Festival de Bayreuth

Coordenadas: 49°57′36″N 11°34′47″L / 49.96, 11.579722222222

O Festival de Bayreuth (en alemán: Bayreuther Festspiele) é un festival de música clásica, que se celebra cada ano desde 1876 en Bayreuth, Alemaña.

Festival de Bayreuth
Festspielhaus de Bayreuth en 2016.
Datos da festa
TipoFestival musical
SedeBayreuth, Alemaña Alemaña
Na rede
http://www.bayreuther-festspiele.de/
Facebook: WagnerFestival Twitter: WagnerFestival Instagram: wagnerfestival Editar o valor em Wikidata

Está dedicado á representación de óperas da autoría do compositor alemán do século XIX Richard Wagner. O mesmo Wagner concibiu e promoveu a idea dun festival especial para amosar as súas propias obras, en especial a tetraloxía (representada en catro días) Der Ring des Nibelungen e Parsifal. Conta cunha orquestra e coro propios, seleccionados de entre os mellores músicos do mundo especializados en Wagner. O seu coro está considerado como dos mellores corpos corais para obras wagnerianas.

As representacións teñen lugar nun teatro deseñado ex profeso para o festival, o Bayreuth Festspielhaus (Teatro dos Festivais de Bayreuth). Wagner supervisou persoalmente o deseño e a construción do teatro, que albergaba numerosas innovacións arquitectónicas co fin de dar cabida ás inmensas orquestras para as que Wagner escribiu a súa visión particular do que debería ser a montaxe. As obras que se representan no Festival reciben o nome de Canon de Bayreuth.

O festival converteuse nunha peregrinación para os entusiastas wagnerianos, que adoitan esperar anos para conseguir as entradas.

Orixes do festival editar

 
Planta do teatro.

As orixes do Festival remóntanse ao interese que o propio Richard Wagner tiña en contar con independencia financeira. O empeoramento da súa relación co seu patrón, Lois II de Baviera, levouno a deixar Múnic, onde nun principio tiña planeado celebrar o festival. Despois interesouse por Núremberg, lugar que reforzaría a significación das súas obras, como Die Meistersinger von Nürnberg. Finalmente, por consello do director de orquestra Hans Richter, decidiu centrarse en Bayreuth, localización que contaba con tres grandes vantaxes: en primeiro lugar, a cidade dispuña dun espléndido escenario: o teatro de Ópera do Margrave construído para o margrave Frederico de Brandemburgo-Bayreuth e a súa muller Guillermina de Prusia (irmá do rei prusiano Frederico o Grande) en 1747. Co seu amplo aforamento e a súa excelente acústica, o teatro era ideal para o propósito de Wagner. En segundo lugar, a cidade de Bayreuth atopábase fóra das rexións nas que Wagner xa non gozaba do dereito a interpretar as súas propias obras, que vendera en 1864 para aliviar os seus problemas financeiros. Por último, a cidade non tiña unha vida cultural que puidese competir co talento artístico de Wagner. Unha vez inaugurado, o festival sería a principal atracción na desértica contorna cultural de Bayreuth.

En abril de 1870, Wagner e a súa muller, Cosima, visitaron Bayreuth, atopando inadecuada a Ópera do Margrave, que se construíu en 1744 pensando nas orquestras barrocas do século XVIII, e non podía acomodar as complexas montaxes e as grandes orquestras que requirían as óperas wagnerianas.

Con todo, os burgomaestres mostráronse dispostos á construción dun teatro totalmente novo, e programouse a inauguración do festival para 1873. Despois dunha reunión estéril para financiar o proxecto na primavera de 1871 co Chanceler alemán, Otto von Bismarck, Wagner embarcouse nunha xira para recadar fondos por toda Alemaña.

Nun primeiro momento o público non se mostrou moi pródigo. Así, para facer fronte ao esforzo económico, que incluía a construción dun novo teatro, Wagner seguiu o consello do seu amigo e admirador Emil Heckel e promoveu a constitución de numerosas sociedades wagnerianas para sufragar o festival. Entre outros lugares formáronse sociedades en Leipzig, Berlín e Viena.

A pesar do atractivo das sociedades, baseado no rol de Wagner como compositor do novo Imperio Alemán, as sociedades e outras fontes de financiamento non alcanzaron os fondos necesarios para finais de 1872. Wagner decidiu entón tratar de novo con Bismarck en agosto de 1873, séndolle de novo denegados os fondos.

Desesperado, Wagner dirixiuse ao seu antigo patrón, Lois II de Baviera, quen finalmente accedeu a prestarlle apoio financeiro. En xaneiro de 1874 comezou a construción do teatro deseñado por Gottfried Semper. O debut planeado para 1875 tivo que posporse un ano debido á construción do teatro e outros atrasos.

Primeira etapa (1876 - 1944) editar

O primeiro festival editar

 
Amalia Materna, primeira Brünnhilde no Festival de 1876.

O festival abriu as súas portas o 13 de agosto de 1876, coa representación completa, por primeira vez, das catro "xornadas" que compoñen O anel do nibelungo. As dúas primeiras, Dás Rheingold e Die Walküre xa se estrearan anteriormente (en Múnic, en 1869 e 1870, respectivamente), pero as outras dúas (Siegfried e Götterdämmerung) recibían a súa estrea mundial nesa ocasión. Os ensaios comezaran xa o verán anterior. Wagner concibiu el mesmo a posta en escena, con axuda do pintor austríaco Joseph Hoffmann, que deseñou os decorados, incluíndo novas e enxeñosas solucións técnicas para as complexas esixencias do libreto.[1] Hans Richter encargouse da dirección musical. Representáronse tres ciclos completos da monumental obra.

O primeiro Festival de Bayreuth converteuse en todo un acontecemento sociocultural: asistiron xefes de estado como o Kaiser Guillerme I de Alemaña, Pedro II do Brasil, Lois II (asistiu aos ensaios e despois a algunhas representacións do último ciclo, en segredo, probablemente para evitar ao Kaiser) e membros da nobreza, ademais do filósofo Friedrich Nietzsche; e grandes compositores contemporáneos do seu director como Anton Bruckner, Edvard Grieg, Petr Chaikovskii, Camille Saint-Saëns e Franz Liszt.[2]

No plano artístico, o festival foi un éxito rotundo («O que aconteceu en Bayreuth é algo que os nosos netos e os seus fillos seguirán lembrando», escribiu Chaikovskii en calidade de correspondente ruso) aínda que algúns problemas técnicos coa escenografía fixeron que Wagner renunciara a saír a saudar ó público tralas primeiras representacóns. Por outra banda, o aspecto financeiro era desastroso: o festival pechou cun déficit de 148.000 marcos (equivalentes a 1,14 millóns de euros).[3] Wagner viuse obrigado a viaxar a Londres para dirixir unha serie de concertos tratando de paliar o déficit, pero non recadou máis que unha pequena parte do necesario. Unha nova achega do rei Lois II axudouno a sobrelevar a situación, pero as débedas e dificultades financeiras fixeron que o festival non puidera repetirse ata 1882.

A estrea de Parsifal editar

 
Deseño de Paul von Joukowsky para a estrea de Parsifal en 1882.

Wagner comezou a composición da súa última obra escénica no verán de 1877, coa mente posta no espazo escénico e na acústica do teatro de Bayreuth. Mentres tanto, comeza a traballar sobre a posibilidade dun segundo festival en Bayreuth. Algúns escritos de Wagner indican que tiña a idea de que o festival servise como norma da forma correcta, segundo el mesmo, de representar e interpretar todas as súas obras. De feito, até pouco antes da súa morte tiña plans para revisar profundamente obras como Tannhäuser e Der fliegende Holländer para que fosen "dignas de Bayreuth". En 1878 consegue paliar en parte as perdas do primeiro festival, obtendo un crédito que se pagaría cos ingresos dos dereitos de autor xerados pola representación das súas obras en Múnic. En 1880 Wagner expresa a idea de instituír un Festival "permanente" en Bayreuth, e de reservar Parsifal en exclusiva para ser representado alí. A principios de 1882 dá por rematada a composición, e comeza a organizar a estrea para ese verán.[3]

Wagner aceptou a Hermann Levi para a dirección musical, a cambio de poder contar cos músicos da orquestra da Ópera da Corte de Múnic. Levi, fillo dun rabino, converteuse no director exclusivo de Parsifal no festival os seguintes dez anos. Franz Fischer dirixiu algunhas funcións, e o propio Wagner tomou a batuta ao final do último acto da última das 16 representacións.[4] De novo, o propio Wagner asumiu a posta en escena. A produción orixinal, con decorados deseñados por Paul von Joukowsky mantívose en escena no Festival até 1933, chegando a un total de 205 representacións.[1] Debido ao carácter místico da temática da obra, Wagner pediu ao público que non aplaudise nos descansos nin ao final da obra (aínda que parece que a resposta aos desexos do autor non foi unánime nas primeiras representacións).[2] A tradición consolidouse, e mantívose até o festival de 1964, última ocasión na que Hans Knappertsbusch dirixiu a obra. Actualmente mantense a tradición só ao final do primeiro acto.

Wagner morreu en Venecia o 13 de febreiro de 1883, e foi enterrado no xardín da vila Wahnfried, en Bayreuh.

A exclusividade da obra para o Festival de Bayreuth mantívose, soportada legalmente, até 30 anos despois da morte de Wagner. Ademais de por razóns artísticas, Wagner dispuxo esta norma para asegurar a futura viabilidade económica do festival, e da súa familia. En decembro de 1903, a Metropolitan Opera de Nova York organizou unha representación, alegando que a lexislación alemá de dereitos de autor non tiña xurisdición en Estados Unidos. A esta primeira representación "pirata" seguiron outras en varias cidades de América.[5] O 1 de xaneiro de 1914, unha vez cumprido o prazo legal, teatros de todo o mundo organizaron representacións da obra "liberada", contra a feroz oposición dos herdeiros do autor, e dun amplo grupo de artistas e intelectuais de todo o mundo (co que se mesturaron movementos de tendencia nacionalista xermánica, e mesmo xenófoba[6]). A primeira destas representacións fóra de Bayreuth foi a que comezou a noite do 31 de decembro de 1913 no Liceo de Barcelona, grazas á diferenza horaria. Desde o día seguinte até o inicio da primeira guerra mundial a obra estreouse en até 46 cidades europeas.

Cosima Wagner (1883 - 1906) editar

 
Cosima Wagner en 1905

Trala morte de Wagner, a súa viúva e herdeira, Cosima Wagner asumiu a dirección do Festival, que se celebrou de novo en 1883, con 12 novas representacións de Parsifal. O festival, debido aos problemas económicos non conseguiu alcanzar a desexada estabilidade, e tivo que interromper a súa periodicidade anual en varias ocasións. Cando Adolf von Gross, amigo da familia, se encargou da xestión financeira do festival impuxo unha estrita austeridade no gasto, o que permitiu alcanzar unha relativa estabilidade económica, que chegou en 1906, cando a familia Wagner conseguiu devolver os créditos privados que foran concedidos pola casa real de Baviera.

 
Hans Richter, Hermann Levi e Felix Mottl

Debido ao descenso da demanda da audiencia, o que provocou que moitas representacións se fixesen coa metade do aforamento do teatro baleiro, Cosima decidiu ampliar o repertorio, introducindo Tristan und Isolde en 1886, Die Meistersinger von Nürnberg en 1888, Tannhäuser en 1891, Lohengrin en 1894, e, finalmente, en 1896, unha segunda produción do Anel que se mantivo até 1931. A propia Cosima asumía a dirección escénica da maioría das producións, establecendo a "norma" que conservaba os desexos do autor. Richter e Levi mantivéronse na dirección musical, xunto con Felix Mottl, Karl Muck, Richard Strauss e o propio fillo de Wagner, Siegfried, que xa colaborara co seu pai na montaxe escénica de Parsifal en 1882, e que en 1896 tomou a batuta no Anel. En 1901 engadiuse O holandés errante como décima obra do repertorio do Festival. Até hoxe séguese mantendo este conxunto (coñecido como "canon de Bayreuth"), que exclúe as tres primeiras óperas do compositor, polas que o propio Wagner non mostrou especial interese en incluír no repertorio do Festival.

Cosima mantivo durante o seu mandato un certo inmovilismo artístico, debido ao seu ríxido sentido de fidelidade á obra do seu marido. Aínda que na súa elección de artistas abriuse á posibilidade de contratar cantantes de fóra de Alemaña, os seus criterios de selección baseábanse non só na súa calidade, senón na súa dispoñibilidade para someterse aos seus ríxidos estilos de produción, con movementos escénicos axustados ás frases musicais, e cunha prioridade total para a claridade da dicción.[4] Cando, por consello médico, Cosima tivo que renunciar á dirección do festival, e cedeuna ao seu fillo Siegfried, este mantivo en gran medida os criterios artísticos da súa nai. Cosima, en calquera caso, seguiu "na sombra" á cabeza do festival durante case 20 anos.[2]

Siegfried Wagner (1906 - 1930) editar

 
Produción de Siegfried Wagner de Tannhäuser (1930).

Seguindo a tradición, Siegfried encargouse da dirección de escena das obras presentadas no Festival. Nunha primeira etapa introduciu cambios de forma gradual no estilo das producións de Cosima, como substituír os panos pintados por escenarios sólidos, aumentar a profundidade da escena, introducir a cor nos monótonos decorados orixinais, mellorar as técnicas de iluminación, introducir as proxeccións, e dar máis liberdade de movementos aos cantantes. Despois foi presentando novas producións das óperas "secundarias" (mantendo en cartel a produción orixinal de Parsifal de 1882 e a do Anel de 1896, pero con lixeiras "modernizacións").[7][6] A súa última posta en escena, a de Tannhäuser en 1930, representa un cambio significativo con respecto ao estilo escénico orixinal de Bayreuth.[4] Ao mesmo tempo, dirixiu a orquestra regularmente, alternando cos directores "da casa" (Richter e Muck). Nesta etapa destacaron no Festspilelhaus cantantes como Anna Bahr-Mildenburg, Lilly Hafgren-Waag ou Alfred von Bary.

En 1914, o inicio da primeira guerra mundial, a finais do mes de xullo, obrigou á suspensión das representacións do festival. A devolución das localidades provocou graves perdas económicas. A crise económica que seguiu ao final da guerra provocou que o festival non puidese renovarse até o verán de 1924, dez anos despois da súa suspensión. Ese ano programáronse dous ciclos do Anel, sete funcións de Parsifal e cinco de Meistersinger. A estrea desta última obra converteuse nun evento abertamente nacionalista, con presenza de líderes do panxermanismo, como Erich Ludendorff ou Heinrich Class. O aplauso final deu paso ao canto do Deutschlandlied por parte de todo o público posto en pé. Trala continuación do festival, Siegfried tivo que atopar artistas axeitados para manter o nivel artístico. Ademais de contar cos "veteranos" Karl Muck e Michael Balling, contratou a Fritz Busch, que non "encaixou" co carácter conservador do festival, e non volveu ao ano seguinte. Siegfried contratou no seu lugar a Karl Elmendorff e Franz von Hoesslin, máis acordes co espírito de Bayreuth, aínda que en 1930, finalmente, consentiu en romper a tradición que impuña exclusivamente a directores alemáns, e convidou ao máis famoso director da época, o italiano Arturo Toscanini. Do mesmo xeito, seguiu contratando a cantantes estranxeiros e, por primeira vez, xudeus. Desta época final da dirección de Siegfried pódese destacar a Frida Leider, Alexander Kipnis, Lauritz Melchior, Emanuel List e Friedrich Schorr.

Siegfried Wagner incluíu no seu testamento, de 1929, a disposición de que só as obras de Richard Wagner poderíanse representar en Bayreuth, o que foi posto en cuestión a raíz do debate sobre a dirección do Festival a principios do século XXI, por considerarse unha vía de modernización, e de apertura para o festival. Siegfried Wagner morreu en Bayreuth, por mor dun ataque cardíaco, durante o festival de 1930 (catro meses despois da morte de Cosima), antes de poder estrear a súa nova produción de Tannhäuser.[6]

Winifred Wagner (1931 - 1944) editar

Tralo repentino falecemento de Siegfried, a súa viúva, a británica Winifred Wagner (nada Winifred Marjorie Williams) fíxose cargo da dirección do evento. Con todo, ao contrario que os seus predecesores, non se mostrou interesada na dirección artística das producións, e concentrouse na administración do festival. Para levar os asuntos artísticos, trouxo a Bayreuth a Heinz Tietjen, intendente da Städtische Oper de Berlín, que se encargou da renovación das producións do festival. Comezou con Die Meistersinger e o Anel en 1933, en colaboración co escenógrafo Emil Preetorius, atrevéndose en 1934 a substituír a histórica produción de Parsifal de 1882 por outra realizada xunto con Alfred Roller. Estes cambios provocaron intensas polémicas entre os partidarios de manter a tradición ligada ao propio compositor, e os que pensaban que o festival necesitaba asumir a evolución da arte escénica que se produciu nos 50 anos transcorridos desde a morte de Wagner.[8] As novas producións de Tietjen resultaron ser luxosas, modernas e efectivas.

 
Heinz Tietjen ensaiando con Martha Fuchs (Kundry) e Ivar Andresen (Gurnemanz) a produción de Parsifal de 1936.

No aspecto musical tamén se produciu unha certa renovación, coa presenza, xa en 1930, de Toscanini, que dirixiu Tannhäuser e Tristan e Isolda con grande éxito. En 1931 chegou a Bayreuth Wilhelm Furtwängler, que se encargou do Tristan, mentres Toscanini pasaba a dirixir Parsifal. Richard Strauss, que non dirixía en Bayreuth desde 1894, volveu en 1933 con Parsifal, e cunha novidade: a interpretación da novena sinfonía de Beethoven (para conmemorar os 50 anos da morte de Wagner), que, de forma extraordinaria, volveuse a interpretar no Festspielhaus só noutras cinco ocasións desde entón. O propio Tietjen encargouse da dirección musical dalgunhas das súas producións nesta etapa. En canto aos cantantes, os grandes nomes wagnerianos desta etapa foron Kirsten Flagstad, María Müller, Frida Leider, Martha Fuchs, Max Lorenz, Jaro Prohaska, Rudolf Bockelmann ou Franz Völker.

Pero o que marcou fundamentalmente a etapa de Winifred Wagner foi a súa relación persoal con Adolf Hitler, que se remonta ás primeiras visitas ao festival, en 1923. Hitler acudira ao festival, ademais de pola súa afección á música de Wagner, para entrevistarse co escritor panxermanista Houston Stewart Chamberlain, cuñado de Siegfried e Winifred (casou en 1908 con Eva Wagner, filla de Wagner).[6] A partir da subida ao poder do partido Nacionalsocialista en 1933, e grazas á amizade de Hitler coa familia, o festival gozou dun período de estabilidade económica. Hitler, que xa se fixera gran amigo da familia Wagner, mesmo en vida de Siegfried, apadriñou aos dous fillos de Winifred, Wieland e Wolfgang, apoiando a formación en dirección de escena do maior, e eximíndolle do servizo na fronte durante a guerra.[2][9] A influencia de Hitler no festival foi crecendo, até converterse practicamente no seu codirector, intervindo na programación e selección de artistas. Foi Hitler quen propuxo a Alfred Roller (a quen admiraba desde a súa mocidade como estudante de arte en Viena) como escenógrafo do novo Parsifal de 1934. Ante os "decepcionantes" resultados, o propio Hitler pediu unha nova produción para 1937, deseñada por Wieland, que recuperou a estética da produción orixinal.[8] A primeira consecuencia da crecente influencia de Hitler en Bayreuth foi a renuncia de Toscanini, convencido antifascista, a volver dirixir no festival (ademais, estaba algo molesto pola contratación de Furtwängler). O propio Hitler escribiu a Toscanini rogándolle que volvese, para, trala súa nova negativa, ofrecerlle a substitución a Fritz Busch, quen rexeitou a oferta, e abandonou Alemaña coa súa familia. Bayreuth foi perdendo, progresivamente, a moitos dos grandes cantantes wagnerianos da época, que emigraron fóra de Alemaña (Kirsten Flagstad, Frida Leider, Lauritz Melchior, Herbert Janssen ou Alexander Kipnis) A propia filla de Winifred, Friedelind Wagner, púxose a mal coa familia e abandonou Alemaña en 1939.

A partir do inicio da segunda guerra mundial, a organización nazi Kraft durch Freude fíxose cargo da venda e distribución das entradas, e, na práctica, da organización do festival, a través dos seus programas de viaxes e vacacións para os traballadores do Reich. Hitler denominou á nova organización "festivais de guerra" (Kriegsfestspiele). O encargado da administración foi Bodo Lafferentz, oficial das SS, que en 1943 casou con Verena, filla máis nova de Winifried, entrando a formar parte da familia Wagner. Lafferentz garantiu a achega de fondos para o festival, e o cheo en tódalas funcións, con soldados da Wehrmacht feridos na guerra, ou traballadores das fábricas de armamento. Tralo inicio da guerra, prohibíronse as representacións de Parsifal en toda Alemaña, incluíndo Bayreuth. A partir de 1941, o festival comezou a estar cada vez máis afectado pola guerra: decretouse o escurecemento da iluminación a partir das 21 horas, en prevención de bombardeos aéreos, polo que as representacións debían comezar ao mediodía. En 1943 e 1944 só se representou Die Meistersinger. Tietjen modificou a súa produción escénica, adaptada ao gusto da xerarquía nazi (pero, en ningún caso, incluíndo en escena simboloxía do partido, como chegou a ser habitual noutros teatros de Alemaña).[9] Furtwängler dirixiu as súas últimas representacións wagnerianas en Bayreuth, nun ambiente cargado de tensión. O 9 de agosto de 1944 celebrouse a última representación. O verán seguinte, Bayreuth estaba xa ocupado polas tropas norteamericanas, a casa da familia Wagner (Wahnfried) atopábase en ruínas, e Winifred e os seus fillos fuxiran da cidade.

O «Novo Bayreuth» (desde 1951) editar

Nos últimos días da segunda guerra mundial, os bombardeos aliados destruíron ao redor de dous terzos da cidade de Bayreuth, aínda que afortunadamente o Festspielhaus quedou intacto. Ao terminar a guerra, o teatro utilizouse como lugar de entretemento para os soldados das forzas norteamericanas de ocupación. Posteriormente, foi cedido en fideicomiso ao Concello da cidade por un período de cinco anos, durante o que se utilizou para algunhas representacións operísticas (único período no que no Festspilehaus representáronse obras non compostas por Wagner). Mentres tanto, producíronse algúns movementos para volver pór en pé o festival wagneriano. O Concello propuxo á filla de Winifred, Friedelind, que se exiliou nos Estados Unidos antes da guerra, que asumise a dirección dun novo festival, ao que se negou. Doutra banda, Franz Wilhelm Beidler, que reclamaba, como fillo de Isolde Wagner (filla "natural" de Richard e Cosima) o dereito a ser o principal herdeiro do compositor, propuxo unha fundación, presidida por Thomas Mann, que se fixese cargo do festival, deixando fóra á familia Wagner "oficial". Mentres tanto, Winifred sufrira un proceso de desnazificación, á vista da súa evidente relación co partido e o réxime nazi. Como resultado, prohibíuselle dirixir actividades teatrais. Como ela era a titular dos dereitos sobre o festival, desde o testamento de Siegfried, renunciou a eles en favor dos seus fillos Wieland e Wolfgang. Ao concluír o período de fideicomiso, en 1950, o Festspielhaus volveu ser propiedade da familia Wagner, que, finalmente, conseguiu a autorización e o apoio das novas autoridades alemás para reabrir as portas do festival no verán de 1951.[2][6][10]

A reapertura editar

Os dous irmáns repartíronse os papeis: Wieland, que se formou como escenógrafo con Tietjen, e que iniciara unha carreira artística en Bayreuth e en Altenburg, faríase cargo da dirección artística e das producións escénicas. Wolfgang, ocuparíase da administración e dos aspectos financeiros. Para a reapertura programáronse novas producións de Parsifal, o Anel e os Meistersinger. Os irmáns Wagner tiñan claro que, desde o punto de vista artístico, debían iniciar canto antes unha ruptura coa "tradición" representativa da etapa anterior á guerra, dirixida pola súa nai. A produción de Meistersinger encargouse a Rudolf Otto Hartmann, que dispuxo unha posta en escena máis ben tradicional, pero no Anel, e, sobre todo, en Parsifal, Wieland Wagner deixou ver, desde o primeiro momento, a súa nova visión dos dramas musicais do seu avó. Parsifal era unha produción desposuída de referencias realistas, alixeirada de escenografía, con grande importancia da iluminación, e con movementos escénicos lentos e esquemáticos, que supuxeron unha espectacular ruptura coas producións que se viron até entón en Bayreuth. No caso do Anel, Wieland aínda mantivo algunhas referencias aos símbolos e referencias tradicionais, que foi alixeirando en sucesivos festivais. Era evidente a descarga en todas as obras de calquera referencia "xermanista", chegando a presentar aos Deuses do Walhalla como deuses gregos, evitando as asociacións ideolóxicas que se presentaron durante o nazismo.[6][7]

No aspecto musical, tamén tentou romper con toda referencia á etapa anterior. Quixo contar con Furtwängler, que acababa de superar con éxito o proceso de desnazificación, pero este negouse a volver dirixir no foso do Festspielhaus. Finalmente, Furtwängler dirixiu o concerto que abriu o Festival, o 29 de xullo, coa novena de Beethoven.[nota 1] Para as óperas, elixiu a Knappertsbusch, un especialista en Wagner, representante da tradición interpretativa destas obras, pero que estaba libre de toda sospeita, ao ser destituído polos nazis do seu posto de director da ópera de Múnic, e, ademais, non dirixira nunca en Bayreuth. Como contrapunto, contratou a Herbert von Karajan, unha nova estrela emerxente da dirección de orquestra alemá cun prometedor futuro. Knappertsbusch fíxose cargo das funcións de Parsifal, Karajan das de Meistersinger[nota 2] e ambos se repartiron os dous ciclos do Anel. O propio Karajan recomendou a Wilhelm Pitz (con quen traballara na ópera de Aquisgrán) para formar e dirixir un novo coro, para o que percorreu Alemaña facendo audicións. A Orquestra do Festival formouse cos mellores músicos das orquestras alemás, principalmente da Filharmónica de Berlín e a Staatskapelle de Dresde.

Para os cantantes, Wieland tentou recrutar un equipo de cantantes-actores mozos, novos no Festival, e comprometidos coas súas "novas" ideas sobre a interpretación wagneriana. Nese primeiro festival xa apareceron varios dos que se converteron nos alicerces da nova etapa do Festival: Astrid Varnay, Martha Mödl, Wolfgang Windgassen, Paul Kuën, Hermann Uhde, Ludwig Weber ou George London.

A reapertura do festival converteuse nun dos primeiros acontecementos musicais despois da guerra, e deu inicio a unha histórica etapa de renovación e enriquecemento da interpretación das obras de Richard Wagner

A "idade de Ouro" de Bayreuth editar

Tralo éxito artístico e financeiro de 1951, o festival recobrou a súa periodicidade anual. O de 1952 repiteu o repertorio do ano anterior, pero engadindo unha nova produción de Tristán e Isolda, que abriu o festival. Na nova montaxe, dirixida musicalmente por Karajan, Wieland Wagner insistía no seu concepto escénico simplificado e simbólico, que tanto balbordo causara no primeiro festival, e deixaba clara a súa intención de renovar escenicamente todo o repertorio wagneriano. Ao ano seguinte, Wolfgang Wagner debutou como director escénico con Lohengrin, cultivando críticas que o comparaban desfavorablemente coas montaxes do seu irmán. Acusábaselle de pouca experiencia nas decoracións, e de mala dirección de actores.[6] Nos anos sucesivos, Wolfgang montou O holandés, mentres que Wieland puña en escena Tannhäuser e Meistersinger. A produción desta última obra, en 1956, provocou o primeiro apupo do público á dirección de escena no Festival de Bayreuth. Wieland chegou ao extremo do seu concepto escénico, ao eliminar toda referencia visual á cidade de Nürnberg en escena, o que resultou sorprendente, despois de tantos anos de escenografías naturalistas, especialmente nesta obra, asumida como propia pola propaganda do réxime nazi. Así mesmo, estes mestres (coñecidos como "Os Mestres Cantores sen Nürnberg") víronse como unha provocación, xa que, de feito, a cidade de Nürnberg permanecía, nese momento, practicamente destruída polos bombardeos da Guerra. Wieland defendía os cambios como un intento de crear un «escenario invisible» que permitiría á audiencia experimentar todos os aspectos psicosociais do drama sen as distraccións dos elaborados decorados. Tamén se especulou con que espindo as obras de Wagner dos seus elementos históricos e xermánicos, Wieland tentaba distanciar o festival do seu pasado nacionalista e crear novas producións cun atractivo universal. Co tempo, moitos críticos chegaron a apreciar a beleza única das reinterpretacións que Wieland fixo das obras do seu avó. Os dous irmáns fóronse repartindo as novas producións dos títulos do festival, exceptuando Parsifal, que mantivo, con retoques, a emblemática produción de Wieland de 1951 (chegou a representarse 101 veces).

 
Hans Hotter, lendario Wotan en Bayreuth.

Precisamente a produción de Parsifal foi o detonante das diferenzas entre Wieland e Knappertsbusch, o que provocou que o director saíse do programa do festival de 1953, sendo substituído por Clemens Krauss. Este feito, xunto coa saída de Karajan, tamén con diferenzas artísticas, fixo que Wieland Wagner buscase novos directores que lle axudasen a levar a cabo a súa "renovación" tamén desde o punto de vista musical. Foi así como foron chegando a Bayreuth directores como Joseph Keilberth, Eugen Jochum, André Cluytens, Wolfgang Sawallisch, Erich Leinsdorf ou Rudolf Kempe. O propio Knappertsbusch reconciliouse con Wieland Wagner tralo repentino falecemento de Clemens Krauss, e asumiu a dirección de Parsifal desde 1954 até 1964 (así como algunhas funcións do Anel, Meistersinger e O Holandés errante). Nesta etapa, a orquestra, e sobre todo o coro do festival (baixo a dirección de Pitz) alcanzaron niveis de calidade case lendarios. En canto aos cantantes, á base do primeiro festival fóronse engadindo os nomes que fixeron merecer a esta época o apelativo de "idade de ouro" do festival: Hans Hotter, Jon Vickers, Hans Beirer, Ramón Vinay, Sandor Konya, Birgit Nilsson, Leonie Rysanek, Régine Crespin, Anja Silja, Jerome Hines, Gustav Neidlinger, Josef Greindl...

Causou tamén bastante polémica a intervención de Wieland Wagner nas partituras, recortando algúns fragmentos para adaptar a música ao seu concepto escénico. Foron especialmente discutidos algúns cortes en Lohengrin ou Götterdämmerung, a recuperación da versión orixinal de O holandés errante na produción de 1959, e, sobre todo, a "nova" versión de Tannhäuser na produción de 1961, fundindo as dúas versións existentes da obra. Esta produción lémbrase especialmente, pola aparición do ballet de Maurice Béjart na "bacanal" do primeiro acto, e pola interpretación de Venus pola soprano norteamericana Grace Bumbry, primeira cantante de raza negra en actuar en Bayreuth. Nesta produción apareceu, por primeira vez, unha cantante española: Victoria de los Ángeles. Desde entón, só outros dous cantantes españois apareceron sobre o escenario do Festspielhaus, os tenores Plácido Domingo (Siegmund e Parsifal, entre 1992 e 2000) e Jorge Rodríguez-Norton (Heinrich der Schreiber no Tannhäuser de 2019).[11][12] Domingo foi tamén o único español que dirixiu a orquestra do Festival, en tres funcións de Die Walküre en 2018.

Dos últimos anos da etapa de Wieland Wagner, pódese destacar especialmente a mítica produción de Tristan und Isolde de 1962, dirixida por Karl Böhm, coa parella formada por Wolfgang Windgassen e Birgit Nilsson. En 1965 Wieland Wagner presentou a súa segunda produción do Anel, dirixida por Böhm, co que esperaba continuar a súa renovación musical. Ese mesmo ano, trala morte de Knappertsbusch, confiou a dirección musical de Parsifal ao mozo Pierre Boulez, o que significou tamén unha ruptura co estilo máis tradicional do director alemán. A inesperada morte de Wieland Wagner, por un cancro de pulmón, tralo festival de 1966, truncou a renovación emprendida en 1951. Wolfgang asumiu en solitario a dirección artística e administrativa do festival, e comezou a substituír as producións do seu irmán polas propias.[6]

Nos primeiros anos 70, xunto coas críticas ás producións de Wolfgang Wagner, produciuse unha certa crise artística, por parte de directores e cantantes, así como o agravamento das disputas familiares entre o novo director e os herdeiros de Wieland. En 1973 o festival e os seus activos foron transferidos a unha recentemente creada Fundación Richard Wagner, cuxo consello de dirección incluía a membros da familia Wagner ademais doutros nomeados polo estado. Wolfgang Wagner conservou a presidencia da administración; a súa idoneidade para o cargo nunca foi cuestionada.

Werkstatt Bayreuth editar

 
Interior da sala.

Mentres Wolfgang Wagner continuaba administrando o festival, a principios dos setenta, a produción das obras pasou a mans dunha serie de novos directores, que Wolfgang bautizou como Werkstatt Bayreuth ('O taller de Bayreuth'). A idea era converter o festival nun laboratorio de opera, dando a oportunidade aos directores de experimentar con novos métodos de representación. O cambio veu imposto pola necesidade, xa que era imposible para Wolfgang administrar e dirixir o Festival simultaneamente. Ademais, era unha oportunidade para renovarse con cada produción, en lugar de seguir representando as mesmas óperas á maneira tradicional ano tras ano. Ingmar Bergman, que produciu unha versión sueca do clásico de Mozart, Die Zauberflöte (A frauta máxica), rexeitou unha invitación para dirixir o festival.

A produción máis exitosa do Werkstatt Bayreuth foi o Ciclo do Anel, en celebración do centenario da súa estrea, baixo a dirección do francés Patrice Chéreau (e Pierre Boulez á batuta). Chéreau utilizou unha montaxe do século XIX renovado, seguindo a interpretación de George Bernard Shaw, que vía o Anel como unha obra de carácter social sobre a explotación da clase obreira polos ricos capitalistas do século XIX. A audiencia viuse dividida entre aqueles que consideraron a obra unha ofensa e aqueles que a consideraron como o mellor ciclo do Anel xamais producido. A polémica non tiña precedentes na historia do festival. As actuacións pola contra, foron aclamadas como unhas das mellores xamais vistas na historia da ópera.

Outros grandes directores que participaron no Werkstatt Bayreuth foron Jean Pierre Ponnelle da Ópera de París (Tristán e Isolda), Sir Peter Hall da Royal Shakespeare Company (o Anel que substituíu o de Chéreau en 1983, que fallou no seu intento de restablecer a interpretación "tradicional"), Götz Friedrich (Tannhäuser, Lohengrin e Parsifal), da Deutsche Oper Berlín, Harry Kupfer (Holandés Errante e Anel), da Komische Oper de Berlín na antiga RDA, ou o cineasta Werner Herzog (Lohengrin). Finalmente, a decisión de Wolfgang de rexuvenecer Bayreuth con directores experimentais restableceu sen dúbida a reputación do festival como o líder mundial na ópera wagneriana. Nos anos 80 e 90 Wolfgang Wagner restrinxiu as súas achegas á escena de Bayreuth a producións de Parsifal, Tannhäuser e Meistersinger.

Musicalmente, ademais do orixinal punto de vista de Boulez do Anel, é de destacar o acontecemento que supuxo a presentación de Carlos Kleiber entre 1974 e 1976, na nova produción de Tristán e Isolda dirixida por August Everding. Nesta época destacaron tamén como directores de orquestra Horst Stein e Colin Davis. Georg Solti fixo a súa única aparición en Bayreuth no "errado" Anel de Peter Hall en 1983. Nos anos sucesivos o podio de Bayreuth dominárono Daniel Barenboim (Tristán, Anel e Mestres) e James Levine (Parsifal e Anel).

Bayreuth no novo século editar

 
Katharina e Eva Wagner, directoras do Festival.

O festival estivo baixo a dirección de Wolfgang Wagner até a súa retirada a finais de agosto de 2008. Con anterioridade houbo moita incerteza con respecto da súa sucesión á fronte do festival. Xa en 2001, os 21 membros do Consello de directores votaron para que a súa filla primoxénita Eva Wagner-Pasquier o sucedera. No entanto, Wolfgang Wagner propuxo traspasar a dirección á filla máis nova, Katharina, filla da súa segunda muller, Gudrun, o que se frustrou co falecemento de Gudrun en 2007. Non se formalizou ningunha decisión con respecto á sucesión até setembro de 2008, cando Eva Wagner-Pasquier e Katharina Wagner, foron encargadas polo ministro de cultura de Baviera, Thomas Goppel, para tomar o control do festival. Elas asumiron a tarefa inmediatamente, dado que o seu pai anunciara a súa retirada á finalización do festival dese mesmo ano. As dúas novas co-directoras do festival, foron seleccionadas por diante da súa curmá Nike Wagner, filla de Wieland Wagner, e de Gerard Mortier, que presentaron unha candidatura á dirección de última hora o 24 de agosto.

En 2015, Katharina Wagner anunciou o nomeamento de Christian Thielemann como director musical (Musikdirektor) do Festival, un cargo até a data inexistente e que o converte no máximo responsable musical. Xa nos anos trinta do século XX pensouse en crear este posto e ofrecerllo a Wilhelm Furtwängler, rexeitándose finalmente a idea. A xestión no posto de Thielemann no Festival estivo rodeada de polémica, relacionándose coas renuncias a seguir dirixindo no Festival dos directores Kirill Petrenko (no Anel) e Andris Nelsons[13] (na nova produción de Parsifal de 2016, un mes antes da estrea).

Tralo festival de 2015, Eva Wagner retirouse da dirección, deixando o posto de Directora do Festival en solitario en mans de Katharina, xunto a Holger von Berg e Heinz-Dieter Sense como administradores e a Daniel Weber como Director artístico.[14] Do mesmo xeito que o seu pai, o seu tío, o seu avó e o seu bisavó, Katharina Wagner reservouse algunhas producións dos Festivais que dirixiu, para exercer tamén o labor de dirección de escena, comezando con Die Meistersinger en 2007 e continuando con Tristan en 2015.

A edición do festival do verán de 2020 tívose que suspender, debido ás medidas sanitarias establecidas en relación á pandemia de Coronavirus. Ese ano estaba previsto a estrea dunha nova produción do Anel, que se tivo que postpoñer para o ano seguinte. Foi a primeira vez, desde a reapertura do Festival en 1951, que se deixou de celebrar unha edición.

A pesar das loitas internas polo seu control, o festival segue atraendo miles de visitantes cada verán. A demanda (unhas 500.000 peticións) supera con fartura a oferta (60.000 entradas); o tempo de espera é de entre 5 e 10 anos, con certas excepcións para doantes do Festival, patróns famosos do mesmo e entusiastas do «Mestre». En 2013, por primeira vez, puxéronse á venda de forma "libre", por Internet, as entradas de varias das funcións do festival de 2014, fóra do proceso tradicional de adxudicación. As 10 000 entradas dispoñibles vendéronse integramente en poucos minutos.

A produción do Anel renóvase cada 5/7 anos, seguindo un ano no que non se representa. Os anos nos que representa O Anel, é acompañado doutras tres óperas, nos que non, represéntanse até cinco óperas.

Entre os grandes éxitos de Bayreuth no século XXI cabe destacar:

  • Die Meistersinger von Nürnberg (2000-2002), con dirección musical de Christian Thielemann, na producinón de Wolfgang Wagner, con Robert Hall (Sachs), Robert-Dean Smith (Walther) e Emily Magee (Eva).
  • Lohengrin (2002-2003 e 2005), dirixido por Andrew Davis, na produción de Keith Warner, con Peter Seiffert (Lohengrin), Petra-Maria Schnitzer (Elsa), John Wegner (Telramund) e Judit Nemeth (Ortrud).
  • Tannhäuser (2002-2005), con dirección musical de Christian Thielemann e produción de Philippe Arlaud, con Stephen Gould (Tännhauser), Ricarda Merbeth (Elisabeth) e Roman Trekel (Wolfram).
  • Tristán e Isolda (2006, 2008, 2009), con dirección musical de Peter Schneider, na produción de Christoph Marthaler, con Robert-Dean Smith (Tristan), Nina Stemme (Isolda) e Kwangchul Youn (Rey Marque).
  • Der Ring des Nibelungen (2006-2010), con dirección musical de Christian Thielemann na produción de Tankred Dorst, con Albert Dohmen (Wotan), Andrew Shore (Alberich), Gerhard Siegel (Mime), Adrianne Pieczonka (Sieglinde), Stephen Gould, Christian Franz e Lance Ryan (Siegfried), Linda Watson (Brünnhilde), Kwangchul Youn (Fasolt/Hunding) e Hans-Peter König (Fafner/Hagen).

Producións editar

Der Ring des Nibelungen en Bayreuth editar

Estrea[1] Última
representación[1]
Director de escena[1] Escenógrafo[1] Director de orquestra[1] Representacións[nota 3][1]
1876 1876 Richard Wagner Joseph Hoffmann Hans Richter 12
1896 1931 Cosima Wagner Max Brückner Felix Mottl, Hans Richter, Siegfried Wagner, Franz Beidler, Michael Balling, Franz von Hoesslin, Karl Elmendorff 164
1933 1942 Heinz Tietjen Emil Preetorius Karl Elmendorff, Heinz Tietjen, Wilhelm Furtwängler, Franz von Hoesslin 11
1951 1958 Wieland Wagner Wieland Wagner Hans Knappertsbusch, Herbert von Karajan, Joseph Keilberth, Clemens Krauss 64
1960 1964 Wolfgang Wagner Wolfgang Wagner Rudolf Kempe, Berislav Klobucar 48
1965 1968 Wieland Wagner Wieland Wagner Karl Böhm, Otmar Suitner, Lorin Maazel 49
1970 1975 Wolfgang Wagner Wolfgang Wagner Horst Stein 65
1976 1980 Patrice Chéreau Richard Peduzzi Pierre Boulez 68
1983 1986 Peter Hall William Dudley Georg Solti, Peter Schneider 52
1988 1992 Harry Kupfer Hans Schavernoch Daniel Barenboim 64
1994 1999 Alfred Kirchner Rosalie James Levine 64
2000 2004 Jürgen Flimm Erich Wonder Giuseppe Sinopoli, Adam Fischer 64
2006 2010 Tankred Dorst Frank Philipp Schössmann Christian Thielemann 64
2013 2018 Frank Castorf Aleksandar Denić Kirill Petrenko, Marek Janowski, Plácido Domingo[nota 4] 68

Parsifal en Bayreuth editar

Estrea[1] Última representación[1] Director de escena[1] Escenógrafo[1] Director de orquestra[1] Representacións[1]
1882 1933 Richard Wagner Max Brückner, Paul von Joukowsky Hermann Levi, Richard Wagner, Franz Fischer, Felix Mottl, Anton Seidl, Karl Muck, Michael Balling, Franz Beidler, Siegfried Wagner, Willibald Kaehler, Arturo Toscanini, Richard Strauss[nota 5] 205
1934 1936 Heinz Tietjen Alfred Roller Richard Strauss, Franz von Hoesslin, Wilhelm Furtwängler 11
1937 1939 Heinz Tietjen Wieland Wagner Franz von Hoesslin, Wilhelm Furtwängler 15
1951 1973 Wieland Wagner Wieland Wagner Hans Knappertsbusch, Clemens Krauss, André Cluytens, Pierre Boulez, Horst Stein, Eugen Jochum 101
1975 1981 Wolfgang Wagner Wolfgang Wagner Horst Stein, Hans Zender 39
1982 1988 Götz Friedrich Andreas Reinhardt James Levine, Daniel Barenboim 33
1989 2001 Wolfgang Wagner Wolfgang Wagner James Levine, Giuseppe Sinopoli, Christoph Eschenbach, Christian Thielemann 65
2004 2007 Christoph Schlingensief Daniel Angermayr Pierre Boulez, Adam Fischer 21
2008 2012 Stefan Herheim Heike Scheele Daniele Gatti, Philippe Jordan 29
2016 2019 Uwe Eric Laufenberg Gisbert Jäkel Hartmut Haenchen, Marek Janowski, Semyon Bychkov 24

Discografía[15] editar

Conserváronse algúns documentos sonoros da primeira etapa do festival, de grande interese, e que documentan a forma "tradicional" de presentar as obras de Wagner na época de Siegfried e Winifred Wagner. A primeira é unha serie de fragmentos de Parsifal gravados en 1927 baixo a dirección de Karl Muck (escena final do primeiro acto, unha escena do segundo e gran parte do terceiro), xunto con outro fragmento do último acto interpretado por Alexander Kipnis e dirixido polo propio Siegfried Wagner. O segundo reúne unha ampla selección de fragmentos de Tristan und Isolde gravados en 1928 baixo a dirección de Karl Elmendorff, e conta coas voces de Gunnar Graarud, Nanny Larsen-Todsen, Rudolf Bockelmann e Ivar Andrésen. O último é un documento de 1930, cun Tannhäuser bastante resumido, que foi dirixido por Karl Elmendorff, debido a que, por razóns de contrato, non puido gravalo Toscanini, que foi quen ese ano dirixiu a estrea da última produción de Siegfried Wagner. Destaca a presenza no elenco de Herbert Janssen, Maria Müller e Sigismund Pilinszky. Todos estes rexistros foron reeditados en disco compacto por varios selos. Tamén se pode destacar o último Meistersinger previo á guerra (1943), dirixido por Furtwängler, que non se conservou completo, cantado por Jaro Prohaska, Max Lorenz, Maria Müller e Eugen Fuchs

O "novo Bayreuth" atópase bastante documentado discográficamente (e desde os anos 70, tamén videográficamente) por gravacións "oficiais" e tamén pola reedición das retransmisións radiofónicas da época. De entre a multitude de gravacións pódense seleccionar as seguintes:

O Anel do Nibelungo editar

Parsifal editar

  • 1951 / Knapperstbusch / Windgassen, Mödl, London, Weber
  • 1953 / Krauss / Vinay, Mödl, London, Weber
  • 1956 / Knappertsbusch / Vinay, Mödl, Fischer-Dieskau, Greindl
  • 1960 / Knappertsbusch / Beirer, Crespin, Stewart, Greindl
  • 1962 / Knapperstbusch / Thomas, Dalis, London, Hotter
  • 1970 / Boulez / King, Jones, Stewart, Crass
  • 1981 / Stein / Jerusalem, Randova, Weikl, Sotin (en DVD, produción de Wolfgang Wagner de 1975)
  • 1985 / Levine / Hofmann, Meier, Estes, Sotin
  • 1998 / Sinopoli / Elming, Watson, Sotin, Struckmann (en DVD, produción de Wolfgang Wagner de 1989)
  • 2016 / Haenchen / Vogt, Zeppenfeld, Pankratova, McKinni, Lehner, Grochowski (en DVD, produción de Eric Uwe Laufenberg estreada o mesmo ano)

Die Meistersinger von Nürnberg editar

Tristan und Isolde editar

Der fliegende Höllander editar

  • 1955 / Knappertsbusch / Uhde, Varnay, Weber, Windgassen
  • 1955 / Keilberth / Uhde, Varnay, Weber, Lustig
  • 1961 / Sawallisch / Crass, Silja, Greindl, Uhl
  • 1971 / Böhm / Stewart, Jones, Ridderbusch, Esser
  • 1985 / Nelsson / Estes, Balslev, Salminen, Schunk (en DVD, produción de Harry Kupfer de 1978)
  • 2013 / Thielemann / Youn, Merbeth, Selig, Muzek, Mayer, Bruns (en DVD, produción de Jan Philipp Gloger de 2012)

Tannhäuser editar

  • 1955 / Cluytens / Windgassen, Brouwenstijn, Wilfert, Fischer-Dieskau, Greindl
  • 1961 / Sawallisch / Windgassen, dos Angeles, Bumbry, Fischer-Dieskau, Greindl
  • 1962 / Sawallisch / Windgassen, Silja, Bumbry, Wächter, Greindl
  • 1978 / Davis / Wenkoff, Jones, Weikl, Sotin (en DVD, produción de Götz Friedrich de 1972)
  • 1989 / Sinopoli / Versalle, Studer, Engert-Ely, Brendel, Sotin (en DVD, produción de Wolfgang Wagner de 1985)
  • 2014 / Kober / Kerl, Nylund, Breedt, Eiche, Youn (en DVD, produción de Sebastiam Baumgarten estreada en 2011)

Lohengrin editar

Notas editar

  1. A gravación do concerto considérase lendaria na historia da interpretación da obra.
  2. Knappertsbusch dirixiu a última das sete funcións dese ano.
  3. Conta das representacións de cada unha das catro óperas do ciclo
  4. En 2018 só se ofreceron tres representacións illadas de Die Walküre, dirixidas por Plácido Domingo
  5. Wagner dirixiu a escena final da última representación do Festival de 1882.
  6. O selo DECCA intentou gravar o Anel completo da reapertura, pero por problemas técnicos só se puido rematar o Ocaso. Esta gravación, por problemas legais, só se puido publicar en 1999.
  7. Primeira gravación en sistema estereofónico. Como o Götterdämmerung de 1951, permaneceu sen publicar case 50 anos.
Referencias
  1. 1,00 1,01 1,02 1,03 1,04 1,05 1,06 1,07 1,08 1,09 1,10 1,11 1,12 1,13 "Estatísticas por posta en escena". Web do Festival de Bayreuth (en alemán). 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 Carr, Jonathan. El Clan Wagner. Turner. p. 505. ISBN 978-84-7506-873-2. 
  3. 3,0 3,1 "CHRONOLOGIE". Web do Festival de Bayreuth (en alemán). Arquivado dende o orixinal o 13 de xuño de 2013. Consultado o 22 de xaneiro de 2013. 
  4. 4,0 4,1 4,2 Macmillan, Geoffrey (1992). "Bayreuth". En Sadie, Stanley. New Grove Dictionary of Opera. vol. 1. Londres. p. 354. ISBN 0-333-73432-7. 
  5. Mayo, Ángel Fernando (1998). Wagner. Barcelona: Peninsula. p. 399. ISBN 84-8307-167-3. 
  6. 6,0 6,1 6,2 6,3 6,4 6,5 6,6 6,7 Frederic Spotts (1994). "Bayreuth: una historia del Festival Wagner". Arquivo Richard Wagner. 
  7. 7,0 7,1 Ángel Fernando Mayo (1976). "Una Crónica Familiar (100 años del Festival de Bayreuth)". 
  8. 8,0 8,1 "Bayreuth during the III Reich". Wagneroperas.com (en inglés). 
  9. 9,0 9,1 Fernández de Larrina, Rafael (2007). "El Festspielhaus de Bayreuth: Los años del III Reich" (124). 
  10. Gómez Rodríguez, Emilio José (2013). El nuevo Bayreuth de Wieland y Wolfgang Wagner. Barcelona: Karrusell. p. 434. ISBN 978-84-942038-0-0. 
  11. "Aufführungsdatenbank: Plácido Domingo". Festival de Bayreuth (en alemán). Consultado o 27 de xullo de 2019. 
  12. "Aufführungsdatenbank: Jorge Rodríguez-Norton". Festival de Bayreuth (en alemán). Consultado o 27 de xullo de 2019. 
  13. ""Parsifal"-Dirigent Andris Nelsons bittet um Vertragsauflösung für 2016". Festival de Bayreuth (en alemán). 30 de xuño de 2016. Arquivado dende o orixinal o 04 de xullo de 2016. Consultado o 08 de febreiro de 2021. 
  14. "Organisation / Verwaltung". Web do Festival (en alemán). Consultado o 1 de xullo de 2016. 
  15. "Discografía wagneriana". Wagnerdiscography.com. 

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar