Flor de laranxeira

flor dalgúns cítricos

A flor de laranxeira ou azar é a flor dalgúns cítricos, especialmente da laranxeira, de cor branca e moi aromática, que se utiliza en infusión e produtos de perfumaría[1]. Tamén adoita referirse ás flores do limoeiro e da cidreira. O nome azar procede do árabe hispánico azzahár, e este, do árabe clásico az-zahr (que significa flores). O nome asóciase popularmente coa flor de laranxeira, nome máis común en galego, a máis apreciada de todas pola súa beleza, recendo e propiedades, as cales son tradicionalmente consideradas terapéuticas.

Flor de laranxeira.
Azar de limoeiro (detalle e gomos).

O ingrediente esencial en varias infusións polas súas propiedades sedantes.[2] Da flor de laranxeira destílase tamén aceite esencial, aceite de flores de laranxeira ou neroli.

Este tipo de flor pode observarse durante a época primaveral non só nas leiras das citadas especies, senón tamén nas rúas e prazas de moitas cidades mediterráneas (en Andalucía: Málaga, Sevilla e Córdoba; Valencia e Murcia) coma árbore ornamental e a súa agradábel fragrancia invade o ambiente urbano.

Usos medicinais editar

 
Laranxeira a rosear no Parque María Luisa, Sevilla, España.

Polo xeral, os seus efectos calmantes axudan a eliminar molestias causadas por nervios. A auga de azar (unha infusión de pétalos secos de flor de laranxeira) é empregada como remedio tradicional contra esmorecementos. Tamén foi empregada durante séculos como remedio caseiro para as molestias menstruais.

Infusións con outras herbas como tileiro ou macela son coñecidas tradicionalmente como remedios contra as molestias estomacais e as dores de cabeza.

Principios activos: Flores: Aceite esencial de "neroli" (0,15%): limoneno, linalol, nerol, metil antranilato. Follas: Aceite esencial de "petit grain" (0,15%), heterósidos flavónicos, principio amargo. Polpa: Ácidos orgánicos (cítrico, málico, ascórbico), azucres. Pericarpo: Aceite esencial (0,5%), rico en limoneno, aldehidos; cumarina: aurapteno; pectinas.[2]

Indicacións: as flores presentan unha acción sedante, lixeiramente hipnótica e espasmolítica, aperitivo-eupéptica e aromatizante. Os froitos teñen propiedades como vitamínicos, pola súa riqueza en ácido ascórbico, e laxantes. A pectina conférelle propiedades como antidiarréico e hipocolesterolemiante. O pericarpo e tamén as follas actúan como venotónico e vasoprotector; os principios amargos son responsábeis do seu efecto aperitivo e eupéptico. As flores utilízanse para ansiedade, insomnio, espasmos gastrointestinais ou distonías neurovexetativas.[2]

Indicado con gastrite, úlcera gastroduodenal (froitos). Abstenerse de prescribir aceites esenciais por vía interna durante a preñez, a lactanción, a nenos menores de seis anos ou a pacientes con gastrite, párkinson ou outras doenzas neurolóxicas. Non administrar, nin aplicar topicamente a nenos menores de seis anos nin a persoas con alerxias respiratorias ou con hipersensibilidade coñecida a este ou outros óleos esenciais. Non expor a pel ao sol trala aplicación de aceite esencial (especialmente as persoas con peles sensíbeis): pode producir un fenómeno de fotosensibilización.[2]

Outros usos editar

O perfume de azar, ou auga de colonia, é tamén usado tradicionalmente como perfume caseiro; créase mediante a maceración de pétalos da flor en alcol. En cosmética, utilízase como tónico facial e desmaquillante.

A auga de azar, produto da destilación da flor de laranxeira aceda, utilízase tamén en repostaría para dar un especial aroma a certas sobremesas e masas pasteleiras, por exemplo as que se usan para preparar o roscón.

Notas editar

  1. Definición en VV. AA. (2012) Dicionario de alimentación e restauración, Santiago de Compostela, Termigal. Xunta de Galicia. Real Academia Galega
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 "Flor de laranxeira". Plantas útiles: Linneo. Arquivado dende o orixinal o 01 de decembro de 2009. Consultado o 27 de novembro de 2009. 

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar