Goo

álbum de Sonic Youth de 1990

Goo é un álbum da banda de rock alternativo estadounidense Sonic Youth, editado o 26 de xuño de 1990 a través do selo DGC Records. Trátase do seu primeiro disco publicado por unha gran discográfica. Unha versión remasterizada foi editada no ano 2005.

Goo
Álbum de Sonic Youth
Publicado26 de xuño de 1990
Gravación1989
Estudio(s)Sorcerer Sound e Greene Street en Nova York
Duración49:23
Xénero(s)rock alternativo
Selo(s)DGC Records
Producido porSonic Youth, Nick Sansano, Ron Saint Germain
Cronoloxía
Daydream Nation Goo Dirty

No ano 2003 foi colocado no posto 82 dos 100 mellores álbums dos 90 da publicación Pitchfork Media[1].

Antecedentes e gravación editar

Despois da publicación de Daydream Nation en 1988, Sonic Youth buscou asinar un novo contrato discográfico. Cara mediados de 1989 os principais candidatos eran A&M Records, Atlantic Records e Mute Records, e ao pouco tempo Geffen Records anunciou o seu interese por facerse cos servizos da banda. Sonic Youth finalmente asinou por cinco álbums con Geffen, por unha cantidade estimada de 300.000 dólares. Porén, o grupo levou unha decepción ao ver que realmente o seu material sería editado por unha subsidaria de Geffen de recente creación, DGC Records.

Aínda que o contrato non estipulaba gravar demos do seu traballo para amosarlle ao selo, a banda fíxoo así para darlle unha idea á DGC do material que estaban a producir, ademais de para crear a base do álbum. Geffen suxeriu que Daniel Lanois traballase coa banda facendo os labores de produción, pero o grupo preferiu encargarse el mesmo dese traballo con Nick Sansano como enxeñeiro, ao igual que fixera con Daydream Nation. Por recomendación de Sansano, Sonic Youth elixiu gravar no estudio Sorcer Sound de Nova York. Mentres tanto, o guitarrista de Dinosaur Jr. J Mascis convenceu ao batería Steve Shelley para que mercase unha batería máis grande.

Mentres as novas cancións xa estaban sendo arranxadas, a banda e Sansano incorporaron novas técnicas de gravación. Sonic Youth considerou contratar a David Markey para que filmase un documental sobre a produción do traballo, pero debido a problemas durante o proceso de gravación a banda abandonou a idea. Unha vez que as bases dos temas se completaron, as sesións movéronse ao estudio Green Street para rematar as cancións e realizar a mestura das mesmas. Unha vez rematado o disco o seu custo chegou aos 150.000 dólares.

Listaxe de cancións editar

  1. "Dirty Boots" (letra/voz Thurston, coros Kim) – 5:28
  2. "Tunic (Song for Karen)" (letra/voz Kim) – 6:22
  3. "Mary-Christ" (letra Thurston, voz Thurston e Kim) – 3:11
  4. "Kool Thing" (letra/voz Kim, voz invitada Chuck D) – 4:06
  5. "Mote" (letra/voz Lee) – 7:37
  6. "My Friend Goo" (letra/voz Kim, coros Thurston) – 2:19
  7. "Disappearer" (letra/voz Thurston) – 5:08
  8. "Mildred Pierce" (letra/voz Thurston) – 2:13
  9. "Cinderella's Big Score" (letra/voz Kim) – 5:54
  10. "Scooter + Jinx" – 1:06
  11. "Titanium Exposé" (letra/voz Thurston e Kim) – 6:24

Notas editar

  1. "Pitchfork Media - Top 100 Albums of the 1990s". Arquivado dende o orixinal o 28 de febreiro de 2016. Consultado o 29 de setembro de 2011.