Os glíridos (Gliridae ou Myoxidae) son unha familia de roedores esciuromorfos coñecidos popularmente como lirios ou leiróns (nomes que tamén recibe Arvicola sapidus,[1] que é doutra familia), que se poden encontrar en Eurasia e África.

Son roedores pequenos de 18 a 26 cm, incluíndo o rabo, de aspecto similar ao rato, de pelaxe gris escura ou castaña no lombo e branca na parte baixa. Son coñecidos especialmente polos seus longos períodos de hibernación.

Son omnívoros; comen principalmente froitos de outono como as amoras, castañas, landras etc. Tamén consomen insectos (ortópteros e outros), arácnidos, caracois, crías de aves e outros pequenos roedores. Poden chegar a devorar os seus conxéneres tralo longo letargo invernal. A súa fórmula dental é similar á dos esquíos, aínda que a miúdo carecen de premolares:1.0.0–1.31.0.0–1.3.

A diferenza do resto dos roedores, todas as especies de glíridos actuais carecen de cego intestinal, polo que non poden dixerir a celulosa. Porén, no Mioceno temperán, durante a máxima diversidade da familia, as especies existentes entón aínda debían de conservar o cego e a dieta do grupo era moito máis variada, como se deduce das distintas morfoloxías dentarias, algunhas hipsodontas (de coroas moi elevadas).[2]

Graphiurus sp. nun tronco.

O hábitat dos glíridos pode ser unha zona de matogueira baixa á beira dos ríos, hortas e xardíns. Porén, algúns poden estar adaptados a outros ambientes, como Sevelinia, que habita en ambientes desérticos.[3]

Aparéanse durante a época estival, e en épocas favorables poden ter dúas ou tres camadas. A xestación dura de 20 a 25 días. Cada camada é de entre 2 e 8 crías, que pesan ao nacer uns 15 gramos e abren os ollos aos 20 días. A lactación dura uns 45 días, e alcanzan a madurez aos 4 meses despois do nacemento.

Os seus depredadores son, xeralmente e entre outros, o raposo, a xeneta e o gato bravo, ademais das aves rapaces nocturnas.

Evolución e filoxenia editar

Os glíridos orixináronse en Europa durante a radiación adaptativa que seguiu á apertura do Atlántico, a partir de roedores da familia Ischyromyidae (Micoparamys). O glírido máis antigo rexistrado é Eogliravus wildi, do Eoceno temperán do xacemento francés de Mas de Gimel, de hai uns 50 millóns de anos (só dentes),[2][4] do que tamén se recuperou un espécime completo do Eoceno medio do pozo de Messel en Alemaña.[5]

A primeira diversificación comeza no Eoceno temperán, coas subfamilias Gliravinae, Glamyinae e Bransatoglirinae e continúa no Oligoceno, no que aparece e se diversifica a subfamilia Peridyromyinae e outros glíridos do grupo de Glirudinus.

Ao final do Mioceno temperán, hai uns 16 millóns de anos, os glíridos alcanzan a súa máxima diversidade, chegando a representar en Europa máis do 90% da fauna de roedores, desprazando aos cricétidos, ata entón dominantes nas faunas de roedores europeas, e que aínda abundaban en Asia.[2][4] Ocuparon diferentes nichos ecológicos e houbo formas, como Armantomys con dentes hipsodontos, aptos mesmo para unha dieta vexetal dura,[6] o que indicaría que, polo menos ata o Aragoniense medio, aínda posuían cego intestinal para dixerir a celulosa.[2]

Os primeiros representantes das subfamilias actuais, xa sen cego intestinal, aparecen no Mioceno medio, e hai fósiles de Muscardinus (Glirinae) do Aragoniense superior. A orixe de todos os glíridos actuais parece estar nalgunha especie do xénero Microdyromys (Bransatoglirinae). A diversificación destes glíridos «modernos» coincide co declive e extinción dos «antigos», con cego intestinal.[2]

A maioría dos xéneros modernos aparecen no Vallesiense temperán, hai 10 ou 11 millóns de anos, agás Graphiurus (Graphiurinae, os glíridos africanos), que aparecen máis recentemente, no Plioceno.

Sistemática editar

O nome da familia discutiuse moitos anos, había partidarios de usar Gliridae e de usar Myoxidae, o que dependía de considerar válido o nome do xénero do que deriva o seu nome: Glis Brisson, 1762 ou Myoxus Zimmermann, 1790. O primeiro é máis antigo pero foi usado por primeira vez sen cumprir os requisitos da nomenclatura binomial e posteriormente usouse para nomear a diferentes roedores; porén, a partir dunha resolución de 1998 da Comisión Internacional de Nomenclatura Zoolóxica en contra da opinión de varios especialistas, adoptouse definitivamente o nome Glis para o xénero, polo que desde entón a familia debe nomearse como Gliridae.[7]

 
Cranio do glírido extinto Hypnomys morpheus.

A clasificación dos glíridos actuais realízase en función da morfoloxía cranial, padróns da coroa dental, esmalte dos incisivos, músculos maséteres, morfoloxía xenital, rexión auditiva e distancia xenética. Wilson e Redeer (2005), que tratan exclusivamente os glíridos actuais, recoñecen 28 especies, agrupadas en tres subfamilias: Graphiurinae (con 14 especies do xénero Graphiurus), Leithiinae (con 12 especies, incluídas nos xéneros Chaetocauda, Dryomys, Eliomys, Muscardinus, Myomimus e Selevinia) e Glirinae (cos xéneros Glirulus e Glis cunha especie cada un).[7]

Porén, para poder incluír os leiróns extintos na clasificación da familia, moito máis abondosos e diversificados no pasado, o único carácter que se coñece de todos eles, e que pode usarse na sistemática, é a morfoloxía do patrón dental (número e distribución de cristas, unións entre elas), concavidade da superficie oclusal, hipsodoncia etc.[4] Por outra parte, Freudenthal e Martín-Suarez (2013) salientan, pola súas implicacións filoxenéticas, a ausencia de cego en todos os leiróns actuais como carácter maior na subdivisión taxonómica. Sinalan unha clara dieta baseada en vexetais duros nalgunhas especies do Mioceno (por exemplo Armantomys, con dentición hipsodonta e típicas marcas de desgaste por abrasión), que implicaría a dixestión de celulosa e, xa que logo, a presenza de cego intestinal en leiróns desa época. Interpretan que todas as subfamilias actuais son monofiléticas e deben proceder dunha única liña evolutiva enraizada no Mioceno, e que a maior parte dos leiróns extintos non deben asignarse a subfamilias actuais.[2] Segundo o criterio destes autores e baseándose nos traballos de Daams e de Bruijn (1995)[4] e Freudenthal e Martín-Suarez (2007a e b)[8][9] poden recoñecerse dez subfamilias (sete delas extintas, das que dúas están pendentes de definir e nomear formalmente), que comprenden unhas 180 especies (das que 28 son actuais) agrupadas en máis de 40 xéneros.

Relacións cos humanos editar

O leirón Glis glis foi considedrado unha delicadeza culinaria na antiga Roma, xa fose como aperitivo ou como sobremesa (bañado en mel con sementes de papoula). Os romanos usaban un recinto especial, o glirarium, para criar os leiróns para uso culinario.[13] Segue sendo considerado unha delicadeza en Eslovenia e en varias partes de Croacia, como Lika e as illas de Hvar e Brač.[14][15] A graxa de leirón considerábase en época isabelina en Inglaterra que inducía o sono.[16]

Na cultura popular editar

O leirón (The dormouse) é un personaxe de Lewis Carroll que aparece en Alicia no país das marabillas e en posteriores adaptacións audiovisuais, como Alice Through the Looking Glass de Tim Burton.[17]

Notas editar

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para lirio.
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 Freudenthal, M. y Martín-Suarez, E. (2013). "New ideas on the systematics of Gliridae (Rodentia, Mammalia)" (PDF). Spanish Journal of Palaeontology 28 (2): 239–252. 
  3. Haberl, Werner y Passig, Kathrin. "Genus SELEVINIA Belosludov and Bashanov, 1939. Desert Dormouse". The dormouse hollow. Consultado o 9 de febreiro de 2014. 
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 Daams, R. y de Bruijn, H. (1995). "A classification of the Gliridae (Rodentia, Mammalia) on the basis of dental morphology". Hystrix 1–2 (6): 3–50. Arquivado dende o orixinal o 29 de decembro de 2016. Consultado o 28 de decembro de 2016. 
  5. Storch, G.; Seiffert, C. (2007). "Extraordinarily preserved specimen of the oldest known glirid from the middle Eocene of Messel (Rodentia)". Journal of Vertebrate Palaeontology 27 (1): 189–194. doi:10.1671/0272-4634(2007)27[189:EPSOTO]2.0.CO;2. 
  6. Daams, R. y van der Meulen, A. J. (1984). "Paleoenvironmental and paleoclimatic interpretation of micromammal faunal successions in the Upper Oligocene and Miocene of north central Spain". Paléobiologie continental 14 (2): 241–257. 
  7. 7,0 7,1 Holden, M. E. "Family Gliridae". En Wilson, D. E. y Reeder, D. M. Mammal Species of the World (3ª ed.). Johns Hopkins University Press. pp. 819–841. 
  8. Freudenthal, M. & Martín-Suárez, E. (2007 a). "Revision of the subfamily Bransatoglirinae (Gliridae, Rodentia, Mammalia)". Scripta Geologica 135: 241–273. 
  9. Freudenthal, M. & Martín-Suárez, E. (2007 b). "An index for concavity of the occlusal surface of the cheek teeth and an assessment of concavity in Gliridae (Mammalia, Rodentia)" (PDF). Palaeontologia Electronica 10 (2). 
  10. Mary Ellen Holden and Rebecca S Levine. "Systematic Revision of Sub-Saharan African Dormice (Rodentia: Gliridae: Graphiurus) Part II: Description of a New Species of Graphiurus from the Central Congo Basin, Including Morphological and Ecological Niche Comparisons with G. crassicaudatus and G. lorraineus", Bulletin of the American Museum of Natural History 331:314–355. 2009.
  11. Francisco J. Ruiz-Sánchez, Xabier Murelaga, Matthijs Freudenthal, Juan C. Larrasoaña and Miguel Garcés (2012). "A new species of glirid rodent Vasseuromys from the Aragonian (Miocene) of the Ebro Basin (north−eastern Spain)". Acta Palaeontologica Polonica 57 (2): 225–239. doi:10.4202/app.2010.0081. 
  12. Francisco Javier Ruiz-Sánchez, José Ignacio Lacomba-Andueza, Matthijs Freudenthal and Mari Ángeles Álvarez-Sierra (2013). "A new species of Vasseuromys (Gliridae, Mammalia) from the Upper Oligocene of the Ebro Basin (Spain)". Paläontologische Zeitschrift. in press. doi:10.1007/s12542-013-0177-1. 
  13. Baudoin, Claude (1984). Macdonald, D., ed. The Encyclopedia of Mammals. New York: Facts on File. pp. 678–680. ISBN 0-87196-871-1.
  14. Freedman, Paul. "Meals that Time Forgot" Arquivado 19 de febreiro de 2015 en Wayback Machine., gourmet.com, March 2008.
  15. "Fifth Puhijada" Arquivado 07 de marzo de 2021 en Wayback Machine.. otok-hvar.com
  16. "10 ways to get a really good sleep", BBC News Magazine, 27 March 2009.
  17. Goldberg, Matt (2014-08-04). "Alice in Wonderland 2 Cast Announced as Production Begins Today". Collider (en inglés). Consultado o 2023-01-03. 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Holden, M. E. "Family Gliridae". pp. 819–841 in Mammal Species of the World a Taxonomic and Geographic Reference. D. E. Wilson e D. M. Reeder, eds. Johns Hopkins University Press, Baltimore, 2005.

Ligazóns externas editar