Filosofía transcendental

A expresión filosofía transcendental (Transzendentalphilosophie) usouna por primeira vez o filósofo alemán Manuel Kant (1724-1804) para definir a parte da metafísica especulativa que "considera só o entendemento, e a razón mesma, nun sistema de todos os conceptos e principios referidos en xeral a obxectos, sen supoñer obxectos que se dean" (cf. "Arquitectónica da razón pura" en Crítica da razón pura). Así mesmo, tamén empregou o predicado "transcendental" para referirse ó modo de coñecemento propio deste proxecto filosófico: "Chamo transcendental a todo coñecemento que se ocupa en xeral non tanto de obxectos, como do noso modo de coñecer obxectos, en tanto que sexa posible a priori" (cf. "Introducción", VII en Crítica da razón pura). En consecuencia, o sistema de todos os conceptos obtidos con este método sería a filosofía transcendental. Tales conceptos son "conceptos a priori", é dicir, anteriores á experiencia e condición de posibilidade dela. Deste xeito Kant apartábase do significado escolástico do predicado "transcendental". Os filósofos medievais usaban o termo "transcendental" para designar a universalidade do ente e das propiedades que lle conveñen en tanto que ente (unum, verum, bonum). Trátaríase dunha universalidade da máxima amplitude que, polo tanto, excedería a universalidade limitada das especies e os xéneros (por exemplo. "ser humano", "animal" etc.). Trans significa, precisamente, "alén de", neste caso alén da universalidade dos xéneros e especies ou de calquera outra determinación particular dos entes. Así, unidade, verdade e bondade serían predicables de todos os entes e non só dunha parte deles. Fronte a esta concepción realista dos transcendentais Kant, en cambio, pensa que non designan propiedades dos entes senón do modo en que pensamos ou coñecemos os entes dunha experiencia posible. Os transcendentais kantianos, en consecuencia, non son propiedades das cousas senón conceptos que regulan a maneira en que coñecemos as cousas.

Desde entón a palabra "transcendental" aparece case sempre ligada a á Teoría do coñecemento, aínda que non unicamente, significando en xeral "condición de posibilidade de algo". Con este sentido xeral aparecerá en Fichte quen, emulando a Kant, denominou “"idealismo transcendental" ó seu sistema filosófico e, tamén, na expresión "fenomenoloxía transcendental" empregada por Husserl. Para este último é transcendental o método filosófico polo cal a conciencia, nun acto reflexivo, é capaz de volverse sobre si mesma. Deste xeito, a filosofía convertese nunha ciencia da conciencia. A conciencia actuaría como condición de posibilidade de todos os coñecementos (Conciencia transcendental). Tamén o filósofo K. O. Apel fixo uso da expresión "pragmática transcendental" para denominar o proxecto filosófico de fundamentación reflexiva do feito da comunicación e da argumentación, que consistiría en explicitar as condicións de posibilidade destas, é dicir, as condicións que ten que aceptar a priori todo individuo que pretenda comunicar ou argumentar algo.