Francisco Macías Nguema

político ecuatoguineano
Para ver o artigo do editor galego, diríxase a Paco Macías.

Francisco Macías Nguema, cuxo nome real era Mez-m Ngueme, nado en Nsegayong (Río Muni) en 1924 e finado en Malabo o 29 de setembro de 1979, foi un político da Guinea Ecuatorial, primeiro presidente poscolonial do país, de 1968 a 1979. Ideoloxicamente autodenominábase marxista, aínda que gabou publicamente a figura de Adolf Hitler. O partido á fronte do que estaba era o Partido Único Nacional de Trabajadores (P.U.N.T.).

Francisco Macías Nguema
Nome completoMez-m Ngueme
Nacemento1 de xaneiro de 1924
Lugar de nacementoMongomo
Falecemento29 de setembro de 1979
Lugar de falecementoBlack Beach
Causaferida por arma de fogo
SoterradoMalabo cemetery
NacionalidadeGuinea Ecuatorial
Ocupaciónpolítico
FillosMónica Macías e Filiberto Ntutumu Nguema
PremiosCollar of the Spanish Order of the Civil Merit, Order of Independence e National Order of Equatorial Guinea
editar datos en Wikidata ]

Traxectoria editar

Francisco Macías Nguema naceu no seo dunha familia pobre. Na década de 1940 afiliouse ó Partido Socialista Guineano. Foi nomeado alcalde de Mongomo polas autoridades coloniais españolas. Máis adiante foi membro do Parlamento territorial. Despois deste e doutros cargos ó servizo da administración española, en 1964 desígnano vicepresidente do goberno autónomo da Guinea Española. En 1965 entra no Exército e acada o grao de xeneral de brigada, con mando sobre uns 8.000 soldados.

Desempeñou un papel moi relevante na caída do goberno, debido fundamentalmente á súa popularidade entre a xente do pobo, que vía nel ó dirixente que os sacaría da miseria. Unha amplísima coalición electoral fixo que lograse a Presidencia da nova República da Guinea Ecuatorial en outubro de 1968, coas bendicións do goberno español do ditador Franco.

Aínda que ata 1972 non se autoproclamou presidente vitalicio do país, con dereito a elixir ó seu sucesor, baixo o seu goberno ditatorial nunca se celebraron eleccións libres. Nese momento decidiu asumir, ademais da presidencia vitalicia, os cargos de primeiro ministro e ministro do Exército, Xustiza e Finanzas. Durante a súa presidencia, a Guinea Ecuatorial recibirá o desafortunado apelativo de Auschwitz africano, e destacará polas execucións políticas. O primeiro ministro do período anterior á independencia (goberno autónomo), Bonifacio Ondó Edu, foi difamado, detido e executado na cadea pouco despois da toma de poder por parte de Macías. Outros funcionarios, entre os que estaba o antigo vicepresidente, Edmundo Bossio, suicidáronse durante a súa detención.

Reprimiu con dureza a oposición, tanto conservadora como a de esquerdas, resultando moi autoritario e duro á hora de impoñer as reformas que tiña en mente. As continuas violacións dos dereitos humanos cometidas polo réxime de Macías provocaron o exilio ós países veciños (Camerún e Gabón) ou Europa (España e Francia) de máis dun terzo da poboación total da Guinea Ecuatorial.

Todo o aparato represor do estado ecuatoguineano (exército e garda presidencial) estaban controlados dun xeito absoluto pola familia de Francisco Macías e outros membros do seu clan. O número de mortos baixo a ditadura de Macías depende das fontes consultadas, establecéndose entre 50.000 e 80.000, ou sexa, entre a sexta e a cuarta parte dunha poboación de 300.000 persoas aproximadamente. Salientaremos algunha das súas loucuras como a prohibición de usar a palabra intelectual ou a destrución das embarcacións (prohibiu a pesca). "Africanizou" o seu nome como Masie Nguema Biyogo Ñegue Ndong en 1976 logo de esixir o mesmo ó resto da poboación. As condicións chegaron a ser tan nefastas que ata a súa propia esposa fuxiu do país. Macías desenvolveu un extremado culto á personalidade. Empregou para si títulos como a de "milagre única" e outros similares.

O 3 de agosto de 1979 o seu sobriño Teodoro Obiang Nguema Mbasogo organizou, coa axuda de parte do exército, un golpe de estado que derrocou ó ditador Francisco Macías, quen foi capaz de refuxiarse nun búnker na selva, onde destruíu as reservas de divisas do país (a divisa do momento era o ekwele-bikwele, que mantiña a paridade coa peseta española). O país terá que enfrontarse por isto a unha gravísima crise monetaria. Porén, Macías non logrou reunir os recursos necesarios para oporse a Obiang e foi capturado polos rebeldes pouco tempo despois.

O seu sobriño, Teodoro Obiang, que acabaría sendo á súa vez o novo ditador, someteu a un xuízo sumarísimo diante dun Tribunal Militar, no que Macías foi acusado, entre outras cousas, de xenocidio, deportacións masivas e apropiacións indebidas. Foi condenado á morte o 29 de setembro de 1979 e fusilado inmediatamente. O temor que espertaba entre o pobo era tal que ningún soldado da Guinea Ecuatorial se atreveu a formar parte do pelotón de execución, polo que tiveron que ser soldados marroquís os encargados de disparar. Macías, seguindo o modelo do ditador haitiano François Duvalier empregaba a maxia para atemorizar á poboación.

A día de hoxe, Francisco Macías Nguema está considerado como un dos líderes máis cleptócratas da historia da África poscolonial. Foi comparado con Pol Pot pola súa natureza violenta, imprevisible e anti-intelectual de ámbolos dous réximes.

Efectos do mandato de Macías editar

Durante o seu mandato pódense sinalar:

  • A obriga de chamar ó presidente "Milagre Único da Guinea Ecuatorial".
  • A prohibición de levar zapatos, levando naquel tempo o "MOTOFUT".
  • Renomear todos os nomes con consonancia española.
  • O desmantelamento do ferrocarril.
  • A supresión de hospitais e escolas.
  • A prohibición para os habitantes de pescar na illa.
  • A instalación dunha base secreta de submarinos rusos en Luba (hoxe desmantelada).
  • Ter acabado case co cultivo do cacao, considerado como o mellor do mundo.
Presidente da Guinea Ecuatorial

Segue a:
Goberno colonial español
Francisco Macías Nguema
Precede a:
Teodoro Obiang

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar