Fanni Efímovna Kaplán (ruso: Фанни Ефимовна Каплан), nada na rexión de Volinia contra 1887 e finada en Moscova o 3 de setembro de 1918 (coñecida tamén como Fania ou Fanni Kaplán, foi unha anarquista e revolucionaria, autora do intento de asasinato de Lenin o 30 de agosto de 1918.[1][2]

Fanni Kaplán
Nome completoФейга Хаимовна Ройтблат
Nacemento10 de febreiro de 1890
Lugar de nacementoVolhynian Governorate e Novichi
Falecemento3 de setembro de 1918
Lugar de falecementoMoscova
Causaexecución por arma de fogo
NacionalidadeImperio Ruso e República Socialista Soviética Federativa de Rusia
EtniaPobo xudeu
Ocupaciónterrorista e política
Na rede
WikiTree: Roytblat-1
editar datos en Wikidata ]

Comezos editar

Hai moi pouca información clara sobre as orixes de Fanni Kaplán. Naceu contra 1887 en Volinia, rexión na fronteira occidental do Imperio Ruso (actualmente parte no noroeste de Ucraína).[1]

O seu nome orixinal era Feiga Khaimova Roitblat-Kaplán (Фейга Хаимовна Ройтблат-Каплан) ou Feiga Khaimova Roitman, afectuosamente tamén chamada Dora. Naceu no seo dunha familia xudía na que eran oito irmáns.[1] O pai era mestre na escola xudía local.[1] Foi educada na casa, mais axiña deixou o fogar para traballar nunha fábrica en Odesa.[1]

Anarquismo editar

Militou en grupos anarquistas antes de unirse ao Partido Social-Revolucionario.[1] En decembro de 1906, Kaplán participou no atentado frustrado do gobernador de Kíiv con dous compañeiros anarquistas máis.[1] Para entón cambiara o seu apelido a Kaplán.[1] Foi arrestada e condenada a traballos forzados perpetuos nunha kátorga en Akatúi, Siberia, pola morte dunha serventa na explosión no seu hotel que frustrou o atentado.[1]

Entre 1908 e 1912 estivo na prisión de Máltsev, en Siberia.[3] Alí estaba libre de traballos forzados xunto con outras 60 mulleres socialistas e anarquistas, quen dedicaban o tempo da pena á formación política.[3]

Malia o réxime relativamente liberal da prisión, o peche adoitaba afectar física e mentalmente.[3] Fania comezou a sufrir hemicranias recorrentes e en 1909 quedou temporalmente cega.[4] Desesperada, tentou suicidarse, mais as súas compañeiras de prisión impedíronllo. Aprendeu a valerse por si mesma e a ler en braille.[4] En 1912, cega, foi trasladada á prisión de Akatúi.[4] Grazas á mediación dun médico da prisión recibiu tratamento e recuperou parte da visión entre 1912 e 1913.[4] Tras o tratamento regresou á prisión de Akatúi até 1917.[4]

A revolución editar

 
Fanni Kaplán en 1918

Foi liberada cando a Revolución de Febreiro acabou co tsarismo.[4] Kaplán era unha das dúas anarquistas de entre as dez presas liberadas pola amnistía do Goberno Provisional Ruso.[5] O seu grupo de reclusas, que desenvolvera unha íntima amizade, regresou á Rusia europea.[4] En abril de 1917 instalouse cunha excompañera de presidio en Moscova. Un mes despois marchou a Crimea para seguir o tratamento da vista,[4] e dous meses máis tarde trasladouse a Khárkiv co mesmo obxectivo.[4]

A Revolución de Outubro fora mal vista por Kaplán, polo que acabaría desilusionada con Lenin a causa do conflito entre os social-revolucionarios e a fracción bolxevique. Trasladouse a Simferópol, onde outras faccións socialistas formaron un goberno rival ao bolxevique. Alí atopou un traballo ben remunerado na administración municipal.[6]

En xaneiro de 1918 os bolxeviques tomaron a cidade e o mes seguinte disolveron as súas institucións, co que Kaplán perdeu o seu traballo.[6] Decidida a retornar ao terrorismo político, regresou a Moscova, mais sen procurar un novo emprego.[6] A súa actividade entre marzo e setembro de 1918 é descoñecida.[6]

O Partido Socialrevolucionario tiña forte apoio entre os soviets, os que Lenin describira no seu libro O Estado e a Revolución (1917) como «o único camiño cara ao goberno postrevolucionario». Con todo, nas eleccións á Asemblea Constituínte Rusa de novembro de 1917, os bolxeviques non só non obtiveron maioría absoluta, senón que un social-revolucionario foi nomeado presidente en xaneiro de 1918. Os bolxeviques, para favoreceren os soviets, ordenaron a disolución da Asemblea. Nos seguintes meses, os enfrontamentos entre socialistas e bolxeviques levaron á ilegalización de todos os partidos, agás o gobernamental. Kaplán decidiu entón asasinar a Lenin.

O atentado contra Lenin editar

 
O atentado a Lenin, obra de Vladimir Pchelin

A tarde do 30 de agosto de 1918, Lenin pronunciara un discurso nunha fábrica de armamento de Moscova.[2] Cando saíu do edificio, antes de que puidese entrar no coche, Kaplán berroulle. Ao virarse, ela disparoulle tres tiros: un atravesoulle o abrigo e feriu unha muller, os outros dous alcanzáronlle o ombreiro e o pulmón esquerdos.[2] Non houbo testemuñas de que fose Kaplán quen disparou.[7] A escuridade no patio da fábrica, a multitude e o inesperado do ataque imposibilitaron unha identificación fidedigna, malia as declaracións pouco fiábeis dalgúns presentes durante a posterior investigación.[7]

 
Unha das balas recuperadas do corpo de Lenin

Lenin foi trasladado de inmediato aos seus cuartos do Kremlin.[8] Temía que houbese máis persoas tramando o seu asasinato. Negouse a saír para recibir atención médica, polo que foi atendido na mesma estancia. Con todo, non se lle puideron extraer as balas fóra das instalacións sanitarias. Malia a gravidade das feridas, Lenin sobreviviu, e permitíuselle seguir a convalecencia nos arredores de Moscova o 25 de setembro de 1918.[8] Salvouse de morrer polo disparo no pescozo ao virarse cando lle disparaban.[9] No entanto, a súa saúde nunca se recuperaría do ataque. De feito, crese que o atentado influíu a longo prazo nos posteriores infartos que o foron incapacitando até acabaren coa súa vida.

Kaplán foi encarcerada e interrogada pola Cheka.[2] No primeiro interrogatorio, unicamente berrou nerviosa que disparara a Lenin, mais negouse a asinar a súa declaración, e foi trasladada a continuación ao cárcere de Lubianka.[10] Interrogada por altos funcionarios do goberno, negouse a achegar datos sobre a súa persoa nin sobre o ataque.[10]

Os investigadores da Cheka non lograron atopar a arma usada. Tras o peche da investigación, o 2 de setembro de 1918, declarouse a entrega dunha pistola, mais non se puido asegurar se foi a do atentado.[9] Non se usou como proba contra Kaplán, que foi executada oficialmente o 3 de setembro de 1918 (quizais o 31 de agosto).[9] En 1958, o comandante do Kremlin en 1918, Pável Malkov, confesou executar a Kaplán o 3 de setembro daquel ano no patio do edificio, por orde de Yákov Sverdlov.[11] A súa confesión foi concisa:

«O meu nome é Fanya Kaplán. Hoxe dispareille a Lenin. Fíxeno cos meus propios medios. Non direi quen me proporcionou a pistola. Non darei ningún detalle. Tomei a decisión de matar a Lenin hai xa moito tempo. Considéroo un traidor á Revolución. Estiven exiliada en Akatúi por participar no intento de asasinato dun funcionario tsarista en Kíiv. Permanecín once anos en réxime de traballos forzados. Tras a Revolución fun liberada. Aprobei a Asemblea Constituínte e sigo apoiándoa».[Cómpre referencia]

Consecuencias do atentado editar

O mesmo día do atentado, Moiséi Uritski, comisario do pobo do Interior na rexión Norte e xefe da Cheka de Petrogrado, foi asasinado.[2] Tratábase dun intento de insurrección dos Social-Revolucionarios para derrocar o goberno dos soviets, en pleno apoxeo da Guerra civil rusa. Poucas horas despois do intento de Kaplán, emitiuse un decreto oficial que chamaba a un «terror masivo e desapiadado contra os inimigos da revolución». Non existía, con todo, proba da conexión de Kaplán cos socialrevolucionarios, alén da denuncia por parte do goberno.[12]

Véxase tamén editar

Notas e referencias editar

Bibliografía editar