Ganso bicocurto


Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Aves
Orde: Anseriformes
Familia: Anatidae
Subfamilia: Anserinae
Tribo: Anserini
Xénero: Anser
Especie: A. brachyrhynchus
Nome binomial
'Anser brachyrhynchus'
Baillon, 1834

O ganso bicocurto (Anser brachyrhynchus) é unha ave migratoria de tamaño mediano do grupo dos gansos auténticos, que pasa o inverno no noroeste de Europa e cría en Groenlandia, Islandia e Svalbard. A especie foi descrita por primeira vez en 1833 por François Baillon. É unhas das especies incluídas no Acordo para a protección das aves acuáticas migratorias de África e Eurasia (AEWA).

Descrición editar

É un ganso de entre 60 e 75 cm de longo, 135 a 170 cm de envergadura de ás e de 1.800 a 3.300 gramos de peso. Ten o bico curto, de cor rosa brillante coa punta e a base negras e as patas rosas. O corpo e gris acastañado, a cabeza e o pescozo son castaños escuros. A parte posterior do lombo é abrancazada e cola gris coa punta branca. A parte superior das cobertoiras das ás é azul agrisada pálida. O seu aspecto é moi semellante ó do ganso campestre (Anser fabalis), do que foi considerado unha subespecie, e do que se distingue principalmente pola cor dos pés, que son rosas e non alaranxados coma no ganso campestre, e pola parte central rosa do bico.

Voz editar

Son aves ruidosas, en especial cando voan, momento no que o ruído das bandadas pode ser enxordecedor. A súa voz e un trompeteo de ton alto. Cando se senten ameazados deixan ouvir un xeito de asubio.[2]

Distribución xeográfica editar

Esta especie adoita xuntarse con exemplares doutras especies durante as migracións. Os seus cuarteis de inverno principais están nas illas Británicas, Bélxica e nos Países Baixos, tamén nas zonas costeiras do norte de Alemaña e en Dinamarca. Son raros de ver nas terras interiores. As aves británicas crían en Groenlandia e Islandia (sobre todo no glaciar de Hofs-Jökull, mentres que os gansos continentais o fan en Svalbard. Exemplares errantes aparecen ocasionalmente no Quebec e Newfundland.[3]

A protección contra a caza nas zonas de invernada permitiu un forte crecemento das súas poboacións nas últimas décadas. En Gran Bretaña o número de invernantes pasou dos 30.000 de 1950 os 292.000 de 2004. En Dinamarca e os Países Baixos contábanse uns 34.000 exemplares en 1993.[4][5][6]

Hábitat editar

 
ganso de bico curto

Durante o inverno viven sobre todo en praderías, veigas de ríos e mesmo en prados de cultivo intensivo. Durante o verán forman colonias grandes en zonas de rochas pobres en vexetación, nas lameiras que deixan os glaciares ó se derreteren, en zonas húmidas, páramos e lagos. En Islandia aniñan tamén en zonas de lavas solidificadas. As illas fluviais véñenlles tamén a xeito, ofrecéndolles protección perante depredadores coma o raposo ártico.

Alimentación editar

A súa dieta é case exclusivamente vexetariana. Durante o verán aliméntase da vexetación da tundra ártica, tanto na auga como na terra firme. No inverno comen todo tipo de plantas e herbas, sen renunciar as producións agrícolas, e poden causar danos nas colleitas, aínda que tamén benefician determinados cultivos como os da pataca ou da remolacha, ó alimentarse dos restroballos que quedan despois da colleita, reducindo as posibilidades de transmisión de enfermidades das plantas.

 
Vista de parte dun bando no inverno

Ecoloxía e reprodución editar

 
Ovos de ganso bicocurto.
Anser brachyrhynchus

Os gansos de bico curto mudan as plumas a mediados de xullo, cando os parruliños novos levan xa de dúas a tres semanas fóra do ovo. Os adultos son daquela incapaces de voar durante uns 25 días.[7]

A época reprodutora comeza a primeiros de xuño, despois que os bandos se concentren nos seus lugares de cría a mediados de maio, onde forman colonias pouco compactas. As femias poñen entre 3 e 7 ovos brancos, nun niño elevado sobre o terreo e cubertos con penuxe. A incubación prolóngase durante unhas tres semanas e media. Os machos non chocan os ovos, aínda que vixían a niñada e á súa parella. Os gansos novos poden voar ós dous meses de saíren do ovo. Cando os adultos acaban de remudar as plumas, forman bandos cos gansos novos, que, a partir de finais de agosto, comezan a regresar ás zonas de invernada. Os gansos bicocurtos adoitan empezar a criar cando teñen uns tres anos.

Notas editar

  1. BirdLife International (2012). "Anser brachyrhynchus". Lista Vermella de especies ameazadas. Versión 2013.2 (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. Consultado o 26 November 2013. 
  2. Hans-Heiner Bergmann; Hans-Wolfgang Helb; Sabine Baumann; Die Stimmen der Vögel Europas – 474 Vogelporträt mit 914 Rufen und Gesängen auf 2.200 Sonogrammen, Aula-Verlag, Wiesbaden 2008, ISBN 978-3-89104-710-1, S. 43
  3. Alderfer, S. 4
  4. Snow, D. W. & Perrins, C. M. (1998). The Birds of the Western Palearctic Concise Edition. OUP ISBN 0-19-854099-X.
  5. Collier, M., et al., eds. (2005). Waterbirds in the UK 2003/04. Wetland Bird Survey, BTO/WWT/RSPB/JNCC ISSN 1353-7792 ISBN 1-904870-50-3.
  6. Banks, A., et al., eds. (2006). Waterbirds in the UK 2004/05. Wetland Bird Survey, BTO/WWT/RSPB/JNCC ISBN 1-904870-77-5.
  7. Kolbe, S. 105

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Jonathan Alderfer (Hrsg): Complete Birds of Northamerica, National Geographic, Washington, D.C. 2006, ISBN 0-7922-4175-4
  • Bergmann, Hans-Heiner, Helmut Kruckenberg & Volkhard Wille (2006): Wilde Gänse - Reisende zwischen Wildnis und Weideland, G. Braun Verlag, Karlsruhe
  • T. Bartlett: Ducks And Geese - A Guide To Management. The Crowood Press, 2002, ISBN 1-85223-650-7
  • Hartmut Kolbe: Die Entenvögel der Welt. Ulmer Verlag 1999, ISBN 3-8001-7442-1
  • Madsen, J., G. Cracknell & Tony Fox (1999): Goose Populations of the Western Palearctic, Wetlands International, Wageningen.
  • Josep del Hoyo; Andrew Elliott & Jordi Sargatal (Hrsg): Handbook of Birds of the World (Volume 1: Ostrich to Ducks). Lynx Edicions, Barcelona, 1992, ISBN 84-87334-10-5
  • Bradley C. Livezey: A phylogenetic analysis of recent anseriform genera using morphological characters. Auk 103(4): 737-754. PDF en inglés
  • Erich Rutschke: Wildgänse, Lebensweise - Schutz - Nutzung, Berlin: Parey, 1997

Ligazóns externas editar