A guerra de Corea foi un conflito bélico entre Corea do Norte (comunista) e Corea do Sur (capitalista) que se desenvolveu entre o 25 de xuño de 1950 e o 27 de xullo de 1953. Á vez, foi unha guerra non oficial entre os Estados Unidos e a Unión Soviética. Os principais combatentes nesta guerra foron as repúblicas de Corea do Norte e a China por un bando e Corea do Sur, con axuda dos Estados Unidos, Australia, o Canadá, o Reino Unido, Colombia e outras nacións baixo o mando de Estados Unidos polo outro. A Unión Soviética tamén subministrou conselleiros militares e pilotos de combate, así como armamento ás tropas chinesas e norcoreanas.

Guerra de Corea
Data 25 de xuño de 1950 - 27 de xullo de 1953
Lugar Península de Corea, mar do Xapón e estreito de Corea
Resultado * Statu quo ante bellum, ambos os bandos adxudícanse a vitoria

Desenvolvemento editar

A península de Corea, posesión xaponesa, fora ocupada pola URSS e os EUA en 1945 tomando como liña de división o paralelo 38º. O estalido da guerra fría tivo como resultado a partición deste país en dous estados: Corea do Norte, onde en 1948 se estableceu unha "república popular", é dicir, unha ditadura comunista dirixida por Kim Il Sung; e Corea do Sur, onde ese mesmo ano Syngman Rhee estableceu unha férrea ditadura prol-norteamericana.

O triunfo da revolución comunista na China o 1 de outubro de 1949 alterou completamente o equilibrio xeoestratéxico de Asia. Stalin, que viña de sufrir serios reveses en Europa (fracaso do bloqueo de Berlín ou o cisma iugoslavo), non puido resistir a tentación de recuperar terreo en Asia e deu o seu acordo a un ataque norcoreano a Corea do Sur.

Así, o 25 de xuño de 1950, as tropas de Kim Il Sung atravesaron o paralelo 38º e avanzaron triunfalmente cara ao sur. O réxime surcoreano apenas puido manter un pequeno territorio ao redor de Pusan.

A reacción norteamericana, para a sorpresa de Stalin, foi inmediata. Washington pediu a convocatoria do Consello de Seguridade da ONU e conseguiu un mandato para pórse á fronte dun exército que fixese fronte á agresión norcoreana. A ausencia do delegado soviético, que rexeitara asistir ás reunións do Consello como protesta pola negativa norteamericana de aceptar á China Popular nel, propiciou esta resolución.

As tropas multinacionais da ONU, na práctica o exército norteamericano ao mando do xeneral McArthur, recuperaron rapidamente o terreo perdido e o 19 de outubro tomaron Pyongyang, a capital de Corea do Norte.

Tres días antes, o 16 de outubro, tropas chinesas con masivo apoio militar soviético penetraron en Corea facendo recuar o exército norteamericano. O 4 de xaneiro de 1951, as tropas comunistas retomaron Seul.

Nese momento, McArthur propuxo o bombardeo atómico do norte da China. Tanto o presidente Truman como a maioría do Congreso reaccionaron alarmados ante unha acción que podía levar ao enfrontamento nuclear coa URSS. Nun enfrontamento cada vez máis aberto, Truman destituíu a MacArthur entre as protestas da dereita republicana e substituíno polo xeneral Ridgway.

A URSS pola súa banda manifestou a súa intención de non intervir no conflito e o seu desexo de que coexistiesen dous sistemas diferentes na península. O "empate militar" levou á apertura de negociacións que concluirían en xullo de 1953, pouco logo da morte de Stalin, coa firma do Armisticio en Panmunjong. Nel acordouse unha nova liña de demarcación que serpentea en torno ao paralelo 38º.

A supervivencia do réxime comunista norcoreano fixo que esta "fronteira da guerra fría" sexa a única que sobreviviu ata o século XXI.

Comezo da guerra editar

Aínda que a historiografía comunista suxire que Corea do Sur efectuou un primeiro ataque, a versión máis aceptada di que o 25 de xuño de 1950 as forzas de Corea do Norte mobilizáronse cara ao sur en masa. Usando o equipamento soviético e con enormes reservas, o seu ataque sorpresa foi un éxito esmagador. En poucos días as forzas militares do Sur de Corea xa estaban en total retirada e, xunto ao pequeno número de estadounidenses en Corea, estaban transitando dentro dunha pequena área ao redor da cidade de Pusan. Coa axuda das provisións estadounidenses e a axuda aérea, as forzas ROK manexaron e estabilizaron esta fronteira. Isto iniciou unha acción desesperada de aferramento chamada o Perímetro Pusan. Aínda que chegou máis axuda da ONU a situación era perigosa, e parecía que o Norte podería gañar o control da península enteira.

 
Un par de M40 provendo de soporte de lume á 25ª división de infantaría do exército dos Estados Unidos, en Munema, o 26 de novembro de 1951.

Reacción occidental editar

A invasión de Corea do Norte tomou por sorpresa aos Estados Unidos e ás outras potencias occidentais; Dean Acheson, do Departamento de Estado, manifestara ao Congreso o 20 de xuño que a guerra non era probable. Con todo, un informe da CIA a principios de marzo previra unha invasión en xuño.

En audiencia pública pola invasión, Harry S. Truman concordou cos seus conselleiros en usar a forza aérea estadounidense, unilateralmente, contra as forzas de Corea do Norte. Tamén ordenou á Sétima Frota protexer Taiwán. Os Estados Unidos tamén tiña forzas substanciais no Xapón, o que deu marxe para unha rápida intervención. As accións estaban postas baixo o comando do xeneral Douglas MacArthur, quen estaba a cargo das forzas estadounidenses no Pacífico. As demais potencias occidentais estiveron rapidamente de acordo coas accións estadounidenses e ofreceron voluntariamente a súa axuda ao esforzo bélico.

Os estadounidenses organizaron o Grupo de Operacións Especiais Smith, e o 5 de xullo estaba ocupado no primeiro choque da guerra Corea do Norte - Estados Unidos.

A acción estadounidense levouse a cabo por varias razóns. Truman estaba baixo unha severa presión doméstica por ser demasiado suave co comunismo. Especialmente elocuentes foron aqueles que acusaron aos Demócratas de contar simplemente coa "derrota chinesa". A intervención era tamén unha importante implantación da nova Doutrina Truman, a cal avogaba pola oposición ao comunismo en calquera lugar onde este intentase expandirse.

As potencias occidentais gañaron un mandato para a acción das Nacións Unidas porque os Soviéticos estaban boicoteando o Consello de Seguridade mentres a República da China (Nacionalista) mantiña o escano chinés. Sen o veto soviético e coa abstención de Iugoslavia unicamente, a ONU votou a favor de axudar ao Sur de Corea. Os Estados Unidos loitarían sen importar o resultado, e isto evidenciouse cando Douglas MacArthur máis tarde díxolle ao Congreso, "Eu non tiven nada que ver coa decisión da ONU". Ás forzas estadounidenses uníronse durante o conflito a tropas doutros 15 países membros da ONU: Australia, Bélxica, Canadá, Colombia, Etiopía, Filipinas, Francia, Grecia, Países Baixos, Nova Zelandia, Luxemburgo, o Reino Unido, Suráfrica, Turquía e Tailandia (Truman máis tarde recibiría críticas por non obter unha declaración de guerra do Congreso antes de enviar tropas a Corea). Por este feito, este conflito ao que se lle chamou a "Guerra de Truman" violara o espírito, se non a carta, da Constitución dos Estados Unidos de América.

As forzas dos Estados Unidos estaban sufrindo problemas orixinados pola desmobilización que empezara desde 1945. Exceptuando os marines, as divisións de infantaría enviaron a Corea o 40% da súa capacidade no papel, e a maioría do seu equipamento era inservible. Outras forzas tiñan unha desmobilización aínda maior, e á parte dos británicos moitos meses antes chegaran forzas considerables doutros socios da coalición.

Os Nacionalistas Chineses, agora confinados a Taiwán, solicitaron participar na guerra, pero o seu pedido foi denegado polos estadounidenses quen sentiron que detrás dese interese unicamente ocultábase a motivación dunha intervención Comunista China.

Inchón editar

Para aliviar a presión no perímetro Pusan, McArthur, como comandante en xefe das forzas da ONU, ordenou unha invasión sobre as tropas norcoreanas en Inchon. Esta foi unha operación extremadamente arriscada, pero tamén tivo un éxito tremendo. As tropas das Nacións Unidas conseguiron chegar ata Inchon, enfrontándose unicamente cunha suave resistencia e empezando a mobilizarse rapidamente para recapturar Seúl. Os Norcoreanos tiveron que emprender unha rápida retirada das súas liñas de abastecemento para o norte, e as forzas da ONU e a ROK, que estaban confinadas no sur, puideron entón moverse para o norte e unirse ás tropas que xa estaban en Inchon.

As tropas de ONU levaron aos norcoreanos de regreso alén do paralelo 38. O obxectivo, que era o de salvar a Corea do Sur, fora cumprido, pero polo éxito e a prosperidade dunha unión de toda Corea baixo o mando de Syngman Rhee os estadounidenses estaban convencidos de continuar en Corea do Norte. Moitos en Occidente, incluíndo o xeneral McArthur, tamén tiñan o pensamento xeneralizado de que a guerra na China era boa idea. Truman e os outros líderes non concordaban, polo cal McArthur tiña a orde de ser moi cauteloso cando se achegase á fronteira chinesa. No entanto, McArthur fixo caso omiso das devanditas ordes.

Intervención chinesa editar

A República Popular da China advertira que reaccionaría se as forzas da ONU excedían o límite da fronteira no río Yalu. Mao buscou a axuda soviética e viu a intervención como esencialmente defensiva. "Se nós permitimos que os Estados Unidos ocupen toda Corea... debemos estar preparados para que os Estados Unidos declaren... a guerra con China", isto foi o que dixo a Stalin.

 
Fases da guerra de Corea en 1950, 1951 e 1953.

Zhou Enlai foi enviado a Moscova para agregar contundencia aos argumentos de Mao que foran enviados por cable. Mao atrasou as súas forzas mentres esperaba pola axuda soviética, e polo tanto o ataque planeado foi posposto do 13 de outubro ao 19 de outubro. A asistencia soviética limitouse simplemente a prover apoio aéreo a 60 millas (96 km) da fronte de batalla. Os MiG-15 coas cores da RPC foron unha desagradable sorpresa para os pilotos da ONU; eles mantiveron a superioridade aérea local contra os F-80 Shooting Stars ata que os novos F-86 Sabres foron despregados. A tarefa dos soviéticos foi coñecida polos Estados Unidos, pero preferiron manterse quedos para evadir calquera incidente internacional e potencialmente nuclear.

Un asalto chinés iniciado o 19 de outubro de 1950, baixo o comando do xeneral Peng Dehuai con 380.000 Tropas de Voluntarios do Exército Popular de Liberación repeleu as tropas da ONU e levounas ata o paralelo 38, a fronteira do preconflito. O asalto chinés colleu as tropas estadounidenses por sorpresa, xa que a guerra entre a RPC e os Estados Unidos non fora declarada. A retirada da Corporación X dos Estados Unidos foi a máis longa retirada dunha unidade estadounidense na historia. Os Marines, no lado leste da península, avanzaron mellor, debido principalmente ao seu mellor adestramento e disciplina.

O 4 de xaneiro de 1951, as forzas comunistas da China e Corea do Norte capturaron Seúl. A Batalla do encoro de Chosin no inverno foi unha terrible derrota para as tropas das Nacións Unidas, compostas principalmente por Marines dos Estados Unidos. A situación foi tal que McArthur mencionou que podían ser usadas armas atómicas, o cal chegou a alarmar os aliados dos Estados Unidos.

McArthur foi relevado da comandancia polo Presidente Truman en 1951. As razóns para esta decisión eran moitas, e ben documentadas. Entre estas estaba a reunión que tivo McArthur co Presidente da República da China (Taiwán) Chiang Kai-shek facendo o papel de diplomático dos Estados Unidos. McArthur tamén se equivocou en Guam cando o Presidente Truman lle preguntou especificamente sobre o reforzo dunha tropa chinesa que estaba preto da fronteira con Corea. Ademais, McArthur demandou abertamente un ataque nuclear sobre China. Tamén era rudo e frívolo cando falaba con Truman. McArthur foi substituído polo xeneral Matthew Ridgway.

Estancamento editar

 
Panmunjeom, fronteira entre o Sur e o Norte de Corea na Zona Desmilitarizada.

O resto da guerra só tivo pequenos cambios de territorio e longas negociacións de paz (as cales empezaron en Kaesong o 10 de xullo do mesmo ano). Un cesamento do fogo estableceu unha Zona Desmilitarizada ao redor do paralelo 38, o cal é aínda hoxe en día defendido polas tropas de Corea do Norte por unha banda e polas tropas de Corea do Sur e dos Estados Unidos pola outra. Ningún tratado de paz foi asinado 50 anos despois. O novo Presidente estadounidense Dwight D. Eisenhower elixido o 29 de novembro de 1952 prometeu na súa campaña viaxar a Corea para ver que se podería facer para finalizar o conflito.

Colombia editar

Inmediatamente o secretario da ONU (Organización das Nacións Unidas) formula a petición de axuda ás forzas aliadas respondendo nacións como Australia, Bélxica, Luxemburgo, Canadá, Grecia, Holanda, Francia, Turquía, entre outros. Colombia pola súa banda "ofreceu unha unidade naval ás forzas aliadas e dúas semanas máis tarde agregou ao seu compromiso un batallón de infantería. Aceptadas ambas as unidades, a fragata Almirante Padilla partiu de Cartaxena para a base naval de San Diego California, baixo o mando do capitán de corveta Xulio Cesar Reyes Canle, a fin de adiantar reparacións e adecuación do seu equipo para a misión de guerra e un período de adestramento para a súa tripulación. En canto ao corpo de infantería, o decreto 3927 de decembro de 1950 creou o Batallón de Infantería Nº 1 Colombia, con destino ao exército das Nacións Unidas en Corea".

Dos 4.314 combatentes colombianos que participaron do conflito asiático, 111 oficiais e 590 suboficiais participaron en operacións de guerra e o resto na vixilancia do armisticio, recibindo para o efecto o mesmo adestramento intensivo dos anteriores. O saldo final da guerra para o batallón Colombia foi de 639 baixas de combate distribuídas entre 163 mortos en acción, 448 feridos, 28 prisioneiros trocados e dous desaparecidos. Iso permitiu a Colombia en termos humanos figurar na listaxe de nacións libres defensoras da liberdade e a democracia de acordo co perfil político da época. Para un exército pequeno ese case milleiro de profesionais, diseminados ao seu regreso por todos os corpos de tropas do país, significaron unha importante inxección de modernidade.

Apareceron igualmente numerosas publicacións militares sobre as experiencias da guerra, e varias cátedras novas nas escolas militares a cargo dos oficiais que tiveron a experiencia da guerra.

En xeral, o nivel loxístico do accionar militar colombiano foi o máis beneficiado; emendáronse as deficiencias e carencias en termos de evacuación de feridos, mortos, material de guerra e mantemento de equipos, desempeño de unidades ao servizo da orde pública, entre outros. Todas estas tácticas e técnicas de combate postas en práctica redundaron en beneficio do esforzo por controlar a orde pública interior, o cal víase seriamente afectado polo crecente bandoleirismo e a formación de guerrillas e grupos de resistencia civil e armada a mediados do século XX.

Doutro lado, a participación de Colombia na guerra deixou fortes efectos internacionais no vindeiro da súa relación cos Estados Unidos no marco da guerra fría.

Representacións artísticas editar

Pintura editar

  • Masacre en Corea (1951) de Pablo Picasso, describiu a violencia contra os civís durante a Guerra de Corea. Os asasinatos de civís polas forzas estadounidenses en Shinchun, provincia de Hwanghae, foi o motivo da pintura. En Corea do Sur, a pintura foi considerada antiestadounidense, o que a converteu durante longo tempo nun tabú no Sur, prohibida a súa exhibición pública ata 1990.

Literatura editar

  • "O monte calvo" obra teatral creada polo colombiano Jairo Anibal Neno, utiliza dous ex-soldados (Sebastian e o coronel) do batallón Colombia (que participou na guerra de Corea)e a un ex-pallaso (Canoto) para criticar toda posición militarista ou guerrerista, e tamén para mostrar o que é unha guerra e o que causa nos que en verdade a viven.

Televisión e cine editar

  • A Hill in Korea coñecida como Inferno en Corea é unha película estadounidense de 1956 que narra o cerco a que se ve sometido unha pequena patrulla por tropas chinesas.
  • M*A*S*H; libro, filme e serie de televisión, a cal describe as desgrazas dos empregados dun hospital militar móbil e a forma como eles se esforzaban por manter a súa saúde a través das cousas absurdas da guerra e dos humores rivais. A pesar de que M*A*S*H deu unha boa descrición da Guerra de Corea, había algúns defectos na serie de televisión. Para empezar, había máis médicos coreanos nas unidades MASH que os mostrados na serie. Na serie, a maioría eran estadounidenses. Tamén, nos primeiros episodios había un personaxe chamado Spearchucker Jones quen era negro. Na realidade, non había médicos negros nas unidades MASH. A serie durou máis que a mesma Guerra de Corea.
  • Pork Chop Hill coñecida en España como A cima dos heroes é un filme de 1959 no que un tenente (Gregory Peck) debe reconquistar o outeiro Pork Chop para que os negociadores da Conferencia de Paz de Panmunjum teñan máis peso nas súas esixencias.
  • Taegukgi hwinalrimyeo; en España Lazos de Guerra é unha película coreana que narra a historia de dous irmáns que deben loitar na guerra de Corea, mostrando dun xeito realista as penurias que viviron os homes e mulleres de Corea do Sur durante a guerra, nunha aberta crítica a ambos os bandos involucrados no conflito bélico, esta película foi comparada con "Salvar o soldado Ryan", obtendo moi boas críticas nos círculos coreanos e occidentais.

Véxase tamén editar

Outros artigos editar