Fervenza do Toxa

salto de auga do río Toxa en Pazos, Silleda

Coordenadas: 42°45′00″N 8°14′00″O / 42.75, -8.2333333333333

A fervenza do Toxa é un salto de auga situado na parroquia de Pazos, no concello de Silleda, na provincia de Pontevedra. O río que provoca a fervenza é o río Toxa, o cal verte as súas augas por un desnivel de máis de 60 metros. A fervenza, xunto co mosteiro de Carboeiro, están situados nunha paraxe natural de gran valor paisaxístico na comarca do Deza, ligados aos cursos fluviais dos ríos Deza, Liñares, Ulla e Arnego.

Fervenzas do Toxa.

Flora e fauna editar

A flora que se atopa nesta paraxe débese a confluencia dos dous tipos de clima de Galicia, o oceánico ou atlántico e o mediterráneo. Deste xeito, podemos atopar moita diversidade, entre a que se atopan carballos, abeleiras, bidueiros, sobreiras, aciñeiras, salgueiros, loureiros ou érbedos.

A fauna que se localiza aquí é maioritariamente a que se atopa ligada aos cursos fluviais. Referímonos por tanto a especies como a londra, o martiño peixeiro, o merlo acuático, o teixugo, a xeneta e a donicela, entre outros. Tamén se poden atopar agochados nas cornixas graníticas de elevada pendente, animais de importancia ecolóxica como o corvo ou o falcón peregrino. Entre os peixes pódese destacar a gran cantidade de troitas que se poden ver nos cursos fluviais da bisbarra, que propician unha alta densidade de pescadores de cana.

Xeoloxía editar

Nesta zona atópase unha gran heteroxeneidade xeolóxica, de modo que alternan granitos e gneises con lousas ademais doutras explotacións mineiras como as de volframio e estaño en Fontao.

Elementos de interese na zona editar

O monumento que máis destaca na bisbarra é o mosteiro de San Lourenzo de Carboeiro, fundado no século X polos condes de Deza. Outro das pezas que se poden visitar é a igrexa de Breixa que, aínda que o seu aspecto externo non é excesivamente atractivo, no seu interior pódese observar a súa ábsida e a ornamentación dos seus capiteis. Nesta bisbarra atópanse aínda restos da súa romanización que se materializan nas calzadas, minas ou pontes como a de Merza. Outro monumento é a ponte medieval de Taboada, pola que pasan os peregrinos que realizan a Vía da Prata.

Nos arredores deste salto de auga podemos atopar ademais un bosque de ribeira que, debido á suavidade do clima e á elevada humidade ambiental, posúe unha gran cantidade de fungos e liques. Preto deste lugar tamén podemos ver a lagoa Sacra de Olives, que preside o val do río Curantes ou a pequena fervenza do Bico de Curantes, preto da Pena do Foxo. No curso baixo do Arnego, antes de desembocar no Ulla, localízanse pequenas pero importantísimas manchas de sobreira, a maioría delas para a obtención de cortiza.

Acceso editar

Pódese acceder dende a estrada N-525 Zamora-Santiago, tendo que coller o desvío na Bandeira pola comarcal PO-204, até Pazos, preto de Merza.

Información editar

Pódese pedir información sobre a zona no Servizo de Medio Ambiente Natural de Pontevedra, no Concello de Silleda e no Concello da Vila de Cruces.

Galería de imaxes editar

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar