Good Night

primeira curtametraxe de The Simpsons

"Good Night" (en galego: "Boas noites") é a primeira curtametraxe de The Simpsons, que apareceu en The Tracey Ullman Show[1]. Emitiuse orixinalmente o 19 de abril de 1987, durante o terceiro episodio de The Tracey Ullman Show, sendo tamén a primeira aparición da familia Simpson na televisión. Tras tres temporadas en Tracey Ullman, as curtas serían adaptadas para crear unha serie animada independente, chamada The Simpsons. A curta "Good Night", desde aquela, foi de novo emitida na serie no episodio "The Simpsons 138th Episode Spectacular", xunto a outras, sendo ademais incluída como extra no DVD da primeira temporada.

Curtametraxe de The Simpsons
"Good Night"
Curta número 1
Código de produción MG01
Data orixinal da estrea 19 de abril de 1987
Guionista Matt Groening
Directores Wesley Archer
David Silverman
Bill Kopp
Duración 01:49

Argumento editar

Marge e Homer dan as boas noites aos seus fillos, pero estes non quedan convencidos das súas palabras.

Bart pregúntalle a Homer que é a mente, e Homer respóndelle de xeito que Bart contempla filosoficamente os asombros desta. Lisa escoita como Marge lle di: "Boas noites, Lisa. Non deixes que as chinches te piquen". Isto cáusalle medo, crendo que as chinches a van picar. Maggie queda traumatizada tras escoitar a letra dunha canción de berce que Marge canta para ela. Ela soña que está sobre a póla dunha árbore, a cal rompe facendo que a nena caia ao río.

Cando Homer e Marge están na súa cama, Homer di que eles son probablemente os mellores pais do mundo. Despois de bicarse, os tres cativos chegan correndo á porta axitando freneticamente os seus brazos. Marge ofrécelles durmir con eles, polo que os nenos se meten na cama de Homer e mais Marge. Un a un os membros da familia van pechando os ollos, sendo Maggie a última en caer durmida.

Orixes editar

Groening concibiu aos Simpson por vez primeira na recepción da oficina de James L. Brooks. Fora chamado para que lle presentase unha serie de curtametraxes animadas, coa intención de presentar a súa historieta chamada Life in Hell. Cando se deu conta de que a animación de Life in Hell necesitaría rescindir os dereitos de publicación da obra, Groening decidiu ir noutra dirección[2]. Bosquexou ás présas a súa versión dunha familia disfuncional, chamando os personaxes como membros da súa propia familia. "Bart" foi sacado do irmán máis vello de Groening, Mark, aínda que lle deu un nome diferente que elixiu como anagrama de "brat"[3].

Esta curta foi escrita por Matt Groening, quen ademais tamén fixo o storyboard[4]. Os debuxos da familia eran bastante crus, debido a que Groening enviara bromas básicas aos animadores, asumindo que eles os corrixirían; non obstante, estes debuxaron seguindo exactamente os orixinais[2]. A animación foi producida por Klasky Csupo[5], con Wesley Archer, David Silverman e Bill Kopp como animadores e directores da curta[4].

Notas editar

  1. Richmond, Ray; Antonia Coffman (1997). Harper Collins Publishers, ed. The Simpsons: A Complete Guide to our Favorite Family. pp. p. 14. ISBN 0-00063-8898-1. 
  2. 2,0 2,1 BBC (2000). 'The Simpsons': America's First Family (6 minute edit for the season 1 DVD) (DVD). UK: 20th Century Fox. 
  3. Paul, Alan (30-09-1999). Flux Magazine Issue #6, ed. Matt Groening. (Entrevista). 
  4. 4,0 4,1 Cagle, Daryl. MSNBC, ed. "The David Silverman Interview". Arquivado dende o orixinal o 30-11-2005. Consultado o 29-12-2006. 
  5. Deneroff, Harvey (xaneiro de 2000). Animation Magazine, Vol. 14, #1, ed. "Matt Groening's Baby Turns 10". pp. 10, 12. 

Véxase tamén editar

Outros artigos editar