Fobos (lúa)

satélite máis grande de Marte

Fobos ou Marte I é un satélite de Marte descuberto o 18 de agosto de 1877 polo norteamericano Asaph Hall desde o observatorio de Washington. Fobos é o satélite máis grande de Marte, aínda que só ten uns 27 km de diámetro e está, por tanto, entre os máis pequenos do sistema solar. Ten un período de 7 horas e 39 minutos e pasa polo ceo do planeta vermello 3 veces ao día. A súa superficie componse de rocha rica en carbono e po, e está moi marcada por cráteres, o meirande deles denominado Stickney que foi o resultado da colisión con outro obxecto que estivo a piques de esnaquizar esta lúa.

Fobos sempre presenta a mesma cara a Marte debido ás forzas de marea que o planeta exerce sobre o seu satélite. Esta mesma forza provoca que Fobos se achegue cada vez máis a Marte. Esta proximidade (6.000 km da superficie de Marte, sendo así o satélite máis próximo ao seu corpo primario) indica que Fobos está sentenciado: nuns 40 millóns de anos caerá sobre Marte provocándolle un novo cráter na súa superficie ou, pola contra, poderíase destruír sen ter que precipitarse sobre o planeta creando un anel de pequenos corpos en órbita.

Ao igual que Deimos, pénsase que Fobos é un asteroide que na súa órbita quedou atrapado pola forza gravitacional de Marte.

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar