 refuxiados, a maioría deles de orixe serbia. En pouco tempo, a poboación de orixe serbia en Kosovo reduciuse a menos dun cuarto da que había antes da guerra.

As baixas civís producidas durante os ataques da OTAN estímase que foron entre 1.200 e 5.700, segundo as autoridades serbias, e en 500 segundo Human Rights Watch. Con respecto ás forzas militares iugoslavas, a OTAN estima que ocorreron un máximo de 5.000 baixas durante o conflito, mentres que os serbios deron a cifra de 576 efectivos mortos (462 soldados e 114 policías). Despois de finalizar a guerra, desenterráronse cerca de 4.500 corpos de albaneses na súa maioría. Estímase que o total de baixas albanesas proxímase aos 10.000 mortos. Esta cifra debátese aínda na actualidade, pero dista moito da cifra de 500.000 homes supostamente desaparecidos anunciada antes de finalizado o conflito. Diversas fontes sinalan que dos 4.400 casos documentados de baixas as cifras se elevaron a 10.356.[3]

Dado que non houbo combates terrestres nos que participaran as forzas da OTAN, as súas baixas foron moi reducidas, a maioría delas ligadas a operacións aéreas e a accidentes ocorridos durante os combates. A destrución producida nas forzas iugoslavas tampouco foi moi grande. Foron destruídos 50 aparatos da forza aérea iugoslava, pero a maioría dos tanques atacados en terra eran reclamos. De acordo co diario londiniense The Time destruíronse un total de 13 tanques serbios. As baterías antiaéreas non se utilizaron e, por tanto, non se descubriron, o que obrigou á aviación da OTAN a voar a grande altura para evitalas durante todo o tempo que duraron os bombardeos.

Un estudo realizado por Spiegel e Salama, publicado en The Lancet,[4] estima en 12.000 o total de baixas ocorridas durante a guerra de Kosovo.

Notas editar

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Análises editar

  • Xavier Pacreau, De l'intervention au Kosovo en 1999 à l'intervention en Irak de 2003 : Analyse comparative des fondements politiques et juridiques, LGDJ, 2006 ISBN 2-275-02762-9
  • La guerre du Kosovo, Revue Strategique 74-75, Economica, 2000 ISBN 2-7178-4134-2
  • Jean-Arnault Dérens e Catherine Samary, Les conflits yougoslaves de A à Z, Éditions de l'Atelier, 2000 ISBN 2870823532
  • Bernard Adam, La guerre du Kosovo: éclairages et commentaires, Éditions Complexe, 1999 ISBN 2-87027-717-2
  • Dusan T. Batakovic, Kosovo: La spirale de la haine, les faits, les acteurs, l'histoire, L'Âge d'Homme, 1998 ISBN 2-8251-1132-5

Xustificación da guerra editar

  • Jean-Arnault Dérens, Marek Antoni Nowicki, Kosovo, année zéro, Paris-Méditerranée, 2006 ISBN 2-84272-248-5
  • Alain Madelin, Le Droit du plus faible, Éditions Robert Laffont, 1999 ISBN 2-221-09069-1
  • Antoine Garapon, Denis Salas e Olivier Mongin, Kosovo un drame annoncé, Michalon, 1999 ISBN 2-84186-113-9

Críticas editar

  • Vladimir Volkoff, Désinformation, flagrant délit, Monaco, Éditions du Rocher, 1999.
  • Alain Brossat e Jean-Yves Potel, Au miroir de la guerre, Editions de l'Aube, 2000.
  • Noam Chomsky, Le Nouvel humanisme militaire. Leçons du Kosovo, 2000. ISBN 2-940189-17-X
  • Michel Collon, Monopoly, L'Otan à la conquête du monde, EPO, Bruxelles, 2000. ISBN 2-87262-171-7
  • Michel Collon e Vanessa Stojilkovic, Les Damnés du Kosovo (documentaire, 78'), Bruxelles, 2002.
  • Jürgen Elsässer, La RFA dans la guerre au Kosovo, l'Harmattan, 2002. ISBN 2-7475-2988-6
  • Serge Halimi e Dominique Vidal, L’opinion, ça se travaille, Contre-feux, 2000. ISBN 2-922494-28-4
  • Diana Johnstone, La Croisade des fous: Yougoslavie, première guerre de la mondialisation, Le Temps des Cerises, 2005, ISBN 2-84109-533-9
  • Alexandre Del Valle, Guerres contre l'Europe, Bosnie, Kosovo, Tchétchénie", L'Age d'Homme, 2000.

Bibliografía editar

  • The Dollar and the Gun: historias curtas, con base documental, sobre ou inspiradas na guerra de Kosovo, escritas polo novelista e pensador Shlomo Kalo. Publicadas en Serbia, Inglaterra, Israel, Grecia, Italia e a India.
  • Elegy for Kosovo: Historias por Ismail Kadare.
  • From Kosovo to Kabul and Beyond: Dereitos humanos e intervención internacional, por David Chandler.
  • Waging Modern War: Bosnia, Kosovo, e o futuro, por Wesley K. Clark.
  • Love Thy Neighbor: Unha historia da guerra, por Peter Maass.
  • The Tenth Circle of Hell: Paralelismo entre Bosnia e a situación en Kosovo, por Rezak Hukanovic.
  • The Balkans: Nacionalismo, guerra e as grandes potencias (1804-1999), por Misha Glenny.
  • Beyond the Mountains of the Damned: A guerra en Kosovo, por Mattew McAllester.
  • Madness Visible A Memoir of War, por Janine Di Giovanni.

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar