A gheada é un fenómeno fonético propio da lingua galega que consiste na realización aspirada [ħ] do fonema /g/ (oclusivo ou fricativo velar sonoro no modelo fonético estándar do galego). A gheada, faringal ou glotal, pronúnciase normalmente como un son aspirado semellante ao [h] do inglés en house. En certas zonas costeiras e nalgunhas áreas urbanas e periurbanas pode chegar a realizarse como [x] (fricativo velar xordo, semellante ao iota castelán).

     Con presenza de gheada      Sen presenza de gheada

Teorías da súa orixe editar

Téñense proposto tres teorías para explicar a orixe da gheada:

Tese substratística editar

Foi defendida por Zamora Vicente nos anos 50 e retomada máis recentemente por Fernández González ao estudar este fenómeno nos Ancares. Atribúea ao substrato lingüístico do galego, aínda que segundo os contrarios a esta tese, os primeiros textos onde se pode inferir a súa existencia, ao redor do século XVII, serían demasiado serodios para que se manifestase unha tendencia herdada das linguas prelatinas. Na actualidade está case completamente desbotada[Cómpre referencia].

Tese adstratística ou castelanista editar

Foi defendida por José Luís Pensado Tomé en 1970 e conta hoxe con defensores como Xosé Ramón Freixeiro Mato. Defende que se trataba dunha contaminación da lingua castelá, resultado do intento de falar castelán ou tomar préstamos desa lingua, algo moi dubidoso se temos en conta que a gheada aparece moi lonxe das zonas onde se impuxo a castelanización máis temperá, ou que se dá en comarcas tan arcaizantes na evolución fonética coma Os Ancares.

Xosé Ramón Freixeiro Mato sinala os seguintes argumentos:

  • A situación de diglosia en que se encadra a lingua galega. Segundo este autor, todo cambio lingüístico en galego que conflúa no castelán é sospeitoso de interferencia desa lingua. A súa aparición coincidiría coa castelanización de Galiza nos séculos XVII e XVIII.
  • A ausencia de gheada en portugués. Trataríase dun caso insólito en que a fronteira política coincidise plenamente coa isoglosa de gheada/non gheada.
  • O feito de que parece que a gueada aparece primeiro en persoas que intentaban falar o castelán. Isto demostraría que as clases altas galegas se esforzaban en pronunciar a fricativa velar xorda do castelán, producindo posteriormente sobrecorreccións.

Tese estruturalista ou autonomista editar

Unha terceira teoría relaciona a gheada cunha deriva estrutural da fonética do galego, fenómeno non moi diferente do que se deu noutras linguas coma o neerlandés. É defendida por Schneider, Antón Santamarina ou Schroten.

Extensión editar

A gheada é un fenómeno maioritario. Esténdese pola metade occidental do territorio lingüístico galego, nas provincias da Coruña, Pontevedra, o oeste da provincia de Lugo e a metade occidental ourensá. Tamén se dá o fenómeno no concello de Candín, dentro da bisbarra do Bierzo. Co paso do tempo, posibelmente debido á presión do castelán, foi retrocedendo na faixa central do país. O estándar galego culto non prioriza o uso da gheada, mais tampouco a estigmatiza como trazo a evitar. No galego común dos medios de comunicación e do ensino apenas se filtra.

Desta maneira, a gheada é aceptada pola Real Academia Galega, que afirma que non se trata dun erro lingüístico.

Representación editar

A gheada represéntase na escrita mediante o dígrafo gh, por exemplo:

  • gato → ghato [ˈħato̝]
  • pago → pagho [ˈpaħo̝]

Valoración da gheada e tradición literaria editar

A gheada foi sempre un fenómeno ausente na tradición literaria galega. Este rexeitamento vai en paralelo ao desprezo polo fenómeno que aparece nas primeiras gramáticas e estudos sobre a lingua.

Así, no século XIX, a gheada aparece de forma esporádica nos primeiros textos, especialmente no xénero dos Diálogos e completamente ausente en autores procedentes de áreas gheadófonas como Eduardo Pondal ou Rosalía de Castro. Especialmente significativo é o caso de Rosalía de Castro que si fai falar con seseo á "meniña gaiteira" de Cantares Gallegos.

Na tradición gramatical galega a gheada foi rexeitada. Só Francisco Mirás, que reproduce a fala da súa área natal de Santiago, dá cabida á gheada na súa Gramática. Pola contra, Xoán Cuveiro Piñol defínea como un trazo propio dos "individuos de ínfima escala da zona costeira" e Marcial Valladares como "defecto de la gente idiota". Porén, moitos autores sinalan que nas ideas de Valladares subxace o modelo castelán, xa que tamén rexeita o seseo ou o infinitivo conxugado.

No século XX, Aurelio Ribalta Copete arrédase desas posicións e deféndea como trazo do pobo. Trátase de novo dunha excepción, xa que tanto na etapa de preguerra como de posguerra non se rexistra ningunha defensa máis.

Coa oficialización do galego e a conseguinte estandarización, a gheada e o seseo son admitidas como realizacións válidas no idioma galego nas Normas Ortográficas e Morfolóxicas do Idioma Galego do ano 1982.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar