Formación económico social

A Formación económico social é un termo propio do vocabulario do materialismo histórico, que ás veces se denomina tamén como formación social histórica.

Características editar

Unha formación económico social é a combinación senlleira de modos de produción e relacións sociais nun eido espazo-temporal máis ou menos amplo (por exemplo: o Antigo Réxime europeo, ou o Exipto dos faraóns). Mantén unha tensión bidireccional coa superestrutura político-ideolóxico-cultural que precisa para o seu funcionamento (é dicir, condiciónaa, non a determina, e é influído por ela). Xustifícase e lexitima pola súa correspondente ideoloxía dominante (ás veces imposta, pero sempre asumida como referente do consenso social) que actúa de lubricante das relacións sociais.

O concepto foi empregado orixinalmente por MarxO Capital. Máis tarde foi recuperado por historiadores de orientación marxista de mediados do século XX, conscientes da imposibilidade de aplicar á realidade histórica o funcionamento ideal e puro dos principais modos de produción definidos conceptualmente como escravismo, feudalismo, capitalismo, comunismo. Tamén se intenta contrarrestar o determinismo económico presente na maioría das correntes marxistas onde a superestrutura atópase subordinada á "base económica".

Para estes historiadores, se o marxismo é a "filosofía da praxis" (tal como a definía o italiano Antonio Gramsci), non tiña sentido ningún aplicar sen máis as súas receitas sen sustento na realidade. Para outros, o intento de actualizar as teorías de Marx non é senón unha demostración da resistencia ao abandono dos paradigmas científicos cando chegan a esgotar a súa capacidade explicativa, tal como aconteceu en Astronomía coa teoría dos epiciclos, que salvaba as aparencias para que o Sistema Xeocéntrico seguise explicando os movementos dos astros no canto de optar polo Sistema Heliocéntrico, máis sinxelo e xa que logo, aplicando a Navalla de Occam, con tendencia a ser máis certo.

Outros marxistas pensan que o determinismo económico que se lle adoita asignar ao marxismo é máis responsabilidade dalgúns dos seguidores de Marx máis que do propio Marx. Segundo o fatalismo económico "marxista" a superestrutura é determinada unilateralmente pola base económica. Segundo o propio Marx, a superestrutura é determinada na derradeira instancia pola formación económico social. O termo formación, ademais, suxire que o factor económico social non é algo que xa vén dado senón que é produto do accionar dos individuos.

O amigo e colaborador próximo de Marx, Friedrich Engels, na súa Carta a José Bloch de 1890 explica:

O que os discípulos fagan ás veces máis fincapé do debido no aspecto económico, é cousa da que, en parte, temos a culpa Marx e máis eu mesmo. Fronte aos adversarios, tiñamos que subliñar este principio cardinal que se negaba, e non sempre dispoñiamos de tempo, espazo e ocasión para dar a debida importancia aos demais factores que interveñen no xogo das accións e reaccións. Pero, axiña que como se trataba de expoñer unha época histórica e, xa que logo, de aplicar prácticamente o principio, cambiaba a cousa, e xa non había posibilidade de erro. Desgraciadamente, ocorre con farta frecuencia que se cre entender totalmente e que se pode manexar sen máis unha nova teoría polo mero feito de haberse asimilado, e non sempre exactamente, as súas teses fundamentais. Deste reproche non se achan exentos moitos dos novos «marxistas» e así se explican moitas das cousas peregrinas que achegaron....

Bibliografía editar

  • HARNECKER, Marta (1985). Los conceptos elementales del materialismo histórico. Madrid : Siglo XXI. 
  • TUÑÓN DE LARA, Manuel (1985). Por qué la Historia. Barcelona : Aula Abierta Salvat. ISBN 843457814X.