Frédéric Chopin

compositor e pianista polaco do romanticismo

Fryderyk Franciszek Chopin, ou en francés Frédéric François Chopin, nado en Żelazowa Wola o 1 de marzo de 1810 e finado en París o 17 de outubro de 1849, foi un compositor e pianista polaco do romanticismo. Está considerado un dos compositores para piano máis influentes, prolíficos e famosos.

Frédéric Chopin
Chopin en 1835
Nome completoFryderyk Franciszek Chopin
Nacemento22 de febreiro de 1810 e 1 de marzo de 1810
 Żelazowa Wola, Polonia
Falecemento17 de outubro de 1849 (39 anos)
 París, Francia
Causatuberculose
SoterradoFrédéric Chopin's tomb, Cemiterio do Père-Lachaise e Igreja da Santa Cruz
NacionalidadeFrancia, Imperio Ruso, Ducado de Varsóvia, Reino do Congreso, Segunda República Francesa e Polonia
Educado enChopin University of Music e Universidade de Varsovia
PaiNicolas Chopin
NaiTekla Justyna Chopin
Parella/sGeorge Sand
IrmánsLudwika Jędrzejewicz Chopin, Emilia Chopin e Izabela Barcińska
Na rede
Frédéric Chopin en IMDb
IMDB: nm0006004 IBDB: 11521
Youtube: UCyTnUReB5s38R-ZKlb2wyVg Spotify: 7y97mc3bZRFXzT2szRM4L4 Last fm: Frédéric+Chopin Musicbrainz: 09ff1fe8-d61c-4b98-bb82-18487c74d7b7 Songkick: 459217 Discogs: 192325 IMSLP: Category:Chopin,_Frédéric Allmusic: mn0000066824 WikiTree: Chopin-24 Find a Grave: 198 Genius: Frederic-chopin Editar o valor em Wikidata
editar datos en Wikidata ]

Despois dunha infancia de neno prodixio en Polonia marchou para París con vinte anos, onde fixo carreira como intérprete, profesor e compositor e adoptou a versión francesa do seu nome Frédéric-François. De 1837 a 1847 tivo unha tormentosa relación coa escritora francesa George Sand (Aurore Dudevant). Morreu con 39 anos por mor dunha tuberculose pulmonar.

Traxectoria editar

Os primeiros anos editar

Segundo a partida de bautismo, descuberta 50 anos despois da morte do compositor, naceu o 22 de febreiro de 1810 e foi bautizado o 23 de abril. Hoxe considérase en xeral que a data do rexistro de bautismo non é correcta, polo que Chopin nacería o 1 de marzo de 1810, o cal concordaría coas informacións dadas en vida polo propio compositor. O seu pai Nicolas Chopin (1771–1844), un francés de posible orixe polaca segundo algúns biógrafos, deixou a terra de orixe familiar en Lorena en 1787 para asentarse en Polonia onde foi, entre outros oficios, burócrata, adoptou a nacionalidade polaca e loitou do lado polaco na guerra ruso-polaca e no subseguinte alzamento de Kosciuszko. Despois da caída do estado polaco, traballou como profesor particular de francés para diferentes familias nobres. Cando casou en 1806 con Justyna Krzyzanowska, dama de honor da condesa Skarbek, o que lle facilitou conseguir unha praza como mestre de francés nun Ximnasio recentemente establecido. Despois de mudarse a en 1810 a Varsovia os Chopin tomaron algúns hospedes entre eles Julian Fontana, que sería amigo de Frédéric Chopin durante toda a súa vida, e copista do compositor até que emigrou a América en 1841.

Frédéric Chopin e súas irmás (nacida en 1807), Isabella (en 1811) e Emilia ( no 1812) recibiron unha educación básica tolerante e cariñosa. De acordo coa tradición era tarefa da mai e da irmá Ludwika, promover en Frédéric o gusto polo piano. O talento musical de Chopin amosouse axiña, foi un neno prodixio e con 7 anos compuxo as súas primeiras polonesas que amosan xa un talento extraordinario para a improvisación. O seu único mestre foi, entre os anos 1816 e 1822 o pianista e violinista Wojciech Adalbert Zywny.

En 1818 interpretou durante unha actuación benéfica un concerto do compositor austríaco Adalbert Gyrowetz, feito que lle abriu as portas dos salóns da alta nobreza polaca e da aristocracia. Desde 1822 tomou clases de teoría musical e composición con Elsener. Un ano despois interpretou en público un concerto de Ferdinand Ries.

Chopin aprobou en 1826 a Escola intermedia, e entrou no conservatorio de Varsovia onde estudou piano e composición con Józef Elsner. Compoñía con ansia e amosaba os resultados do seu traballo ó seu profesor que asegurou "Evita os camiños xa pisados e os métodos habituais, pero o seu talento é extraordinario". Familiarizouse coa música popular polonesa durante as vacacións en varias rexión rurais de Polonia. Acabou os estudos musicais en 1828

Entre Varsovia, Viena e París editar

Entre os anos 1829 e 1831 Chopin alternou as estancias entre Varsovia, Viena e París, na procura de familiarizarse coa vida musical europea e de adquirir unha reputación no medio musical. Os concertos que deu nesa época foron moi ben valorados pola crítica e o público asistentes. Viviu ó primeiro 8 meses en Viena, período no que pasou por dificultades económicas e que coincidiu coa insurrección de Varsovia e a posterior represión polo exército ruso. 1829 foi tamén o ano no que namorou da alumna do conservatorio Konstanze Gladkowska. O amor case secreto acabou por si mesmo cando en 1830, despois do alzamento polaco, o pai do compositor recomendoulle quedar no estranxeiro. Chopin trasladouse definitivamente a París en 1831, sen saber que nunca máis volvería para Polonia. Chopin, profundamente patriota, foi moi afectado polos sucesos en Polonia, que inspiraron a súa imaxinación creativa. Destes anos datan o primeiro dos "Scherzo" e os "Estudos" op. 10.

 
Chopin segundo un retrato deEugène Delacroix de 1838. Este retrato e o de George Sand que se amosa abaixo eran parte dun retrato dobre dos dous.

A emigración a París editar

Chopin chegou a Francia cun pasaporte para Londres, e xa non a abandonou practicamente no que lle quedaba de vida. París atraia moito a Chopin: o ambiente da cidade, o estilo de vida dos seus habitantes e a intensa actividade cultural e musical fascinárono : "É o máis fermoso dos meos" escribiu nunha das súas cartas. O compositor preocupouse despois da súa chegada a París de seguir mellorando a técnica pianística. Tomou como profesor a Friedrich Kalkbrenner, un dos pianistas de máis sona da época, pero a relación, máis proveitosa para a vaidade do mestre que para o alumno, durou un mes escaso. Chopin sentiuse limitado polo estilo de ensino de Kalkbrenner. O músico gañaba a vida con concertos, aínda que nos primeiros tempos as ganancias case non cubrían os gastos, debido a que Chopin aínda era un intérprete pouco coñecido nos ambientes da capital francesa. Finalmente conseguiu unha recepción de familia Rothschild e a impresión que a súa interpretación durante a visita causou, facilitoulle unha gran cantidade de alumnos e, sobre todo, de alumnas para as súas clases particulares. A súa gran sociabilidade mundana e a reputación de virtuoso permitíronlle converterse no profesor de moda nos ambientes aristocráticos parísenos. Así dende 1833 Chopin dispuxo de ingresos regulares que complementaba con actuacións en concertos e a publicación das súas composicións. Chegou a facer publicar as súas obras nunha gran casa editorial, o que lle permitiu darse a coñecer en toda Europa (En 1831 Robert Schumann, despois de descubrir o seu segundo traballo publicado, as variacións sobre o tema "Là ci darem la mano" da opera de Mozart Don Giovanni, escribiu nunha crítica no "Allgemeinen Musikalischen Zeitung" de Leipzig :"Señores, quiten os sombreiros: un xenio").

Mentres outros salientables músicos da época como Richard Wagner ou Piotr Ilich Tchaikovski dependeron en diversas fases da súa vida da axuda económica de benfeitores (ou benfeitoras), Chopin tiña coche particular e podía permitirse vestir ben. Aínda así, queixouse nunha ocasión a un amigo de que o seu estilo de vida o obrigaba a gastar tanto que ía ter que aumentar o número de horas diarias que dedicaba a dar clases.

Entre as amizades do músico, a parte de numerosos exiliados polacos, estaban os escritores Alfred de Musset, Honoré de Balzac, Heinrich Heine e Mickiewicz, o pintor Eugène Delacroix, os músicos Franz Liszt e Ferdinand Hiller e, sobre todo, a escritora George Sand. A Sand coñeceraa Chopin na casa de Franz List e a súa primeira reacción diante daquela muller que vestía coma un home e fumaba puros foi de rexeitamento: "¡Que muller tan antipática! ¿É realmente unha muller? Teño as miñas dúbidas."

En 1834 rexeitou invitacións da embaixada rusa á que fixo saber que se consideraba un exiliado político e que non aceptaba a autoridade do CIA, o que lle valeu a prohibición de regresar para Polonia. Durante estes anos publicou obras mestras como a Primeira Balada (1835) ou o Segundo ciclo de estudos Opus 25 (1837) que lle aseguraron a notoriedade.

 
George Sand; retrato de Eugène Delacroix.

George Sand editar

En 1837 Chopin sufriu unha crise amorosa despois do fracaso da súa relación coa rapaza de 18 anos. Desta crise sacouno George Sand, seis anos máis vella cá el, e con pouco que ver con Maria Wodzińska. Sand era unha muller provocadora e chea de auto confianza, moi distinta da filla ideal de boa familia que era Maria Wodzińska. Sand deulle a Chopin o equilibrio anímico que se cadra lle faltaba, aínda que as relacións entre eles deixan tamén algunhas preguntas no aire. Sand era unha muller apaixonada, que se sentiu atraída ó longo da súa vida por unha rea de homes novos. Non esta claro se a atracción por Chopin foi só unha máis da serie. George Sand destruíu centos de cartas a ela dirixidas polo que algúns puntos das súas relacións non poden ser aclarados. En calquera caso estiveron xuntos dez anos, nos que viviron unha vida mundana e de admiración mutua entre París e a propiedade de George Sand en Nohant

Valldemossa editar

En novembro de 1838 George Sand marchou cos seus fillos Maurice e Solange a Mallorca. A viaxe fíxose por consello médico, para tratar de aliviar a enfermidade reumática de Maurice. Tamén Chopin, desde anos atrás enfermo de tuberculose confiaba nunha mellora da súa saúde grazas ó clima temperado da illa e axiña se reuniu coa familia Sand. Maurice recuperouse ben, pero a estancia na cartuxa de Valldemossa non foi proveitosa para o músico polaco. Os cuartos eran demasiado fríos e as relacións dos habitantes da illa coa parella que vivía xunta sen estar casados eran moi distantes. Nos primeiros días da estancia comezaron a manifestarse síntomas da inflamación pulmonar segundo escribiría máis tarde a propia George Sand. Despois de 98 días Abandonaron a illa. Este curto espazo de tempo influíu fortemente na vida da parella. George Sand expresou na súa novela “Un Inverno en Mallorca” unha crítica devastadora sobre os habitantes da illa mentres que o músico reaccionou con menos dureza. As queixas sobre as habilidades dos médicos mallorquinos nunha carta súa do 3 de decembro de 1838 semellan máis produto da ironía coa que Chopin adoitaba tratar a súa enfermidade que dunha autentica carraxe: “Os tres doutores máis famosos da illa visitáronme; un cheirou o que eu cuspía, o segundo petou no sitio desde o que eu cuspía, o terceiro escoitaba con atención e apalpaba mentres eu cuspía. Un dixo que morría, outro que morrería e outro que ía morrer.”

En Mallorca escribiu Chopin os “24 preludios”, o máis coñecido deles é “O preludio das gotas de choiva”, que amosa a incomodidade do autor no, para el, sinistro ambiente do mosteiro. Unha carta do 28 de decembro de 1838 testemuña esa impresión: “Separado só por unhas millas do mar e dos acantilados, na enorme e abandonada cartuxa, nunha cela cunha porta como non hai en París, sen peitear, sen luvas brancas, pálido coma sempre. A miña cela ten a forma dun alto sarcófago, a cúpula do teito é enorme, chea de po, cunha fiestra pequena diante da que hai laranxeiras, palmas, cipreses; fronte da fiestra, está a miña cama de tiras de coiro (...). cabo da cama hai un escritorio cadrado que se prega, e que case non me serve para escribir, sobre del un candil de lata cunha candea (...) silencio... podería berrar .... e aínda seguiría o silencio.” Segundo escribiu George Sand en “Un inverno en Mallorca”, Chopin sufría alucinacións. Un día, cando ela volvía un cos seus fillos dunha excursión a Palma en medio dunha forte choiva, Chopin lanzouse desde o piano e díxolles: “Sabía que morrérades”-

Ruptura con George Sand editar

De volta en Francia, Chopin recuperouse algo. Entre 1839 e 1846 fixo frecuentes estancias en Nohant. Foi un período feliz no que compuxo algunhas das súas obras máis coñecidas : A "Polonesa Heroica, a "4ª Balada", a "Barcarola" e os últimos "Valses". A relación entre Chopin e George Sand foise deteriorando e acabou en 1847, por causas non ben aclaradas. Nin o músico nin a escritora comentaron os motivos. Os problemas familiares da escritora deberon influír. A inclinación da súa filla Solange polo escultor Auguste Clésinger, que non tiña medios económicos, causou disputas que acabaron cunha pelexa entre Maurice, o fillo de Sand. Os detalles do asunto non son totalmente coñecidos, pero o feito de que Chopin se puxese do lado de Solange aínda despois deses sucesos foi mal recibido por George Sand. Romperon definitivamente en xullo de 1847, e non volveron a encontrarse máis ca unha vez e de forma casual un ano despois.

Morte editar

 
Tumba de Chopin en Père-Lachaise

Xa moi feble, Chopin comezou unha xira de concertos por Inglaterra e Escocia organizada pola súa alumna Jane Stirling. A viaxe esgotouno física e moralmente. Volveu a París xa moi enfermo e un mes máis tarde, o 17 de outubro de 1849, morreu de tuberculose no seu domicilio da praza Vendôme, do centro de París. A seguinte maña Auguste Clésinger tiroulle unha máscara fúnebre e unha impresión da mao esquerda. Foi enterrado no cemiterio de Père Lachaise e o seu corazón, de acordo co seu desexo levado a Varsovia, onde se conserva na igrexa da Santa Cruz.

Obras editar

As obra principais de Chopin están escritas para o piano. O violoncello está presente en catro das súas composicións: "Trío para piano", "Introdución e polonesa brillante para piano e violoncello", "Gran dúo" sobre a ópera de Meyerbeer Robert der Teufel (Robert o diaño), composto co seu amigo o viloncelista Auguste Franchomme, e a tardía "Sonata para violoncello e piano". Os seus Lieder non acadan a categoría dos de Franz Schubert, Robert Schumann ou Hugo Wolf, malia a recoñecida capacidade de Chopin para dar carácter "vocal" as súas composicións. Estudos feitos das súas obras amosan que as liñas melódicas están estruturadas moitas veces de xeito que poderían ser interpretadas por un cantante. Os arcos melódicos acaban no punto onde o cantante tería que tomar aire.

É moi característico das súas composicións a aparente independencia unha da outra coa que as mans traballan. Non son raras en Chopin pasaxes nas que á man dereita se asignan tres tons, mentres que á esquerda dous O "Segundo Estudo" opus posthumus componse totalmente dese tipo de combinacións. Todo isto fai supor que Chopin podía interpretar sen esforzo este tipo de composicións sen caer en desigualdades rítmicas. Este tipo de ritmos foron máis frecuentes na música romántica de épocas posteriores, por ben que foi Chopin un dos primeiros compositores que ousou poñer en práctica esa innovación. A súa música é ,sen dúbida, moi característica.

Obras para solista editar

Chopin, como o seu compatriota Karol Kurpinski interesouse moito polas danzas tradicionais da súa terra como a polonesa e a mazurca. De feito a primeira peza del que se conserva e unha polonesa de 1817., e ía seguir a compor ese tipo de obras durante toda a súa vida. Tomou ó primeiro como modelos a Carl Maria von Wéber e Johann Nepomuk Hummel. As polonesas compostas máis tarde en París xorden da saudade e a morriña pola terra natal e a súa situación política. A mazurca era ós inicios do século XIX, o contrario cá polonesa, un novo descubrimento, que se espallou, porén, rapidamente por toda Europa. Chopin oíraas tanto e salóns aristocráticos coma na súa forma primitiva durante as vacacións de verán no campo. Os 15 anos escribiu a súa primeira mazurca (mazurca en Si maior K. 1891–1895). O hábil uso da cromática e un baixo con quinto bordón son marcas de estilo das mazurcas de Chopin. A partir da Mazurca op. 6 (1830-32) compuxo, en xeral, esta forma musical en forma de ciclos. As mazurcas de Chopin non se axeitan en xeral para unha interpretación coma danza, debido a rapidez dos seus tempos e o virtuosismo que esixen do pianista. O mesmo acontece cos seus valses, escritos tamén en tempos moi rápidos. Estes son pezas de salón, concibidas coma música de pasatempo e escritas case todas en ton maior, que na harmonía occidental se considera máis divertido cas variedades en ton menor. O famoso "Valse do minuto", malia o seu tempo rápido non está, por certo, pensado para ser interpretado nun minuto (cousa que algúns pianistas conseguen, estragando parte do encanto da peza) e coa palabra minuto o compositor quere reflectir a instantaneidade da peza. Esta obra é tamén coñecida coma "Petit chien" (O cadeliño) porque se di que foi inspirada pola imaxe dun cadelo tentado pillar o seu propio rabo, o que daría orixe ó tema central recorrente e coma xiratorio

Ouro grupo de obras de Chopin constitúeno os 21 nocturnos. Neles o compositor renuncia a virtuosismo doutras obras en favor da expresión dos sentimentos.. As melodías oriéntanse no estilo do ''bel canto''. Dende o Opus 27 publicou as pezas en pares, considerando cada peza antitética da outra.

Os 24 "Preludios" compostos en Mallorca, e que decepcionaron a Robert Schumann que viu neles "algo enfermizo, febril, repelente", foron compostos cada un nunha tonalidade distinta. Están ordenados na serie do quinteto, van no sentido dos punteiros do reloxo e sempre en cambios de maior ó correspondente ton menor. Empezando en Dó maior co consecuente Dó menor, Chopin salta, unhas pezas máis tarde do "Preludio en Fa sostido maior", directamente o Mi bemol menor, para evitar a falta de harmonía.

Entre as incontables anécdotas, reais ou apócrifas, que se contan sobre o compositor, cóntase que o "Preludio número 15 en Re bemol" foi composto na noite en que George Sand e os seus fillos volveron moi tarde dunha excursión por causa da treboada, o que provocou a confusión mental de Chopin. Á peza foille dado posteriormente o subtítulo de "Preludio das gotas de choiva". A repetición pola man esquerda do pianista durante toda a peza do ton recorda efectivamente a caída regular da choiva. George Sand, en "Un inverno en Mallorca" menciona que Chopin sentaba ó piano cando chegaron, pero non fala de ningunha composición en concreto.

Entre o resto de obras de Chopin encóntranse catro Baladas e catro Scherzos, pezas moi concertantes e esixentes. Na parte central do "Scherzo op. 20", o músico trae á memoria a súa terra, introducindo a canción de berce polaca "Lulajze Jezuniu, lulajze, lulaj", (Durme, Xesusiño, durme).

Os Estudos op. 10 e op. 25 e os tres traballos dese tipo publicados postumamente inciden en refinamentos técnicos, pero son axeitados tamén para a interpretación concertante. Chopin entra con eles nun novo campo. Ata daquela os seus estudos (sobre Carl Czerny e Johann Baptist Cramer) foran orientados ao desenvolvemento técnico. Mais no século do romanticismo os estudos non se pensaban só como perfeccionamento da propia técnica. Franz Liszt, Alexander Skriabin e Claude Debussy son proba do desenvolvemento do Estudo. O famoso "Revolutionsétude" (op.10 nº.12) en Dó menor, con melodía heroica na man dereita sobre un movemento en 16 tecnicamente moi esixente na esquerda, sería composto após a derrota do alzamento polaco de novembro de 1830. O "Étude op. 10 nº. 5 en Sol bemol maior", coñecido como "Estudo sobre as teclas negras" e tamén moi ben valorado. Para ser preciso e só a man dereita a que traballa exclusivamente sobre as teclas negras. Na colección Opus 25 destaca tamén o "Estudo nº. 11 en la menor" ou "Estudo da tormenta") no que o melancólico tema inicial dá paso a pasaxes de gran virtuosismo

Entre os Impromptus esta unha das obras máis coñecidas de Chopin o "Fantasie Impromptu", que foi publicado postumamente, xa que o autor non o quixera publicar, posiblemente para evitar acusacións de plaxio pola gran semellanza da súa parte central cunha peza para piano do compositor bohemio Ignaz Moscheles.

As sonatas editar

Chopin escribiu só tres sonatas. Aparentemente a curta distancia temporal cos mestres vieneses da sonata fíxolle difícil o traballo cunha forma musical tan estrita. Ata hoxe é tema de discusión entre os críticos o nivel de dominio deste xénero por Chopin, que, por outra parte, parecía pouco interesado en manterse dentro das rixideces formais esixidas. A primeira sonata foi escrita nos seus anos de estudante. A terceira (op. 58, de 1844) é unha obra monumental rica en matices de pensamento e cantabilidade. A sonata mellor valorada é a segunda, a Sonata en si menor op. 35, de 1839). A súa famosa marcha fúnebre, que constitúe a terceira parte da obra, acabaraa Chopin xa en 1837. Chopin compuxo os outros movementos ó redor da marcha fúnebre, é as distintas partes pode parecer, nunha primeira escoita, que non teñen relación entre elas, malia que algúns estudos amosan os lazos existentes. A obra provocou controversias xa en vida do poeta: tódalas frases da obra son escritas en ton menor (algo insólito naquel tempo) e tódolos temas son dun tremor que levou a Schumann a manifestar, que Chopin "xuntara catro dos seus fillos máis aloucados". A falta de alento do Grave, a case brutal impetuosidade do Scherzo, a Marcha fúnebre e o Finale melodioso ( "o zoar do vento sobre das tumbas" segundo Rubinstein) eran se cadra demasiado atrevidos para ó seu tempo.

Os concertos para piano editar

A carón das obras para solista son moi coñecidos dous concertos de Chopin para piano: o número concerto 1 en mi menor e o número 2 en fa menor, que de feito é anterior no tempo. Ë discutido se foi o propio músico quen fixo a orquestración. Chopin podía orquestrar, mais nas pezas vese que o papel que lle reservaba a orquestra é máis axiña decorativo, e que quedaba reducido case ó dun simple acompañante do piano.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Ligazóns externas editar