Foro (Internet)

espazo dixital para compartir opinións ou debates

Un foro ou foro de discusión de Internet é unha ferramenta de comunicación asíncrona en grupo, coñecida tamén como conferencia electrónica. O funcionamento é moi semellante ao das listaxes de distribución ou de correo electrónico, mais neste caso, para participar ou ler as mensaxes emitidas polo resto do grupo fai falta que o usuario estea conectado ao servidor que xestiona o foro. As mensaxes non se transfiren directamente ao computador do usuario, como sucede co correo electrónico, senón que o usuario traballa directamente na aplicación do foro, accedendo mediante unha chave de aceso.

A función fundamental dos foros é que permiten o debate e o intercambio de opinións entre moitos usuarios, inda que poden ter outras posibilidades como por exemplo servir para se presentar e preguntar dúbidas, facilitar a comunicación entre profesores e alumnos nun curso virtual, anunciar mudanzas en xogos e páxinas web, ou acumular ligazóns recomendadas sobre un tema.

Foro de discusión editar

Trátase dunha ferramenta colaborativa, semellante a un taboleiro de anuncios virtual, que permite que diferentes persoas se comuniquen e poidan falar ou debater en liña sobre un ou máis temas. É un sistema en que a comunicación entre usuarios non se dá en tempo real e as mensaxes se adoitan gardar durante un longo período de tempo.

Normalmente, o foro conta con diferentes fíos ou temas de discusión, cada un relacionado cunha área de debate diferente, coma a política, a ciencia e a tecnoloxía, os deportes etc.

A primeira das mensaxes determina o tema ou fío de discusión inicial e, a partir dela, iníciase toda unha serie de mensaxes que, de feito, son as respondidas polos usuarios que lle contestan ao tema inicial.