Formación xeolóxica

Unha formación xeolóxica (ou simplemente formación) é unha unidade litoestratigráfica formal que define corpos de rochas caracterizados por unhas propiedades litolóxicas comúns (composición e estrutura) que as diferencian das adxacentes. É a principal unidade de división litoestratigráfica. Poden asociarse en unidades maiores (grupos), subdividirse (membros) ou diferenciarse unidades menores significativas (capas). A disciplina xeolóxica que se ocupa das unidades litoestratigráficas é a estratigrafía. A definición e recoñecemento de formacións permite aos xeólogos correlacionar os estratos xeolóxicos ao longo de amplas distancias entre os distintos afloramentos e exposicións dos estratos de rochas.

Afloramento do Membro Brushy Basin (Xurásico superior) da Formación Morrison (Colorado, Estados Unidos).

Segundo a Comisión Internacional de Estratigrafía, o conxunto de rochas sedimentarias da codia terrestre debería estar completamente definido mediante formacións, mentres que non sería obrigatorio facelo con outros tipos de unidades litoestratigráficas.[1] Non hai un límite de espesor para poder establecer unha formación, mais as normas internacionais indican que, polo menos, han de ser representables nun mapa xeolóxico —xeralmente de escala 1:50 000 a 1:25 000—. As formacións xeolóxicas son xeralmente capas de rochas sedimentarias, pero poden ser tamén rochas metamórficas e fluxos volcánicos. As rochas ígneas intrusivas xeralmente non están divididas en formacións.

Outros usos do termo editar

O termo «formación» adoita usarse tamén informalmente para designar conxuntos de rochas ou estruturas xeolóxicas que comparten determinadas características, como «formación arrecifal» (atendendo á orixe), «formación siliciclástica» (atendendo á composición), «formación de estalactitas» (para describir un conxunto homoxéneo de estruturas) etc. O termo "formación" úsase tamén a miúdo informalmente para referirse ás agrupacións de rochas específica, como as que se encontran a determinada profundidade nun pozo de petróleo.

Denominación editar

Os nomes formais das formacións están compostos por tres partes:

  1. O termo «Formación», que adoita abreviarse como «Fm.».
  2. As características litolóxicas principais (por exemplo «lutitas, arenitos e conglomerados», «Dolomías, margas e calcarias», ...).
  3. O nome da localidade ou zona na que foi descrita inicialmente, serve de referencia principal para identificar a formación. A parte xeográfica do nome non se debe traducir ou alterar cando se cite noutros idiomas, agás a transliteración de caracteres se é necesario.

Exemplos: Formación Dolomías de Tramacastilla, Fm. Arenitos de Downton Castle, Fm. Green River etc. Convén engadir a referencia da publicación na que se define formalmente para a súa identificación inequívoca.[1]

Historia editar

As formacións foron descritas orixinalmente para ser os marcadores esenciais do tempo xeolóxico baseados nas idades relativas e a lei da superposición. As divisións da escala de tempo xeolóxico eran as formacións descritas e postas en orde cronolóxica polos xeólogos e estratígrafos dos séculos XVIII e XIX.

A revisión moderna das ciencias xeolóxicas restrinxiu as formacións ás litoloxías, porque as unidades litolóxicas están formadas por ambientes deposicionais, algúns dos cales poden persistir durante centos ou millóns de anos e transgredir os intervalos cronoestratigráficos ou os métodos baseados nos fósiles de correlacionar as rochas. Por exemplo, a cunca de Hamersley de Australia Occidental é unha cunca sedimentaria do Proterozoico onde se conservaron 1 200 millóns de anos de sedimentación na súa estratigrafía sedimentaria intacta, na que 300 millóns de anos están representados por unha soa unidade litolóxica de formación de ferro bandeado e lousas.

Definición das formacións litoestratigráficas editar

 
Os estratos do Permiano ao Xurásico da área da meseta do Colorado do sueste de Utah demostran os principios da estratigrafía. Estes estratos constitúen gran parte das famosas formacións rochosas prominentes do Parque Nacional de Capitol Reef e o Parque Nacional de Canyonlands. Da parte superior á inferior: o Arenito Navajo, a Formación Kayenta, o Arenito Wingate, a Formación Chinle, a Formación Moenkopi e a Formación Cutler. Foto da Área Recreativa Nacional de Glen Canyon, Utah.

As formacións son as únicas unidades litoestratigráficas formais nas cales a columna estratigráfica debería estar en todas partes dividida baseándose completamente na litoloxía. A diferenza na litoloxía entre formacións necesaria para xustificar o seu establecemento varía coa complexidade da xeoloxía dunha rexión e o detalle necesario para facer mapas xeolóxicos e dilucidar a súa historia xeolóxica.

Estritamente falando, as formacións non poden ser definidas por criterios distintos da litoloxía primaria. Porén, ás veces é útil definir unidades bioestratigráficas baseadas en criterios paleontolóxicos, ou cronoestatigráficos baseados na idade das rochas, e quimioestratigráficas baseadas en criterios xeoquímicos.

A estratigrafía secuencial baséase nun concepto que desafía a idea da existencia de unidades litoestratigráficas estritas ao definir as unidades baseándose en eventos das cuncas sedimentarias como regresións mariñas e transgresións. Estas secuencias son unha combinación de unidades cronoestratigráficas, ligadas polo tempo, e ambientes deposicionais, ligados polos eventos xeolóxicos, que ocorreron nese tempo, independentemente do tamaño do gran dos sedimentos.

Agrupacións e divisións editar

As formacións poden agruparse, se as características litolóxicas así o requiren, en grupos, e poden establecerse subgrupos e supergrupos.

Non é necesario que as formacións estean subdivididas, pero cando existen criterios que permiten discriminar subunidades significativas poden definirse membros e capas. As normas de nomenclatura para os membros seguen os mesmos criterios que para as formacións (membro adoita abreviarse «Mb.»). As capas, que son as unidades de menor rango, poden ser moi características e marcar niveis de grande interese en correlacións locais, e o seu espesor pode ser desde poucos centímetros a algúns metros.

Formacións e unidades cronoestratigráficas editar

As unidades litoestratigráficas e as cronoestratigráficas pertencen a sistemas de clasificación e ordenamento das rochas independentes entre si, e defínense con criterios moi diferentes. Así, unha formación pode pertencer a un ou a varios pisos (unidades cronoestratigráficas básicas de referencia para a escala temporal xeolóxica), dependendo da duración da actividade do medio sedimentario no que se formou. Por outra parte, os pisos inclúen necesariamente numerosas unidades litoestratigráficas (formacións, membros ou capas), debido a que para cada idade, como na actualidade, a formación de depósitos sedimentarios prodúcese por todo o planeta en diferentes ambientes sedimentarios. Igualmente, a migración xeográfica no tempo dun ambiente deposicional pode facer que os primeiros depósitos dunha formación sexan dunha idade nunha zona e máis modernos noutra (heterócronos).

Notas editar

  1. 1,0 1,1 Murphy, Michael A. y Salvador, Amos. "International Stratigraphic Guide - An abridged version" (en inglés). International Subcommission on Stratigraphic Classification of IUGS. International Commission on Stratigraphy. 

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Bibliografía editar