Galícia Esporte Clube

O Galícia Esporte Clube é un club de fútbol brasileiro, da cidade de Salvador, en Baía. Fundouse o 1 de xaneiro de 1933 e actualmente compite na Segunda División da Liga baiana de fútbol.

Galícia EC
NomeGalícia Esporte Clube
Alcume(s)Azulino, Granadeiro, Demolidor de Campeões
Fundación1 de xaneiro de 1933
EstadioParque Santiago
Inauguración11 de febreiro de 1995
Capacidade2.000
Presidente Manolo Muiños
LigaBaiano 2
2022
Na rede
http://www.galiciaec.com.br/
Facebook: galiciaecoficial Twitter: galiciaec Instagram: galiciaec Youtube: UC9np2icHpWdrw6H_VhnFFIQ Editar o valor em Wikidata

Historicamente ligado á comunidade galega de Salvador, é un dos clubs baianos máis antigos, e foi o primeiro equipo en gañar tres veces seguidas o Campionato Baiano. Ten un estadio propio, o Estadio Santiago de Compostela, coñecido popularmente como Parque Santiago, pero acostuma a xogar como local tamén no Estadio de Pituaçu. O maior rival do club é o Ypiranga, da mesma cidade, co que disputa o Clásico de Ouro.

Conta cun equipo feminino, así como varios equipos de fútbol base e seccións de fútbol-7, fútbol sala, rugby, judo, e birlos.[1]

Historia editar

O Galícia Esporte Clube foi fundado o 1 de xaneiro de 1933 por emigrantes galegos, sendo o seu primeiro presidente Eduardo Castro Iglesias. O seu escudo inclúe a bandeira de Galicia e a cruz de Santiago.[2]

Ao ano seguinte da súa fundación converteuse no primeiro club brasileiro en enfrontarse á selección brasileira. Foi o 7 de setembro de 1934 no antigo Campo da Graça e o resultado foi unha goleada por 10 goles a 4 para a canarinha. Waldemar de Brito marcou cinco dos goles da selección, mentres que Armandinho fixo catro, sendo o outro obra de Leônidas da Silva. Os goles do Galícia, adestrado por Manoel Rabello, foron anotados por Job (3) e Vareta.[3]

Converteuse pronto nun dos mellores equipos do estado e catro anos despois da súa fundación conquistou o seu primeiro Campionato Baiano, despois de gañar 11 dos doce partidos da liga.[4] Poucos anos despois converteuse no primeiro equipo en gañar o Campionato Baiano tres anos seguidos, en 1941, 1942 e 1943. Ademais foi subcampión en 1935, 1936, 1938, 1939, 1940, 1944, 1945 e 1948. Naquela época destacaban no equipo xogadores como Vareta, Maneca, Thiago, Braguinha Jr, Vevé ou Palito, ademais dalgúns galegos como Talladas ou Macoco.

Despois dese período a gloria tardou case 20 anos en volver ao club "galego", ata que liderado por Carlinhos conseguiu o subcampionato de 1967 e o campionato de 1968.[5] Ao ano seguinte o equipo rematou campión da zona nordeste do Torneo Norte–Nordeste, por detrás do Ceará.

Aínda volveu conseguir tres subcampionatos baianos máis, en 1980, 1982 e 1995. Ademais o subcampionato de 1980, onde destacaban futbolistas como Washington, Pirulito, Esquerdinha ou Robson,[6] deulle ao club a oportunidade de disputar por primeira vez na súa historia o Campionato Brasileiro de Primeira División, chamado naquel momento Taça de Ouro. Naquel campionato de 1981 o equipo conseguiu pasar a primeira fase pero caeu eliminado na segunda, despois de quedar encadrado nun grupo de catro no que se clasificaron o Vasco da Gama e o CSA. Volveu á máxima categoría en 1983, quedando eliminado na primeira fase despois de non lograr ningunha vitoria.[7]

Entre 1995 e 1997 competiu na Terceira División brasileira e en 1999 o equipo descendeu á Segunda División do Campionato Baiano. Tras tentar sen éxito volver á Primeira División baiana nas dúas seguintes tempadas, o club decidiu suprimir o seu equipo profesional e pasou a competir só en categorías inferiores.[8] Catro anos despois, en 2006, o equipo volveu participar no Campionato Baiano profesional. No seu regreso á Segunda División rematou terceiro, insuficiente para ascender pois só o facía o primeiro, e na seguinte tempada acabou segundo despois de perder a final contra o Feirense. Finalmente o club logrou volver á máxima categoría baiana en 2013, despois de acabar como campión da Segunda División con Sérgio Veloso como adestrador e con Alemão como máximo goleador do campionato.[9]

O equipo permaneceu catro tempadas na Primeira División Baiana e competiu na Serie D brasileira en 2016, pero volveu descender á Segunda en 2017.[10] Dende entón non volveu conseguir o ascenso e en 2020 desistiu de participar no campionato por problemas económicos.[11] Volveu á competición en 2022, obtendo o sétimo posto na Serie B do Campionato Baiano.

Estadio editar

Durante os seus primeiros anos xogou no antigo Campo da Graça, utilizando despois o Fonte Nova e o Estadio de Pituaçu, ata que o club construíu o seu propio campo, o Estadio Santiago de Compostela, máis coñecido como Parque Santiago, inaugurado en 1995. O estadio conta cunha capela dedicada ao Apóstolo Santiago, patrón de Galicia.[12]

Con todo, o equipo principal continuou xogando os seus partidos no Pituaçu de maior capacidade, mentres que no Parque Santiago xogan outros dos equipos do club. No 2012 xogou os seus partidos no Estadio Junqueira Ayres, volvendo ao ano seguinte ao Pituaçu.[13]

Escudo editar

O escudo do club está composto por unha franxa diagonal azul sobre fondo branco, imitando a bandeira de Galicia, coas iniciais do nome do club e a Cruz de Santiago no centro.[14]

Uniforme editar

Ao longo da súa historia o club tivo diferentes deseños nos uniformes, pero sempre cunha cor común: o azul. O equipamento máis coñecido é o formado por camiseta azul e pantalóns brancos, mais o club utilizou tamén camisetas imitando o escudo e a bandeira de Galicia, isto é, cunha franxa diagonal azul sobre fondo branco, e tamén coas cores invertidas, franxa diagonal branca sobre fondo azul. Outro dos deseños que foi utilizado varias veces, como no último campionato baiano gañado polo equipo en 1968, é o de raias verticais azuis e brancas.[6]

En 2019, durante a presidencia de Manolo Muiños, fillo de emigrantes galegos da Lama, o club chegou a un acordo co Pontevedra CF para lucir o escudo do club pontevedrés na súa camisola.[15]

Himno editar

O himno do club foi composto por Francisco Icó da Silva e foi gravado polo Inema Trio.[16]

Palmarés editar

Notas editar

  1. "Outros esportes". galiciaec.com.br (en portugués). Consultado o 15 de marzo de 2021. 
  2. "Espanha pode fazer amistoso contra o Galícia, time baiano" (en portugués). 2 de abril de 2014. Arquivado dende o orixinal o 07 de abril de 2014. Consultado o 13 de marzo de 2021. 
  3. "BRASIL 10x4 GALÍCIA". rsssfbrasil.com (en inglés). Consultado o 13 de marzo de 2021. 
  4. "Bahia State League 1937". rsssfbrasil.com (en inglés). Consultado o 12 de marzo de 2021. 
  5. "Galícia campeão baiano de 1968" (en portugués). 10 de decembro de 2015. Consultado o 18 de marzo de 2021. 
  6. 6,0 6,1 "Uniforme". galiciaec.com.br (en portugués). Consultado o 14 de marzo de 2021. 
  7. "Brazil 1983 (Taça de Ouro and Taça de Prata)". rsssf.com (en inglés). Consultado o 12 de marzo de 2021. 
  8. "Historia do Galícia". galiciaec.com.br (en portugués). Consultado o 12 de marzo de 2021. 
  9. "Rexurde a samba do Galícia". Galicia Confidencial. 29 de xullo de 2013. Consultado o 13 de marzo de 2021. 
  10. "Galícia perde da Juazeirense e é o primeiro rebaixado no Baiano" (en portugués). 26 de marzo de 2017. Consultado o 13 de marzo de 2021. 
  11. "Galícia desiste de disputar a Série B do Campeonato Baiano" (en portugués). 17 de marzo de 2020. Consultado o 13 de marzo de 2021. 
  12. "Parque Santiago". galiciaec.com.br (en portugués). Consultado o 14 de marzo de 2021. 
  13. "Ex-campeões baianos, clubes tradicionais tentam retornar à elite do estadual" (en portugués). 27 de abril de 2012. Arquivado dende o orixinal o 21 de marzo de 2021. Consultado o 14 de marzo de 2021. 
  14. "Escudo". galiciaec.com.br (en portugués). Consultado o 14 de marzo de 2021. 
  15. "El escudo granate lucirá en la camiseta del Galicia EC de Brasil". La Voz de Galicia (en castelán). 12 de abril de 2019. Consultado o 18 de marzo de 2021. 
  16. "Himno". galiciaec.com.br. Consultado o 15 de marzo de 2021. 

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar