Flor do mundo

especie de planta
Flor do mundo

Lámina de Sturm sobre Viburnum opulus
Clasificación científica
Reino: Plantae
División: Magnoliophyta
Clase: Magnoliopsida
Orde: Dipsacales
Familia: Adoxaceae
Xénero: Viburnum
Especie: V. opulus
Nome binomial
'Viburnum opulus'
L.

A flor do mundo ou bóla de neve[1] (non confundir co fungo homónimo Agaricus arvensis) Viburnum opulus é unha especie de arbusto pertencente ao xénero dos viburnos, á familia Adoxaceae. Úsase en Galiza coma planta ornamental de xardinaxe.

Flores.

Descrición editar

 
Froitos.
 
Froitos.

É un arbusto caducifolio que acada os 4–5 m de altura. As follas son opostas, trilobuladas de 5–10 cm de lonxitude e largo, con base arredondada e marxes serrados. As flores son hermafroditas de cor branca producidas en corimbos de 4–11 cm de diámetro no cimo dos talos. O froito é unha drupa globosa de 7–10 mm de diámetro contendo unha soa semente. As sementes son comidas polos paxaros que as esparexan.

Distribución e hábitat editar

É nativa de Europa e Asia. Algúns botanistas relaciónana coa especie americana Viburnum trilobum coma unha variedade dela coma Viburnum opulus var. americanum Aiton, ou coma subespecie , Viburnum opulus subsp. trilobum (Marshall) R.T.Clausen.

Propiedades editar

Utilízase coma menciña tradicional coma tónico cardíaco. A casca emprégase na medicina herborista. Emprégase a xeito de extracto fluído, tintura concentrada e elixir composto, para uso coma un sedante nervioso e antiespasmódico na asma e a histeria[2].

Principios activos editar

Contén glicósidos, derivados da salixenina, coma salicina, semellantes aos atopados nos xéneros Salix e Populus; ácido oxálico, ácido cítrico, ácido málico, ácido valeriánico e ácido salicílico; cumarinas coma escopoletol e esculetol; aceite esencial, salicina ou salicósido, amidón, pentosanos e taninos[3].

Taxonomía editar

Viburnum opulus foi descrita por Carl von Linné e publicado en Species Plantarum 1: 268. 1753 [4].

Etimoloxía

Viburnum: nome xenérico do nome clásico latino dunha especie deste xénero, Viburnum lantana, chamada a "árbore camiñante"[5].

opulus: epíteto latino

Variedades
sinonimia

Ao longo da historia apareceron varios nomes sinónimos[6]:

  • Opulus vulgaris Borkh. in Roem. [1797, Arch. Bot. (Leipzig), 1 (2) : 20] [nom. illeg.]
  • Opulus rosea Schur [1866, Enum. Pl. Transsilv., 941 (in index, non in textu)]
  • Opulus lobatofolia Gilib. [1792, Exercit. Phytol., 1 : 4] [nom. invalid.]
  • Viburnum lobatum Lam. [1779, Fl. Fr., 3 : 363] [nom. illeg.]
  • Viburnum glandulosum Salisb. [1796, Prodr. : 172] [nom. illeg.]
  • Opulus palustris Gray [1821, Nat. Arr. Brit. Pl., 2 : 489] [nom. illeg.]
  • Opulus glandulosus Moench

Cultivares editar

Cultívase coma unha planta ornamental polos seus froitos. Os froitos son comestíbeis en pequenas cantidades, tendo un gusto acedo e pode utilizarse para facer marmeladas, porén, se se come en grandes cantidades pode causar vómitos e diarreas.

Significado cultural editar

A flor do mundo é o símbolo nacional de Ucraína onde se coñece coma kalyna. Pódense atopar referencias a este arbusto no folclore ucraíno, nas súas cantigas, na súa arte pictoresca, nos seus bordados etc. Chervona Kalyna foi o himno do Exército Insurxente Ucraíno.

Esas raíces simbólicas remontan ao paganismo eslavo de hai varios milenios. De acordo cunha lenda, a Kalyna estaba asociada ao nacemento do Universo, á Trindade do Fogo: o sol, a lúa, e as estrelas[7][8]. Os seus froitos simbolizan o sangue e a perennidade dos lazos familiares. A Kalyna é frecuentemente retratada no bordado ucraíno en rushnyky (toallas) e camisas. No paganismo eslavo a Kalyna tamén representa a beleza dunha rapariga, que rima ben en ucraíno: Ka-ly-na - Div-chy-na[9][10].

Nome común editar

A Real Academia Galega non recolle nome algún para a especie, sendo as únicas referencies de nomes galegos as de E. Losada, J. Castro e E. Niño, na súa obra de 1992: Nomenclatura vernácula da flora vascular galega; baseándose nos primeiros nomes dados por Marcial Valladares Núñez no seu Diccionario gallego-castellano de 1884 onde denomina a planta de: frol d'o mundo; e da obra de Xoán Cuveiro Piñol de 1876: Diccionario Gallego, onde a denomina: bolas de neve[11].

Tamén se lle chama rosa de Gueldres.

Notas editar

  1. Nomes vulgares galegos preferidos en Nomenclatura vernácula da flora vascular galega, E. Losada, J. Castro e E. Niño, (1992), Xunta de Galicia
  2. (en inglés) Viburnum opulus en Botanical
  3. Dr. Berdonces I Serra. Viburnum opulus. Gran Enciclopecia de las Plantas Medicinales (Tikal ediciones). ISBN 84-305-8496-X. 
  4. "Flor do mundo". Tropicos.org. Missouri Botanical Garden. Consultado o 27 de xuño de 2013. 
  5. En Nombres Botánicos
  6. "Viburnum opulus". Tela Botánica. Consultado o 23 de marzo de 2020. 
  7. Lady of Prykarpattia Arquivado 04 de novembro de 2014 en Wayback Machine. (en inglés)
  8. Ukrainian embroidery Arquivado 13 de xaneiro de 2010 en Wayback Machine. (en inglés)
  9. Doctor Bozhko, Agrarian Sciences. Tress in culture by folk. (en inglés)
  10. Doctor Kuzmenko, Philological Sciences. The symbolics of guilder rose in Ukrainian songs of the 20th century national liberating movements. (en inglés)
  11. En Dicionario de Dicionarios da USC - http://sli.uvigo.es/DdD/ddd_pescuda.php?pescuda=Viburnum&tipo_busca=cientifico

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Blamey, M. & Grey-Wilson, C. (1989). Flora of Britain and Northern Europe. Hodder & Stoughton.
  • Huxley, A., ed. (1992). New RHS Dictionary of Gardening. Macmillan.

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar