Este artigo refírese ao grupo empresarial Sargadelos. Para outros significados, vexa Sargadelos

O Grupo Sargadelos é unha sociedade limitada que ten como principal accionista a empresa Cerámicas do Castro S.L. desde 1949. Actualmente, a sociedade Sargadelos ten dúas plantas de produción cuns 245 empregados. Unha está situada no Castro de Samoedo, no concello de Sada (A Coruña), e outra en Sargadelos, no concello mariñao de Cervo.

SARGADELOS

Castro de Samoedo, Sada
TipoSociedade Limitada
Fundación1949
LocalizaciónParaño, s/n. 27891 Cervo. Lugo. Galicia Galicia
O Castro, s/n. 15168 Sada, A Coruña. Galicia Galicia
IndustriaCerámica
ProdutosLouza
Xoias
Beneficio2,3 millóns de euros (2012)[1]
Número de empregados245
Na rede
https://www.sargadelos.com/
Facebook: Sargadelos Instagram: sargadelos_official Youtube: UCPo2SxMwYzwDjEygFIQtyWQ Editar o valor em Wikidata
editar datos en Wikidata ]
Traballadora de cerámica en Sargadelos

Xunto á súa actividade industrial e comercial, Sargadelos leva adiante un importante labor de difusión e promoción da cultura galega, principalmente, dos talentos máis novos da arte e da literatura.

Historia editar

Fundación (1806–1809) editar

A Cerámica de Sargadelos xurdiu a comezos do século XIX, da man do ilustrado Antonio Raimundo Ibáñez quen contando coa protección en Madrid de Manuel Godoy, primeiro ministro de Carlos IV,[2] instalou na parroquia de Sargadelos do concello de Cervo (Lugo) unha ferrería e unha fábrica de fundición de ferro colado, dotada dun alto forno de carbón vexetal. Grazas a un contrato do Estado para producir municións no ano 1794, os seus altos fornos producirían moitos dos canos, cadeas, rodas hidráulicas, útiles de cociña e demais ferramentas das empregadas na España do século XVIII, creándose incluso diversos conxuntos escultóricos, fontes públicas e balaustres decorativos.[2]

En 1806, aproveitando a excelente calidade dos caolíns (arxilas brancas moi puras) da zona, instalou unha moderna fábrica de louza que acabaría converténdose na fábrica de louza máis importante de España durante o século XIX. O proxecto permitiulle a Raimundo Ibáñez desenvolver o seu gusto refinado polas artes plásticas ao mesmo tempo que aproveitar a oportunidade de mercado que supuxo o cesamento das importacións de louzas "Bristol" inglesas.[2]

Primeira etapa (1809–1832) editar

 
Encoro construído para a fábrica de Sargadelos

Trala morte de Antonio Raimundo Ibáñez, o seu fillo José Ibáñez, ampliou fábrica orixinal ata instalar tres fornos de produción, dous pequenos para ensaios e varios talleres con máis de 25 tornos.[2] Chegando a producir 20.000 pezas anuais de louza a comezos dos anos trinta do século XIX.[2]

Durante esta primeira época as louzas de Sargadelos caracterizaríanse pola súa cor branca, esmaltada de remate cremoso ou lixeiramente azulado. Desta época destacan as placas, floreiros e xerros, deseñados cun estilo neoclásico, inspirado na louza inglesa de Bristol así como as primeiras pezas pintadas a man.[2]

Segunda etapa (1835–1842) editar

O 19 de maio de 1835 José Ibáñez asociouse con Antonio Tapia constituíndo a empresa Ibáñez y Tapia. Coa dirección do francés M. Richard, chegado dende Turín, apostaron pola fabricación de louza fina en cor branca pintada a man. Tamén abordaron as primeiras probas de estampación e policromía.[2]

Desta época, sobresaen as lámpadas e candeeiros en forma de castelo, e mais unha vaixela decorada con estampación de tonalidade verde-chumbo onde se representa a unha parella bailando a muiñeira. Tamén se fixeron entón fermosas placas de temas mitolóxicos e relixiosos, e excelentes pezas de toucador.[2]

Terceira etapa (1845–1862) editar

   
Pratos con estampacións monocromáticas da terceira época

No ano 1845, Luis de la Riva y Cía., de Santiago de Compostela, arréndalle a administración de Sargadelos á familia Ibáñez.

Máis de 1.000 familias chegaron a traballar para a fábrica en 1849, de onde saían 205 carros e 22 buques de cabotaxe con máis de 100 fornadas de louza. Catro fornos distintos, 30 estufas, muíños, nove grandes talleres, oito prensas,... verdadeiramente, foi a época dourada do primeiro Sargadelos.

Entón, acadáronse calidades e variedades excepcionais de vaixelas e figuras baixo a dirección do británico Edwin Forester. Á súa mestría débese á introdución da louza alumada chamada chinesa opaca ou semichinesa, diferenciada pola calidade da súa feitura e pola súa decoración con motivos florais, estampados en sepia e castaño e pintados con pincel en verdes, azuis, amarelos e rosas.

Outras novidades técnicas desenvoltas polo ceramista Forester foron as estampacións monocromas (sobresae a cor negra) e a impregnación de cor nos fondos das pezas de vaixela branca, brillante e lixeiramente azulada.

Característicos desta época son os Mambrús, xerros feitos coa figura dun home sentado semellante ao Toby Jug da cerámica inglesa, e as vaixelas ilustradas con estampación litográfica (quizais, por primeira vez en España) de tipo Góndola: en primeiro plano, xardín, balaustrada, escalinata e xerro decorativo; en segundo, lagoa con barca; e mais arquitecturas fantásticas no fondo.

Cuarta etapa (1870–1875) editar

En 1873 a familia Ibáñez volve á xestión da Sargadelos asociados agora cos coruñeses Atocha e Morodo. Séguese cos deseños da etapa anterior pero sen os técnicos estranxeiros. As liortas na familia e a falta de investimentos levan ao peche da empresa en 1875.

Quinta etapa (dende 1949) editar

 
Fábrica de Sargadelos (Cervo)
 
Indicador no complexo de Cerámicas do Castro, unha das dúas fábricas do Grupo, situada no Castro de Samoedo. Aparecen indicacións de Ediciós do Castro, o Laboratorio Xeolóxico de Laxe, a Fundación Isidro Parga Pondal, a Galería Sargadelos ou o Museo Carlos Maside.

A Fábrica de Cerámicas do Castro (Sada) xa contaba en 1952 con case cen traballadores, e en 1955 montouse na Arxentina (a 100 quilómetros de Bos Aires) a Fábrica de Porcelanas A Magdalena, fechada trinta anos despois.

Hoxe en día Sargadelos ten cinco galerías no estranxeiro -en Milán, Barcelona, Madrid, Sevilla e Porto- e varias en Galiza -Cervo, O Castro de Samoedo, Santiago de Compostela, O Barco de Valdeorras, Ourense, Ferrol, Lugo, Vigo, Monforte de Lemos, Pontevedra, O Grove e A Estrada. As galerías Sargadelos, ademais de venderen cerámica de Sargadelos, serven como librarías especializadas en libro galego ou sobre Galiza e como organizadoras de exposicións artísticas. Así mesmo, habería que sumar a súa presenza nunha rede de setenta tendas de decoración e xoierías multimarca en España, Europa, Asia e América.

Os exiliados galegos tiveron unha oportunidade para intentar unha recuperación cultural e económica en Galiza. Das conversas entre xente como Luís Seoane, Rafael Dieste, Lorenzo Varela, Núñez Búa, Antonio Baltar, Blanco Amor, Laxeiro, Arturo Cuadrado e Alberto Vilanova, saíu, en 1963, a creación do Laboratorio de Formas, constituído por Luís Seoane e Isaac Díaz Pardo, coa posterior incorporación do arquitecto Andrés F. Albalat. Era unha listaxe de preocupacións, que se converteron no proxecto de Sargadelos: O Museo Carlos Maside, as Ediciós do Castro, o Seminario de Sargadelos e o Instituto Galego de Información.

O antigo complexo siderúrxico e cerámico de Sargadelos, situado en Cervo, foi declarado BIC (1972).

En 2004 Isaac Díaz Pardo foi apartado da dirección de Sargadelos[3], collendo o temón do grupo Segismundo García.[4]

En novembro de 2013 a empresa pediu un preconcurso de acredores, aplicando un ERE de extinción que provocou o despido de 70 traballadores. En marzo de 2014, logo de vencer os prazos para afrontar distintos pagamentos (IVE, Seguridade Social, créditos bancarios...) a empresa declarouse en suspensión de pagos, arrastrando unha débeda de 5 millóns de euros.[5]

En febreiro de 2016 anunciouse que a empresa saíra do concurso de acredores logo de obter beneficios, pero debendo afrontar unha débeda de 5 millóns de euros nun prazo de entre cinco e doce anos.[4]

Notas editar

  1. Coto, Arsenio. El Progreso, ed. "Sargadelos presenta concurso de acreedores, pero el juzgado lo aplaza". Arquivado dende o orixinal o 09 de novembro de 2013. Consultado o 9 de novembro de 2013. 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 2,6 2,7 "Sargadelos: Primeira época". Arquivado dende o orixinal o 25 de decembro de 2011. Consultado o 05 de xaneiro de 2012. 
  3. Isaac Díaz Pardo: A los señores de Sargadelos sólo les interesa el dinero. La Opinión (en castelán)
  4. 4,0 4,1 "Sargadelos logra obtener beneficios y sale del concurso de acreedores". El País. 10 de febreiro de 2016.  (en castelán)
  5. "El histórico Grupo Sargadelos se declara en suspensión de pagos". El País. 6 de marzo de 2014.  (en castelán)

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar