Galería (arquitectura)

elemento arquitectónico

Unha galería é un elemento construtivo e de composición arquitectónica, empregado en boa parte do norte peninsular, en especial na arquitectura galega dos séculos XIX e XX.[1] Na arquitectura burguesa residencial galega acadou o seu maior grao de desenvolvemento ao se converter nunha peza fundamental dos edificios de vivendas.

Casa na avenida da Mariña, A Coruña.
Corredor parcialmente pechado en Estevesiños, Monterrei.
Fragata HM Unicorn. Vista da popa coa súa pequena galería.
Praza Irmáns García Naveira, Betanzos.
Torre dos Moreno, Ribadeo. Galerías polícromas de ferro na arquitectura indiana.
Praza Maior, Celanova. Alternancia de balcóns, corredores e galerías.
Madeira, vidro e ferro nunha galería en Vila de Cruces
Galería de madeira en Arrasate, Guipúscoa.
Avenida da Mariña, A Coruña. As galerías traseiras son hoxe a fachada máis apreciada.
Casa Rey, Porta Real, A Coruña. A galería é asimilada polo Modernismo.
Praza de Armas, Ferrol. Galería de elementos prefabricados de aglomerado de cemento.
Avenida Linares Rivas, A Coruña. O uso mimético de materiais industriais estraga as proporcións.

Antecedentes editar

A solaina e o corredor editar

Artigo principal: Corredor.

A galería é un elemento da arquitectura culta que se pode entender como resultado da evolución e a adaptación de varias solucións técnicas diferentes empregadas na construción de obxectos de diferente natureza, pero tamén como resultado da confluencia destas técnicas nun ambiente urbano caracterizado pola bonanza económica da clase dominante e pola intervención de técnicos de formación académica.

Por unha banda, na arquitectura tradicional galega están presentes certos elementos, como a solaina ou o corredor, que se poden considerar antecedentes da galería. A solaina, usualmente construída de pedra e sobre canzorros ou piares, percorre a fachada máis soleada da casa, albergando usos produtivos e outros non tanto. É abondosa nas áreas costeiras, especialmente nas casas máis ricas ou que querían aparentar selo, e constitúe o elemento máis representativo da casa e o seu espazo máis polivalente. Os corredores, pola contra, adoitan estar construídos con madeira, tamén sobre canzorros ou vigas voadas. Están cubertos pola prolongación do beiril do tellado. Empréganse máis nas áreas de montaña e nos climas máis continentais, mantendo a multifuncionalidade da solaina, pero non a súa riqueza estética. Considérase que a solaina e o corredor son o resultado da evolución do patín ou patiño, elemento exterior á casa, que consta de escaleira e patamal e que da acceso á vivenda, situada no primeiro andar da casa, sobre a corte.[2].

Xaquín Lorenzo explica que "[o corredor] serve para moitos usos que facilitan a vida no campo; neles ponse a secal-a roupa cando chove; alí maduran as primeiras espigas de millo, secan as fabas, consérvanse os cabazos... Serve de obradoiro pra arranxar ferramentas, pra fiaren as mulleres, pra enredaren os nenos... (...) E o corredor é tamén un elemento de outo valor estético: en moitos sitios unha videira plantada ó pe dun esteo rube por il e prende as súas varas por entre os balagustos do corredor, enchéndoo de verdor e enfeitizándoo cos seus acios".[3]

A arquitectura naval editar

Por outra banda hai que facer notar que era costume instalar nos castelos de popa dos barcos de guerra das potencias marítimas europeas un elemento chamado galería ou corredor, que era a prolongación da cuberta do alcázar. Aparece a partir do século XVI como balcón corrido de banda a banda, aberto e bordeado dunha regala, pensado para solaz dos oficiais ao mando. En ocasións nos seus extremos, a cada banda, atopábanse os chamados xardíns, pequenas cabinas que servían de retrete á oficialidade. A finais do século XVIII estas galerías péchanse e acristálanse con follas móbiles compostas de pequenas pezas de vidro, que constituían un ou varios ordes de franxas fenestradas e ornamentadas.

Os elementos practicables da galería eran xanelas de guillotina compensada, popularizada nesa época na arquitectura inglesa (a coñecida como "sash-window"), francesa e neerlandesa. Este tipo de xanela contaba cuns mecanismos compostos de roldanas e contrapesos de chumbo, que permitían subir e baixar as follas móbiles sen grande esforzo, compensando os pesos das diferentes follas, e mesmo ocultalas no antepeito e no mainel. A presenza de carpinteiros ingleses nos estaleiros do Cantábrico (Zorrotza, Orio, Pasaia, Guarnizo...), e especialmente nos de Ferrol, tería posibilitado a importación destas sash-window e a súa posterior adopción pola arquitectura culta.[4]

Condicionantes climáticos editar

Galicia atópase nunha área climática oceánica, o cal provoca unha oscilación térmica escasa e a presenza máis ou menos constante de precipitacións ao longo de todo o ano. A distribución espacial de temperaturas e precipitacións segue un gradiente diferencial que diminúe a medida que se afasta da costa. A proximidade da corrente do Golfo e a influencia do anticiclón dos Azores son determinantes neste esquema climático.

O resultado é un hábitat suxeito a unha presenza constante de chuvias e ventos en áreas próximas á costa, que se distribúen ao longo do ano con intensidade desigual pero sen grandes variacións.[4]

Aspectos técnicos editar

No século XVIII, a transición dos tipos arquitectónicos tradicionais cara ao patrón burgués esixe unha maior compartimentación da vivenda. Esta división dos espazos crea tipos arquitectónicos que xorden como adaptación da vivenda entre medianeiras, nun esquema en planta lonxilíneo distribuído arredor de patios de luces. Esta distribución dá lugar a estancias carentes de fontes de calor e necesitadas dunha climatización forzada. As solucións arquitectónicas óptimas para estas necesidades de confort serán as que garantan ao mesmo tempo a estanquidade fronte ao exterior e a climatización pasiva, en especial a captación de calor solar.[5]

Comportamento térmico editar

A finalidade das galerías é proporcionar un illamento térmico que capte o escaso sol do inverno, á vez que capta as brisas frescas do verán. O funcionamento térmico da galería baséase en aproveitar as diferenzas de lonxitude de onda entre as radiacións recibidas do exterior e as emitidas polo edificio, xerando un efecto invernadoiro termicamente moi eficiente para a climatización do interior vivideiro. O vidro é transparente á meirande parte das radiacións solares que quentan o edificio e opaco ás radiacións de onda longa que transmiten ao exterior as perdas de calor do edificio. O fluxo de enerxía de dentro a fora limítase, deste xeito, ao que ten lugar por convección a través do vidro, cuxa alta condutividade térmica non inverte un saldo final positivo para o edificio. A enerxía acumulada na masa pétrea dos muros é transmitida ao ar da galería e de aló ás estancias interiores da casa. A pesar de que as carpinterías empregadas non ofrecen unha grande estanquidade, a galería proporciona ademais unha moi boa protección fronte a chuvia e o vento, frecuentes nas zonas costeiras, pois ao crear unha cámara de descompresión intermedia entre o exterior e os espazos habitados amortece as correntes de ar e mantén a humidade afastada dos muros, igualando a presión de vapor coa da atmosfera interior e traballando case como unha fachada transventilada.[6]

Requirimentos construtivos editar

A progresiva aceptación e desenvolvemento da galería, non só como solución de cubrición de balcóns acristalados, senón xa como solución de peche para ocupar todo o ancho da fachada nos andares superiores das vivendas, relaciónase coa presenza de importantes fábricas de vidro plano que comezaron a traballar na Coruña nunha data sobre a que os diferentes autores non se poñen de acordo, pero que anda por volta do primeiro terzo do século XIX.[7] En principio a produción estaba especializada na fabricación de botellas para a exportación de viños galegos e, máis adiante, de vidrio cristal.[8] Ata entón, e a pesar de que a fábrica máis próxima estaba en Avilés, a meirande parte do vidro chegaba a Galicia de Alemaña, coa excepción do que outrora se importaba dende a fábrica de La Granja para consumo das instalacións militares de Ferrol.[9] As técnicas de fabricación esixían producir follas de vidro de reducida dimensión, e isto determinou o característico despece das xanelas en cuarteiróns.

Elementos compositivos editar

Unha galería é un elemento acristalado de madeira, accesible e practicable, arrimado ao muro da fachada pola súa cara exterior, sen función sustentadora. A súa estrutura é do tipo coñecido como entramado lixeiro. A súa razón de ser é a de cualificar un espazo caracterizándoo e segregándoo. Costa dunha serie de elementos de dimensións e funcións estandarizadas:

  • Soleira. Patamal horizontal que voa a partir do muro, ben sobre canzorros ou ben sobre ménsulas corridas.
  • Entramado. Barras de madeira de sección rectangular ensambladas entre si e fixadas á repisa e ao muro. Reciben diferente nome segundo a súa colocación e a súa función.
  • Bastidores. Panos intermedios asentados sobre os montantes. O antepeito habitualmente é opaco ata media altura. A xanela de guillotina ten unha folla inferior corrediza e outra superior fixa. Os bastidores acristalados subdivídense mediante guillotes que adaptan a luz ás dimensións do vidro dispoñible. Non son frecuentes as xanelas de guillotina compensadas.
  • Ferraxes. Pequenas pezas metálicas que permiten asir os bastidores ou mantelos alzados.

Os materiais empregados tradicionalmente na galería en Galicia son a madeira de castiñeiro, e máis raramente a de nogueira e a de carballo. Os vidros empregados tiñan entre 1,5 e 2 mm de grosor e dimensións inferiores a 30 cm, o que determina unha proporción de entre o 40 e o 50% de vidro sobre a superficie do pano de fachada.[4]

Analogamente, e sobre todo fóra de Galicia, empréganse pezas de ferro colado que forman unha estrutura espacial que sustenta unha pel de vidro coa que se pechan balcóns e, en xeral, espazos intermedios entre o interior e o exterior. Suponse que este tipo de galerías é produto, por unha banda, das posibilidades técnicas que a metalurxia vasca ofrecía, e por outra, da moda da arquitectura de cristal que proviña das grandes capitais europeas. Este tipo de galerías adoitan buscar máis o efecto estético e non tanto o acondicionamento climático da casa, sobre todo pola imperfecta adecuación do ferro á súa función. Tamén hai que facer constar que nas áreas nas que a galería de ferro foi máis empregada as características climáticas non impoñen a necesidade de illamento fronte a ventos e chuvia constante que hai en Galicia.

Evolución histórica editar

Contexto editar

En España, como en boa parte de Europa, o século XIX foi época de cambio de réxime. Acometéronse dende o estado unha serie de desamortizacións que tiñan por obxecto trocar de mans as rendas que proviñan da terra. A acumulación de capitais posibilitou unha industrialización que atraeu á poboación rural, en especial no leste do Cantábrico e no norte do Mediterráneo. As novas manufacturas de ferro e carbón posibilitaron novas transformacións do medio, sobre todo a nivel de infraestruturas, que foron levadas adiante polas primeiras promocións das escolas de enxeñaría e de arquitectura.

A partir de 1864 o Estado ditou unha serie de leis encamiñadas a ordenar o ensanche das cidades españolas, ao poñer nas mans dos concellos grandes terreos urbanos que antes pertencían a ordes relixiosas. Iniciouse ao mesmo tempo unha política de supresión de fortificacións urbanas para facilitar o crecemento de novos barrios. Este proceso de transformación foi aproveitado pola burguesía, nova clase dominante, para converter os espazos públicos en escenografía da nova orde social: os concellos abriron prazas, trazaron rúas e, sobre todo, rectificaron aliñacións nos vellos tecidos medievais, levados por un afán hixienista.[10]

Incorporación editar

Na vivenda burguesa o desligamento da función produtiva da residencial posibilitou a busca dun maior confort e a satisfacción de aspiracións estéticas máis elevadas. As peculiaridades do clima galego fixeron posible resolver cun so elemento a protección fronte a ventos e chuvia e a captación de calor solar para calefactar o interior da casa. O uso da galería, en principio limitado ao peche de vellas solainas ou corredores traseiros, estendeuse en zonas urbanas con tal rapidez que acabou por converterse nunha das solucións arquitectónicas máis empregadas para a definición das fachadas nas zonas costeiras.[11]

A orientación académica da Escola central de arquitectura valeulle á galería o rexeitamento destes primeiros arquitectos,[12] que pretendían manter os espazos públicos máis representativos baixo unha linguaxe formal neoclásica, é dicir, delegando na solidez dos muros a respectabilidade da arquitectura.[13] Dende os recentemente creados cargos de arquitecto municipal e provincial, o gremio dos arquitectos oporase á proliferación das galerías, excesiva ao seu xuízo, promovendo a promulgación de ordenanzas, como a de Policía Urbana do concello da Coruña, de 1854, que regulaba o seu uso, prohibíndoa nos pisos principais e impoñendo unha determinada fenestración nun certo uso dos materiais para os pisos superiores.[14]

Asimilación editar

É significativo que poucos anos máis tarde outro arquitecto municipal coruñés, Juan de Ciórraga y Fernández de la Bastida, fose un dos principais defensores do uso da galería e creador dalgunhas das máis salientables da cidade. De feito durante anos este arquitecto foi erroneamente considerado o ideador da galería coruñesa por importación dos modelos de galería de ferro dende a súa Vitoria natal. O que si é certo é que dende o seu cargo no concello promoveu a aprobación da primeira normativa reguladora da construción de galerías, na que se establecían medidas das alturas dos andares e dimensións de voos. Posteriormente esta normativa foi incorporada á do ensanche coruñés entre 1881 e 1883.[15]

Serán as grandes operacións de rifascimento de tecidos urbanos as que vencerán a resistencia académica ao permitir intervencións dunha escala suficiente para tirar todo o partido da riqueza formal da galería. O conxunto de fachadas de galerías máis notables de Galicia, que flanquea a avenida coruñesa da Mariña, naceu dunha operación conxunta de rectificación de aliñacións, completamento de mazás residenciais, creación dunha nova fachada marítima e trazado ex novo dunha praza porticada, a actual de María Pita, todo ilo das mans de Faustino Domínguez Domínguez e José María Noya, arquitectos provincial e municipal respectivamente. Hai que facer notar que tales fachadas foron en principio as traseiras, e por tanto as menos nobres, pois as principais mantiñan unha coidada composición neoclásica moi na liña académica da arquitectura oficial.[16]

Evolución editar

O movemento artístico que en España recibiu o nome de Modernismo foi amante das formas orgánicas e ornamentadas. A lixeireza da materia empregada na construción das galerías facilitou a adaptación de edificios existentes á nova moda foránea á través da simple adición dun ou varios corpos acristalados que incorporaran a linguaxe formal máis en voga. É salientable a produción nesta época de arquitectura efémera que atopa na madeira unha plasticidade e unha rapidez executiva que facilitan a adaptación desta volubilidade formal á tipoloxías novas, como pavillóns e salóns de baile. Nesa mesma época fanse intentos de integrar a linguaxe modernista na galería, entendida esta como elemento permanente da arquitectura urbana costeira. Como mostra, os traballos de Rodolfo Ucha en Ferrol ou Julio Galán Carbajal na Coruña.[17]

A existencia dunha tecnoloxía industrial avanzada e accesible permitiu aos arquitectos da época postbélica desenvolver técnicas construtivas que se baseaban en confiar a diferentes elementos construídos a resolución de diferentes problemas. Así a impermeabilidade era garantida por unha película exterior, o illamento térmico por unha cámara intermedia, a sustentación por unha gaiola estrutural. Igualmente pasaba coa climatización e a iluminación, proporcionadas cada unha por unha instalación específica. Produto desta taxonomía funcional apareceron certos complexos construtivos entre os cales o courtain wall se conta entre os de maior éxito.

O courtain wall, ou muro cortina, é un complexo composto por unha estrutura lixeira que é pendurada dos cantos dos forxados do edificio e cuberta por unha serie de paneis que na súa cara interior illan termicamente e na exterior repelen a auga. Ao non traballaren xuntos a pel de vidro e o muro de fábrica, cómpre asegurar a ventilación e a aclimatación da atmosfera interior cun consumo constante de enerxía. Deste xeito o asolamento e a circulación do ar, que antes era vantaxe, son agora inconveniente.

Esta previsión de eficiencia, ademais de ser moi pouco sustentable, é inviable economicamente no momento en que a enerxía deixa de ser barata. Na última trintena de anos foi preciso desenvolver materiais portantes menos condutores, vidros illantes, sistemas de regulación do asolamento, métodos de aproveitamento da enerxía sobrante. Neste contexto a solución da galería tradicional cos seus materiais de orixe preséntase como unha oportunidade para regresar a sistemas dunha alta eficiencia enerxéticas e para recuperar formas que manteñen unha intensa vinculación coa linguaxe tradicional.[18]

Notas editar

  1. As galerías só existen en Galicia, Asturias, algo en Cantabria e no País Vasco, e algúns conxuntos en Burgos e Vitoria, se ben con variacións nas formas e, sobre todo, nos materiais e no modo de execución.
  2. Caamaño Suárez, M. A casa popular. Museo do Pobo Galego, Fundación Caixa Galicia. A Coruña, 1999. ISBN 84-88508-19-0.
  3. Lorenzo, X. Historia de Galicia. Ed. Nós. Buenos Aires, 1962.
  4. 4,0 4,1 4,2 Fernández Madrid, J. La galería en Galicia como elemento de la arquitectura del agua. Universidade da Coruña. A Coruña, 1992. ISBN 84-88301-55-3.
  5. Fernández Martínez, P.P., Fernández-Cabrera Massé, M. A paisaxe construída. Deputación da Coruña. A Coruña, 2000.
  6. Yáñez, G. Algunas consideraciones en torno a la arquitectura solar. Comunicación lida na Conferencia Internacional de Cooperación na Enerxía Solar. Madrid, 1974.
  7. Segundo Martínez Suárez, "Español y Compañía" instalouse en 1830; Meijide Pardo di que foi en 1827, pero non menciona o nome da compañía.
  8. Tettamancy y Gastón, F. Apuntes para la historia comercial de La Coruña. Tip. de El Noroeste. A Coruña, 1900.
  9. Meijide Pardo, A. La primera industria coruñesa del vidrio (1827-1850). Revista do Instituto José Cornide, nos. 10-11. A Coruña, 1974-75.
  10. Morris, A.E.J. Historia de la forma urbana. Gustavo Gili. Barcelona, 1991. ISBN 84-252-1181-6
  11. De Llano, P. Arquitectura popular en Galicia. Razón e construcción. Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia. 1996. ISBN 84-85665-26-0.
  12. "El abuso que se hace en esta ciudad de los cierros de cristales toca ya en lo ridículo: y sin que en absoluto deban desecharse en la decoración, hay que convenir que las fachadas pierden su belleza y que los viageros se ven sorprendidos desagradablemente por una profusión de galerías y miradores que no dejan percibir la forma ni las proporciones de la construcción y que son antiestéticos artísticamente considerados, cuando ocupan toda la latitud de la fachada", comunicación do arquitecto municipal Faustino Domínguez Domínguez ao concello da Coruña, 1875. En Martínez Suárez, X.L. As galerías da Marina da Coruña. 1869-1884. Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia. Sada, 1987.
  13. Sánchez García. J.A. Faustino Domínguez Domínguez y la arquitectura gallega del siglo XIX. Deputación Provincial da Coruña. A Coruña, 1997. ISBN 84-89652-48-1.
  14. Martínez Suárez, X.L., Casabella López, X. Catálogo de arquitectura. A Coruña, 1890-1940. Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia. Sada, 1989. ISBN 84-85665-09-0.
  15. Garrido Moreno, A. La galería gallega: una tipología tradicional en permanente evolución. Separata do Anuario Brigantino nº 21, 1998. Concello de Betanzos. Betanzos, 1998.
  16. Martínez Suárez, X.L. As galerías da Marina da Coruña. 1869-1884. Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia. Sada, 1987. ISBN 84-85665-13-9.
  17. Martínez Suárez, X.L. A Terraza de Sada. Dirección Xeral do Patrimonio Artístico e Monumental. Sada, 1985.
  18. Baglioni, A.; Guarnerio, G. La rehabilitación de edificios urbanos. Tecnologías para la recuperación. Gustavo Gili. Barcelona, 1988. ISBN 84-252-1371-1.

Véxase tamén editar

Outros artigos editar