Gabriel de Mendizábal

militar español

Gabriel de Mendizábal Iraeta, nado o 14 de maio de 1765 en Bergara (Guipúscoa) e finado en Madrid o 1 de setembro de 1838, foi un militar e xeneral español, con saliente participación na Guerra da Independencia española.

Gabriel de Mendizábal
Nacemento7 de novembro de 1764
Lugar de nacementoBergara
Falecemento1 de outubro de 1838
Lugar de falecementoMadrid
NacionalidadeEspaña
Ocupaciónmilitar
editar datos en Wikidata ]

Traxectoria editar

Ingresou na Escola Militar do Porto de Santa María, cerca de Cádiz, da que saíu en 1785 co grao de subtenente.

Participou na guerra do Rosellón contra a Francia revolucionaria (1793-1795), onde por méritos de guerra foi ascendido a comandante. Ao finalizar a contenda era Comandante dos Exércitos Nacionais. En 1798 foi destinado a Ferrol. En 1802 foi posto ao mando do novo batallón de infantaría Voluntarios de Navarra nº 12, ascendendo a coronel, e sendo destinado novamente a Ferrol con esa unidade.

En 1806 participou, contra Portugal, na chamada pola historiografía española guerra das laranxas.

Guerra da Independencia española editar

Durante a guerra da Independencia, Mendizábal figuraba no Exército de Galicia, baixo o mando do xeneral Cagigal, a quen acompañou na batalla de Medina de Rioseco, e foi promovido, pouco despois da mesma, á graduación de brigadeiro. Nos meses seguintes, integrado no corpo de exército mandado polo marqués de la Romana, participou en diversos enfrontamentos coas tropas francesas no norte de España, como nas batallas de Valmaseda e de Espinosa de los Monteros.

Co mesmo Exército da Esquerda, e xunto a De la Romana, formou parte da expedición en retirada que seguía as tropas británicas de John Moore, perseguida pola Grande Armée, a mando de Napoleón –até Astorga– e logo de Soult e Ney desde esa cidade leonesa, que se viu forzada a buscar refuxio en Galicia. O marqués De la Romana buscou o territorio galego a través da estrada Ponferrada-Ourense, ordenando a Mendizábal, para gañar tempo, que se enfrontase na Ponte de Domingo Flórez á división de cabalaría do xeneral francés Franceschii, a quen fixo retroceder (xaneiro de 1809) para Ponferrada, o que posibilitou que as tropas de De la Romana fixesen escala na provincia de Ourense. En marzo do mesmo ano tomou parte na chamada batalla de Vilafranca, na que tomou a vila berciá homónima, gornecida por unha forza francesa de máis de 800 homes. Aínda que aparentemente era un encontro menor, con esta acción Mendizábal cortoulles unha vía de retirada que crían asegurada aos exércitos que Soult e Ney tiñan metidos no interior de Galicia. A súa posterior actuación na batalla de Lugo valeulle o ascenso a mariscal.

Expulsados os franceses de Galicia, Mendizábal pasou a Castela. A súa pericia en encontros sucesivos fixo que fose promovido a tenente xeneral (1810). Porén, en accións posteriores en Estremadura, case consecutivas, como en Olivenza, onde debeu cederlles a praza aos franceses (1811), e Santa Engracia (febreiro de 1811), provocaron que fose separado do mando. Incorporado ao exército como soldado raso, o seu extraordinario comportamento na batalla de Albuera (maio de 1811), levou que se lle perdoase e aínda se lle concedese de novo o mando dun corpo do exército.

En xuño de 1813, participou na toma de Tolosa (Guipúscoa), entrando a continuación coas tropas anglo-luso-españolas en territorio francés e colaborando na vitoria de Tolosa (10 de abril de 1813), na cal resultou ferido. Poucos meses despois, xunto a tropas hispano-portuguesas e británicas, entre as que figuraba o Exército de Galicia, estivo presente na batalla de San Marcial, ao mando da división Vascongada.

Restauración editar

Tras a volta do rei Fernando VII, Mendizábal figurou nun Consello Supremo de Guerra, porén colaboraría cos revolucionarios durante o Trienio liberal (1820 - 1823), polo que posteriormente sería castigado. Durante o período liberal foi rehabilitado.