Felis margarita é unha especie de mamífero carnívoro da familia dos félidos, subfamilia dos felinos e tribo dos felininos, pertencente ao xénero Felis.[1][2][3]

Felis margarita
Gato do deserto, gato das areas

Felis margarita no zoo de Cincinnati
Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Clase: Mammalia
Orde: Carnivora
Suborde: Feliformia
Familia: Felidae
Subfamilia: Felinae
Tribo: Felini
Xénero: Felis
Especie: F. margarita
Nome binomial
Felis margarta
Loche, 1824
Área de distribución de Felis margarita
Área de distribución de Felis margarita

Área de distribución de Felis margarita
Subespecies
Véxase o texto

É o membro máis pequeno do xénero Felis xunto co gato de patas negras (Felis nigripes), xa que apenas alcanza os 50 cm de lonxitude de cabeza e tronco, aos que hai que sumar outros 30 cm de cola; os machos máis grandes non chegan a pesar 3,5 kg.

Distribúese polas zonas desérticas do Norte de África e de Asia occidental, polo que e coñecido na bibliografía internacional como gato do deserto ou gato das areas.

Taxonomía editar

Descrición editar

A especie foi descrita en 1824 polo militar e naturalista francés Victor Loche,[2][3] nun traballo publicado na Rev. Mag. Zool. París. Serie 2 (10): 49.[2]

O seu espécime tipo foi atopado por Loche preto da localidade alxeriana de Négonca, no norte do Sáhara,[4][5] e parece terse perdido.[6][7]

Etimoloxía editar

Para a do xénero, véxase Felis.

O epíteto específico é unha homenaxe que Loche lle fixo ao xeneral de división francés Jean-Auguste Margueritte.[8]

Subespecies editar

Segundo o Mammal Species of the World, na especie recoñécense na actualidade (2020) as cinco subespecies seguintes:[2]

  • Felis margarita airensis Pocock, 1951.[9]
  • Felis margarita harrisoni Hemmer, Grubb & Groves, 1976.[10]
  • Felis margarita margarita Loche, 1858.[4][11][12]
  • Felis margarita meinertzhageni Pocock, 1938.[13]
  • Felis margarita scheffeli Hemmer, 1974.[14]
  • Felis margarita thinobia (Ognev, 1927).[11][15]

Notas taxonómicas editar

  • Eremaelurus thinobius foi proposto como especie por Sergey Ognev en 1926. Este espécime fora recolectado no deserto de Karakum en Turcomenistán.[16] En 1938, Reginald Innes Pocock tamén considerouno como unha especie, pero subordinouno ao xénero Felis usando o nome científico Felis thinobius.[13] Máis tarde considerouno como unha subespecie de Felis margarita, o que até o día de hoxe é amplamente recoñecido.[6][7][8][17][18]
  • F. m. aïrensis foi proposto por Pocock en 1938 baseándose unha femia encontrada nas montañas Aïr en 1937.[9]
  • En 1974, F. m. margarita, F. m. thinobia e F. m. scheffeli foron recoñecidas temporalmente como taxons válidos. Nese momento considerouse posíbel que os gatos de area eventualmente rexistrados en Afganistán e Irán puideran constituír subespecies distintas.[6]
  • En 2005, F. m. margarita, F. m. thinobia, F. m. scheffeli e F. m. harrisoni foron recoñecidas como válidas por W. Chris Wozencraft en Mammal Species of the World, pero F. m. meinertzhageni e F. m. aïrensis consideráronse sinónimos de F. m. margarita.[2]

Finalmente, o Grupo de expertos en gatos da UICN revisou a información existente e, en 2017, recoñeceu só dúas subespecies:[11]

  • F. m. margarita Loche, 1858: morfoloxicamente distínguese polo seu tamaño máis pequeno e a súa pelaxe manchada ou raiada de cor amarelo, que se encontra no norte de África, e
  • F. m. tinobia (Ognev, 1927): de maior tamaño e con marcas reducidas, e unha pelaxe máis escure e gris, que habita en Asia occidental e central.

Características editar

As principais características desta especie son:[19][20]

  • É un gato pequeno que mide de entre os 42 e os 52 cm de lonxitude de cabeza e tronco, cunha cola de entre 23 e 31 cm, e cunha altura na cruz de entre 24 e 30 cm. O seu peso oscila entre os 2,1 e os 3,4 kg nos machos e de 1,3 a 3,1 kg nas femias, que son máis pequenas.
  • A súa cara é aparentemente ancha, xa que as orellas están situadas lixeiramente baixas na cabeza, e teñen unha forma ensanchada.
  • A pelaxe é máis ben mesta e suave. A coloración da cara é abrancazada, presentando no dorso das orellas manchas negras, e na parte interior destes longos pelos brancos; a coloración xeral do corpo é amarela areosa apagada, máis escura no lombo e máis clara nos flancos, co ventre abrancazado, con tonalidades de cor amarela apagada. Presenta dúas bandas apardazadas escuras na parte superior das extremidades dianteiras, e aneis escuros na porción terminal da cola. As lantas dos pés están provistas de longos pelos grises. Os individuos xoves está máis fortemente marcados con manchas que os adultos.
  • Presenta glándulas externas, os machos posúen óso peneano, e a súa dentición é como a do Felis silvestris lybica, pero co primeiro molar notabelmente máis pequeno.

Hábitat e distribución editar

O gato das areas é un habitante típico das zonas desérticas, tanto en desertos de area coma pedregosos,[20] distribuíndose de forma descontinua nos desertos do norte de África, o suroeste de Asia e Asia central,[10] localizándose en zonas de vexetación escasa que poidan albergar pequenos roedores.[21] Prefire terreos chans ou lixeiramente ondulados con escasa vexetación e evita as dunas espidas, onde hai presas escasas. Refúxiase en matogueiras cando as condicións climáticas son extremas, como cando as temperaturas son de –5 °C ou de 52 °C.[22] En Marrocos encóntrase en areais con herbas perennes, matogueiras baixas e árbores de Acacia sp.[23] En Irán, os seus principais hábitats son as dunas con árbores de Haloxylon sp. e chairas áridas con pouca vexetación.[24] Na península Arábiga áchase principalmente en hábitats areosos, pero tamén en áreas de substrato rochoso duro, como chairas de grava e campos de lava volcánica.[25][26] Está presente en desertos pétreos.[21] Cos sues pés peludos, está ben adaptado aos ambientes extremos do deserto, vivindo en zonas afastadas da auga e tolera as extremas temperaturas cálidas e frías.[21][22][27]

Bioloxía editar

Felis margarita é un animal solitario, de hábitos nocturnos, agochándose polo día en tobos escavados nas dunas ou ao pé de matogueiras.[19] Aliméntase de animais pequenos (sobre todo roedores do deserto), esquíos terrestres e outros mamíferos até do tamaño das lebres, e tamén de aves, réptiles e insectos.[20]

Ten un sentido do oído extremadamente bo, unha vista moi boa, pero un olfacto moderado.[20]

Alcanza a madurez sexual probabelmente aos 10 ou 12 meses de idade. A época de cría é de marzo a abril. Tras un período de xestación de 63 días as femias paren en tbo ou entre rochas, e teñen unhas camadas de 2 a 4 gatiños que pesan ao naceren entre 50 e 60 g, e teñen unha lonxitude de cabeza e tronco de aproximadamente 12 cm, e unha cola de aproximadamente 6 cm. As crías ao cabo dunha semana pesan xa aproximadamente 100 g, e ás 4 semanas máis de 300 Abren os ollos ás 2 semanas. Ás tres semanas ou tres semanas e media abandoan o niño, e comen o seu primeiro alimento sólido ás 5 semanas, facéndose independentes da súa nai aos 3 ou 4 meses.[20]

Os seus principais inimigos son as serpes velenosas, os chacais e as rapaces nocturnas grandes. En catividade ten unha lonxevidade de até 8 anos.[20]

Ameazas editar

A degradación e a perda do seu hábitat considéranse as principais ameazas para o gato das areas. Moitas zonas onde vive son frecuentemente visitadas por humanos, animais domésticos e comensais, como o raposo (Vulpes vulpes). Os ecosistemas áridos están a seren degradados rapidamente polo desenvolvemento de infraestruturas e o asentamento e as actividades humanas, especialmente polo pastoreo de gando.[24][28][29]

Máis recentemente foron identifiadas ameazas adicionais como a introdución de cans e gatos domésticos asilvestrados, que representan unha competencia directa na depredación, ademais de transmitiren enfermidades.[21][23][27][30]

Estado de conmservación editar

Seguno os expertos da Unión Internacional para a Conservación da Natureza e dos Recursos Naturais (UICN), esta especie, aínda que se encontra na súa ampla área de distribución con baixas densidades, e que os rexistros confirmados son escasos, supera, no entanto, os limiares para a categoría de ameazada de acordo con varios criterios, polo que cualifica o seu status como LC (poucos preocupante).[1]

Notas editar

  1. 1,0 1,1 1,2 Sliwa, A.; Ghadirian, T.; Appel, A.; Banfield, L.; Sher Shah, M. & Wacher, T. (2016): Felis margarita na Lista vermella da UICN. Versión 2020-1. Consultada o 3 de abril de 2020.
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 Felis margarita Loche, 1858 en MSW. Consultado o 3 de abril de 2020.
  3. 3,0 3,1 Felis margarita Loche, 1858 no ITIS. Consultado o 3 de abril de 2020.
  4. 4,0 4,1 Loche, V. (1858). "Description d'une nouvelle espèce de Chat par M. le capitaine Loche". Revue et Magasin de Zoologie Pure et Appliquée. 2 X: 49–50. 
  5. Kingdon, et al., 2013 & Volume V, p. 199.
  6. 6,0 6,1 6,2 Schauenberg, P. (1974): "Données nouvelles sur le Chat des sables Felis margarita Loche, 1858" (PDF) Arquivado 03 de febreiro de 2014 en Wayback Machine.. Revue Suisse de Zoologie 81 (4): 949–969. Arquivado do orixinal o 3 de febreiro de 2014. Consultado o 8 de abril de 2020.
  7. 7,0 7,1 Haltenorth, T. (1953). "Lebende arabische Sandkatze (Felis margarita Loche, 1858)". Säugetierkundliche Mitteilungen 1: 71–73. 
  8. 8,0 8,1 Cole, F. R. & Wilson, D. E. (2015); "Felis margarita (Carnivora: Felidae)". En Mammalian Species 47 (924): 63–77.
  9. 9,0 9,1 Pocock, R. I. (1938). "A new race of the sand cat (Felis margarita)". Annals and Magazine of Natural History. Series 11 1 (4): 472–476. doi:10.1080/00222933808526790. 
  10. 10,0 10,1 Hemmer, H.; Grubb, P.; Groves, C. P. (1976). "Notes on the sand cat, Felis margarita Loche 1858" (PDF). Zeitschrift für Säugetierkunde (41): 286–303. 
  11. 11,0 11,1 11,2 Kitchener, A. C. et al. (2017): "A revised taxonomy of the Felidae: The final report of the Cat Classification Task Force of the IUCN Cat Specialist Group" (PDF). Cat News Special Issue 11: 14−15.
  12. Felis margarita margarita en MSW.
  13. 13,0 13,1 Pocock, R. I. (1938). "The Algerian sand cat (Felis margarita Loche)". Proceedings of the Zoological Society of London. B 108 (1): 41–46. doi:10.1111/j.1096-3642.1938.tb00021.x. 
  14. Hemmer, H. (1974). "Studien zur Systematik und Biologie der Sandkatze (Felis margarita Loche, 1858)" [Estudos sobre a sistemática e a bioloxía do gato das areas]. Zeitschrift des Kölner Zoo 17 (1): 11–20. 
  15. Felis margarita thinobia en MSW.
  16. Ognev, S. (1926). "A new genus and species of cat from the Transcaspian region". Annuaire du Musée Zoologique Académie des Sciences USSR 27: 356–362. 
  17. Ellerman, J. R.; and Morrison-Scott, T. C. S. (1966). "Felis margarita Loche, 1858 Sand Cat". Checklist of Palaearctic and Indian mammals 1758 to 1946 (2ª ed.). London: British Museum of Natural History. pp. 307–308. 
  18. Pocock, R. I. (1951). "Felis margarita, Loche". Catalogue of the genus Felis. London: British Museum (Natural History). pp. 139−145. 
  19. 19,0 19,1 Dorst & Dandelot 1973, p. 137.
  20. 20,0 20,1 20,2 20,3 20,4 20,5 Haltenorth & Diller 1986, p. 227.
  21. 21,0 21,1 21,2 21,3 Nowell, K. & Jackson, P. (1996): Wild Cats. Status Survey and Conservation Action Plan. IUCN/SSC Cat Specialist Group. Gland, Switzerland and Cambridge, UK. ISBN 2-8317-0045-0.
  22. 22,0 22,1 Sunquist, M. & Sunquist, F. 2002, pp. 67–74.
  23. 23,0 23,1 Sliwa, A.; Breton, G. & Chevalier, F. (2013): "Sand cat sightings in the Moroccan Sahara". Cat News 59: 28-30.
  24. 24,0 24,1 Ghadirian, T.; Akbari, H.; Mohammadreza, B.; Ghoddousi, A.; Hamidi, A. Kh. & Dekhordi M. E. (2016): "Sand cat in Iran: present status, distribution and conservation challenges". Cat News Special Issue 10.
  25. Cunningham, P. L. (2002): "Status of the Sand Cat, Felis margarita, from the United Arab Emirates". Zoology in the Middle East 25: 9-14.
  26. Banfield L. M. & al Qahtani, H. M. D. (2014): Arabian Sand Cat (Felis margarita harrisoni). Status Reveiw and Conservation Strategy. Al Ain Zoo, Abu Dhabi, United Arab Emirates, pp 1-32.
  27. 27,0 27,1 Sliwa, A. (2013): "Felis margarita". En: Kingdon, ‎Jonathan; David Happold, Thomas Butynski, Michael Hoffmann, Meredith Happold & Jan Kalina (2013): Felis margarita en Mammals of Africa Volumes I-VI. London, UK: Bloomsbury Publishing. ISBN 978-1-4081-2257-0. (Volume V: Carnivores, Pangolins, Equids and Rhinoceroses).
  28. Allan, T. & Warren, A. (1993): Deserts: the encroaching wilderness. London, UK: IUCN and Mitchell Beazley. ISBN 978-1-8573-2972-8.
  29. Al-Sharhan, A. S.; Wood, W. W., Goudie, A. S.; Fowler, A. & Abdellatif, E. M. (2003): Desertification in the Third Millennium. Boca Raton, Florida, USA: CRC Press. ISBN 978-9-0580-9571-8.
  30. Otrowski, S.; Van Vuuren, M.; Lenain, D. M. & Durand, A. (2003): "A serologic survey of wild felids from central west Saudi Arabia". Journal of Wildlife Diseases 39: 696-701.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar