Falaropo de Wilson

O falaropo de Wilson[2][3] (Phalaropus tricolor) é unha pequena ave limícola, a máis grande entre os falaropos, que se reproduce na pradeiras de América do Norte no oeste do Canadá e no oeste dos Estados Unidos. É unha ave migratoria, que pasa o inverno en lagos salgados do interior, preto dos Andes, na Arxentina.[4] Son aves migrantes de paso en América Central polos meses de marzo e abril e despois de novo en setembro e outubro.[5] A especie é unha ave errante rara no oeste de Europa, incluída Gaicia.[3]

Falaropo de Wilson

Femia en plumaxe reprodutora
Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Aves
Orde: Charadriiformes
Familia: Scolopacidae
Xénero: Phalaropus
Especie: Phalaropus tricolor
(Vieillot, 1819)

Sinonimia

Steganopus tricolor

A especie adoita ser mansa e deixa que se lle aproximen. Ás veces é clasificada nun xénero monotípico, Steganopus.

Etimoloxía editar

O nome desta ave fai referencia ao ornitólogo escocés-americano Alexander Wilson.[6] O nome do xénero Phalaropus procede do grego phalaris, 'galiñola' e pous, 'pé', é dicir, 'pés de galiñola', xa que teñen dedas parecidas. O nome específico tricolor significa en latín 'tres cores'[7][8]

Descrición editar

 
Falaropo aínda con algunhas plumas xuvenís

O falaropo de Wilson é lixeiramente máis grande que o falaropo bicogroso e chega aos 23 cm de lonxitude. É unha ave costeira delicada con dedas lobuladas e un bico negro fino. A femia en estación reprodutora é gris e marrón pola parte superior e branca pola inferior, cun pescozo avermellado e manchas nos flancos avermelladas. O macho na época reprodutora é unha versión máis apagada da femia, con dorso branco e as manchas avermelladas reducidas ou ausentes. Nun estudo de falaropos reprodutores feito na provincia canadense de Saskatchewan, as femias eran como media un 10% meirandes que os machos nas medidas estándar e pesaban arredor dun 30% máis, chegando a pesos entre os 68 e os 79 g, e como media 51,8 g.[9]

As aves novas son grises e marróns pola parte superior e brancas pola inferior e teñen unha mancha escura a través da zona do ollo. En inverno, a plumaxe é esencialmente gris pola parte superior e branca pola inferior, pero sempre teñen a mancha ocular escura. A lonxevidade media na natureza é de 10 anos.[10]

Ecoloxía e status editar

Os falaropos de Wilson son aves halófilas (gústalles vivir en auga salgada) e grandes cantidades deles aliméntanse en lagos salinos durante a migración, como o lago Mono en California, lago Abert en Oregón e o Gran Lago Salgado de Utah, a miúdo en compañía dos falaropos bicofinos.

Cando se alimentan adoitan nadar en círculo rapidamente formando un remuíño, o que se cre trae á superficie comida do fondo en zonas de augas profundas, que despois el recolle na superficie, capturando insectos ou crustáceos.

Nos falaropos, a diferenza do que é máis común nas aves, a femia é o sexo dominante. Ela é a máis coloreada, persegue os machos, compite polo territorio de nidación e defende agresivamente a posesión do seu niño e do macho elixido. Unha vez que pon os ovos, abandona o niño e o macho ten que incubalos e coidar as crías, aínda que estas poden alimentarse por si mesmas. Poñen tres ou catro ovos nun niño no chan preto da auga.

Aínda que é moi común, a poboación desta ave pode que declinase en certas áreas debido á perda dos hábitats de pradeira húmida que necesita. Hai unhas cantas áreas de descanso e parada que son de grande importancia durante a súa migración.

Notas editar

  1. "Steganopus tricolor". Lista Vermella de especies ameazadas. Versión 2013.2 (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. 2012. Consultado o 26 November 2013. 
  2. Conde Teira, M. A. (1999). "Nomes galegos para as aves ibéricas: lista completa e comentada" (PDF). Chioglossa (A Coruña) 1: 121–138. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 15 de marzo de 2016. Consultado o 28 de setembro de 2016. 
  3. 3,0 3,1 Penas Patiño, Xosé M.; Pedreira López, Carlos (setembro de 2004). Guía das aves de Galicia. Ilustrado por Calros Silvar (2ª ed.). A Coruña: Baía Edicións. ISBN 84-96128-69-5.
  4. "500,000 birds to migrate from Utah to Argentina". The Advocate. August 4, 2013. Arquivado dende o orixinal o 09 de agosto de 2013. Consultado o 03 de agosto de 2019. 
  5. Herrera, Néstor; Rivera, Roberto; Ibarra Portillo; Ricardo & Rodríguez, Wilfredo (2006). "Nuevos registros para la avifauna de El Salvador" [New records for the avifauna of El Salvador] (PDF). Boletín de la Sociedad Antioqueña de Ornitología (en Spanish e English) 16 (2): 1–19. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 29 de outubro de 2007. Consultado o 03 de agosto de 2019. 
  6. Szabo, M.J. (2013) Wilson's phalarope in Miskelly, C.M. (ed.) New Zealand Birds Online.
  7. "Phalarope" Arquivado 29 de maio de 2020 en Wayback Machine. . Oxford English Dictionary (3rd ed.). Oxford University Press. September 2005.
  8. Jobling, James A (2010). The Helm Dictionary of Scientific Bird Names. London: Christopher Helm. pp. 301, 390. ISBN 978-1-4081-2501-4. 
  9. Colwell, Mark A.; Oring, Lewis W. (October 1988). "Breeding Biology of Wilson's Phalarope in Southcentral Saskatchewan" (PDF). The Wilson Bulletin 100 (4): 567–582. 
  10. Wasser, D. E.; Sherman, P. W. (2010). "Avian longevities and their interpretation under evolutionary theories of senescence". Journal of Zoology 280 (2): 103. doi:10.1111/j.1469-7998.2009.00671.x. 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Hayman, Peter; Marchant, John & Prater, Tony (1986): Shorebirds: an identification guide to the waders of the world. Houghton Mifflin, Boston. ISBN 0-395-60237-8

Ligazóns externas editar