Grade

instrumento agrícola tradicional

A grade é un instrumento agrícola tradicional constituído por unha armazón de trabes que se entrecruzan en ángulo recto, que está dotado de dentes, máis ou menos próximos uns aos outros, e situados na súa parte inferior, e que permite traballar a terra superficialmente, achairándoa, rompendo os terróns e recubrindo o solo, de xeito que fique preparada para o sementado e a xerminación. Adoita ser arrastrada por un animal grande (cabalaría, boi) e cargado, con grandes pedras polo normal, se se busca que posúa un maior peso. O enganche efectúase entón cun pau ou cadea, denominado soliño ou cambón.

Grade do Allo (Zas).

As grades modernas adoitan ser enteiramente metálicas e están deseñadas e preparadas de xeito diferente para efectuar labores especializados.

Grade moderna de metal

Étimo editar

O nome galego grade procede de crate(m), caso acusativo do substantivo latino cratis, -is ou crates, -is que tiña o significado de "canizo; rastrelo".

Historia editar

A grade semella ser unha evolución do primitivo canizo, un simple entrelazo de canas ou varas, que se empregou en principio, cargado de pedras, coa mesma finalidade, e de feito subsistía, no século XX aínda, no mundo rural galego. O entramado de madeira, coas puntas ou dentes inferiores, debeu ser ideado durante a Idade Media. Desde aí evolucionou para aparellos máis complexos e totalmente metálicos.

 
Emprego dunha grade medieval tirada por cabalo, Outubro, ilustración de Les Très Riches Heures du Duc de Berry, ca. 1412-1416

Diferentes tipos de grades editar

Entre as grades modernas especializadas pódense indicar:

  • grade de dentes ríxidos;
  • grade de dentes vibrantes ou móbeis;
  • grade amolecedora
  • grade rotativa
  • grade alternativa