Feminismo radical

O feminismo radical é unha corrente feminista que sostén que a raíz da desigualdade social e económica en todas as sociedades ata agora existentes é o patriarcado, a dominación do varón sobre a muller.[1] Esta perspectiva céntrase nas relacións de poder que se organizan na sociedade, construíndo a supremacía masculina, entre outras cuestións debido ao papel reprodutivo da muller e o varón. Denomínase feminismo radical porque se propón buscar a raíz da dominación.[2]

Esta corrente procura unha reorganización da sociedade na cal a supremacía masculina sexa eliminada en todos os contextos sociais e económicos.[3] As feministas radicais buscan abolir o patriarcado desafiando as normas e institucións sociais existentes, máis que a través dun proceso puramente político. Isto inclúe a eliminación da noción tradicional dos roles de xénero, a oposición da cousificación sexual das mulleres e a sensibilización da poboación sobre cuestións como a violación e a violencia contra a muller.

O feminismo radical temperán, cuxas orixes pódense situar na segunda onda feminista dos 60,[4] consideraba o patriarcado como un «fenómeno transhistórico»[5] anterior e máis profundo ca outras fontes de opresión, «non só o xeito máis antigo e máis universal de dominación, senón a forma primaria»[6] e o modelo para todos os demais.[6] Máis tarde, a política derivada do feminismo radical variou dende o feminismo cultural[3] ata a política máis sincrética que relacionou as cuestións de clase, economía etc. co patriarcado, todas elas fontes de opresión.[7]

As feministas radicais localizan a raíz da causa da opresión das mulleres nas relacións patriarcais de xénero, en oposición aos sistemas legais (como o feminismo liberal) ou á loita de clases (como no feminismo anarquista, o feminismo socialista e o feminismo marxista).

Movemento editar

Raíces editar

A ideoloxía do feminismo radical nos Estados Unidos desenvolveuse como unha compoñente do movemento de liberación das mulleres. Este medrou en gran parte debido á influencia do movemento dos dereitos civís que gañou pulo na década de 1960 e moitas das mulleres que tomaran a causa do feminismo radical tiñan experiencia previa en prostestas contra o racismo. Cronoloxicamente, o movemento pode ser visto no contexto da segunda onda do feminismo que comezou a principios da década de 1960.[8] As principais figuras e as pioneiras desta segunda onda do feminismo inclúen Shulamith Firestone, Kathie Sarachild, Ti-Grace Atkinson, Carol Hanisch e Judith Brown. Moitos grupos de mulleres locais no final dos anos sesenta, como Women's Liberation Front (WLF) da UCLA, ofreceron declaracións diplomáticas de ideoloxías do feminismo radical. A cofundadora do WLF da UCLA , Devra Weber, lembra: «... as feministas radicais opuxéronse ao patriarcado, mais non necesariamente ao capitalismo. No noso grupo, polo menos, elas opuxéronse ás chamadas loitas de liberación nacional dominadas por varóns».[9] «O feminismo radical tivo unha grande influencia no movemento das mulleres e xogou un papel importantísimo na formación da política feminista».[10]

 
Manifestación Women's Liberation en Washington, D.C., 1970.

Estas mulleres axudaron a asegura a ponte que traduciu a protesta radical pola igualdade racial á loita polos dereitos das mulleres. Ao presenciaren a discriminación e a opresión á cal estaba sometida a poboación negra, puideron gañar forza e motivación para facer o mesmo polas súas compañeiras. Avogaron pola causa e intercederon por unha variedade dos problemas que tiñan as mulleres, incluíndo o aborto, a Emenda de igualdade de dereitos, o acceso ao creto e ao soldo igualitario.

Notas editar

  1. Willis, Radical Feminism and Feminist Radicalism, p. 117.
  2. Puleo, Alicia. «Lo personal es político: el surgimiento del feminismo radical». Teoría feminista: de la Ilustración a la Globalización. Amorós, Celia Y de Miguel, Ana (Eds.).
  3. 3,0 3,1  (Willis 1984, p. 117)
  4. (Willis 1984, p. 118)
  5. (Willis 1984, p. 122)
  6. 6,0 6,1 (Willis 1984, p. 123)
  7. (Willis 1984, p. 141)
  8. Sarah Gamble, ed. The Routledge companion to feminism and postfeminism (2001) p. 25.
  9. Linden-Ward & Green, p. 418.
  10. (Willis 1984, p. xi).

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Willis, Ellen, "Radical Feminism and Feminist Radicalism", 1984, collected in No More Nice Girls: Countercultural Essays, Wesleyan University Press, 1992, ISBN 0-8195-5250-X, pp. 117–150.

Ligazóns externas editar

  • Redstockings Order original source material by radical feminsts from Redstockings of the Women's Liberation Movement. (en inglés)